CASTO MÉNDEZ NÚÑEZ (1824-1869)

Texto elaborado por Liliana Cancelas Gargamala e Xabier Guardado Soliño, socios de A Illa dos Ratos e Guías Oficiais de Galicia.

O contraalmirante da armada D. Casto Méndez Núñez naceu o 1 de xullo de 1824 en Vigo, nunha casa situada hoxe na praza da Constitución -daquela localizada fóra da muralla-, no seo dunha familia de militares

CASTO MÉNDEZ NÚÑEZ
Placa colocada na fachada da casa onde naceu D. Casto Méndez Núñez en Vigo.

O seu avó D. Francisco Javier Núñez, morto na batalla de Alba de Tormes (novembro de 1809) ao mando dun batallón de granadeiros de Galicia, xa antes destacara na batalla dos Pireneos (1793) e na reconquista de Vigo. E un irmán deste, Joaquín, foi brigadier na Armada, oficial do San Juan de Nepomuceno, navío comandado por Churruca en Trafalgar e deputado en Cortes en 1822.

As fazañas de Méndez Núñez comezan sendo moi novo cando aos trece anos, un día de mal tempo, salva a dous nenos de afogarse na praia de Guixar

Cando Casto contaba tan só con tres anos, o seu pai -administrador de Correos- é trasladado a Marín e, tres anos despois, a Pontevedra. E con dez regresa a Vigo para preparar o seu ingreso na Armada onde estudaría con D. Santiago Durán y Lira (futuro Almirante e ministro de Mariña durante a Restauración).

CASTO MENDEZ NUÑEZ
Placa colocada na que foi a vivienda de Méndez Núñez en Pontevedra coa inscrición: “En esta casa vivió el almirante español Don Casto Méndez Núñez, heroico vencedor del Callao y en ella murió el 21 de agosto de 1869. El ayuntamiento de esta ciudad le dedicó en 1920 este recuerdo de perpetua admiración”

As súas fazañas comezan sendo moi novo. Aos trece anos, un día de mal tempo, salva a dous nenos de afogarse na praia de Guixar. Tal fazaña foi vista polo capitán dun buque mercante que sentenciou “ti serás un grande home”.

A súa carreira militar iníciase o 23 de marzo de 1840 cando ingresa como garda mariña no departamento de Ferrol

A bordo do bergantín Nervión, o seu primeiro destino de mar, serve ata o final da guerra carlista e dous anos máis tarde, parte para a illa española de Fernando Poo (hoxe Bioko, Guinea Ecuatorial).

O seu bo facer ten recompensa na Real Orde do 1 de xaneiro de 1844 onde se lle rebaixa nun ano os seis precisos para o ascenso a alférez de navío. Posto que acada o 11 de xullo con destino no bergantín Volador, onde se encarga dos garda mariñas. Neste buque cruza por primeira vez o Atlántico con destino a Santiago de Cuba. Nesta singradura mostra o seu alto concepto da profesión militar e da rectitude do seu carácter.

En 1850, a raíña agradece nunha Real Orde o comportamento excepcional de Méndez Núñez ás ordes de Fernando Fernández de Córdova na escuadra que envía o goberno para restaurar os territorios do papa Pío IX, arrebatados pola República Romana.

O seu primeiro mando de mar chegaría o 18 de novembro dese ano como tenente de navío na corveta Cruz. Tras varios destinos, en 1856, pasa ao Ministerio de Mariña onde serviu dous anos e traduciu do inglés a obra Artillería naval do xeneral Howard Douglas, feito que lle mereceu o “real agrado” da raíña por este traballo.

En decembro do ano seguinte parte ao mando do vapor Narváez cara ás Filipinas. Alí ascende a capitán de fragata e faise cargo das “Fuerzas Sutiles del sur de las Visayas” coa misión de loitar contra os piratas de Joló que tiñan asolada a costa e escravizaban cristiáns. Unha vez máis destaca no seu cometido. Por un lado logra afundir varias embarcacións joloanas con máis de trescentos homes, liberar varias decenas de cristiáns cativos e apresar dúas naves inimigas con todas as súas dotacións, incluído o xefe “moro”.

