POLÍTICO, MESTRE E ACTIVISTA CULTURAL, COMPROMETIDO SEMPRE COA LINGUA E A CULTURA GALEGA (V)
PARTE 5. Un inesperado desenlace e unha merecida homenaxe antes de pasar a formar parte da memoria colectiva do pobo de Cangas para sempre.
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.
“Escribín e dixen moitas veces, porque así o penso realmente, que as persoas que desenvolven un traballo importante neste mundo non desaparecen para nada cando lle chega o seu fin, xa que queda a pegada. Depende da fondura desa pegada que a súa lembranza permaneza máis ou menos tempo e en máis ou menos xente”.
Xosé Manuel Pazos Varela
A súa última entrevista concedeulla a un alumno do CEIP A Rúa
A pesar da carga adicional que supoñía gobernar en minoría e do seu estado de saúde, como contabamos no anterior artigo, Pazos continuaba desempeñando cada día a súa función de rexedor municipal. De feito, uns días antes do seu falecemento, concedeu unha entrevista a un alumno de 5º curso do CEIP A Rúa na que se mostrou moi próximo co seu interlocutor.
Confesoulle que estaba encantado de ser alcalde porque aínda que era un labor moi intenso, lle permitía tomar decisións que podían facerlle a vida máis fácil a todos os habitantes da vila e traballar para que tivesen acceso a servizos que el entendía básicos como o saneamento, as infraestruturas, ou os servizos sociais, culturais e educativos.
Facendo balance da súa traxectoria, recordaba a súa investidura como alcalde de Cangas no 2015 tras o pacto de ACE con BNG e ASPUN como o seu mellor momento político e o fracaso do cuadripartito no 2019 como o máis decepcionante.
Incluso tivo tempo para contar que pensaba xubilarse no ano 2023, con 65 anos e 44 cotizados ao longo da súa vida laboral, para dedicarse as outras cousas que o facían feliz. Lamentablemente non puido cumprirse o seu desexo e a morte o sorprendeu cando ninguén o esperaba.
O triste desenlace sucedeu de xeito inesperado poucos días despois de recibir boas novas sobre a súa saúde
Nunha revisión que lle fixeran o 14 de xaneiro, Pazos recibira moi boas novas sobre a súa evolución. A ledicia que o invadía era tan grande que non dubidou en publicar a través de twitter unha mensaxe tranquilizadora dirixida a todos os seus seguidores: “Despois dun par de meses digamos que duriños, hoxe recibín boas noticias sobre a saúde (aínda que isto, como se sabe é unha ruleta rusa á que apostamos cada día). E desde aquí aproveito para mandarlle un abrazo inmenso a Isaura Abelairas e outras loitadoras que navegan bravamente por augas semellantes. Ánimo, que avanzamos“.
Mais o que parecía un novo paso de cara a unha total recuperación, non foi máis que un espellismo e poucos días despois, atopouse indisposto e tivo que quedar ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro.
A pesar do seu estado, continuou traballando ata o último momento. O propio luns 25 pola mañá estivo firmando contratos e realizando trámites dende a súa cama do Hospital Álvaro Cunqueiro, polo que nada facía presaxiar o fatal desenlace pero finalmente a primeira hora da tarde marchou, sen sufrimento, co seu polgar erguido, un xesto moi característico de seu.
Tras o seu falecemento, o Concello acordou facer o velorio no salón de plenos, por onde pasaron moitas persoas a pesar das restricións existentes pola COVID-19
A nova da morte de Pazos comezou a circular por Cangas. A corporación municipal actuou con rapidez e ademais de decretar tres días de loito oficial e poñer as bandeiras dos edificios municipais a media hasta, decidiu, co consentimento da familia, que se organizase o velorio do cadáver no salón de plenos e que o féretro estivese escoltado en todo momento por membros da Policía Local.
A pesar das restricións que existían pola COVID-19, alí congregáronse centos de persoas. Entre os asistentes había familiares, amigos e veciños pero tamén acudiron compañeiros de todos os grupos políticos e representantes de diferentes institucións públicas.
Nos típicos faladoiros que se forman neste tipo de actos, estaban entre outros os alcaldes das outras vilas do Morrazo (Leticia Santos e Félix Juncal), a presidenta da Deputación de Pontevedra (Carmela Silva), o alcalde de Vigo (Abel Caballero) ou o presidente do Parlamento de Galicia (Miguel Santalices).
Tamén asistiron representantes dos centros educativos, de colectivos culturais e deportivos, do mundo do xornalismo e moitos dos traballadores e funcionarios municipais, que lle tiñan moito cariño e entre os que deixaba tan bo recordo que algún deles aínda se refire hoxe a súa figura como “o meu alcalde”.
Unha vez pechado o velorio, o cadaleito, cuberto coa bandeira de Galicia, saíu do Concello a ombros da Policía Local, entre aplausos, mentres soaba o Himno de Galicia e posteriormente o corpo recibiría sepultura no cemiterio de Coiro.
Pazos foi homenaxeado a título póstumo na 38 edición da MITCF e varios colectivos impulsaron unha iniciativa popular para que o auditorio de Cangas levase o seu nome
Como era de esperar, algún tempo despois do falecemento de Pazos, comezaron a sucederse as merecidas homenaxes. Entre elas, poderiamos destacar a que lle fixeron os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cangas, que o nomeou “voluntario honorífico” polo seu papel na coordinación nos momentos críticos da pandemia da Covid-19 a pesar da súa enfermidade ou a homenaxe política celebrada a finais de setembro no auditorio de Cangas na que interviron persoas que compartiran con el traxectoria política como o seu amigo Alfonso Marcos, Daniel Costas (militante de EdeG), Abel Caballero (alcalde de Vigo e compañeiro da etapa no Parlamento de Galicia), Euloxio Santos Leites (cofundador de INMO) ou Aurora Prieto.
Pero a homenaxe da que Pazos seguramente estaría máis orgulloso celebrouse coincidindo coa 38 edición da MITCFC, na que se incluíron varias actividades para poñer en valor a súa figura no ámbito teatral. Iso axudou a impulsar a iniciativa que xa estaban preparando varios colectivos da vila para que o auditorio municipal pasase a levar o seu nome, algo que se fixo realidade soamente un ano e cinco meses despois da súa morte.
Aquel día, moitas persoas anónimas, personalidades de diversos ámbitos e colectivos culturais de todo o Morrazo, reuníronse para recordar nun acto moi emotivo a figura de Pazos e darlle oficialmente o seu nome a un auditorio municipal que se inaugurara en outubro de 2001 logo dun longo proceso de reivindicacións por parte dos colectivos culturais da vila que ata ese momento vagaban por escolas, pavillóns ou tiñan que alugar locais privados para realizar os seus ensaios, e que supuxo o pulo que necesitaba o pobo para consolidar toda esa efervescencia cultural.
Que mellor forma de homenaxear a este grande home, que pasará a memoria colectiva do pobo de Cangas como un home honesto, honrado, que dedicou moito do seu tempo ao servizo público e que nos demostrou que a cultura e a política, xuntas, poden ser dúas potentes armas para mellorar a vida da xente.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
2 comentarios
Xosé Manuel Pazos Varela, un hombre de cultura, honrado y generoso (IV) » A Illa dos Ratos
[…] de Xosé Manuel Pazos realizada por Suso «Pelotas» (Xuxo). SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE […]
Xosé Manuel Pazos Varela, un home de cultura, honrado e xeneroso (IV) » A Illa dos Ratos
[…] de Xosé Manuel Pazos realizada por Suso “Pelotas” (Xuxo). SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE […]