A ORIXE E A EVOLUCIÓN DOS MUÍÑOS

Texto elaborado por Xabier Guardado Soliño e Liliana Cancelas Gargamala. Socios de A Illa dos Ratos e Guías oficiais de Galicia.

Rúa Ramón Cabanillas, 16 (Moaña). Telf 606 984 485

A tradición grega afirma que a creadora do muíño foi Demeter, nai dos cereais e xa Homero salienta a súa presencia, novecentos anos antes da nosa era. Pero a súa verdadeira orixe vén de moito máis atrás.

A historia da trituración dos cereais comeza en Galicia no Neolítico, cando os humanos empezamos a cultivar os nosos propios alimentos

Os primeiros muíños eran ben sinxelos. Consistían en 2 pedras, unha, a inferior, meirande que a outra e coa parte superior lisa, pola que a superior, máis pequena, se movía de adiante a atrás. É o coñecido como muíño barquiforme, pola forma curvada que lle quedaba á pedra de abaixo despois de moito moer. 

Deste sistema de muíño plano, pasouse ao circular -ben documentado en Galicia na época castrexa-, tamén de man, no que nun principio o movemento non era completo senón de vaivén; este consta de dúas pedras, nun primeiro momento planas e logo cónicas, nas que a superior (moa) xira sobre a outra (pé) por medio dun movemento realizado con dous paus espetados nela, cada un a un lado, para seren suxeitados cada un cunha man.

O seguinte paso foi substituír estes dous paus por un só, espetado agora verticalmente na parte superior da moa, de tal xeito que ao movelo cunha man se puidese facer un movemento circular continuo. Deste xeito aumentamos a produción, xa que non hai que cambiar de sentido o xiro, como había que facer co sistema anterior. 

Este sistema de muíño evolucionou alongando este pau e uníndoo a unha parede, conseguindo que, con moitísimo menos esforzo, se puidese mover a pedra máis rápido, e por tanto, moer moita máis cantidade. A importancia deste modelo é que agora o muíño xa non é portátil, senón que ten que estar fixado nunha estrutura inmóbil. Chegamos ao concepto de muíño como edificación na que se moe.

Con todo, nestes muíños moíase en Galicia centeo, trigo, cebada ou millo. O seu emprego chega case ata os nosos días, usándose paralelamente aos muíños de auga e de vento, pero ultimamente xa só para facer comida para o gando, xa que moían moi groso.

Malia que xa Antipater de Salónica no ano 85 a.n.e. fala dun muíño de auga de roda horizontal -dándonos as primeiras referencias da substitución da forza humana pola hidráulica-, no ano 27 a.n.e. Vitrubio, arquitecto e enxeñeiro romano, describe a existencia de mecanismos de roda vertical movidos por auga, e no s. V o francés Gregorio de Tours cita os muíños de auga como cousa frecuente no seu tempo, o certo é que o seu uso común na península Ibérica data do tempo dos árabes, entre os séculos XI e XII. 

Estes muíños, cun elevado custo de fabricación, estaban orixinalmente vinculados á nobreza e ao clero, que cobraban polo seu uso á poboación local. O momento de maior expansión dos muíños hidráulicos en Galicia será xa na Idade Moderna.

A partir do século XVII comeza a expansión do cultivo do maíz (americano), que substitúe case por completo o cultivo do millo (europeo) de tal xeito que o maíz pasa a chamarse millo, e o millo pasa a coñecerse como millo miúdo

Neste momento é cando os muíños de río comezan a ser de verdade unha edificación omnipresente en case todas as nosas correntes fluviais. No catastro de Ensenada de 1752 cóntanse 245 muíños fariñeiros no Morrazo. No ano 1981 contabilizábanse aínda máis de 360.

No século XIX comezan a incorporarse algúns adiantos, como por exemplo, a fabricación en ferro de pezas que tradicionalmente eran de madeira ou pedra. E no século XX industrialízanse os procesos de fabricación de pezas tradicionalmente de factoría artesanal como os rodicios, os erguedoiros, as pedras de moer, etc. Pero xa a mediados dese s. XX, coa aparición de novas máquinas, comeza o rápido declive dos muíños.

Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.