UN HOME POLIFACÉTICO E ORGULLOSO DE SER DE CANGAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos coa colaboración dos fillos de Avelino Avilés. Fotografías cedidas pola familia.
Para definir a Avelino Avilés en poucas palabras poderiamos dicir que foi, sobre todo, un veciño de Cangas que se sentía orgulloso do seu pobo. Nos primeiros anos da súa interesante vida, traballou como fontaneiro e foi campión de España en dúas ocasións desa disciplina, antes de rexentar unha tenda de electrodomésticos.
Tamén participou activamente na vida social da vila, onde foi o artífice da recuperación do reloxo da Alameda vella, chegou a ser concelleiro, organizador das Festas do Cristo e do Nadal en varias ocasións, animador e impulsor do Entroido, e fundador de varios grupos corais como “Ni fu ni fa” ou “Amigos de la Canción”.
Avelino faleceu o pasado 15 de febreiro de 2020 aos 78 anos despois de afrontar con valentía unha longa enfermidade. Con este artigo queremos recordar a súa traxectoria e renderlle unha merecida homenaxe.
Sendo neno, Avelino Avilés aprendeu o oficio de fontaneiro e latoeiro no taller de “Chichito”, onde hoxe está o Bonin 6
Con doce anos, Avelino Avilés incorporouse como aprendiz de fontaneiro e latoeiro no taller de Ángel Nores “Chichito”, que curiosamente era tío da que logo sería a súa muller Mª Victoria.
No taller, entre moitas outras cousas, se facían e reparaban leiteiras, as luces de carburo dos mariñeiros ou as máquinas de sulfatar que se empregaban no campo. Avelino era unha persoa moi inquieta e se aburría facendo unicamente os traballos habituais que lle pedían, así que as veces daba renda solta a súa creatividade e tanto podía facer un xogo de café como un retrato empregando latón, cobre ou algunha materia similar.
Casualidades da vida, un día achegouse polo taller D. Vicente Valdó, que era mestre da escola de orientación marítima, para preguntarlle a “Chichito” se tiña algún aprendiz destacado. Estaba buscando algún mozo para que participase nun concurso de fontanería de carácter nacional que celebraba a súa primeira fase en Vigo.
O mestre non dubidou en recomendar a Avelino Avilés, que presentouse nesa proba e a superou. Foi pasando as sucesivas fases do certame e finalmente, logo de demostrar as súas habilidades, acabou coronándose como campión de España júnior no 1958 en Zaragoza. O ano seguinte repetiu experiencia e resultado, esta vez na categoría sénior logo de falsear a súa idade para que puidese participar.
Avelino Avilés prestou o servizo militar en Ferrol e a súa volta montou un negocio coa súa muller
Logo de facer a mili a bordo do buque escola Galatea, onde pola súa pericia co latón autorizáronlle a ter a bordo o seu pequeno taller, voltou a Cangas para traballar pola súa conta como fontaneiro.
Avelino viviu esa etapa da súa vida compartindo cos amigos moitos bailes na de “Andreíta” e participando nas serenatas que as veces tocaba facer á moza dalgún compañeiro.
Non sabemos se por esas felices saídas nocturnas ou polos desprazamentos laborais que facía en pleno inverno na súa “lambretta“, pero Avelino acabou collendo unha neumonía que o tivo varios meses sen poder traballar.
Como non había ingresos, a súa muller ocorréuselle que podían montar un negocio de artigos de saneamento e fontanería onde, cando se recuperase, tamén poderían tomar nota dos traballos de fontanería.
Co tempo, ese negocio acabaría converténdose na tenda de electrodomésticos “Avilés”, recordada aínda por moitos cangueses na súa ubicación orixinal na Praza do Arco, e que foi o primeiro establecemento de Cangas en animar o Nadal con vistosos escaparates cheos de luz e color.
O negocio foise consolidando e converteuse na fonte do sustento familiar. Isto permitiu a Avelino Avilés facer outras cousas coas que se sentía moito máis realizado, como por exemplo participar activamente no Entroido.
Avelino Avilés foi integrante e letrista de moitas comparsas do Entroido de Cangas
Avelino creou varias comparsas xuvenís como “Los Ucranianos” (1984) ou “Os Criticóns” (1985) pero tamén participou directamente en moitas outras que facía cos amigos como “Os Mariñeiros” (1980) ou “A Movida” (1987).
Durante o franquismo era habitual que esas comparsas cambiasen de nome cada ano, seguramente para que os seus membros non fosen censurados antes de saír ao ano seguinte. De feito a comparsa do grupo de amigos de Avelino tamén cambiaba de nome todos os anos ata que nunha ocasión tiveron tanto éxito adaptando unha canción e vestiario do grupo “La Trinca”, que xa quedaron co nome que levaban: “Os Diputados”.
