CASA DA BOLA_Fachada Lu

TESTEMUÑA DA EVOLUCIÓN E A HISTORIA DA VILA DE CANGAS

Texto elaborado por Beatriz Iglesias Barreiro, técnico de turismo. A fotografía do inicio é de Lucía Sotelo Nogueira, socia de A Illa dos Ratos e as fotografías incluídas no texto foron cedidas polos descendentes da familia que residiu durante anos na Casa da Bola.

Vivenda de uso turístico. Reservas no 664192365 (Beatriz Iglesias)

A popular Casa da Bola é unha desas construcións que forman parte da vida de Cangas, como o “Reló”, a Praza de Abastos, a Igrexa ou mesmo a Capela do Hospital. Ao longo do tempo, todas elas viron pasar a vida dos cangueses e canguesas e foron testemuñas de moitas historias, así como do crecemento da vila.  

Constitúe unha das construcións que perduran no tempo, gardando case a súa fisionomía orixinal, presidida na súa coroación por un reloxo de sol e por unha “bola”, por iso o seu nome, e é unha das mellor conservadas tanto exterior como interiormente.

A Casa da Bola está situada en pleno centro, na fermosa e sempre concorrida rúa Eugenio Sequeiros, dende onde foi testemuña do crecemento e evolución da Vila de Cangas

A rúa adicada a Eugenio Sequeiros era a antiga zona de paseo da vila ata que nos anos oitenta se construíu a Alameda Nova ou Xardíns do Señal, en contraposición á Alameda Vella ou Xardíns de Soage.

Cangas medrou en poboación e, dalgunha maneira, tiña que medrar fisicamente para poder acoller ese crecemento, e así foise gañando terreo ao mar. Alá quedou a antiga ribeira que conformaba a “praia do Señal”, un gran areal que ía dende a zona do peirao ata Rodeira, alterado unicamente polo peirao de Ojea, construído  a comezos do século pasado e onde se instalaron os primeiros secadoiros de peixe que logo se transformarían en conserveiras.

Para a redacción deste artigo, me servín principalmente das testemuñas de dous dos netos de Don Teodosio, Maruja, de 91 anos, e Teodosio, de 88, dos seus recordos e das anécdotas vividas nesa casa tan grande e tan maxestosa, tan chea de encanto, que non de encantamento.

Buscando datos sobre a historia da Casa da Bola a través dos descendentes vivos dos seus propietarios, chegamos ata o momento no que a vivenda era propiedade dun importante cangués chamado Don Teodosio González Gutiérrez

Don Teodosio González Gutiérrez (1856-1923), destacado representante da avogacía local, foi Secretario Municipal do Concello durante corenta anos, entre 1883 e 1923, tendo realizado estudos de avogacía e leis na universidade.

A CASA DA BOLA
D. Teodosio con María Chenchita.

Non foi el quen construíu a Casa da Bola, senón que foi comprada, segundo as lembranzas familiares, a unha cuñada, da familia dos “Rodales”, quen daquela eran terratenentes e contaban con numerosas propiedades e fincas, tanto en Cangas coma en Vigo.

Da mesma familia era Dona María Rodal González, sogra de D. Félix Ozámiz, querido almirante de Mariña que se converteu en veciño de Cangas ao casar con Dona María Guzmán Rodal, e ao que se lle dedicou a rúa principal do popular barrio do Forte, por residir moitos anos na bonita casa onde hoxe está a cafetería “Habana”.

D. Teodosio casou con Dª Abelarda González Cabrera, descendente dunha sonada familia de militares, os Cabrera, que estaban emparentados con varias familias nobres

A CASA DA BOLA
Os Cabrera eran oriúndos de Mondoñedo e incluso este antepasado da familia coñecido como o Xeneral Cabrera fora vicerrei do Perú.

Din que ao principio, a familia Cabrera non quería tal pretendente para a súa filla, pois aínda que tiñan terras e propiedades, non tiñan liñaxe. Finalmente consentiron pois, malia a ausencia de títulos, Teodosio era un mozo estudado.

Dona Abelarda tiña varios irmáns, entre eles Agustín, que tiña unha fábrica de salgadura en Menduíña, vendida, posteriormente, a un Bolívar (por iso no faiado ca Casa da Bola apareceron libros de contas de comercializar con sal), ou Amalia, casada en segundas nupcias co musicólogo Cecilio de la Gándara, dono da casa do Rapadouro, no Espírito Santo, e Alcalde varias veces.

