DOMINGO VILLAR. O ESCRITOR QUE VOLVE A GALICIA CADA VEZ QUE ESCRIBE

Texto elaborado por Liliana Cancelas. Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia.

Rúa Ramón Cabanillas, 16 en Moaña. Telf. 606 98 44 85

Domingo Villar (Vigo, 1971) é un autor de novela negra cuxa vocación de escritor lle vén dende a infancia. Con tres novelas no seu haber, editadas en galego pola Editorial Galaxia e traducidas a máis de nove idiomas, está considerado como un dos expoñentes do xénero negro en España.

Actualmente reside en Madrid e compaxina as súas labores de novelista coas de colaborador habitual en diversos medios. 

Domingo Villar ten unha forma peculiar de escribir as súas obras

Como escribe? Pois este autor ten unha maneira moi particular de escribir as súas novelas: fai as descricións en galego porque di que lle permite viaxar emocionalmente ao lugar que quere describir, e os diálogos escríbeos en castelán porque a maior parte da súa vida actual desenvólvese nese idioma, polo que as conversas sóanlle máis naturais en castelán. Segundo vai escribindo, vai traducindo o libro aos dous idiomas, polo que ao rematar a escrita ten unha novela en castelán e outra en galego.

O seu momento preferido para escribir é no silencio da noite acompañado dun chocolate e un café, e as súas notas estendidas na mesa do comedor. Pola mañá líalle a seu pai (xa falecido)  o que escribira e agora lelle á súa nai, ao seu irmán …

Nas súas novelas sempre conta cun especial protagonismo o inspector Leo Caldas

O seu personaxe principal, Leo Caldas, inspector de policía de Vigo, é un home introvertido, que sabe escoitar e moi concienzudo nas súas investigacións.  Ten como axudante a Rafael Estévez, aragonés de nacemento, feito que lle permite a Domingo Villar explicar detalles que, ás veces, non se aprecian sendo oriúndo do lugar. Este personaxe evolucionou moito dende o policía rosmón do primeiro libro pero segue sen entender por que os galegos teñen que contestar sempre a unha pregunta con outra e nunca din as cousas de forma directa.

Os dous policías investigan os seus casos tendo como pano de fondo a ría de Vigo. De feito, cada un dos libros ten como protagonista unha vila da contorna.

A primeira novela “Ollos de Auga”, ambientada en Vigo

A súa primeira novela, Ollos de auga (2006) está ambientada en Vigo, onde Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez deben esclarecer as circunstancias que rodean o asasinato dun músico na illa de Toralla. 

Esta obra acadou un grande éxito, tanto nacional como internacional, sendo galardoada con diversos premios como o Sintagma, o Premio Brigada 21 ou o Premio Frei Martín Sarmiento.

Coa novela “A praia dos afogados” Caldas investiga un caso entre Vigo e Panxón (Nigrán)

A praia dos afogados (2009) está enmarcada entre Vigo e Panxón (Nigrán) e nesta ocasión, Caldas e máis Estévez deben dilucidar se o cadáver atopado na praia da Madorra (Panxón) foi vítima dun asasinato ou se se trata dun suicidio.

Esta novela foi levada ao cine polo director Gerardo Herrero e supuxo a consagración internacional de Domingo Villar no campo da novela negra, obtendo premios como o Frei Martín Sarmiento, Libro do Ano nos premios Irmandade do Libro ou o Premio Losada Diéguez de Creación literaria, entre outros.

Nesta nova entrega titulada “O último barco” o inspector cruza a Ría de Vigo e chega a Tirán (Moaña)

O último barco (2019) encadrada entre Tirán (Moaña) e Vigo, trata sobre a desaparición de Mónica Villar, profesora de cerámica na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Nesta novela pódese observar a evolución dos personaxes principais: Caldas é menos introvertido e Estévez menos rosmón. Entre os personaxes secundarios temos exemplos entrañables como Camilo Cruz que, sendo autista, pertence a un colectivo que non pode comunicarse e aos que Domingo Villar lles quere dar voz, e outro exemplo é Napoleón, un mendigo culto que non pedía esmola, senón que cobraba polas súas clases de latín.

Un feito común ás tres obras é que cada capítulo comeza coa definición dunha palabra polisémica. Isto débese a que cando Domingo Villar acaba cada capítulo sempre atopa unha palabra clave, ambigua, nesa situación que acaba de escribir.

Cando se lle pregunta a Domingo Villar por que tardou dez anos en escribir “O último barco”, explica que o libro xa estaba rematado en 2013 aínda que levaba outro nome: “Cruces de Pedra”. Entón morreulle o pai e, mentres lle daba o último repaso, decidiu que o libro non tiña emoción, polo que se puxo a reescribilo e o resultado foi “O último barco” que en palabras do propio autor “rematou sendo unha novela policial por fóra e un conto de amor á súa terra por dentro”. De feito, en varias ocasións ten afirmado con emoción: “Volvo a Galicia sempre que podo e todos os días que me sento a escribir”.

Aqui vos deixamos unha entrevista moi interesante concedida polo autor ao programa “Página dos” de TVE e que foi emitida o 12 de Marzo de 2019. 

Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.