VIAXEIROS QUE CAPTARON AS LUCES E SOMBRAS DE CANGAS

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía Oficial de Galicia. Fotografías cedidas polo arquivo da A.C A Cepa.

A través de dous artigos imos botar unha ollada curiosa a algúns dos viaxeiros que recalaron na nosa vila na procura dun descanso, unha escapada, un traballo, unha nova vida ou unha dobre vida se cadra.

Nesta viaxe ao pasado buscando aos visitantes ilustres de Cangas, atoparémonos con literatos, fotógrafos, cantantes/ futbolistas, escritores/notarios e outros visitantes que encontraban en Galicia en xeral, e na nosa vila en particular, un universo case exclusivo que lles permitía sentirse únicos, por seren coñecedores do secreto deste enclave inigualable, a vila de Cangas.

A fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson recolleu testemuña gráfica da vila de Cangas do primeiro tercio de século pasado

Para comezar con este periplo virtual, nos diriximos a principios do século XX, concretamente aos anos 20, aínda en plena recuperación da Pandemia Mundial coñecida como “gripe española”. Xa por aquel entón comezábamos a recibir os primeiros fotógrafos que se achegaban á nosa terra para os seus percorridos, uns aventureiros na procura de lugares descoñecidos para mostrar ao mundo culturas singulares, que no caso de Cangas, supuxo unha testemuña gráfica do primeiro terzo de século pasado.

A primeira mirada que encontramos é o traballo da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que acompañada polo seu pai, o tamén fotógrafo Alfred Theodore Anderson, desembarcaron no porto de Vigo en 1924 e percorreron as nosas vilas e cidades a cabalo, a pé ou en carriola para cumprir coa misión encargada pola Hispanic Society of America: fotografar os costumes, oficios, monumentos e paisaxes de toda Galicia.

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS
Ruth Matilda Anderson en 1925.

Nun texto titulado “A guerra dos aparellos no mar das sardiñas”, a fotógrafa narra a súa visita a Cangas, onde pai e filla fan fotos na ribeira e collen camiño de Moaña e logo a Marín. Viñan a Cangas co vapor dende o Berbés, e o facían en primeira clase, a dos billetes verdes, diferenciándose do departamento destinado as peixeiras.

Desde a ribeira e no camiño da beiramar viron a un home e a unha muller que conducían cadanseu carro de bois, cargados de redes que levaban á praia para secar. No texto facíase referencia á terraza do Café Cosmopolita, daquela ao carón da Capela do Hospital, onde se interesaron en coñecer como traballan os nosos mariñeiros, de tradición xeiteira, aínda que daquela xa se pescaba a vapor.

Ruth ademais mostrou gran interese pola nosa cultura, traducindo textos de Rosalía e dos poetas medievais ao inglés. Pai e filla fixeron fotos de todos estes lugares, e xunto a un traballo de compilación, compuxeron un arquivo dunhas 5.000 fotografías, que  serviron para ilustrar os costumes, oficios típicos, monumentos e paisaxes da nosa terra, amosando as clases menos favorecidas e os elementos máis enxebres e exóticos para os ollos dos observadores da súa obra.

Grazas ao traballo desta mestra e fotógrafa norteamericana, contamos co maior cadro fotográfico coñecido sobre a Galicia do seu tempo, unha visión moi completa que trasladou a Nova York o universo rural da nosa terra nos anos 20, incluída a nosa vila, e onde aparecen tecedeiras, redeiras, aldeáns, mulleres que carrexan algas para estercar ou nenas leiteiras.

Hoxe contamos con fotografías inéditas, como a do Café Cosmopolita xunto a Capela do Hospital, das mulleres cosendo as redes na ribeira de Cangas, ou dun estaleiro de Domaio en Moaña. Logo pasarían a Marín e seguirían o seu percorrido para continuar o seu labor recollendo imaxes daquela “pequena terra máxica” como as ruínas de Santo Domingo de Pontevedra ou revelando fotos no baño do consulado americano en Vigo, entre outras.

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS

O alemán Otto Wünderlich converteu as praias e imaxes do Morrazo en símbolos e destinos turísticos nos anos 30’

Outro fotógrafo imposible de obviar neste elenco de “viaxeiros da luz” é ao alemán Otto Wünderlich, que converteu as imaxes do Morrazo en símbolos e destinos turísticos nos anos 30’, cando percorría a provincia de Pontevedra.

