O NENO QUE NAMOROU DA PINTURA E O ARTE SACRO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

Jesús Bernárdez Solla, máis coñecido por Suso “Caramuxo”, é unha persoa moi apreciada e querida en Cangas e que ao longo da súa vida foi testemuña, e as veces tamén protagonista, de moitos momentos relevantes da historia da vila.

Este será o primeiro dunha serie de artigos que adicaremos a coñecer a súa vida, obra e vivencias.

O pai de Suso “Caramuxo” fora discípulo de Valentín Losada e iso influíu en que el tamén fose monaguillo cando era neno  

Suso “Caramuxo” naceu en 1947 no humilde barrio dos Barreiros de Cangas, “polo que os veciños sempre acababan pasando cos pés por diante”, na contorna da rúa da Estrela e a rúa San Xosé.

SUSO CARAMUXO
Suso “Caramuxo” de neno xunto ao seu irmán.

Os seus antepasados recollían caramuxos na ribeira cando había escaseza de alimentos, e por iso Suso herdou con orgullo ese alcume familiar do seu pai. Chamábase Valentín Bernárdez Broullón e tivera desde neno como protector ao párroco D. Valentín Losada con quen colaboraba como monaguillo.

Coa chegada da Guerra Civil tivo que ir a filas e deixou o seminario, pero sempre continuou vinculado á Confraría dos Dolores porque sentía un gran apego a todo o que sucedía entre bastidores durante a Semana Santa.

Seguindo os pasos do seu pai, Suso “Caramuxo” tamén se fixo monaguillo e de seguro que ese sentimento que lle inculcou o seu proxenitor e o tempo que pasaba na Ex-colexiata rodeado de imaxes relixiosas, axudaron a que xurdise nel o amor pola pintura e a imaxinería relixiosa.

Suso axudaba nos bautizos e as veces había algún padriño xeneroso que lle daba uns cartiños que gardaba nun peto na casa, pero noutras ocasións tiña que facer outras funcións menos agradables e agradecidas…

SUSO CARAMUXO
O pequeno Suso “Caramuxo” vestido de curiña nunha procesión.

Suso “Caramuxo” estivo na primeira liña da comitiva fúnebre que acompañou os restos mortais do almirante D. Félix Ozámiz Rodríguez-Sesmeros ao cemiterio de Coiro

Unha das lembranzas máis impactantes súa infancia foi o día que participou na comitiva fúnebre de D. Félix de Ozámiz Rodríguez-Sesmeros, que tal e como contamos na ruta “Rúas con historia“, foi un contraalmirante da mariña de orixe vasca que casou en Cangas e converteuse nunha persoa moi querida e respectada no pobo pola súa férrea defensa do mar, fonte de sustento da xente máis humilde da vila.

Perseguía de maneira implacable o uso de explosivos na pesca, vixiaba que se respectasen as vedas e ata se pasaba pola praza para revisar que as capturas tiveran a talla mínima que se establecía para cada especie.

SUSO CARAMUXO
D. Félix de Ozámiz Rodríguez-Sesmeros (1904-1958)

Por ser unha persoa íntegra e con valores e sobre todo polo seu bo facer, conseguiu facer unha importante carreira na Mariña, pero todo se torceu cando aceptou que o designasen para participar nun consello de guerra. O acusado era un capitán da Mariña mercante que afirmaba ser primo carnal de Dª Carmen Polo, e que en estado de embriaguez realizou unha manobra temeraria desobedecendo as indicacións que lle daban dende terra, o que provocou a morte dun mozo que facía labores de vixilancia en Ferrol.

Como era de esperar, D. Félix Ozámiz realizou a súa función de xeito impecable e o acusado foi condenado en base ás probas e ás testemuñas que se presentaron. Poderíamos pensar que esa conduta merecería un novo recoñecemento a Ozámiz pero o que ocorreu pouco despois de celebrarse o xuízo foi que xurdiron presións para que abandonase o seu destino en Madrid e foi enviado a Ferrol, onde pouco tempo despois apareceu cun tiro na cabeza.

