POLÍTICO, MESTRE E ACTIVISTA CULTURAL, COMPROMETIDO SEMPRE COA LINGUA E A CULTURA GALEGA (III)

PARTE 3. O retorno a Cangas deixando atrás as montañas zamoranas para exercer a docencia, retomar a súa paixón polo teatro e exercer na política autonómica e local.

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

No anterior artigo que publicamos para repasar a vida de Xosé Manuel Pazos Varela diciamos que estaba cómodo, integrado e feliz en Lubián. Mais a medida que o tempo foi pasando, fixo o posible por achegarse a Cangas e acabou conseguindo praza no CEIP San Roque no ano 1985.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Nos primeiros anos como docente en San Roque, era coñecido popularmente polos seus alumnos como “o perillas”, un elemento que o caracterizaba por aquela época tal e como podemos ver nesta foto tomada cando estaba acabado de chegar de Lubián.

O ano seguinte da súa chegada, houbo un grande incremento das matrículas e iso fixo que a Consellería de Educación crease un novo centro educativo no Montecarrasco.

Pazos foi un dos mestres que, mantendo a praza en San Roque, tiveron que trasladarse alí e precisamente nese centro foi onde tivo contacto por primeira vez coa muller que moitos anos despois se convertería na súa segunda esposa. Tratábase de María José González, unha mestra que chegara a San Roque no mes de febreiro de 1987 para unha substitución temporal no curso 1986-87. Nese momento, Pazos estaba casado coa actriz e activista cultural Casilda García Alfaro e xa tiña ao seu fillo Héctor, e María José tiña a súa vida tamén feita en Vigo.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Pazos co seu fillo Héctor nunha viaxe familiar a Guimaraes.

Pero os seus camiños volveron a cruzarse en 1998, nun acto de Educadores por la Paz. Ambos estaban separados das súas anteriores parellas e decidiron comezar a saír, facer plans xuntos e pouco a pouco a súa relación se consolidou.

No ano 2003 adoptaron a Yelena, unha nena de 2 anos e medio, e formaron o fogar no que Pazos viviría ata o fin dos seus días.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Yelena, María José e Xosé Manuel Pazos durante unha viaxe familiar a Alemaña.

Cando Xosé Manuel Pazos regresou a Cangas, retomou dúas cousas que o apaixonaban, o teatro e a política

A política sempre foi algo que lle chamou a atención a Pazos dende a súa adolescencia. Era un grande orador e dende a súa ideoloxía de esquerdas sempre tivo a habilidade de entenderse con persoas que pensaban diferente, o que facilitaba alcanzar acordos con outros grupos políticos.

Ao longo da súa traxectoria formou parte de diversos partidos. Os seus primeiros pasos foron na Asemblea Nacional Popular Galega (A.N.P.G) e nos seguintes anos estivo tamén no Partido Socialista de Galicia (PSG) e no proxecto político liderado por Camilo Nogueira baixo as siglas Esquerda Galega (EG).

Deste proxecto, que finalmente non tivo o percorrido agardado, pasou a formar parte de Izquierda Unida (IU), que en Galicia tiña como siglas Esquerda de Galicia – Esquerda Unida (EdeG-EU).

No ano 1997 algúns militantes de EdeG-EU propuxeron á dirección nacional de IU a posibilidade de acudir en coalición co PSOE ás eleccións autonómicas que se ían celebrar en Galicia. A idea non tivo boa acollida en Madrid e provocou que todos os militantes que estaban a favor desa coalición fosen expulsados de IU e se presentasen aos comicios co nome de Partido Socialista de Galicia – PSOE, Esquerda de Galicia, Os Verdes (PSdG- PSOE/EdeG/OV).

Entre os disidentes se encontraban Xosé Manuel Pazos, que foi incorporado no terceiro posto da lista da nova coalición que encabezaba Abel Caballero por Pontevedra, e tamén o secretario xeral de EdGa, Anxo Guerreiro, que aparecía como número dous por A Coruña. Tras as votacións, ambos foron elixidos como deputados autonómicos do Parlamento de Galicia para o período comprendido entre 1997 e 2001, onde coincidirían con José Enrique Sotelo do PP, que posteriormente ocuparía tamén a alcaldía de Cangas.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Pazos nunha das súas intervencións no Parlamento de Galicia no ano 2000. Fonte: Faro de Vigo

Naquela etapa, Pazos compartiu a última bancada co seu amigo Abel Caballero, actual alcalde de Vigo, e participou xunto ao seu compañeiro Anxo Guerreiro en moitas  comisións parlamentarias.

O acordo de coalición lles permitía aos deputados de Esquerda de Galicia (EdeG) ter un funcionamento practicamente independente do PSOE e grazas a iso, nos seus primeiros seis meses como deputados, presentaron 683 iniciativas e proposicións de lei sobre temas que por aquel entón eran moi controvertidos como o aborto ou a eutanasia, pero tamén sobre a normalización lingüistica ou a creación dunha Escola Superior de Arte Dramático (ESAD), que sería unha realidade algúns anos despois en Navia (Vigo).

XOSÉ MANUEL PAZOS
Fotografía na que podemos ver a Xosé Manuel Pazos nos corredores do Parlamento de Galicia. En segundo plano aparecen Xosé Manuel Beiras (BNG), Bautista Álvarez (UPG) e Xaime Pita (PP).