O noso protagonista recompilaba as anécdotas que sucedían durante todo o ano e logo compoñía de forma brillante as letras que encaixaba perfectamente coa música dalgunha canción popular de toda a vida ou nalgún dos éxitos do verán.
Os seus fillos o recordan con cariño “traballando nesas composicións na salita da casa ata altas horas da madrugada, co seu puro na boca e empregando a gran imaxinación e capacidade creativa que tiña”.
A maioría das composicións eran as típicas cancións de corte satírico (títulos como “Los San Fermines“, “La Alameda” ou “El Dictador“) pero tamén había algunha sobre temas máis serios como o problema das drogas (“Apocalipsis Xuvenil”).
Chegaron a grabalas en casette e logo en CD para vendelas e sacar cartos cos que cubrir os gastos da comparsa. Nalgunha ocasión era o propio Avelino Avilés quen asumía as perdas polo amor que lle tiña a esta actividade na que tanto gozaba con amigos.
Avelino Avilés participou da fundación das corais “Ni fu ni fa” e máis tarde de “Amigos de la canción”
Tras unhas eleccións que provocaron un cambio no goberno local, parte dos amigos de Avelino que participaban na comparsa sentían que non existía a mesma liberdade de expresión para criticar o labor dos novos concelleiros e do alcalde.
Por este motivo decidiron deixar de actuar como comparsa e montar unha coral. A chamaron “Ni fu ni fa”, un nome que deixaba clara a intención que tiñan de que a política quedase a marxe da actividade do novo colectivo.
O que buscaban era seguir gozando da súa afección por cantar e recuperar esas cancións típicas que se escoitaban nas tabernas de Cangas como “a do Carabelo”, “a do Traila” ou “o Penúltimo” ou incluso nas romarías de Darbo ou San Roque.
Durante un tempo a actividade cultural de “Ni fu ni fa” foi intensa pero uns anos máis tarde unha escisión de parte dos socios daría paso a dous novos colectivos: “Mornura” e “Amigos de la canción”.
Ao longo dos anos Avelino Avilés chegou a compoñer varios temas musicais, algún sobre Cangas, que incluso rexistrou
O amor de Avelino Avilés pola música foi crecendo a raíz da creación das corais. Animouse a compoñer as súas propias cancións e moitas delas rexistrounas. Poderíamos destacar temas como “Aquellas fiestas”, “Nuestras playas”, “A Galicia ben” o “Así es Galicia”, pero sen dúbida é “Cangas”, o máis coñecido polos cangueses e canguesas:
Avelino Avilés estivo en varias ocasións á fronte das comisións que se encargaban de organizar o Nadal ou as Festas do Cristo en Cangas
Moita xente non o sabe pero nun tempo no que o Concello non participaba na organización nin poñía cartos para as festas, era unha comisión que constituían algúns veciños con iniciativa os que organizaban os festexos.
Pola súa capacidade creativa, Avelino Avilés foi elixido en varias ocasións como presidente desas comisións, tanto para encargarse do Nadal como das Festas do Cristo.
No caso do Nadal, incluso antes de presidir a comisión ten participado como Rei Mago nalgunha cabalgata. Xa no cargo de presidente, non dubidou en viaxar ata Madrid, xunto a o seu inseparable Suso “Caramuxo”, para alugar en Casa Cornejo os uniformes para os gardas (romanos, mouros, etc) e tamén para os Reis e paxes reais.
Era tal a implicación de Avelino que as pezas para as carrozas fabricábanse primeiro no almacén da súa casa e cando daban vacacións no colexio Compañía de María, co permiso das monxas, trasladaban todo ao pavillón do centro e alí remataban coa construción.
No que se refire as Festas do Cristo, sempre quixo escapar da típica festa tradicional con atraccións e unha orquestra, e por iso tratou de incorporar novidades que as veces creaban certa controversia entre algúns dos seus veciños.
De entrada, aínda que resultasen máis caros, propúxose traer espectáculos de estilos máis variados. Para poder financialos era imprescindible cobrar entrada e como Cangas naqueles momentos non contaba con ningunha infraestrutura pechada, ocorréuselle instalar unha praza de touros.
Houbo xente que estaba en contra da instalación da praza ou quen non vía correcto cobrar polas actuacións pero o certo e que a iniciativa foi un éxito e o único xeito de que un pobo como Cangas puidese traer ao Ballet Rey de Viana, Milladoiro ou grupos musicais importantes do momento para a xente máis moza.
Tamén foron as comisións das Festas do Cristo presididas por Avelino Avilés as que promoveron a instalación da mítica noria xigante, as que colocaron por primeira vez os palcos fóra da Alameda Vella (que era a ubicación tradicional), as que estableceron que os fogos de artificio debían tirarse tras a procesión e non durante ela, ou as que puxeron sobre a mesa o debate de cambiar as datas das festas, proposta que chocou coa oposición da xente do mar.