Formado en Alemaña, trasladouse a España en 1914 e desenrolou unha carreira fotográfica, alternando series documentais sobre paisaxes e escenas tradicionais xunto con proxectos por encargo para institucións culturais e empresas do sector industrial.

Foi tamén un asiduo colaborador de prensa e as súas imaxes publicábanse en medios como “Blanco y Negro”, “La Esfera”, “El Mundo”, e mesmo recollidas na Enciclopedia Espasa, no Padroado Nacional de Turismo ou en libros didácticos da Editorial Labor.

VISITANTES ILUSTRES DE CANGAS
O fotógrafo alemán Otto Wünderlich con 31 anos no parque do Retiro de Madrid (1917).

O seu traballo constitúe unha interesante miscelánea composta polos álbums fotográficos das súas viaxes, feitas entre 1913 e 1930,  recreándose nas paisaxes e monumentos españois, e calcúlase que a serie de imaxes sobre Vigo e a Ría está datada cara a 1929.

Algunhas fotografías foron comercializadas polo propio Wünderlich mediante a venda de álbums, tarxetas postais e carpetas de fototipias co título de “Paisajes y Monumentos de España”, cun gran éxito na súa época.

O seu arquivo conta con cerca de 45.000 imaxes, cámaras fotográficas, obxectivos e ampliadora do seu propio estudio. Este importante arquivo foi dixitalizado pola Fototeca do Instituto do Patrimonio Cultural de España, pertencente ao Ministerio de Cultura, e nel aparecen 33 imaxes de Vigo, sumándose un par de decenas de outras localidades da ría entre elas imaxes de Cangas e Aldán.

Resulta curioso que as súas imaxes sexan utilizadas pola aplicación Google Earth, como complemento de fotos antigas en algúns lugares da península Ibérica.

Ademais, uns dos paseos virtuais proposto pola Deputación de Pontevedra en colaboración con Turismo Rias Baixas durante a pandemia da Covid-19, veu da man das imaxes de Otto Wünderlich, grazas á colaboración do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do arquivo de Pontevedra.

Foi unha maneira de aproveitar este inxente material e trasladarlle de forma moi gráfica á cidadanía que a provincia de Pontevedra é un destino turístico cunha longa traxectoria de excelencia e tradicións arraigadas, que permanecen intactas para seren gozadas hoxe en día.

Unha oportunidade para redescubrir a historia e os segredos de espazos de interese cultural, monumentos, vilas termais e mariñeiras; o traballo de Otto Wünderlich foi unha das moitas guías que se podían escoller para outras tantas viaxes ao pasado.

Postais e fotografías históricas que eran escenarios virtuais de viaxes dende o pasado ao presente por vilas e bens de interese cultural, para alentar o turismo do futuro, onde a vila de Cangas estaba presente, a través das rúas e casas de Cangas e Aldán.

Entre as súas imaxes encontramos todo un retrato das Rias Baixas de fai case un século: as típicas casas de pescadores (encaladas e cos tellados en outón), redeiras, lavandeiras, peixeiras e descargadoras de sal. Ademais, chaman especialmente a atención entre as fotografías feitas ao pé de portos e areais, baleiros ou ateigados de mariscadoras ou embarcacións, as imaxes da baía de Vigo, a gran media lúa de area que se forma dende o monte de A Guía ata a praia do Areal con barcos fondeados.

De Cangas quédannos como legado algunhas fotografías da súa autoría como a praia do Sinal no centro da vila, hoxe aterrada, o interior da igrexa parroquial de Santiago de Cangas coas pías de auga bendita traídas de Filipinas, a Capela do Hospital no lugar primitivo antes de ser derrubada, a fronte marítima de Aldán e os interiores do Pazo dos Condes, unha casa labrega ou as Illas Cíes vistas desde Cangas, ademais de algunhas instantáneas das localidades de Moaña e Bueu.

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

3 comentarios

  1. Visitantes ilustres de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] nova viaxe ao pasado, deixamos atrás eses viaxeiros captadores de luces e sombras do anterior artigo e ímonos agora na busca da compaña doutros visitantes que tamén desatan o noso interese, homes […]

  2. Juan l. Otero

    Notase que a autora procede dunha familia de literatos. Seu pai escribía moi ben e seu abo, veciño da Illa de Arousa tamén. O mar tiralle a esta familia. ! Noraboa Nuria!

  3. LuisSardiña

    Precioso, interesante, ameno o texto, cunha redacción moi sinxela e de gran coñecemento histórico, un relato que recoñece a importancia de Cangas na historia cultural e interese sobre Galiza.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.