A CAPELA DO HOSPITAL, FUNDACIÓN, OCASO E REXURDIMENTO.

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala e Xabier Guardado Soliño, socios de A Illa dos Ratos e Guías Oficiais de Galicia. Fotografías cedidas por Evaristo Cancelas e a A.C A Cepa.

Volvemos pasar pola fermosa capela do hospital, ao pé do mar, nos Xardíns do Sinal. Se nun anterior artigo falabamos do desaparecido hospital que lle deu nome, hoxe ímonos centrar na propia capela.

Recordemos primeiro que “hospital” era, daquela, un lugar onde se acollía a persoas sen recursos ou peregrinos. Os servizos médicos eran moi caros e a falta de medios facía que os coidadores só lles puidesen proporcionar unha cama e, se había fondos, un prato de caldo. Este labor solidario estaba a cargo da Igrexa, de aí que o hospital tivese unha capela anexa.

A CAPELA DA CONCEPCIÓN OU DE SAN ROQUE

A capela do hospital, nome popular da capela da Concepción ou de San Roque, que eran os seus santos patróns, non sempre estivo emprazada nos Xardíns do Sinal. O seu emprazamento orixinario estaba na rúa Eugenio Sequeiros, onde hoxe se levanta o edificio dunha entidade bancaria, entre a rúa do Hospital e a rúa de San Xosé. Alí foi onde, no ano 1711, D. Gonzalo de Nogueira y Araújo -prior da Colexiata e comisario do Santo Oficio- a mandou construír. Pertencía ao conxunto de edificacións que conformaban o hospital de Cangas: unha casa de acollida de pobres, unha vivenda para os coidadores e unha capela.

Con todo, non era esta tampouco a capela orixinal. Sabemos que nese mesmo lugar existiu unha anterior, que como o propio hospital, foi queimada no ataque turco-berberisco de 1617.

“GUNDISALBUS NOGUEIRA ARAUJO FECIT”

As dimensións son reducidas, xa que só ocupaba o 40 % do espazo que hoxe ocupa o edificio bancario. Trátase dunha capela dunha soa nave rectangular cunha cabeceira de anchura menor unida por un arco triunfal de medio punto. Conta cunha pequena sancristía anexa no lado sur. A cuberta de todo o edificio é de tella sobre madeira.

A capela maior conta cun curioso remate ameado e gárgolas nos cantos en forma de canón que a fan semellarse a unha pequena fortaleza. En contraste, coas fachadas laterais, que son moi simples, a principal está profusamente decorada.

Vemos unha portada de estilo barroco rural, enmarcada por dúas columnas acanaladas e capitel xónico, un arco de medio punto co nome do fundador inscrito GUNDISALBUS NOGUEIRA ARAUJO (me) FECIT. Na cornixa situada enriba da porta atopamos inscrita a data da súa construción: ANO DE 1711 e ben destacado no frontón, o impoñente brasón do seu fundador, D. Gonzalo Nogueira de Araújo.

Este escudo consta de catro cuarteis: o primeiro, o terceiro e o cuarto mostran gravados relacionados coas armas da liñaxe dos Araújo: cruces flordelisadas, un castelo ou casa torre e unha figura de cabaleiro. O segundo cuartel contén unha cruz, símbolo da Inquisición, da que era comisario. E na cabeceira do escudo, un helmo de cabaleiro.

A CAPELA DO HOSPITAL

Esta fachada remata nunha espadana con dous arcos de medio punto que albergan dúas campás (nunha das campás consérvase a data de fabricación “ano 1883”). Finalmente, no cumio, dous pináculos e unha cruz rematan o conxunto.

“ANO DE 1718 AQUÍ SE SEPULTO D. GONZALO DE NOGUEIRA Y ARAUJO”

O primeiro que chamaría a atención ao entrar na capela sería o retablo en cuxo centro estaría a imaxe de vestir da Inmaculada Concepción, a virxe titular da capela. Á dereita da imaxe da Inmaculada estaba a figura do Cristo da columna e á esquerda a de San Caetano.