Con todo unha das iniciativas máis comentada e recordada das promovidas por Avelino foi cando viaxou co seu inseparable amigo Suso “Caramuxo” e Manolo Gil a Viana (Portugal) para traer un orixinal alumeado portugués para as festas, moi diferente ao que a xente estaba acostumada.
Avelino Avilés, será recordado especialmente por capitanear o equipo multidisciplinar que construíu a réplica do quiosco meteorolóxico que fora instalado en 1908 a iniciativa de D. Álvaro de Guitián Delgado
Seguramente porque a finais dos anos 80 do século pasado non había tanto traballo na tenda de electrodomésticos debido a grave crise económica, Avelino montou un pequeno taller na porta da entrada ao primeiro piso da casa co propósito de dar renda solta a súa habilidade traballando co latón e o cobre.
Comezou facendo pequenas pezas que logo se poñían a venda no comercio de decoración que a familia abrira preto da tenda de electrodomésticos. Logo pasou a construír con todo detalle algúns elementos da historia de Cangas, como unha réplica a escala da Praza de Abastos ou outros elementos que naqueles intres xa non estaban en pé como a Capela do Hospital, ou o Quiosco meteorolóxico da Alameda Vella, o mítico reloxo.
Por aquela época organizouse no Centro Recreativo (Casino) unha exposición de traballos artísticos dos veciños de Cangas. Avelino levou as súas creacións e foi o reloxo o que acaparou todas as miradas da xente.
Curiosamente neses momentos estaba facéndose un proxecto para remodelar a Alameda Vella que levantaba certas reticencias entre parte dos veciños por cousas como o posible cambio de ubicación da estatua de Soage.
Quizais para lograr maior respaldo ao proxecto, a xestora que estaba gobernando preguntoulle a Avelino se vía viable realizar unha reprodución do desaparecido reloxo.
O arquitecto da obra mantiña que sen planos sería imposible. Como Avelino empregou as palabras “moi complicado” e non “imposible”, os gobernantes pedíronlle que fixera un presuposto aproximado coa idea de levar adiante o proxecto.
Atopábase o noso protagonista cavilando sobre como ter referencias para elaborar os planos cando un día pasou pola tenda un home cunha fotografía do antigo reloxo. Foi a partir dela, tomando como referencia a lonxitude dun chanzo para ver as proporcións aproximadas, como Avelino comezou a facer uns planos a escala.
Resolto ese problema e aceptado o orzamento por parte do Concello, Avelino formou un gran equipo multidisciplinar que despois de traballar a reo no baixo da súa casa conseguiu facer a réplica que temos hoxe en día na Alameda Vella.
No ano 2016 “Amigos de la Canción” organizoulle un acto de homenaxe no Auditorio Municipal ao que acudiu en masa o pobo de Cangas
No transcurso do evento, os seus amigos fixeron un repaso polos intres máis importantes da súa vida.
Houbo tempo para recordar moitos momentos e anécdotas memorables da súa traxectoria vital. Con eles os presentes puideron coñecer o carácter extrovertido e creativo desta persoa ilustre da historia da vila de Cangas.
Queremos agradecer a familia de Avelino Avilés, especialmente aos seus tres fillos (Nico, Enrique e María Victoria), as facilidades que nos deron para poder elaborar e ilustrar este artigo.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
5 comentarios
Santoro, o fotógrafo da luz (III) » A Illa dos Ratos
[…] comentábamos nos artigos adicados ao seu gran amigo Suso Caramuxo e a Avelino Avilés, Santoro participaba activamente nas celebracións que se realizaban no pobo durante todo o ano, […]
Santoro, o fotógrafo da luz (II) » A Illa dos Ratos
[…] moitos anos, sempre acompañado do seu gran amigo Suso “Caramuxo” e de Avelino Avilés, foi un dos impulsores, entre outras, das celebracións de Nadal, cun papel importante na […]
Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (III) » A Illa dos Ratos
[…] culturales del pueblo de Cangas, tanto a título particular como acompañado de sus amigos Avelino Avilés, Manolo Gil o Santoro. En este tercer artículo recordaremos algunas de aquellas propuestas como […]
Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (III) » A Illa dos Ratos
[…] culturais do pobo de Cangas, tanto a título particular como acompañado dos seus amigos Avelino Avilés, Manolo Gil ou Santoro. Neste terceiro artigo recordaremos algunhas desas propostas como as […]
O quiosco meteorolóxico da Alameda Vella de Cangas » A Illa dos Ratos
[…] o ano 1991 cando a un veciño da vila chamado Avelino Avilés Martínez ocurréuselle construír unha réplica en miniatura do antigo quiosco meteorolóxico e […]