UN ARTISTA MOI IMPLICADO NA SEMANA SANTA DE CANGAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa e galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

Neste novo artigo da serie “Suso Caramuxo, historia viva de Cangas” imos a ocuparnos do seu traballo como restaurador de arte sacro e do seu papel dentro da Semana Santa de Cangas, recordando sobre todo a súa influencia na transformación que a levou converterse en Festa de Interese Turístico Galego e ser considerada como unha das máis importantes de Galicia xunto a de Ferrol ou Viveiro.

Caramuxo participou na restauración de varias tallas de arte sacro da Ex-colexiata de Cangas

Ao longo dos anos foron múltiples as actuacións que Suso “Caramuxo” ten realizado sobre as tallas de arte sacro que temos na Ex-colexiata de Cangas. No ano 1997, conxuntamente co seu irmán Valentín e José Carlos Carrera Hernández “Cholo”, realizaron uns traballos de restauración da urna do “Cristo xacente da Misericordia, reforzando toda a súa estrutura e policromado en pan de ouro fino.

Ao proceder a sacar a tapa inferior da urna, atopáronse por sorpresa cun texto escrito a lapis sobre as propias táboas, no que se podía ler literalmente o seguinte:

“En el año de 1877 fue echa esta urna a devoción del pueblo siendo racionero Don Jose Martines, natural de esta villa y todas las efigias que fueron echas en el mismo año, a saber la Magdalena, San Juan, La Verónica y el Stmo Cristo del Descendimiento y el Calvario y Jesús Nazareno, estas efigias fueron echas por la mano de Ignacio Cerviño, natural de Aguas Santas”.

Esas táboas co contido do texto foron tratadas axeitadamente para garantir a súa conservación e a día de hoxe permanecen almacenadas na Ex-colexiata para que sexan expostas cando Cangas dispoña dun museo no futuro.

Caramuxo, un dos fundadores da Confraría das tres negacións de San Pedro

No ano 1992 fundábase en Cangas a “Confraría das tres negacións de San Pedro con Manuel Casás como primeiro presidente e Caramuxo entre os seus promotores.

A idea era organizar unha procesión da xuventude o venres santo pola maña cedo así que ocorréuselles que para facela máis atractiva, ao seu remate se serviría chocolate e roscón, algo que co paso do tempo se convertería en tradición.

O percorrido se realiza antes de que cante o galo, levando unha imaxe de San Pedro precisamente cun galo aos seus pés, un fermoso exemplar que conseguiran en Ermelo e que despois de ser disecado polo taxidermista Santiago Córdoba Solla, foi dotado dun mecanismo que lle permite cantar.

Nun principio se empregaba a imaxe de San Pedro que se atopa no retablo barroco da Ex-colexiata. Non estaba tallada pola súa parte traseira e tiñan que colocarlle unha gran cantidade de flores para tapar a súa parte posterior. Isto unido a que se trataba dunha imaxe de moito valor artístico, fixo que intentasen conseguir outra talla coa que saír na procesión. Recorreron a entidades como o Museo de Tui pero como non lograban o seu obxectivo, propuxéronlle a Caramuxo que construíse el unha escultura de San Pedro.

SUSO CARAMUXO
Imaxe de San Pedro realizada por Suso Caramuxo para a procesión de “Confraría das tres negacións de San Pedro”, que foi bendicida na Semana Santa de 2017.

A vestimenta que leva esta nova talla foi posible pola colaboración desinteresada de varias persoas que doaron a tela e outras tantas que confeccionaron as diferentes pezas, como o manto.

Caramuxo tivo un papel relevante como asesor na transformación da Semana Santa de Cangas

Historicamente a “Confraría da Misericordia estaba vinculada ao gremio de mareantes e cada ano, na data de San Xosé, era tradición elixir a dous mordomos, un do barrio máis señorial de Cangas, o Sinal, e outro do barrio máis humilde e mariñeiro, o Costal.

Cando saíu elixido Manuel Gil, que co tempo acabaríase convertido nunha institución dentro da Semana Santa de Cangas, Caramuxo ofreceuse para canalizar o seu gran entusiasmo e asesoralo para mellorala a través de varias vías.

Unha delas foi ampliar o número de pasos que saían en procesión para gañar vistosidade. Deste xeito encargáronse novos pasos como “A oración da horta” e se fabricaron outros con elementos que xa estaban dentro da igrexa como “A piedade”, “A flaxelación” (coñecida popularmente como a dos “Carallotes”) ou “A negación de San Pedro antes de que cantase un galo”.

SUSO CARAMUXO, HISTORIA VIVA DE CANGAS
Paso “As caídas”.

Outra idea aportada por Caramuxo que resultou máis controvertida foi incorporar nos percorridos a penitentes con capuchóns, túnicas e capas. Existía a crenza equivocada de que esa tradición procedía do sur de España, pero o certo e que o costume de vestirse de penitentes e participar nas procesións pedindo perdón nacera en Santiago de Compostela e deixara de facerse, por prohibición do bispo, ante varios atentados en contra das persoas que saían a rúa dese xeito, as veces empregando incluso coitelos.

Decididos a que tres das confrarías daquel tempo, (Dolores, Misericordia e Cristo) levasen 15 penitentes cada unha perfectamente uniformados, desprazáronse a Pontevedra para falar con Peón, un confrade moi coñecido que tiña un negocio na praza do Teucro, para que lles deixase un modelo e logo foron ás Ricosas para mercar as telas necesarias.

Encargaron os traballos a unha pequena cooperativa de modistas que había na rúa Real e que contaba con maquinaria informatizada moi moderna porque traballaban para Adolfo Domínguez.

O traballo de confección dos capuchóns, as túnicas e as capas, que en condicións normais tería levado catro meses, foi realizado nun día e medio e ademais non tivo custo grazas as xenerosidade da tenda das Ricosas e da propia cooperativa de modistas.

Con estes novos elementos, conseguiron incrementar a participación dos veciños e veciñas da vila na Semana Santa e converteron a procesión do Xoves Santo nun acto moito máis concorrido, cun aire vistoso e solemne.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Suso "Caramuxo", historia viva de Cangas (VI) » A Illa dos Ratos

    […] SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE CANGAS" […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.