AS FORMAS DE DETER O MUÍÑO PARA QUE NON MOA EN VAN
Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala e Xabier Guardado Soliño, socios de A Illa dos Ratos e Guías Oficiais de Galicia. Fotografías cedidas por Evaristo Cancelas e esquema inicial sacado do libro “Muíños de río nas terras de Pontevedra” de Ramiro Barros Justo.
O muíño foi unha máquina fundamental na vida de todos os galegos durante centos de anos
Grazas a el facíase a fariña e, posteriormente, o pan, base da alimentación. Por iso cumpría ter un muíño preto, mais construír un muíño non era doado xa que o seu mecanismo non é nada sinxelo. Requiríase de xente especializada para construílo. Tamén era importante saber manexalo xa que unha mala manobra podía estragar o muíño.
Un dos momentos máis delicados da moenda é no que o último gran cae
Hai que parar o muíño para evitar que o roce dunha pedra (moa) contra outra (pé) estrague a maquinaria. Aínda que algúns muiñeiros paraban os muíños precisamente así, baixando de todo o erguedoiro (peza que controla a separación entre a moa e o pé) para que a moa quedase “pegada” ao pé e que o rozamento intenso frease o muíño. Fácil e rápido, pero cun desgaste excesivo da moa.
Era necesario atopar un método menos agresivo. E algún deles chegou ata os nosos días.
Quizais o máis común sexa o uso do pechadoiro, unha peza de madeira que tapa a abertura por onde entra a auga no muíño -sateira-, impedindo que a auga mova o rodicio, a peza en forma de roda que, ao non recibir o empuxe da auga, non xira e, por tanto, a moa para.
O pechadoiro podía inserirse dentro da sateira ou podía poñerse diante da mesma facendo que a auga se desviase e non batese nas aspas do rodicio. Este último sistema é o que podemos ver no muíño de Fausto.


O mecanismo que accionaba o pechadoiro controlábase dende o interior do muíño. Aínda que tamén se poden atopar exemplos destes enxeños que se accionaban dende o exterior.
Nalgunhas zonas, paraban o muíño cunha táboa que se intercalaba entre a sateira e o rodicio, desviando así a auga. O funcionamento era sinxelo: Se a táboa estaba subida, a auga ía directa ao rodicio permitindo a moenda; e se a táboa estaba baixada, a auga caía na propia táboa e non no rodicio, polo que o muíño non funcionaba.

Unha variante deste sistema é converter a táboa nunha canle, de tal xeito que ao estar baixada, a auga corre por ela desviándoa do rodicio.

De todos os métodos empregados “a trampa” sería, se cadra, o sistema de parada máis avanzado
Este sistema permitía que o muíño se detivese automaticamente cando o último gran caía da moega -o recipiente situado sobre a moa onde se bota o gran-. O funcionamento era rudimentario, pero enxeñoso: introdúcese no fondo da moega unha peza de madeira atada a un cordel que pasa a través dunha roldana ata o pechadoiro. Ao encher a moega de gran, a peza de madeira quedaba atrapada no fondo debido ao peso. A medida que o gran ía caendo o peso ía diminuíndo, ata que era tan pouco o gran que quedaba que esta peza liberábase, facendo que o pechadoiro caese e, polo tanto, o muíño parase. Con este sistema o muiñeiro non estaba obrigado a unha vixilancia constante do muíño, permitíndolle compaxinar a moenda co seu traballo no campo ou calquera outra tarefa.



Liliana Cancelas Gargamala
Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Xabier Guardado Soliño
Socio de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia
-
Xabier Guardado Soliño#molongui-disabled-link
Deixa a túa resposta