O GRAN RESPONSABLE DA MEMORIA FOTOGRAFÍCA DE CANGAS NA SEGUNDA METADE DO SÉCULO XX

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías subministradas por Margot Hernández Peleteiro, viúva de Santoro.

José María Pérez Santoro naceu en Cangas o día 20/09/1941 e foi un neno con inquedanzas, emprendedor e con iniciativa

José María Pérez Santoro era o fillo maior do matrimonio formado por Amelia Santoro Camaño, ama de casa, e de José María Pérez Barros, un home que chegou a ser alcalde de Cangas entre 1957 e 1963 e que traballaba como contable na conserveira de Cervera.

A diferencia dos seus irmáns María Jesús, Rafa e Javier, o pequeno José María era un neno inquieto, con espírito emprendedor e cunha grande capacidade para innovar, cualidades que tamén caracterizaban ao seu avó materno e que lle servirían no futuro para converterse nun home moi polifacético.

Tamén demostrou ter unha gran sensibilidade artística, de feito con tan so oito anos, cando estudaba nun colexio de Xesuítas, comezou a debuxar e a pintar de forma autodidacta, e con doce primaveras realizou a súa primeira exposición.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Recordo da primeira comuñón de Santoro.

Cando se xuntaba cos seus amigos da infancia, entre os que estaban Morocho, Lolo Lago ou Julio, o pequeno José María destacaba entre eles polas súas inquedanzas e porque era o que non se conformaba con aquela precariedade que asolaba a sociedade canguesa da posguerra. 

Sempre facía por buscarse a vida, organizaba plans e atopaba o modo de mellorar as cousas empregando os poucos recursos que tiña ao seu alcance. Se non había medios económicos para grandes viaxes, unha excursión pola contorna coa familia ou cos amigos podía ser unha gran aventura e por iso en máis dunha ocasión teñen ido andando ata Cabo Home para gozar do lugar, acampar alí e comer o que pescaban. 

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
José Cidoncha, Morocho, Pepé, Julio e Santoro en primeiro plano.

José María Pérez Santoro fixo o servizo militar en Getafe, a localidade onde o seu tío era Tenente Coronel de Aviación

Antes de cumprir o servizo militar no Destacamento da Aviación na localidade madrileña de Getafe, Santoro xa tivera o seu primeiro contacto co mundo da fotografía a través duns cursos a distancia.

Aspiraba a ter unha “mili” o máis cómoda e tranquila posible e por iso escolleu como destino o lugar onde o seu tío era Tenente Coronel de Aviación, pero unha vez alí, grazas aos coñecementos que tiña sobre fotografía, non desaproveitou a oportunidade de ser un dos encargados de montar o laboratorio fotográfico do Exército do Aire.

Nese tempo tamén se adicaba a pintar, simplemente por afección, e coa súa arte e o seu carácter foi gañándose a admiración e respecto dos seus compañeiros, e con moitos deles logrou facer amizade e compartir moitas experiencias enriquecedoras. 

Tras licenciarse, José María Pérez Santoro matriculouse na Real Academia de Belas Artes de San Fernando e traballou polas noites nos estudos do produtor de cine Samuel Bronston

Logo de rematar o servizo militar, Santoro matriculouse na Academia de Belas Artes de San Fernando e durante eses anos nos que residiu en Madrid, compaxinou os seus estudos cun traballo pola noite nos estudos de gravación e nos laboratorios fotográficos que o produtor de cine norteamericano Samuel Bronston posuía en Las Rozas.

Alí formou parte dun dos equipos de foto fixa, colaborando na dirección fotográfica de varias películas que se estaban rodando en España naqueles tempos como: “55 días en Pekín” (1963), “La caída del Imperio Romano” (1964) ou “El fabuloso Mundo del Circo” (1964), o que lle supuxo sumar unha importante experiencia para a súa carreira.

Nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia tras a súa xubilación, Santoro lembraba unha anécdota que precisamente lle sucedeu durante a rodaxe desta última película. Como estaba traballando na quenda de noite, remataba sobre as oito da mañá e tiña a costume de marchar para descansar nunha pensión.

Aquel día, cando acababa de entrar pola porta, recibiu unha chamada para preguntarlle se tiña unha cámara fotográfica a man porque urxía sacar unhas fotografías e non había ninguén dispoñible para facelas.

Santoro, consciente da oportunidade que se lle presentaba, colleu rapidamente a súa cámara “Retinete” e se presentou co resto do equipo na dirección que lles indicaron onde se atoparon nin máis nin menos que coa gran Claudia Cardinale. Santoro quedou tan sorprendido que a propia actriz tivo que axudarlle a facer aquelas fotos que posteriormente serían empregadas na promoción do devandito filme.

Aquel era un traballo moi interesante e creativo para Santoro e ademais lle reportaba un salario de 20.000 pesetas á semana, unha importante cifra para aqueles tempos. Grazas a iso puido mercar a súa primeira cámara profesional, unha “Hasselblad, considerada entre as mellores marcas da época e que era moi coñecida por terse empregado para realizar as fotografías da primeira alunizaxe da historia durante a misión do Apolo XI de 1969.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Instantánea tomada en Madrid durante a súa etapa traballando para Samuel Bronston.

Cando Samuel Bronston pechou os seus estudos en Madrid, Santoro decidiu probar fortuna durante un tempo en París e logo regresou para montar o seu propio estudio de fotografía

Como nas produtoras españolas o salario era moito máis baixo, cando Samuel Bronston pechou os seus estudos en Madrid, Santoro decidiu probar sorte en París.

Atopouse coa incomprensión dos seus pais, pero seguindo o seu instinto emprendeu igualmente aquela nova experiencia, aínda sendo consciente que as cousas lle resultaría máis complicadas sen o seu respaldo.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Santoro en París coa Torre Eiffel ao fondo.

Foi unha época na que o noso protagonista pasou bastantes penurias e necesidades. Pintaba cadros nas rúas que logo vendía entre veciños e visitantes e tamén compaxinaba diferentes traballos, entre eles o de entregar as cinzas dos defuntos as súas familias no cemiterio de Montmartre. A pesar de todo, o nivel de vida na cidade parisina era tan alto que incluso pluriempregado so conseguía recursos para sobrevivir, as veces cun simple bocadillo que se convertía na súa comida e cea.

Como non quería darlle argumentos aos seus pais para que lle dixeran que se equivocara, nunca lles contou que estaba pasando fame. A súa tía Berta, que traballaba na gardería de Massó, sabía a verdade e lle mandaba de vez en cando 20 pesetas que aínda que non lle arranxaban os seus problemas, canto menos facíallos máis levadeiros, e quizais por iso aguantou medio ano alí antes de regresar a Galiza e abrir un estudo de fotografía.

A pesar da situación complicada que viviu, José María gardaba un bo recordo da súa estancia na capital francesa e sempre dicía que se puidese regresar atrás no tempo, volvería a repetir a experiencia sen dubidalo.

De feito, cando cumpriu as vodas de ouro viaxou a París coa súa esposa Margot, e a súa ilusión non era visitar os típicos lugares turísticos aos que vai todo o mundo, senón ir na busca daquelas rúas nas que se sentaba a pintar, ver a súa evolución e compartir con ela as súas historias e recordos.

JOSÉ MARÍA PÉREZ SANTORO
Santoro sentado na terraza dunha cafetería en París.
Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Suso "Caramuxo", historia viva de Cangas (VI) » A Illa dos Ratos

    […] realizó un par de cursos de decoración acompañado de su gran amigo José María Pérez Santoro y luego trabajó un tiempo como decorador de interiores y […]

  2. Suso "Caramuxo", historia viva de Cangas (VI) » A Illa dos Ratos

    […] fixo un par de cursos de decoración acompañado do seu gran amigo José María Pérez Santoro e despois exerceu durante un tempo como decorador de interiores e […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.