E DE REPENTE, TODAS SON BRUXAS ¡
Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala e Xabier Guardado Soliño, socios de A Illa dos Ratos e Guías Oficiais de Galicia. A imaxe do encabezamento do artigo é a obra “El aquelarre” de Goya.
Seguro que case todos coñecemos a María Soliña, a “bruxa” máis famosa de Cangas. Pero, era realmente unha bruxa? Ou foi todo unha conspiración? Cal foi a orixe da caza de bruxas de Cangas?
As acusacións de bruxería gardan relación cun ataque á vila de Cangas que o cambiaría todo
Despois do ataque turco-berberisco de 1617 a situación económica na zona da ría de Vigo e, sobre todo en Cangas, quedou moi reducida. Os nobres necesitaban recuperar os beneficios das rendas que xa non percibían. E en 1621 atoparon a solución: a Inquisición.
A Inquisición, ou Santo Oficio, era unha institución que velaba polo cumprimento da moral e a erradicación da herexía. Entre as súas funcións estaba a de controlar os barcos que chegaban a porto por se traían libros prohibidos ou mesmo enfermidades. E tamén, como todos sabemos, investigar os casos de bruxería. Pero, quen formaba parte da Inquisición? Pois basicamente os nobres, xa fosen cregos ou leigos.
Como conseguía a nobreza obter beneficios coa Inquisición? Porque a toda muller acusada de bruxería se lle confiscaban os seus bens, incluídos os cobizados dereitos de presentación (propoñer a un cura titular cando o posto quedaba vacante e tamén participar dos beneficios que xeraba a igrexa). Rápido e fácil. Así pois, as súas vítimas eran escollidas entre as viúvas desamparadas, sempre acompañadas doutras mulleres pobres para non levantar demasiadas sospeitas.
Existen documentos redactados polos membros da Inquisición que fan referencia aos procesos das bruxas de Cangas
As detalladas anotacións que os membros do Santo Oficio tomaban destes procesos permítennos coñecer hoxe as fases polas que pasaban as malfadadas mulleres: acusar de bruxería a aquelas que contaban con algún ben de interese para eles; sometelas a un proceso inquisitorial onde eran declaradas case sempre culpables de ter tratos co demo, participar en aquelarres ou calquera outra atrocidade; e unha condena que podía ir desde o desterro ata a queima na fogueira.
O interrogatorio realizábase baixo unha tortura cruel durante a que moitas das supostas bruxas confesaban os feitos dos que eran acusadas só para que cesara o tormento. Ás veces, tras esta tortura, eran curadas polos médicos do Santo Oficio a fin de poder seguir torturándoas unha vez volvesen estar en condicións de ser interrogadas. Cabe salientar que todo o custo do proceso inquisitorial recaía nos acusados e na súa familia.
“Polos camiños de Cangas a voz do vento xemía: ai que soliña quedaches, María Soliña!”
O caso máis sonado foi o de María Soliña, inculpada de ser unha “bruxa de toda a vida”. Curiosa declaración se temos en conta que malia convivir con representantes do Santo Oficio durante case 70 anos nunca ata este momento fora acusada de tal feito.
O tribunal da Inquisición ditaminou a confiscación de todos os seus bens e sentenciouna a levar o hábito penitencial por tempo de medio ano. Pero, cal era o interese da Inquisición nesta muller? Pois, sobre todo, os seus bens inmateriais: nin máis nin menos que os dereitos de presentación en San Martiño de Moaña e San Cibrán de Aldán, herdados tras a morte do seu esposo Pedro Barba (no ataque turco-berberisco en Domaio), e dereito de sepultura no altar maior da colexiata de Cangas.
Neste caso resulta cando menos curioso que a súa filla Dominga non fose tamén acusada de bruxa xa que, segundo a tradición, a bruxería transmitíase de nais a fillas.
En todo caso, na parroquia de Cangas non existen rexistros da morte de María Soliña. Unha das teorías que se barallan é que a tivesen condenado ao desterro e que finase noutra parroquia. Outras fontes opinan que María Soliña non sobreviviu ás torturas e que a Inquisición, ante a imposibilidade de verificar o auto de fe co seu corpo, paseou polas rúas un moneco de palla e cartón de a cabalo dun burro.
A historia de María Soliña perdurou no tempo e serviu de inspiración a diversos autores que non a retrataron como unha bruxa senón coma unha muller desafortunada.