Na capela tamén había unha imaxe de San Roque que era levada en procesión o 16 de agosto con gaitas ata a igrexa parroquial, recordo dun voto da vila para que o santo a librase da peste. Durante a procesión era habitual que os nenos acompañasen as imaxes da Asunción e S. Sebastián, que saían canda a S. Roque, ondeando unhas bandeiriñas de papel de varias cores cunha estampiña pegada e hasta de caña ou madeira. Eran, como moitos recordan aínda, confeccionadas por Silveria “A Chilola” ou as súas sobriñas.

Unha vez colocadas na igrexa, quedaban expostos varios días e os veciños deixaban ofrendas en forma de froitos da terra, galiñas, feixóns… que despois serían poxados. Despois da procesión de retorno dos santos á capela, queimábanse as madamas e os galáns.

Nada de todo iso queda xa no interior. O que perdura aínda é a lápida de D. Gonzalo nun lugar predominante, no medio do presbiterio, co escudo cos símbolos da inquisición (cruz latina cunha palma e espada a cada lado), unha cruz da orde de Alcántara e unha inscrición onde reza : 

ANO DE 1718 AQUÍ SE SEPULTO D. GONSALO

DE NOGUEIRA Y ARAUJO FUNDADOR DESTA

CAPILLA Y COMISARIO DEL SANTO OFICIO

DE … (la Inquisición)

A CAPELA DO HOSPITAL

A CAPELA SEN HOSPITAL

D. Gonzalo de Nogueira e Araújo, indica no seu testamento unha serie de premisas que deben ser cumpridas en relación á capela:  ordena (alén de misas, novenarios…) ser soterrado nesta capela. Para sufragar todos os actos testados deixa 38.000 reais de vellón nun arcón da súa casa (só por comparar, unha casa daquela valía uns 2.000 reais), especificando que, de sobrar cartos, estes serían engadidos á fundación do hospital.

Ademais, funda unha capelanía denominada da Concepción do Hospital de Cangas á que dotou cunha serie de bens (casas, rendas e censos). E volve deixar especificadas as obrigas desta, como por exemplo, a celebración perpetua dunha misa cantada á Purísima cada sábado. O patrono desta fundación debía ser sacerdote e morador de Cangas, ademais de asistir diariamente ao rezo do rosario, e debía administrar os bens coidando de que non puidesen ser alienados.

Con todo, no catastro do Marqués de Ensenada, de 1752, os bens que posuía a fundación na parroquia de Cangas aparecen como bens de eclesiásticos, é dicir, foran privatizados. Máis tarde, en 1820, o goberno liberal promulga unha lei pola que é posible allear as propiedades das fundacións. Estes dous feitos fan que, pouco a pouco, os cartos e as propiedades da fundación desaparezan e que o hospital non chegue ao século XIX.

A capela consegue subsistir grazas a que lle quedaba algún censo pero sofre o paso de diversas guerras durante as cales mingua o seu patrimonio. Durante a invasión napoleónica as institucións relixiosas galegas víronse obrigadas a dar parte das súas alfaias para gastos militares. Sabemos polo testamento de D. Juan Ignacio Antonio Zabala que unha desas xoias foi a lámpada de prata da ermida así como outros obxectos da colexiata e da igrexa de Darbo.

Un fallo xudicial de 1878 indica que o último patrono da capela foi Nicolás Borines. A partir desa data a titularidade da capela é dos herdeiros dos Borines pero non transcenderon os nomes concretos. Xa no século XX, o Goberno Civil, ao mesmo tempo presidente da Xunta provincial de beneficencia, trata de clarexar a titularidade da capela ante o concello e os posibles beneficiarios pero non o consegue. Ademais, cun expediente de 1931, tentábase paralizar as vendas das propiedades da fundación.

Finalmente, tras varios intentos infrutuosos máis de esclarecer a titularidade, non se conseguiu parar a venda das propiedades e a fundación acabou por arruinarse.

