A EVOLUCIÓN ARQUITECTÓNICA DA IGREXA DE SAN MARTIÑO 

Texto elaborado por Manuel Uxío García Barreiro , cronista oficial da Vila de Moaña e Xabier Guardado, socio de A Illa dos Ratos e Guía oficial de Galicia.

A actual torre-campanario da igrexa de San Martiño, de estilo barroco, é moi posterior ao campanario que existía orixinalmente sobre o cumio da fachada da nave principal románica do templo

Cando observamos a fachada da igrexa de San Martiño, unha das cousas que chama a atención é a diferencia que hai entre a pedra que rodea a portada e a da zona superior, preto do cumio.

Parece que a zona foi reformada. Algo nada raro, xa que un templo do século XII é difícil que chegue aos nosos días intacto, sen reforma algunha da súa estrutura.

Se investigamos, as nosas sospeitas teñen unha primeira base sólida no texto que o visitador pastoral fixo chegar á parroquia de San Martiño de Moaña no ano 1757, no que se facía referencia ao estado ruinoso do campanario. Alí recórdaselle ao párroco que:

Y atendiendo a que la espadaña de las campanas amenaza próxima ruina y que en la visita del I. S. D. Cayetano Gil Taboada se mandó hacer otra nueva, lo cual no tuvo efecto por la falta de caudales de la fábrica y cofradías que aún no tienen lo bastante para ornatos y más necesario para el culto divino …

AS REFORMAS BARROCAS DA IGREXA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA
Foto de Manuel Uxío.

Aí está. Confirmamos que o templo tiña unha espadana, é dicir, un campanario sobre o cumio da fachada, evidentemente non a torre-campanario actual, que sendo de estilo barroco, é moi posterior ao románico da nave principal do templo.

Se seguimos indagando, semella que daquela o párroco si atendeu as demandas do visitador e xuntou os cartos necesarios para acometer o derrube da dita espadana e construír o actual campanario. O diñeiro proviña do propio párroco, da Universidade de Santiago e dunha dignidade da igrexa compostelá que eran os que recibían os décimos eclesiásticos dos veciños de Moaña. Con todo, o visitador aínda fixo constar na acta correspondente o seguinte:

… persuadimos y exhortamos a los feligreses concurran con los carretos y mas necesarios.

Durante estas obras, foi substituída tamén a seteira románica orixinal (típica xanela alongada e estreita da época) por unha xanela rectangular, aumentando así a claridade no interior da igrexa. Sorprendentemente, un anaco desta seteira apareceu enterrada debaixo dos chanzos da escaleira de acceso á portada principal durante a súa reforma, a comezos do século XXI.  

AS REFORMAS BARROCAS DA IGREXA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA
Anaco dunha columna con capitel románico, procedente da seteira medieval da fachada do templo. Foto de Manuel Uxío,  tratada con técnicas fotogramétricas por Antonio Costa.

Pero a principal reforma barroca da igrexa de San Martiño estaba aínda por chegar da man do mestre canteiro Esteban de Sobreira

O tamaño da igrexa debía ser proporcional á poboación á que dá servizo. Pero no século XVIII a expansión demográfica xeral tamén se deu en Moaña, e xa daquela un representante do arcebispo de Santiago fixo notar que o templo románico de San Martiño non tiña capacidade abondo para acoller a unha poboación en claro aumento. Así que o arcebispo mandou que desde a parroquia lle fose remitido un deseño que servise de base de cara á ampliación do templo.

Aprobado o deseño proposto, asinouse un contrato de obras de cantaría, diante do escribán Portomariño de Cangas, o 24 de febreiro de 1763, no que interviñeron o cura ecónomo de Moaña e Señor de Paxarín D. Pedro Benito Avalle Mariño e o arquitecto e mestre de obras do Hío Esteban de Sobreira. Nel indícase textualmente que se debía acometer canto antes a reforma pois:

… [la Iglesia] se halla lo bastante deteriorada y arruinada, motivo que en ella no se pueda oír misa, ni hacer los demás divinos oficios con la decencia y capacidad que se necesita, además de ser corta para el vecindario, por cuya razón, las misas que se celebran por la mañana en los días festivos […] no pueden oírlas cómodamente […] dimanado de la cortedad y poco cupo de esta Parroquia, como queda significado con acuerdo y certificación de los feligreses.

AS REFORMAS BARROCAS DA IGREXA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA

Baseándose nos apuntamentos do libro de fábrica parroquial e comparando con igrexas próximas como San Xoán de Tirán, Santa María de Cela ou Santo André do Hío, José Manuel González Pérez, veciño de Abelendo, elaborou este estupendo debuxo da aparencia que debía ter a igrexa de San Martiño antes das reformas barrocas.