Moitos recordan a Amalia, muller independente e de forte carácter que posuía un cabalo para desprazarse ás súas propiedades, así como un “revólver” para defenderse de posibles atacantes cando regresaba moi tarde para o Rapadouro, tras estar coa súa nai e a súa irmá na Casa da Bola.

Amalia tiña cartos e gustaba de gastalos polo que os mellores perfumes os compraba ela. Cando enviuvou de Gándara, como non tiveran fillos, foi coidada polas súas sobriñas María e Inocencia, falecendo na Casa da Bola moi maior, con 96 anos.

Segundo contan, foi a primeira persoa que inaugurou a entrada do cadáver á Igrexa, posto que ata esas datas, a costume era que o finado fose levado directamente ao camposanto, facendo posteriormente os funerais. No transcurso dos anos foi malvendendo todas as súas propiedades, como o Rapadouro, que foi adquirido pola filla da Condesa de Aldán, cuxo marido era embaixador de Italia, así como a finca do “convento” en Rodeira e outras propiedades en Vigo.

Dona Abelarda foi unha muller moi lonxeva, tivo oito fillos e viviu sempre na Casa da Bola

A CASA DA BOLA
Dona Abelarda González Cabrera.

D. Teodosio e Dona Abelarda tiveron oito fillos, seis varóns e dúas mulleres, María e Inocencia, coñecidas como as “Chenchitas”, diminutivo cariñoso de Inocencia. E no medio de tantos fillos, houbo dous pares de xemelgos. Mais a pesares de ter tanta descendencia, por unha e outra razón, unicamente Alejandro, que foi mestre na escola do Pósito, e Abelardo, lles deron netos. Este último, que era o benxamín, tivo oito fillos. Era moi coñecido porque tivo varios empregos: fora taxista, levou a corrente eléctrica aos faros de Cabo Home e finalmente estivera de motorista de barcos.

A filla primoxénita era María, a Chencha, nacida no 1887, muller culta que lía a clásicos como Quevedo e que se nutría da rica biblioteca que había na casa. Naqueles anos, a primeiros de século, unha muller solteira, culta, con outra educación, criada entre libros e entre as partituras do seu tío, defensora do papel da muller independente, que falaba de que a principal motivación non tiña porqué ser casarse,…pois era tachada de “rara”.

Elas non lle daban importancia ás roupas, tanto é así que vestían sempre de negro, con vestidos longos con colares de encaixe, mesmo cando as modas xa acortaran as saias. Ademais eran moi delgadas, calzaban sandalias e vestían un pequeno sombreiro… Os veciños as xulgaban porque eran diferentes.

En todo caso, tanto Maria con Inocencia eran mulleres adiantadas en pensamento á súa época e atrapadas, ao mesmo tempo, nun mundo e familia de rancio liñaxe. Tiveron varios pretendentes que paseaban pola beirarrúa da Praza de Abastos, mirando cara as ventás da Casa da Bola pero elas non querían saber nada. María chegou a ter un noivo de Vigo, un avogado, pero non quería casar porque dicía que a muller tiña que ser libre.

Tamén eran relixiosas, ían moito á Igrexa, e tamén camiñaban dabondo.

A CASA DA BOLA
Nesta imaxe vemos varios xóvenes subidos na árbore que hai diante da Casa da Bola o Venres Santo para ver o Santo Encontro, celebración relixiosa que non se perdían as Chenchitas.

Maruja, a súa sobriña, aínda lembra os mobles, as vaixelas, o despacho de D. Teodosio, as butacas tipo sofás, que aínda non se estilaban por aquí, os quinqués do gas, as escupideiras…

Na casa dunha sobriña hai unha pintura procedente da Casa da Bola, que é das poucas cousas que conservan, coñecida pola familia como o “cadro das margaritas”,  dunha tal Clodomira, que era prima de Abelarda e dona da finca de Leirachán, en Coiro, ademais de madriña da muller de Ozámiz.

A rapaza que aparece retratada servía na Casa da Bola, porque alí tiñan pasadora de ferro, cociñeiras e criadas, pois a nai, Abelarda, gustaba dese mundo de luxo mais, non obstante, as Chenchas eran moi austeras, malia ser herdeiras dun rico feixe de terras que abarcaba dende San Roque ata Ximeu, as Andias e o Xistro.

Os González Cabrera, emparentados de atrás cos Troncoso do Pazo da Picoña en Salceda de Caselas, cos condes de Canalejas do pazo de Aldán ou co Cabrera de Villa Solita en Alcabre, foron vindo a menos e quedando sen as terras por mala xestión, malvendendo propiedades, ou por caseiros que se lle quedaban cos terreos.

As sobriñas netas das “Chenchitas” contan varias historias e anécdotas desa casa mais houbo unhas palabras coas que me quedei cativada: “…Se as nosas tías as Chenchitas, principalmente María, pois Inocencia era máis retraída, mirasen que, hoxe, na Casa da Bola, está a sede dunha asociación como Adicam, que presta asesoramento, apoio e, sobre todo, anima a moitísimas mulleres que tristemente están padecendo unha doenza como é o cancro, estaría moi orgullosa de ver que na casa onde residiron practicamente toda a súa vida se desenvolven agora tal cantidade de actividades. María sería, en palabras de hoxe en día, unha feminista”.

A Casa da Bola non so estivo habitada pola familia de D. Teodosio, senón que houbo inquilinos e diferentes negocios cos que compartiron o edificio no que se atopaba a vivenda

Un dos alugueiros máis antigos dos que temos constancia no baixo da Casa da Bola foi a farmacia de Manuel Ventura Sequeiros Matos, alcalde varias veces e deputado provincial, gran amigo de Germán González Cabrera.

A CASA DA BOLA
D. Germán González Cabrera.

Tamén, segundo contan os sobriños, na primeira planta, na cociña, estivo o local da Falanxe, onde se orixinou o incendio de 1937, que obrigou a mudar de emprazamento o Casino Recreo Marítimo que, dende os anos vinte, viña ofrecendo alí bailes de Entroido e Reis, así como abundantes xogos de mesa, billar e naipes.

Con posterioridade, no baixo houbo varios negocios ben coñecidos que se foron sucedendo no tempo: no local da esquerda, estivo Evita co seu tear de la, e anteriormente o seu irmán cunha tenda de mobles; no medio estivo a barbaría de Leiro e posteriormente a droguería Maruxa; e na esquina dereita estaba a tenda de ultramarinos da Candarola.

Arriba, no faiado, vivía a familia dos “Alfonsitos”, entre os que estaba Joaquín Sobreira Laxe, que foi escribente na fábrica de Eiroa e logo chegou a Alcalde, así como un irmán carabineiro e dúas irmás solteiras.

Tamén viviron na Bola os de Palacios, que tiñan unha confeitería na rúa Real. Como anécdota, Maruja recorda que un dos nenos, moi pequeno, saíu polo balcón da segunda planta e foi camiñando por unha estreitísima cornixa, todo moi tranquilo. Pero a xente que andaba pola rúa comezou a gritar polo perigo que supuña, chegando incluso a poñer colchóns polo chan. Pouco a pouco foron atraendo ao neniño, que retornou á ventá sen que finalmente ocorrese nada grave. Aquilo tiña sido un milagre!!

A Caixa de Aforros de Vigo interesouse na propiedade da Casa da Bola posiblemente para abrir nela sucursal en Cangas pero finalmente adquiriu a parcela onde estaba a Capela do Hospital e construíu nela unha nova e moderna edificación

Para resumir os últimos anos de historia da Casa da Bola, podemos partir do momento no que as “Chenchas” se mudaron para unha casa que mercaran no Seixo, en Darbo, a mediados dos anos sesenta, pois a antiga Caixa de Aforros de Vigo amosara interese na propiedade da Casa da Bola, intuímos que para iniciar a actividade dunha sucursal na vila.

Elas venderon a súa parte, ao igual que Abelardo, pero a Caixa atopouse co escollo de que un dos irmáns, Álvaro, que estaba nunha casa de pobres por padecer dende mozo de problemas mentais, non chegou a firmar a venda co cal o proceso de compra estivo parado varios anos.

Sigo intuíndo a que foi nese punto morto cando a Caixa de Aforros, vendo que se ía devagar toda a operación, puxo os ollos na Capela do Hospital e o equipo de goberno daquel momento consentiu en que se derrubase a fermosa peza do noso patrimonio para erguer un edificio que ensombreceu a fronte marítima do casco vello cangués. Ao final resultou que foi máis sinxelo mercar a Capela do Hospital e botala abaixo que sacar aos últimos inquilinos da Casa da Bola.

No ano 1973, a Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo preiteou contra os herdeiros “descoñecidos e incertos” de D. Alvaro González González (non tivera descendencia) e contra das súas sobriñas, Mercedes e María González Vázquez, sobre venda en poxa pública do inmoble da Casa da Bola e dunha casa tamén dos herdeiros de D. Teodosio, na rúa Síngulis.