Celso Emilio Ferreiro, por exemplo, fala dela nun dos poemas de “Longa noite de pedra”:
Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai que soliña quedache,
María Soliña
As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai que soliña quedache,
María Soliña
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai que soliña quedache,
María Soliña
Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de auga fría
ai que soliña quedache,
María Soliña
Houbo procesos contra outras mulleres como Elvira Martínez, de Darbo ou Catalina de la Iglesia, de Coiro, que tamén pasarían a ser consideradas como parte do grupo de bruxas de Cangas
Elvira Martínez, solteira, de 50 anos, foi denunciada por “bruja, meiga y otras cosas” pola chamada Xustiza Segrar en 1625. O comisario do Santo Oficio de Santiago reclamaría o caso para o Tribunal da Inquisición, e esta “ordenó al juez seglar de Cangas que no ejecutase la sentencia de muerte que tenía dada contra esta reo y que remitiese los autos”. Desta forma, Elvira salvou a súa vida e ingresou nos cárceres secretos o 5 de agosto de 1626.
Dous días despois, na súa primeira audiencia en Santiago, declarou ser cristiá vella e, tras ser sometida á tortura, que á idade de 20 anos, instigada por outra persoa, casou co demo que tiña forma de home e que lle prometeu moitas riquezas. O 15 de xaneiro de 1627, o fallo do Tribunal da Inquisición foi vestila con hábito penitencial e insignias de bruxa en acto público de fe.
Varios meses despois, o 14 de maio, celebrouse o auto de fe na misa maior da catedral de Santiago. Ao día seguinte, presentouse na Audiencia e, dado que xa non tiña bens, quitóuselle o “sambenito” e enviárona á xustiza segrar de Cangas con instrucións de que Elvira Martínez non sería castigada máis polo delito de bruxa.
Catalina de la Iglesia, natural de Coiro, foi condenada primeiro a ser atormentada e logo a ser queimada na fogueira pola Xustiza Segrar de Cangas pero, antes de cumprirse o veredicto, foi reclamada polo Comisario do Santo Oficio da Inquisición e foi trasladada aos cárceres secretos de Santiago de Compostela, o 5 de xuño de 1626.
A primeiros de agosto declarou ser “cristiana vieja, bautizada, casada y vecina de Coiro; que había dado muerte a cinco criaturas” na Audiencia do Santo Oficio. Confesión que revogaría nunha segunda audiencia alegando que fixera esas declaracións despois de ser torturada e obrigada a admitir aquilo polo que a acusaba. Tras a audiencia, Catalina foi levada de volta á cámara de tormento onde diría: “que se acordaba de que su madre, con otras mujeres ya difuntas, la llevaban a las Areas Gordas, siendo de edad de veinte años, y que allí bailaban y se holgaban de noche, habiendo concurrido a estas fiestas tres veces, por la mar, en un barco que guiaba el demonio en forma de cabrón”.
Malia que o Consello do Santo Oficio enviara a Catalina de la Iglesia ao xuíz de Cangas, indicando que estaba absolta e que a súa causa concluíra, “en 8 de mayo de 1628 años, murió Catalina de la Iglesia, mujer de Juan Martínez, molinero, vecino de esta feligresía, y murió en la cárcel de Cangas, asentenciada a castigar por meiga y reconciliada por la Inquisición; enterrose de noche, junto al adrio desta Iglesia, y por verdad lo firmo.- Pº del Palacio Arredonde”.
Contrariamente ao que podamos pensar, a historia continúa…
A Inquisición Española foi oficialmente abolida en 1834, pero a Inquisición segue existindo. A antiga Congregación do Santo Oficio, órgano da Curia católica, foi convertida polo papa Paulo VI (1965) na “Congregación para a Doutrina da Fe”, que aínda vela pola correcta doutrina católica na Igrexa. Centrada hoxe nun plano meramente teolóxico, lonxe quedan xa, afortunadamente, as aplicacións terreais da xustiza divina
Liliana Cancelas Gargamala
Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia
Xabier Guardado Soliño
Socio de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia
-
Xabier Guardado Soliño#molongui-disabled-link
Un comentario
Antonio Monroy
Unha pregunta…. sábese onde, en qué praza de Cangas esran axusticiadas estas mulleres? Teño entendido que na de Síngulis. Graciñas