Por sorte para nós, Portomariño tivo a ben deixarnos para a posteridade os detalles de como se debían levar a cabo as obras de reforma. Todo un detalle que nos axuda a entender como se encaraban unhas obras deste tipo naquela época:

Primeramente el dicho Esteban de Sobreira por si y sus oficiales ha de serrar la frontera de la contenida Parroquial Iglesia, en primer lugar igual de las aguas como se halla, a correspondencia y satisfacción de la obra, bien entendido, que desde encima de la portada mayor está el remate que ha de ser con penales, labrados, y escodados de cantería, como todo lo demás su cruz de bulto al último, con su espejo al medio haya de reedificar enteramente y aplomo emparejando con la torre nueva que hoy se halla y desde dicha portada abajo la haya de blanquear a pico, a efecto de que todo quede a un mismo modo = Ytem que se haya de hacer la capilla mayor y las dos a cada lado suya según la planta comunicada por su señoría Illma., dando las dieciséis cuartas de longitud al delantamiento de la Parroquia, como lo contiene la referida Planta = Item que las tres capillas han de ser de bóveda, haciéndose nueva Sacristía, que esta ha de ser correspondiente a la presentada Parroquia, aunque no de bóveda, quedando al cargo del mismo Esteban las maderas que se necesiten …

AS REFORMAS BARROCAS DA IGREXA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA
Foto  de  Manuel Uxío.

Máis adiante, no mesmo documento, dános máis información interesante:

 …ha de mudar el cementerio que se halla a la parte del vendaval y ponerlo de la misma manera en el otro sitio que se le señale, quedando de cuenta del mismo Esteban toda la Cal y más que corresponda, para las paredes y Bobedas, a excepción del barro, Carretos, y abrir Zimientos, que en esto han de concurrir los feligreses.

Como vemos, no século XVIII foi trasladado o cemiterio do lado sur da igrexa ao lado norte, onde estivo até os anos 40 do século XX. E, por suposto, queda constancia tamén de como os moañeses da época tiveron que traballar de balde para abrir a cementación e carretar materiais.

As obras de albanelería de Esteban de Sobreira foron un éxito pero fixeron necesaria unha reforma das obras de carpintería da parte románica que non serían sufragadas polo arcebispo, senón a conta dos cartos que Lorenzo de Paredes

O modelo artístico-arquitectónico utilizado por Esteban de Sobreira tivo éxito e hoxe en día aínda o podemos ver non só en Moaña, senón tamén nas cabeceiras das igrexas de Santo André do Hío e de Santa María de Darbo. Unha simple ollada ás tres deixa claro que, sen ser iguais, seguen un mesmo esquema. As tres son obra de Esteban de Sobreira, veciño do Hío.

Volvendo a San Martiño, estas obras de albanelería tiveron como consecuencia unha reforma das obras de carpintería da parte románica. Nun documento, feito polo escribán de Paxarín D. Antonio Rubiños o 11 de agosto dese 1763, indícase que as obras de carpintaría precisadas para complementar as de cantaría contratáronse co mestre carpinteiro de Santomé de Piñeiro, Pedro Gago de Mendoza:

en la conformidad como se reconoce el artesonado viejo, el que se ha de reedificar a satisfacción, por estar la mayor parte de él y tablas de que se compone, pontones y guarda polbos, con su armazón bastante deteriorado y podrido; […] esta dicha obra de carpintería se haya de hacer con maderas nuevas y de castaño.

Este será o artesoado que chegará até 1936, ano no que un incendio o deixa inservible e é substituído por outro de piñeiro, que só durará até 1974, ano no que o avanzado deterioro obrigaba a unha remodelación que, por falta de fondos, acabou sendo o actual teito de formigón armado.

Todas estas obras de reforma non foron sufragadas polo arcebispo, senón a conta dos cartos que Lorenzo de Paredes, un veciño de Moaña, deixou á confraría do Rosario tras a súa morte sen descendencia na emigración, concretamente en Bogotá (Colombia).

Os nomes de D. Pedro Benito de Aballe y Mariño e de Lorenzo de Paredes quedaron inmortalizados nunha inscrición no ático do retablo da Virxe do Rosario, como responsables das obras de reforma e alongamento da igrexa de San Martiño

Queda claro que nas obras barrocas da igrexa de San Martiño tiveron unha intervención moi destacada dous personaxes senlleiros da freguesía: o crego propietario do que el empezou a chamar Pazo de Paxarín, D. Pedro Benito de Aballe y Mariño; e o emigrante do Casal Lorenzo de Paredes.

Un foi o encargado de dirixir e controlar as obras na súa parroquia, e sen os cartos doados polo outro ningunha destas obras tería sido posible. Os seus nomes quedaron inmortalizados nunha inscrición no ático do retablo da Virxe do Rosario, como responsables das obras de reforma e alongamento da igrexa de San Martiño.

As inscricións que se poden ler, son as seguintes:

SUMPTIBUS DMINI. LAURENTII DE PAREDES

(Pola conta do señor Lorenzo de Paredes)

VICECURA PEDRO BENEDICTO AVALLE Y MARIÑO,  ANNO SALUTIS MDCCLXX

(Vicecura Pedro Bieito Aballe e Mariño, ano da saúde 1770)

AS REFORMAS BARROCAS DA IGREXA DE SAN MARTIÑO DE MOAÑA
Foto de Manuel Uxío.

Do legado e vida de Lorenzo de Paredes, moañés emigrado en América, haberá que tratar noutra ocasión.

Xabier Guardado Soliño
+ artigos

Socio de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Manuel Uxío García Barreiro

Cronista Oficial da Vila de Moaña.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.