O HOSPITAL DE PEREGRINOS E POBRES DE CANGAS

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala, socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia. Fotografía cedida pola oficina de turismo de Cangas.

A coñecida Capela do Hospital de Cangas recibe ese nome por ser, precisamente, a capela do hospital de peregrinos e pobres co que contaba a vila. Non debemos entender por “hospital” o mesmo que hoxe en día, senón que este tipo de institucións eran máis ben unha residencia ou lugar de acollida de pobres, a cargo da Igrexa, dentro do seu labor de beneficencia.

Os hospitais da época eran institucións modestas

A modestia dos hospitais da época só permitía sacar dos rigores do inverno e proporcionarlles unha cama aos enfermos pobres, os chamados  pobres “ostiatim” (os que pedían polas portas) e os viaxeiros accidentados que non podían custearse outra axuda. Ás veces, nesta institución tamén se acollía a algún peregrino que chegaba por mar, … 

A falta de medios facía imposible pagar calquera servizo sanitario, que eran caros, ou mesmo proverse das menciñas precisas e só os que gozaban de certo prestixio como Toledo, Granada ou Santiago de Compostela tiveron médicos ao seu servizo. 

Eventualmente, cando había fondos ou os veciños ricos daban esmola, podían proporcionar caldo quente ou sopa ou cambiarlles os farrapos que vestían por outros en condicións menos malas que doaba algún veciño con posibles e que falecera había pouco.

A Vila de Cangas xa tiña hospital no 1543

Non sabemos a data concreta da súa fundación pero sabemos que no 1543 xa existía un hospital en Cangas, grazas a un listado de veciños dese ano no que figuran as cantidades que debían ser pagas ao fisco. Nesta listaxe menciónase que un tal Juan González do Espital (hospital) debía pagar dous reais. Ese Espital é unha referencia explícita ao hospital, e podemos aventurar que fose un dos coidadores do mesmo.

Non se conserva unha relación detallada de novas sobre o hospital, senón que o que se coñece son sempre feitos illados. 

Un veciño de Cangas deixa dispostas varias misas en 1577, unha delas deberá celebrarse na capela do “hospital de la villa”. Pero non especifica se a capela ocupaba unha edificación aparte ou se a casa do hospital facía ás veces de capela para posibilitar que os enfermos oísen a misa.

Grazas aos informes do visitador arcebispal coñécese que:

  • en 1588, o hospital está composto dunha casiña terreña: planta baixa e sen enlousado.
  • Uns anos despois, os coidadores vivirían nunha casiña do mesmo tipo que sería construída a carón da anterior.
  • no ano 1598, o visitador arcebispal indica que o hospital conta con catro camas pero ningunha renda, polo que a súa actividade dependía dos cartos que lle proporcionase o Rexemento (Concello) e máis da caridade popular.
  • uns anos máis tarde, en 1617, os turco-berberiscos asaltan a vila e, no informe que se envía ás autoridades, dáse conta de que o hospital resultara queimado.
  • nun informe de 1649 sinálase que o hospital conta cunha capela

A crise do século XVII causa a desaparición do hospital

No último terzo do século XVII, a falta de recursos provocada polas crises, as guerras e a falta de esmolas provocan a desaparición paulatina do hospital. Unha vez que desaparece, o arquivo diocesano de Santiago dá conta de que os pobres e transeúntes da vila reciben coidados nunha casa particular e que os gastos derivados desta actividade corren a cargo do Rexemento da vila.

Nestas datas a capela do hospital segue recibindo algunhas misas na honra da súa patroa, a Nosa Sra. da Concepción.

O que queda claro destas escasas referencias é que, dende a súa fundación, o conxunto formado polo hospital e as súas dependencias nunca dispuxeron dos medios necesarios para o seu funcionamento e mantemento.

Deste primitivo hospital pode que aínda conservemos algo. Se atendemos a unha hipótese plausible, o arco que se conserva no interior do baixo da “casa de Barbicas”, xunto á ex-colexiata, sería orixinariamente o arco de entrada do hospital.

A CAPELA DO HOSPITAL
Fotografía tomada no interior da edificación coñecida como Casa Barbicas, situada ao carón da ex-colexiata, e na que se aprecia o arco que podería ser a entrada ao antigo hospital.

D. Gonzalo de Nogueira e Araújo reconstrúe o vello hospital

Como explicamos na nosas rutas “Cangas 1617, A defensa da Vila” e “Cangas 1617, Outro punto de vista“, tras o paso dos turco-berberiscos, o xa de por si precario hospital, atópase en estado case ruinoso. E así o atopa o crego D. Gonzalo de Nogueira e Araújo cando chega a Cangas entre 1695 e 1700 para ser prior na colexiata de Cangas.

Preocupado polo seu legado, a partir de 1704 decide reconstruír o vello hospital desta vez con capacidade para cinco camas e facer unha nova capela. Esta iniciaríase en 1711 e remataríase en 1715.

O hospital estaba agora conformado por:

  • unha casa terreña de aproximadamente 40 m2 con chan de terra e teito mixto de palla e tella.
  • unha casa das mesmas características para vivenda dos coidadores.
  • unha capela.
  • un hórreo de madeira no adro da capela onde se gardaba o gran resultante dos cobros dos décimos en millo que lles pertencían ao hospital e á capela.

O hospital desaparece nos últimos anos do século XVIII

Á morte deste crego lese o seu testamento, onde legaba 30.000 reais de prata (toda unha fortuna se temos en conta que unha casa custaba 2.000 reais). Deses cartos, 28.600 reais correspondían a auxilio do hospital e o resto debía quedar para fondos da capela. 

A partir do último terzo do século XVIII, malia ter estes fondos para o seu mantemento, o hospital sofre unha situación dramática (non sendo este o caso da capela) que se agrava coa chegada do século XIX. Cando o goberno liberal toma o mando en 1820, promulga unha lei de extinción de vínculos que, entre outras medidas, permitía allear as propiedades de fundacións.

Amparado por esta lei, un dos daquela patróns do hospital, Juan Ignacio Antonio Zabala e Durán, vende algunhas propiedades vinculadas ao hospital para afrontar as débedas da Fundación. Da renda de 25 reais que pertencían ao hospital agora só percibe 8, que se adebedan. Este feito provoca que as dúas casas do hospital non puidesen ser reparadas e acabasen en ruína

Ademais, a horta do hospital sofre a destrución dos seus froitos por mor, seica, das galiñas dos veciños e dos paus para colgar redes que son fixados no cercado da horta. A partir dese momento, só a capela dispón dalgún censo non redimido e non se fan outros novos.

Despois de anos de actividade, o hospital desaparece paulatinamente antes da chegada do século XIX e do antigo conxunto só permaneceu a capela ata o seu desmantelamento en 1966. 

Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Un comentario

  1. A Capela do Hospital (II): A Capela » A Illa dos Ratos

    […] pasar pola fermosa capela do hospital, ao pé do mar, nos Xardíns do Sinal. Se nun anterior artigo falabamos do desaparecido hospital que lle deu nome, hoxe ímonos centrar na propia […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.