E por outro lado, axuda á toma do forte de Pagalugan construído polos piratas de Mindanao. Cando todo parecía perdido e as forzas do exército que atacaban o forte por terra comunican a Méndez Núñez -que apoiaba a operación por mar ao mando da goleta Constancia– que teñen que abandonar, o capitán de fragata contesta: “a Mariña non se retira!”. Ordena entón dar avante toda para introducir o bauprés por unha das troneiras do forte improvisando deste xeito unha ponte que sería empregada pola tripulación para atacar o forte e gañar así a contenda. Esta acción valeríalle o ascenso a capitán de navío en 1862. As súas fazañas seguirían en Santo Domingo e Puerto Plata.

CASTO MÉNDEZ NÚÑEZ
Retrato de Méndez Núñez (fonte vigopedia.com).

De volta a España, en 1864, recibe o mando do mellor buque da Armada, a fragata blindada Numancia con ordes de reforzar a Escuadra do Pacífico

Nesta travesía colleitará un novo triunfo cando o 7 de abril de 1865 chega ao Estreito de Magalláns e atravésao con éxito, converténdose no primeiro buque de gran tonelaxe en facelo.

O 28 de abril, tras tres meses de navegación e co apoio dun barco subministrador de carbón, chega a Valparaíso e máis tarde ao Callao, demostrando que un buque como o Numancia podía operar en calquera mar. Este logro valeríalle un novo ascenso, o de brigadier (contraalmirante), co que será recordado. 

En novembro, tras o suicidio do vicealmirante José Manuel Pareja, humillado polo apresamento da goleta española Virgen de Covadonga a mans da mariña de Chile, que apenas contaba con forza naval, Méndez Núñez recibe o mando da escuadra española (aínda habendo oficiais máis antigos ca el) e ponse como obxectivo restituír a honra española.

As ordes que chegan do Goberno de Madrid son de conseguir a paz no Pacífico con negociacións ou, en última instancia, coas armas.

O 14 de xaneiro de 1866, Chile e Perú declaran a guerra a España -Bolivia e Ecuador xa o fixeran-, pechando así toda a costa do Pacífico

En febreiro, a frota chileno-peruana, vendo que a súa potencia militar era inferior á española, opta por esconderse en Abtao (Chile), lugar inaccesible para buques de gran calado, polo que os ataques non causaron graves danos en ningunha das escuadras, reducíndose todo a un mero duelo de artillería.

Desde Madrid chégalle a orde de bombardear Valparaíso, o cal causa fastío en Méndez Núñez porque a praza apenas contaba con defensas. Por outro lado, as frotas norteamericana e inglesa fondeadas alí intentan intimidalo para que non ataque a cidade. Méndez Núñez contestaría primeiro ao goberno o 24 de marzo: “Aínda que sexa necesario combater coas escuadras inglesa e americana aquí reunidas, a da Súa Maxestade afundirá aquí, nestas augas antes de ser deshonradas, cumprindo así o que a S.M., o seu goberno e o país desexan; isto é, primeiro honra sen mariña que mariña sen honrae aos almirantes ”se vos interpoñedes entre a escuadra e a cidade, o meu deber é botarvos a pique”.

Antes do bombardeo outorga un prazo para desaloxar a cidade de Valparaíso e pedir que sinalicen con bandeiras brancas as igrexas, hospitais, asilos, etc. O bombardeo é duramente criticado polo goberno e máis a opinión públicas de Chile e rétano a intentar asediar o porto fortificado de El Callao (Perú).

Aínda que estratexicamente enfrontar buques de madeira (salvo o Numancia) contra canóns de 300 e 500 libras era unha tolería, o día 25 a escuadra fondea na illa de San Lorenzo, na entrada da baía do Callao, fóra do alcance da artillería peruana, e volve dar un prazo de 4 días para que os civís sexan evacuados.

Ás 11.50 h  do 2 de maio, a Numancia rompe o fogo, seguido polo resto da escuadra. O combate alongouse ata as cinco da tarde. Méndez Núñez dirixe o combate desde a ponte, onde a protección é menor, e é finalmente acadado por metralla dun proxectil no peito e nas extremidades.

Malia as feridas, continúa na ponte ata que se desmaia debido á perda de sangue. Unha vez recuperado, aínda seguiu dirixindo o combate desde a enfermaría. No en tanto, varios buques da Armada teñen que retirarse debido aos importantes danos, contando cun número considerable de mortos e feridos. Da outra parte, unha batería e unha torre blindada resultan desfeitas e só quedan dúas ou tres pezas de artillería en funcionamento.

