UNHA CANGUESA VALENTE E DEFENSORA DOS DEREITOS DAS TRABALLADORAS
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C. A CEPA. A fotografía de Lola Rodal Blanco forma parte do proxecto “Rostros da memoria”, exposto no seu día en Cangas, e foi cedida para esta publicación polo seu autor, o fotógrafo Xurxo Lobato.
Dolores Blanco Montes (1885-1947) foi unha canguesa que tivo unha vida moi intensa, entregada ao traballo e á defensa dos dereitos das mulleres traballadoras canguesas.
Empezou a traballar dende moi pequeniña como redeira e atadeira, repasando as redes de pesca e repoñendo as boias, cortizas e chumbos dos aparellos pesqueiros e co paso do tempo tamén foi empregada na conserva.
A súa filla Lola Rodal Blanco adicou toda a súa vida defender a memoria de Dolores Blanco Montes
Dolores Blanco Montes viviu durante moitos anos no número 10 da Rúa Nova de Cangas.
Nesa mesma casa naceu no ano 1921 a súa cuarta filla chamada Lola Rodal Blanco que durante a ditadura franquista tivo que sufrir en primeira persoa o escarnio público por ser filla da “Pasionaria de Cangas” como alcumaban á súa nai.
Lonxe de sentirse avergoñada, Lola fixo todo o posible ao longo da súa vida porque a historia da súa nai non caese no esquecemento. E conseguiuno. Logo de anos de loita puido ver con orgullo como a figura da súa nai estivo moi presente nun acto que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia organizou en Santiago de Compostela no ano 2006 para homenaxear ás mulleres vítimas da represión franquista.
Unha muller que loitou polos dereitos das traballadoras
Por aquela época as mulleres eran maioría nas fábricas de conservas e nos oficios auxiliares, como a fabricación das redes, e como non podía ser doutro xeito, víronse influídas polos movementos sociais e políticos de comezos do século XX.
Dolores Blanco Montes estivo sempre moi vinculada e implicada neses movementos que defendían os dereitos dos traballadores e traballadoras. De feito, xa durante a ditadura de Primo de Rivera, foi apresada en varias ocasións por participar en distintas mobilizacións onde se denunciaban os abusos que cometían os patróns coas súas empregadas.
Tamén se reivindicaban cousas que hoxe en día nos parecerían tan razoables como o establecemento de melloras salariais ou dunha xornada laboral de 8 horas.
Neste sentido a realidade era bastante dura xa que as atadeiras de Cangas traballan as veces ata 13 horas ao día con soldos moi baixos, cando no lado sur da ría as empregadas traballaban 8 horas e cobraban máis.
Dolores Blanco Montes participou da creación do sindicato de mulleres “A Reivindicadora”
En xaneiro de 1935, ao amparo dun clima máis propicio para esas demandas pola chegada da II República, xurdiu de maneira natural o sindicato feminino Sociedade de atadeiras e conserveiras “A Reivindicadora”.
Esta agrupación nacía afiliada á UXT e defendía unhas ideas próximas ao Partido Comunista que por aqueles tempos xa tiña unha presencia efectiva en Cangas. Dolores Blanco Montes non dubidou en asumir xunto a Olivia Calvar a co-presidencia desta nova institución que tería inicialmente a súa sede no barrio de O Forte.
As primeiras actividades do sindicato centráronse en tratar de establecer, sen moito éxito, unha mesa de diálogo cos armadores e fabricantes para lograr a sinatura dunhas bases de traballo, é dicir, dun convenio colectivo.
Tamén denunciaron publicamente os abusos acontecidos ás obreiras das conserveiras ou os despidos que os empresarios ordenaban cando alguén protestaba por situacións a todas luces inxustas dende o punto de vista laboral.
Nunha das mobilizacións producíronse graves altercados. Presentáronse denuncias por insultar e acantazar a varias obreiras da fábrica de Eiroa, e unha vez máis, acabaron por deter a Dolores Blanco Montes que naqueles intres era a presidenta das traballadoras das conserveiras.
“A Reivindicadora” conseguiu traer a Dolores Ibárruri “A Pasionaria” a un acto en Cangas
O 11 de novembro do 35 “A Reivindicadora” organizou un acto público no local da Alianza Mariñeira ao que acudiu “A Pasionaria” (Dolores Ibárruri) que deu un gran discurso recibido con moito entusiasmo e cariño tanto polas mulleres do sindicato como dalgúns militantes comunistas cangueses e da contorna.
Este mitin inspirou ás integrantes da Reivindicadora ata o punto de que como vían que coas súas mobilizacións non conseguían a ansiada xornada laboral de 8 horas, decidiron en asemblea non traballar ata que a sociedade de armadores polo menos lles aumentase o xornal.
Esta gran folga supuxo a consagración da muller na vida sindical e política de Cangas. Iniciouse o 17 de decembro do 35 e rematou en marzo do 36, véndose afectados 23 establecementos pola acción dunhas 130 folguistas.
Durante este período existiu unha gran confrontación entre as asociadas ao sindicato e as non asociadas, que non querían secundar a folga, pero aínda así foi todo un éxito.
Co alzamento militar do 1936 “A Reivindicadora” foi disolta e Dolores Blanco Montes detida
Tanto “A Reivindicadora”, sindicato das atadeiras e empregadas das conserveiras, como “A Alianza Mariñeira de Cangas”, que agrupaba aos mariñeiros da vila, foron disoltos co alzamento militar de 1936.
