UN RELOXO DE SOL CON HISTORIA

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala e Xabier Guardado Soliño. Socios de A Illa dos Ratos e Guías oficiais de Galicia. Fotografías de Evaristo Cancelas e Cangas.org.

A igrexa de santo André do Hío serve, inesperadamente, como pedestal dun reloxo de sol que leva marcando as horas dende 1854

Un reloxo de sol é un instrumento que sinala a hora solar a partir de dúas pezas moi sinxelas. Necesitamos unha superficie lisa (a faz), na que se marcan unha serie de liñas que definirán as horas solares.

Nesta superficie incrústase unha variña (o gnomon), xeralmente metálica, de tal xeito que a súa sombra nos vaia marcando as horas. Este sistema tan simple esconde un gran cálculo, xa que o gnomon debe estar colocado en paralelo ao eixo da Terra e apuntando á Estrela Polar.

Evidentemente estes reloxos son propensos a ser ornados con todo tipo decoracións. E o reloxo do Hío é un bo exemplo. Nel podemos ver claramente dúas figuras con forma humana. Na parta baixa vemos o que parece un home cos brazos en alto sostendo unha corda.

Sería esta a personificación de Cronos, o deus grego do tempo, e a corda simbolizaría o eterno retorno, o tempo cíclico. Enriba da súa cabeza sostén a faz do reloxo onde a corda se enrosca no gnomon e, enriba del, vemos a cabeza dunha muller cunha especie de gorro ou tocado. Temos así a representación do tempo que pasa, imparable, desde o noso nacemento ata a inevitable morte. Tic, tac, tic, tac. 

A vara ou gnomon do reloxo do Hío marca as horas dende as 6 da mañá ata as 6 da tarde en números arábigos (e non romanos). A limitación destes aparellos é que non funcionan con luz lunar, que lle imos facer!

Esta pequena obra de arte atribúeselle ao mestre canteiro Ignacio Cerviño, quen tería esculpido tamén o veciño cruceiro do Hío, o máis coñecido de toda Galicia

Para ler a hora nun reloxo de sol hoxe en día debemos ter en conta que hai un desfase entre a hora solar e a hora oficial. Polo tanto, para obter a hora legal en horario de inverno sumaremos unha hora á lectura do reloxo de sol e, en verán, dúas.

Os reloxos solares máis antigos que se coñecen son exipcios e datan, aproximadamente, do século XV antes da nosa era. Os antigos exipcios calculaban a hora fixándose na sombra proxectada polos obeliscos. E desde aquela seguiron usándose ata non hai tanto como os únicos instrumentos para medir facilmente o tempo.

É por iso que os reloxos de sol eran colocados nas igrexas, para regular as horas dos seus rezos canónicos, ou nos edificios públicos para que a xente puidese consultar en todo momento a hora. Tamén atopamos reloxos de sol noutros soportes, como por exemplo, un hórreo onde marcaría as quendas do rego.

A singularidade neste caso vén dada polo feito de atoparnos nunha igrexa católica representacións de deuses pagáns. Sería por iso o castigo divino que sufriu esta obra de arte a mediados do século XX. Corría o ano 1954 cando no Hío se estaba rodando a película Viento del norte.

O adro da igrexa e os seus arredores foron decorados con arcos e grilandas como se estivesen en festas. Unha das grilandas cruzaba a estrada, estando un cabo atado ao balcón dunha casa e o outro, como non, ao reloxo de sol. Todo ía perfecto ata que un camión máis alto ca grilanda pasou pola estrada, enganchouna e tirou con ela deixando tras de si a unha muller ferida e o desventurado reloxo de sol esnaquizado, ciscado polo chan.

Despois dese día, o reloxo estivo anos desaparecido. Ninguén soubo máis del ata que o párroco D. Andrés Carril Pardo (párroco de 1981 a 2006) o mandou restaurar e o colocou no xardín da reitoral, sendo devolto ao seu lugar orixinal, anos máis tarde, polo actual párroco, D. Emilio Alfonso Fernández Sotelo.

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos
Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Un comentario

  1. O dilema da autoría do Cruceiro do Hío (II) » A Illa dos Ratos

    […] tres obras son o Reloxo de sol, a Fe e a Crucifixión. A máis importante é a última. A Fe e a Crucifixión contémplanse hoxe […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.