O FUNCIONAMENTO DUN MUÍÑO DE RÍO

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala. Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia.

Os muíños de río son aparellos que empregan a forza dun río ou regato para poder moer

O seu funcionamento é sinxelo e complicado a un tempo: primeiramente, a auga ten que ser desviada do curso natural do río para conseguir un caudal controlable.

Para iso constrúese unha canle de pedra que pode ter distintas lonxitudes dependendo do arredado que estea o muíño do río. Nos ríos con pouco caudal a auga é represada para obter a cantidade suficiente antes de ser conducida pola canle para mover o muíño. No caso de que haxa demasiada auga, a canle conta cunha fendedura lateral (aliviadoiro) para que poida rebordar.

Ao chegar ao muíño a auga pasa por unha especie de grella (gradicela) que serve para coar a auga e que quede libre de paus ou doutros obxectos que poidan estragar o muíño. A última sección da canle está inclinada para que a auga baixe con forza e pase pola biqueira, unha peza de pedra ou madeira (sateira) estreita para que a auga saia aínda con máis presión, regulando o caudal que finalmente accionará o rodicio.

O auga move o rodicio e se pon en marcha o muíño

Esta peza é fundamental. Trátase dunha roda horizontal de ferro ou madeira con raios en forma de “culleres” que ao ser golpeados pola auga que cae pola canle pon en marcha o resto dos elementos do muíño: primeiro o eixo vertical (vara) que traspasa o movemento do inferno (planta inferior do muíño) ao tremiñado (planta superior) para mover a capa, peza de pedra circular que xira sobre o (que está fixado ao chan e non se move) triturando o gran ao rozarse estas dúas pezas cunha distancia perfectamente calculada.

Só resta xa introducirmos o gran na moega, un caixón de madeira, pendurado do teito, con forma de pirámide invertida, que conduce o cereal ata a quenlla, unha pequena canle de madeira unida a un ou varios cacarexos.

Estes son unhas simples varas que ao estar en contacto coa moega e a capa, fan que a vibración desta última ao xirar faga tremer a moega, provocando a caída do gran no ollo da moa. Non cae ao inferno porque o eixo conta cunha peza de ferro ou madeira (buxa) que o impide.

Está todo pensado. Así, desde o centro, o gran irase distribuíndo entre as dúas pedras do muíño, a capa e o pé, para irse moendo e converterse finalmente na desexada fariña.

A fariña resultante, nos muíños máis modernos, pode ser recollida nun caixón que rodea a capa ou, tradicionalmente, caer ao chan do tremiñado, de onde se varrerá. Pero non toda a fariña resultante ten a mesma calidade. Podemos obter: 

  • Óleo, que é a que queda máis preto da maquinaria, a máis fina e branca (por iso se usaba para as papas dos nenos)
  • Míllara ou farelo, a que cae algo máis lonxe do pé, que non é tan fina
  • E por último, o picón, a que cae máis lonxe do muíño, grans machucados pouco apreciados que conteñen restos de casca, usados sobre todo para alimento dos animais.

Unha vez rematada a moenda, había que parar o muíño. Para iso contábase con diversos métodos, entre eles o pexadoiro, que é unha peza habitualmente de madeira que impide o paso da auga ata o rodicio detendo deste xeito tamén o movemento da capa.

Redacción A Illa dos Ratos
+ artigos
Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Un comentario

  1. A trampa do muíño » A Illa dos Ratos

    […] Por iso cumpría ter un muíño preto, mais construír un muíño non era doado xa que o seu mecanismo non é nada sinxelo. Requiríase de xente especializada para construílo. Tamén era importante […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.