O 10 de maio de 1866, tras soterrar os 43 mortos na illa de San Lorenzo e reparar as avarías dos buques cos materiais de abordo, a Escuadra do Pacífico sae ao mar dividida en dúas. A primeira, dirixida por Méndez Núñez, parte cara a Río de Xaneiro polo cabo de Hornos e a segunda, ao mando de D. Juan Bautista de Antequera, regresa a España polo Pacífico dobrando o Cabo de Boa Esperanza. A travesía de ambas divisións foi moi dura, e a falta de alimentos frescos -especialmente de froitas e verduras- acabou provocando o espallamento do escorbuto abordo.

O 2 de maio do ano seguinte, cando partía da illa de Santa Helena, mandan a Numancia incorporarse á escuadra de Méndez Núñez no Río de Xaneiro onde arriba o 18 de maio sendo o primeiro barco das súas características en completar a volta ao mundo.

CASTO MENDEZ NUÑEZ
Fragata Numancia. (fonte vigopedia.com)

Méndez Núñez, co rango de Comandante Xeneral da Escuadra do Pacífico, é nomeado Ministro Plenipotenciario para conseguir a paz con todas as repúblicas americanas

Méndez Núñez acaba evitando que os mercantes españois fosen capturados no Atlántico polos buques de guerra de Chile e Perú e súa actuación no Pacífico válelle a Gran Cruz de Carlos III e unha carta autógrafa da raíña Isabel II onde lle escribe un persoal “te doy particularmente las gracias”.

Gustavo Adolfo Bécquer, periodista ocasional, tamén alaba as calidades dun xefe como Méndez Núñez: “o sufrimento e a constancia que fan soportar con alegría e entusiasmo as máis duras fatigas de tan rudo e traballoso exercicio, a pericia e o saber que lle dan o dominio do terrible elemento en que vive, a serenidade, e o valor que presta ánimo para arriscarse nas máis difíciles empresas. Velaquí calidades que constitúen un bo mariño”.

A mediados do 1868, coas disputas coas repúblicas americanas case finalizadas, Méndez Núñez solicita da S.M. a Raíña que o releve do mando da escuadra e o seu permiso para retornar á provincia de Pontevedra

A súa petición é rexeitada polo Ministro de Mariña. Detrás desta negativa ocúltase a conspiración do Almirante Topete e o Xeneral Prim para destronar á Raíña, que sabían que o contraalmirante non secundaría.

Finalmente, tras a Gloriosa, a raíña exíliase en París e o 6 de outubro o ministro de Mariña, o Almirante Topete, envía unha carta para informar a Méndez Núñez de que: “… doce días bastaron para derribar o trono de Isabel II” ademais de comunicarlle que poderá volver pronto a España. A orde chega aos poucos días e Méndez Núñez volve a Madrid o 18 de decembro, onde lle comunican que queren nomealo “Vicepresidente de la Junta Provisional del Gobierno de la Armada” e ascendelo a Tenente Xeral (hoxe Almirante). O contraalmirante mira neste nomeamento unha estrataxema para sumarse a unha revolución coa cal non está de acordo e contéstalle ao Ministro: […] apenas fai sete anos honrábame eu coas modestas xarreteiras de Tenente de Navío […] para que poida ser útil á Armada non é indispensable a concesión dun emprego que só desexaría ter cando novos servizos prestados ao país me fixeran digno del”.

Outros moitos intentaron que o heroe entrase en política. Mesmo houbo quen escribiu un manifesto para facelo Xefe de Estado. O contraalmirante refusounos todos salvo o de vicepresidente do Almirantado por considerar que así daba un mellor servizo á nación.

No verán de 1869 Méndez Núñez cae enfermo sen que ninguén consiga identificar que lle acontece e falece aos 45 anos

En xullo solicita ser trasladado a Pontevedra e vive na casa que a familia posúe na daquela praza da Herba (hoxe Praza de Méndez Núñez). A comezos de agosto envía un comunicado ao Almirantado: “sigo ben pero sen melloría notable”. Días máis tarde “sente vertixes, dores agudas en diferentes partes do corpo e acentúase o seu estado de cansazo xeral” pero segue sen atoparse a orixe do mal.