A Casa da Bola fora valorada en 1.860.000 pesetas e, pese a que foron publicados os edictos correspondentes, a poxa quedou deserta. Finalmente foi adxudicada á Caixa de Aforros polas dúas terceiras partes do seu valor inicial, ou sexa, por 1.240.000 pesetas.

No ano 1986, a Caixa presentou un escrito ao Concello para que declarase a ruína inminente de dita edificación. Aínda que había moradores de aluguer, estes xa non realizaron alegación algunha e abandonaron a vivenda voluntariamente ao recoñecer o perigo de permanecer nela.

Así, o técnico municipal emitiu o ditame de ruína para desaloxalo primeiro e logo para demoler interiormente a súa cuberta, pero debendo conservar as paredes verticais de pedra das fachadas exteriores, ao estar catalogado o edificio como Patrimonio Histórico-Artístico.

No ano 1990 o Concello de Cangas mercou a Casa da Bola cando estaba en estado ruinoso e foi reconstruída para acoller o Centro Social de Cangas

Catro anos despois, no 1990, a Casa da Bola foi vendida ao Concello de Cangas, por 41 millóns e medio das antigas pesetas, para ser máis exactos por 41.515.875 pesetas.  A compra por parte do Concello, tivo lugar cando este estaba presidido por unha Comisión Xestora, constituída en maio de 1990, despois dos feitos acaecidos en 1989, en que o equipo socialista de goberno foi botado da alcaldía tras a subida de impostos da contribución urbana.

Con esta adquisición, que foi recollida en sesión plenaria de 31/12/1990, o Concello perseguía dous obxectivos: a defensa do patrimonio histórico-artístico e a creación de servizos culturais e sociais.

Case dous anos máis tarde firmouse un convenio de cooperación coa Consellería de Servizos Sociais da Xunta para a construción dun Centro Social, con cantina incluída, que permaneceu en uso case vinte anos, ata que a nova edificación da antiga Casa do Mar acolleu o novo Centro Social Municipal.

Dende hai uns anos, no seu pasado máis recente, alberga a sede de varias asociacións como ADICAM, Chuchamel, Púrpura, Afamo e a Oficina Municipal de Turismo.

A CASA DA BOLA
Fachada actual da Casa da Bola (fotografía cedida por Merchi Giráldez).

Agradezo enormemente a Maruja e a Teodosio por abrirme as portas da súa casa e permitirme pasear pola súa vella memoria. Grazas a eles coñecemos mellor a historia da Casa da Bola que continúa observando o paso da xente, moita máis que antes, cando era unha vivenda particular, e sendo testemuña dos novas lembranzas e vivencias da Vila de Cangas e os seus veciños.


RUTA “HISTORIA DAS MULLERES DE CANGAS”

Beatriz Iglesias Barreiro
+ artigos

Técnico de Turismo.

Secretaria da Sociedade Filatélica-Numismática Canguesa.

5 comentarios

  1. D. Félix Ozámiz Rodríguez-Sesmeros, "o pai dos pobres" » A Illa dos Ratos

    […] o seu nome á rúa central do barrio mariñeiro do Forte e como contamos no artigo que adicamos a Casa da Bola, a súa viúva, Dª María Guzmán Rodal de Ozámiz, cambiou a súa residencia a rúa que levaba o […]

  2. Sonia Cordeiro Santos, muller trans pioneira en Cangas 2 » A Illa dos Ratos

    […] lugar, onde se situaba o cine Avenida. Tamén tivo un quiosco de chapa situado entre o Mercado e a Casa da Bola, pero lamentablemente perdeu moita clientela cando fixo o tránsito a muller e volveu á venta […]

  3. Sonia Cordeiro Santos, muller trans pioneira en Cangas » A Illa dos Ratos

    […] lugar, onde se situaba o cine Avenida. Tamén tivo un quiosco de chapa situado entre o Mercado e a Casa da Bola, pero lamentablemente perdeu moita clientela cando fixo o tránsito a muller e volveu á venta […]

  4. Adicam, o soño de Fina Acuña » A Illa dos Ratos

    […] No ano 2015 comezaron tamén cun novo proxecto que foi todo un reto, o programa “12 pasos cara a saúde” que consistía en fomentar os hábitos de vida saudables entre a poboación en xeral. Esta é unha das actividades ao aire libre que se recuperaron na “nova normalidade” na que vivimos, con saídas para camiñar en compañia todos os martes e xoves as 10 da mañá dende a sede da Casa da Bola. […]

  5. Maria Pilar

    Moi interesante, este tipo de edificaciones con historia, non deben desaparecer

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.