A nosa protagonista non se librou das represalias por ter pertencido a eses movementos sociais. Sabémolo grazas ao que contaba a súa filla Lola Rodal Blanco: “Despois do alzamento, os falanxistas patrullaban o centro de Cangas polas noites meténdolle medo a xente. A noite do 11 de agosto de 1936 non se me olvidará na vida. Presentáronse de madrugada na nosa casa con intención de levar a miña nai. Estaba soa coa miña irmán máis eu porque meu José Rodal Lanzós “O Marrixo”, activista da “A Alianza Mariñeira”, xa fóra detido”.
Coa escusa de levala a declarar ao cuartel da Garda Civil, sacaron a Dolores Blanco Montes da casa descalza e cuberta unicamente cun mandilón. De camiño ao coche observou que había outra rapaza dentro e isto a fíxolle sospeitar que a cousa non era como lle dixeran. Preguntou e os gardas dixéronlle que ían a levalas a Pontevedra e sen máis explicacións iniciaron a viaxe.
O coche parou moito antes, concretamente nunha curva de Mogor, preto do edificio do matadoiro que aínda se conserva a día de hoxe. Un dos gardas sacou do coche a outra rapaza, adentráronse no monte e de súpeto escoitouse claramente un berro desgarrador e un disparo.
A pobre Dolores estaba asustada. Tiña claro que se a outra rapaza fóra asasinada había moitas posibilidades de que ela correse a mesma sorte. Nese intre, o outro garda, que a coñecía, cruzou unha mirada con ela, agarrouna e disparoulle nun brazo mentres lle dicía “marcha para Cangas, camina, camina”. Ela fíxolle caso inmediatamente e escapou coma un lóstrego.
Os días seguintes foron moi duros porque ademais de estar ferida tivo que vagar polos montes sen comida, con sono, febre e bebendo dos regatos.
Buscaba o camiño de volta á súa casa pero sabía que non podía achegarse aos núcleos habitados porque os falanxistas seguramente correrían o voz sobre “unha muller perigosa que escapara da Garda Civil e que vagaba polo monte”. Posiblemente incluso dirían que ía armada para xustificar un posible disparo contra ela, co cal calquera descoñecido que a detectase podería entregala por medo.
Dolores Blanco Montes recordou que preto de onde se atopaba vivía unha rapaza que traballara con ela na fábrica. Moveuse sixilosamente hasta que a atopou e conseguiu convencela de que a axudase indo ata Cangas para avisar a súa familia da súa desesperada situación.
Unha vez recibida a noticia, os seus familiares argallaron un plan para traela de volta. Falaron con un home alcumado o “Piñeireiro de Loira” que repartía gaseosas polo Morrazo nun coche de cabalos e o convenceron para que a metese agochada entre a mercancía. Despois das penurias vividas durante eses tres días, por fin Dolores Blanco Montes volvía a Cangas e se escondía na casa duns familiares en Síngulis.
Pero os falanxistas se enteraron do seu regreso e non ían deixar as cousas así. Voltaron a por ela a noite seguinte e grazas a intervención de algúns veciños esta vez só lle tomaron declaración aínda que decidiron que a partir do día seguinte ía a ter un garda día e noite na porta da casa familiar.
Un par de meses despois decidiron prendela e levala para a Escola Normal de Pontevedra que despois do alzamento fora habilitada como cárcere. Alí estivo durante un ano e medio ata que foi xulgada en Consello de Guerra e condenada por rebeldía a 12 anos e 1 día. Como era costume a pena tería que cumprila lonxe da terra. No caso de Lola foi enviada ao penal de mulleres de Saturrarán (Guipúzcoa), atendido por monxas.
Mentres estivo no cárcere o seu compañeiro José Rodal Lanzós estivo preso en San Simón e logo no Forte de San Cristóbal en Pamplona. Un dos seus fillos foi asasinado, outro fillo tivo que marchar ao exilio e as súas fillas pequenas tiveron que traballar arreo para enviarlles comida ao cárcere aos seus pais.
En 1942 foille conmutada a pena por motivos de saúde. De retorno a súa casa quixeron desterrala a 60 km de Cangas tendo que mediar a familia para que esta medida quedara sen efecto. Enferma de diabetes tras a súa longa estancia en prisión e ante as condicións ás que estivo sometida, morreu a idade de 62 anos en 1947.
Como consecuencia da guerra chegou a fame e a miseria a Cangas. As mulleres máis novas nun contexto social moi diferente tiveron que deixar a un lado ese carácter reivindicativo e se conformaban con ir a servir a Vigo ou a traballar con salarios moi baixos nas fábricas de conservas ou de atadeiras.
A historia de Dolores Blanco Montes e a súa filla Lola Rodal é un exemplo dunha etapa de represión no noso país que debería coñecer toda a xente de Cangas para que algo así non volva a repetirse nunca máis.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
2 comentarios
Patricia
Muchas gracias por vuestros artículos; especialmente artículos como éste!
Carmela karmela.vazquez.gonzalez@gmail.com
Moi bo artigo. Non tiña coñecemento desta muller e da sua loita sindical e feminista. Todo un exemplo aínda a día de hoxe.
Gracias polo artigo!