NIN CAPELA NIN HOSPITAL

No ano 1960 os herdeiros da familia dos Borines emigrados a América veñen a Cangas para facerlle unha oferta da venda da  capela ao Concello por valor de 400.000 ptas que, no pleno do 6 de febreiro dese ano deixa condicionada a compra á resolución dos títulos de propiedade. Neses anos presentáronse ante o concello varias solicitudes de derrubo e traslado da capela do hospital que foron desestimadas por diversos motivos como a circular do Ministerio de Educación Nacional, que salvagardaba os monumentos centenarios ou a de non poder derrubala por non fixarse un lugar de reconstrución, ou a oposición dos veciños como reflectiu nun dos seus poemas o poeta popular Serafín Graña Rúa.

Finalmente o 18 de xuño de 1965 apróbase unha petición do alcalde de Vigo, que tamén era presidente da xunta de goberno da Caixa de Aforros de Vigo, e no ano 1966, virtude a un acordo entre esta entidade bancaria e o párroco de Darbo, administrador da capela, o edificio é desmantelado pedra a pedra para construír a sé da entidade bancaria coa condición de reconstruíla noutro emprazamento.

A CAPELA DO HOSPITAL
A capela situada na súa ubicación orixinal, no solar que actualmente ocupa a oficina principal de Abanca en Cangas.

A condición de reconstruír a capela non se cumpriu e as pedras estiveron esparexidas e esquecidas durante máis de trinta anos ata que a insistencia dun grupo de veciños conseguiu en 2002, cunha subvención de Caixanova. Despois de recuperar as pedras da fachada e o sepulcro do fundador a capela puido comezar a ser erguida novamente.

A CAPELA REXORDE

O lugar elixido foron os Xardíns do Sinal, que cumprían as condicións esixidas para a súa reconstrución: proximidade ao solar orixinal e con vista directa ao mar.

A CAPELA DO HOSPITAL

A reconstrución fíxose da maneira máis fiel posible tendo en conta que non foi fácil, xa que non se conservan planos nin alzados fiables e a maior parte dos perpiaños que se conseguiron recuperar (arredor dun 40 %) apareceron ciscados por todo o municipio. O único que se conservou ben custodiado foi o escudo do fundador, que quedou depositado na casa reitoral de Darbo. É por todo isto que a capela que vemos hoxe reconstruída non é exactamente a orixinal, senón que houbo que utilizar material novo para substituír o desaparecido. Como marcan as normas de Patrimonio, este material novo é lixeiramente diferente do orixinal. 

A “nova” capela non volveu ser sacralizada, polo que é un edificio civil, utilizado na actualidade como sala de exposicións xestionada polo Concello. É, ademais, un fermoso marco para vodas civís e, por suposto, para o final da nosa ruta “Rúas con historia”.

Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Xabier Guardado Soliño
+ artigos

Socio de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

4 comentarios

  1. Visitantes ilustres de Cangas (I) » A Illa dos Ratos

    […] para secar. No texto facíase referencia á terraza do Café Cosmopolita, daquela ao carón da Capela do Hospital, onde se interesaron en coñecer como traballan os nosos mariñeiros, de tradición xeiteira, […]

  2. Avelino Avilés Martínez, ilustre e orgulloso cangués » A Illa dos Ratos

    […] a escala da Praza de Abastos ou outros elementos que naqueles intres xa non estaban en pé como a Capela do Hospital, ou o Quiosco meteorolóxico da Alameda Vella, o mítico […]

  3. La Casa de la Bola » A Illa dos Ratos

    […] cuando la Caja de Ahorros, al ver que se iba a ralentizar la operación, puso los ojos en la Capilla del Hospital y el equipo de gobierno en aquel momento consintió el derribo de la hermosa pieza de nuestro […]

  4. A Casa da Bola » A Illa dos Ratos

    […] punto morto cando a Caixa de Aforros, vendo que se ía devagar toda a operación, puxo os ollos na Capela do Hospital e o equipo de goberno daquel momento consentiu en que se derrubase a fermosa peza do noso […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.