Morre Méndez Núñez o 21 de agosto de 1869 aos 45 anos. Non se lle fai autopsia porque os seus irmáns declaran preferir dubidar sobre a causa do seu falecemento (chega a sospeitarse que fora envelenado) que a sabelo de certo.

Será soterrado dous días despois no panteón dos Señores de Sarabia, no cemiterio de San Antoniño de Pontevedra. Pero o dito cemiterio será clausurado seis anos despois e as súas irmás, Soledad e Cayetana, malia a intención dos vigueses de construír un panteón para acoller as cinzas do contraalmirante, deciden trasladalas –xunto coas do resto da familia- á capela da finca familiar do Real no Con (Moaña), onde ocuparán dous sartegos, un individual para el e outro para a súa familia.

En agosto de 1877 o rei Afonso XII, de visita por Galicia, achégase á tumba de D. Casto e estima que un home da súa valía merece unha sepultura máis acorde co seu prestixio. Os restos do contraalmirante serán trasladados anos despois, no 1883, ao Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz) nunha cerimonia á que asiste “todo o pobo de Vigo”. No seu panteón pódese ler a inscrición: “Modelo de grandes virtudes, consagró su vida al servicio de la patria, cuya gloria enalteció en el mando de la escuadra del Pacífico”.

Os recoñecementos a Méndez Núñez sucedéronse por toda a xeografía española, chegando a repercusión das súas fazañas ata os nosos días

En 1872, o rei Amedeo I outorga o título de marqués de Méndez Núñez ao seu irmán Genaro, en agradecemento ao servizo á Patria do contraalmirante. A familia colocou un escudo na capela e outro no pazo do Real onde figuran os primeiros apelidos do contraalmirante nas súas catro cartelas: Méndez-Núñez-Guadarrama-Fernández.

CASTO MENDEZ NUÑEZ

Xa en 1890 “El Gimnasio”, sociedade viguesa fundada en 1881, erixe unha estatua en bronce do contraalmirante na Alameda -hoxe praza de Compostela- cunha cartela onde se le a súa frase máis famosa: “más vale honra sin buques que buques sin honra” e por detrás, a dedicatoria “al contraalmirante de la armada Don Casto Méndez Núñez en premio de insignes victorias se erigió este monumento por suscrición pública a iniciativa del Gimnasio. Agosto 21 de 1890”.

CASTO MÉNDEZ NÚÑEZ

Ademais, coloca na súa casa natal na praza da Constitución unha placa conmemorativa coa seguinte lenda: “El 1º de julio de 1824 nació en esta casa el que fue Contraalmirante de la Armada D. Casto Méndez Núñez. El Gimnasio dedica este recuerdo a su gloriosa memoria. 21 de agosto de 1890”.

Ante o chamamento do alcalde da cidade, os vigueses asisten en masa á inauguración da estatua e máis da placa en recordo do contraalmirante.

Pola súa parte, o Museo de Pontevedra atesoura pertenzas e a máis extensa colección documental sobre Méndez Núñez. Pezas que ata non hai moito se expuñan xunto cunha reprodución exacta da cámara da Numancia. O Museo Naval de Madrid dedica tamén unha sala completa ao contraalmirante.

En canto á Armada, a súa homenaxe consistiu en nomear unha serie de buques co nome de Méndez Núñez, entre os que se atopaba a antiga fragata de hélice Resolución (participante da batalla do Callao), que volveu ser botada en 1870 transformada en blindada e rebautizada co nome do contraalmirante.

De recorrer a xeografía española -e en especial a galega-, observaremos que moitas vilas e cidades dedican unha das súas rúas a este insigne mariño, como é o caso de Vigo, Pontevedra, Moaña, Marín ou Cangas.

Pola nosa parte, recordamos a Méndez Núñez facendo unha parada na rúa que leva o seu nome na nosa ruta “Rúas con historia”.

Xabier Guardado Soliño
+ artigos

Socio de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Liliana Cancelas Gargamala
+ artigos

Socia de A Illa dos Ratos e Guía Oficial de Galicia

Un comentario

  1. María Soledad Pintos Peñaranda

    Tamén na cidade de Santiago de Compostela,no estanque da lameda,hai unha fermosa estatua ce Mendez Núñez,.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.