Os informes oficiais falaban dun suicidio pero as persoas que o coñecían nunca creron esa versión dos feitos porque eran coñecedores do seu carácter e porque un católico convencido como el nunca se quitaría a vida dese xeito.

Cando se soubo que traían o cadáver a Cangas, a xente comezou a reunirse espontaneamente na Casa das Luces, o edificio de Fenosa que estaba situado na Avda de Bueu

Estabamos no ano 1958 e o pequeno Suso “Caramuxo”, que contaba con 11 anos e vivía detrás da igrexa, era o encargado de levar o cirial, é dicir portar a cruz na parte dianteira da comitiva fúnebre, acompañado de dous acólitos ao seu carón. Ía diante dos curas e aínda recorda o impresionado que estaba pola gran cantidade de militares de alta gradación que estaban presentes e de como se cadraban cos tacóns no chan cando se saudaban, facendo aquel ruído tan impoñente.

SUSO CARAMUXO
A dereita da imaxe aparece Suso “Caramuxo” levando o cirial.

Foi unha longa espera durante a cal foron chegando gran cantidade de barcos a Cangas procedentes de Vigo e do Berbés. Incluso viñeron varios boniteiros o que provocou que para poder desembarcar os tripulantes, tivesen que atracar en fileiras de ata 8 barcos pegados lateralmente mentres moitos outros agardaban a súa quenda para poder entrar ao porto.

Notábase no ambiente que o acto era un acompañamento a alguén moi querido. Cando chegou a comitiva de coches, nun furgón gris viña un altofalante para que o cura D. Andrés Salgueiro fixera un responso e cando estaba comezando, alguén gritou a frase que se convertería no grito de guerra que acompañaría para sempre á figura de D. Félix: “o pai dos pobres ¡¡¡”.

Ese grito provocou tal rebumbio en terra que os barcos que agardaban comezaron a pitar, deixando o ruído que se producía na procesión marítima que se celebra cada ano para honrar á Virxe do Carme nunha anécdota.

O pequeno “Caramuxo” estaba asustado porque había un gran balbordo no que se apreciaba moita xente chorando. Os militares comezaron a facer xestos cos brazos para que cesase aquel estrondo e algúns incluso se dirixiron aos barcos facendo xestos de escribir para trasladarlles que se non paraban, íanlles a meter unha multa porque había moita policía militar e podía haber represalias. Aínda así o certo e que tardaron en deixar de pitar.

Tras a chegada do féretro, a comitiva partiu con Suso “Caramuxo” diante cos dous acólitos aos lados, o cura, e a continuación o coche fúnebre e a xente que acompañaba ao defunto. Así avanzaron ata o cruceiro que está fronte ao cemiterio de Cangas onde colleron o relevo o cura de Coiro e os seus monaguillos para conducir ao defunto e darlle sepultura no cemiterio de Coiro como era o seu desexo.

SUSO CARAMUXO
Lápida da tumba de Ozámiz no cemiterio de Coiro.

Pouco tempo despois, o alcalde daquela época, Tucho Camiña, decidiu que a rúa máis mariñeira de Cangas no barrio do Forte levase o nome de D. Félix de Ozámiz e foi entón cando a súa viúva, Dª María Guzmán Rodal, comprou a finca onde estaba a antiga fábrica conserveira de Legarda para construír alí a súa casa e mudarse á rúa que levaba o nome do seu defunto marido. 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

5 comentarios

  1. Redacción A Illa dos Ratos

    Moitas grazas polas túas palabras, José Luis. Resulta un labor moi interesante e gratificante. Unha aperta

  2. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] el primer artículo sobre Suso “Caramuxo”, historia viva de Cangas, en el que hablábamos de los primeros […]

  3. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] o primeiro artigo sobre Suso “Caramuxo”, historia viva de Cangas, no que falabamos dos primeiros anos de […]

  4. José Luis

    Moi interesante, aprecio que a xente xoven se preocupe da historia do seu pobo.
    Moitas grazas e a seguir na brecha, vaixo o meu punto de vista ese e o camiño.
    Un abrazo forte e moito animo

  5. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] Suso “Caramuxo”, historia viva de Cangas (I) […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.