Para poder elaborar e presentar todas esas propostas, contaban co respaldo cun equipo de persoas de confianza que foran contratadas grazas a que tanto Pazos como Anxo Guerreiro cedían ao partido a parte do seu soldo que excedía do que viñan recibindo nos seus respectivos traballos anteriores.

Unha desas persoas era Jesús Heredero, un compañeiro da etapa anterior, na que os deputados de Esquerda de Galicia (EdeG) aínda pertencían a Izquierda Unida (IU). Jesús vivía en Vigo e como sabía que Pazos ía todos os días a Santiago, collía o barco a Cangas e ían xuntos no seu coche. Nesas viaxes compartiron moitas horas de interesantes conversas e xurdiu entre eles unha boa amizade.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Comida celebrada o 7 de marzo de 2001 no Hotel Lisboa de Vigo á que asistiron algúns compañeiros de Pazos como o propio Jesús Heredero (primeiro pola esquerda) ou Isabel Mouriño, que saen na fotografía con Santiago Carrillo, o histórico dirixente do PCE.

Ao final da lexislatura, o balance foi moi positivo e dende entón Pazos seguiu participando, de maneira activa, como poñente nas charlas que organizaba a Asociación de ex-deputados do Parlamento de Galicia en diferentes centros escolares e institutos de toda a comunidade.

Antes de converterse en alcalde de Cangas, Pazos xa tivera unha importante traxectoria na política local, e dende o ámbito institucional traballou pola cultura

A súa primeira responsabilidade política a nivel local foi a Concellería de Persoal e Benestar Social que asumiu durante o mandato 1989-91, coincidindo con aquela xestora, presidida por Mariano Abalo, que tomou o mando no Concello tras a “movida” que se viviu no pobo de Cangas pola subida da contribución que trataba de sacar adiante Lois Pena.

Nos anos seguintes os resultados electorais fixeron que a pesar dese gran papel recoñecido por todos os axentes sociais, Pazos tivese que agardar varios anos para volver a ter unha nova responsabilidade de goberno, cando ocupou por primeira vez a Concellería de Cultura entre 1995 e 1996, na corporación encabezada por D. Euloxio López Gutiérrez (BNG).

A súa chegada ao cargo provocou un cambio radical no ámbito cultural da vila. Dende a súa mocidade, xa dera conta da súa sensibilidade coa cultura cando xunto a outros mozos e mozas de Coiro recuperaron a Escola Vella da parroquia como centro sociocultural para uso e gozo da súa veciñanza. Ademais, era un grande afeccionado ao teatro, sobre todo dende que entrara en contacto con Manuel Lourenzo en 1972, e xa participara no nacemento de multitude de colectivos como a Asociación Cívico-Cultural Xiria, o Grupo de Teatro Matamoura, o Grupo de Teatro Múa ou incluso de Teatro de Ningures. Con este último grupo chegou a interpretar a obra teatral “María Soliña” (1989) da que era autor en colaboración co director teatral asturiano Etelvino Vázquez, e posteriormente,  baixo a súa dirección, colaborou tamén como asesor literario e teatral e adaptando obras de autores como Lorca ou Moliere.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Portada do libreto editado por Teatro de Ningures en 1989 con motivo da estrea da obra de “María Soliña”.

Todo isto fixo que durante o seu desempeño político se implicase e tivese un papel moi relevante na creación de eventos culturais agora consolidados como o Canjazz, a Bienal Internacional “Arte no Morrazo“, a Conmemoración Histórica “A defensa da Vila – María Soliña” ou a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), da que foi director nas primeiras nove edicións e da número once, e que converteu a nosa vila nunha das escasas capitais de teatro en Galicia.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Precisamente, grazas a que Pazos recolleu unha proposta de Carlos Varela, ex fiscal xefe de Galicia e fillo adoptivo de Cangas, a nosa vila conta dende o ano 2016 cunha escultura dedicada a María Soliña que foi elaborada pola escola de canteiros da Deputación Provincial de Pontevedra.

Ademais, durante varios anos, como concelleiro de cultura, foi o presidente da comisión das Festas do Cristo e tamén se interesou pola actividade de diversas entidades culturais do Morrazo. Un exemplo foi a súa asistencia, xunto a outras persoas de diversos ámbitos, as reunións que organizaba o colectivo “A carón do mar”, que estaba integrado por algúns dos artistas máis relevantes do momento no Morrazo.

XOSÉ MANUEL PAZOS
Pazos intervindo durante a presentación dunha exposición do colectivo “A carón do mar” na Casa de Galicia en Madrid xunto a Manolo Coia, Manolo Pizcueta, Lito Portela, Xulio Ríos e Agustín Bastón.

Precisamente durante as Festas do Cristo, se organizaba todos os anos un concurso titulado “A pintar a Cangas“, no que se lles entregaba aos participantes o material necesario para que pintasen un cadro dalgunha localización da vila e ao final do día se concedían varios premios en diferentes categorías.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (IV) » A Illa dos Ratos

    […] anterior artigo que publicamos sobre a figura de Xosé Manuel Pazos Varela, falabamos do seu paso polo Parlamento […]

  2. Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (II) » A Illa dos Ratos

    […] do Faro de Vigo ao lado do sinal de entrada a Lubián (2020). Fonte: Faro de Vigo. SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.