A FERMOSA HISTORIA DE SANTORO CON MARGOT, O GRAN AMOR DA SÚA VIDA, E CON CANGAS, O SEU LUGAR NO MUNDO
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir da información e fotografías subministradas por Margot Hernández Peleteiro, viúva de Santoro.
No primeiro artigo adicado a figura de José María Pérez Santoro contabamos que, antes de emprender a súa aventura en París, compaxinara os seus estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando cun traballo polas noites nos estudos de gravación e o laboratorio fotográfico que o produtor de cine Samuel Bronston posuía en Madrid.
Nesta segunda entrega abordaremos o seu regreso a Cangas, facendo especial mención a como coñeceu ao amor da súa vida e as diferentes iniciativas que emprendeu para dinamizar a súa benquerida vila, na que permaneceu ata o fin dos seus días a pesar de ter interesantes propostas para crecer profesionalmente noutros lugares.
José María Pérez Santoro coñeceu a Margot, o amor da súa vida, cando ela tiña 15 anos e na súa primeira cita tiveron moi “mala pata”
Cando Santoro regresou de París era un mozo de 22 anos, xeitoso, moi sociable, con moitas experiencias vividas e que paseaba na súa inseparable Lambretta verde, polo que non era de estrañar que tivera moitas pretendentes e algunha que outra parella.
Un mozo tan interesante non pasaba desapercibido aos ollos das mozas da vila, pero sería en Vigo, nun dos típicos guateques que facían os mozos da época, onde coñecería a Margot, o amor da súa vida.
Cando lle preguntamos sobre como se coñeceron, Margot recorda con emoción aquel día no que José María achegóuselle para falar con ela e ofreceuse a sacarlle unhas fotografías. Contaba unicamente con 15 anos pero como lle gustaba o mozo e tamén as motos, non dubidou en aceptar a súa proposta e coa escusa de entregarllas, volveron a quedar para ao día seguinte.
Nesa primeira cita, Santoro ofreceuse a levala de paseo na súa moto e o destino, as veces caprichoso, fixo que tiveran un accidente cando cruzaban a ponte da Ramallosa en Baiona.
Ían circulando tranquilamente cando de súpeto, outra moto que viña a gran velocidade impactou contra eles e a moza saíu polo aire e rompeu a tibia e o peroné.
Daquela non era obrigatorio ter seguro de moto e o outro condutor non se quixo facer cargo das consecuencias do sinistro, así que Santoro, que se sentía responsable do ocorrido, a pesar de que estaba empezando co seu estudo fotográfico e non tiña un céntimo, pediu un préstamo para pagar os gastos médicos da moza.
Unha verdadeira “mala pata”, pero que na práctica foi a escusa perfecta para que se seguisen coñecendo.
O tempo compartido no hospital foi o inicio dunha bonita historia de amor, e logo dun tempo de noivos Santoro e Margot decidiron casarse e vivir xuntos en Cangas
Santoro visitaba a Margot no hospital a diario. Se preocupaba de que non lle faltase de nada e pouco a pouco se foron namorando. Pero naquela época para unha moza non era nada sinxelo iniciar unha relación de parella, e menos sendo menor de idade e con alguén sete anos maior.
Nunha sociedade na que tiñan moito peso a relixión e a educación tradicional, os pais soían ser moi protectores coas súas fillas e estaban sempre moi vixiantes ante os comportamentos de parella antes do matrimonio.
Ademais, no caso dos nosos protagonistas había que engadir que Margot era menor de idade e vivía en Vigo, polo que sabía que se non quería ter problemas na casa debía regresar a súa hora, e non podía ir á praia ou a Cangas se ter antes o permiso dos seus pais.
A pesar de todas estas circunstancias a parella foise consolidando e tras dous anos de relación, José María e Margot o tiveron claro e se preguntaron “¿E se nos casamos?” e acordaron que a voda se celebraría no mes de maio daquel fermoso 1967.
Ela cumpría os 18 anos en outubro, polo que casaría sendo aínda menor de idade e os seus pais, que non estaban moi convencidos do paso que ían a dar os mozos, continuarían sendo excesivamente protectores con ela ata o mesmo día do enlace.
Un exemplo foi cando un mes antes da voda, Margot viñera a Cangas de visita á casa da nai de José María. A muller, que cociñaba como os anxos, díxolle que quedara a comer pero cando foi a pedirlle permiso aos seus pais, estes lle dixeron que mentres non estivera casada iso non estaba ben visto, que xa tería moitos días por diante para comer alí e lle pediron que regresase a casa.
A pesar dese tipo de situacións, finalmente José María e Margot casaron e viñeron a vivir para Cangas. Eran moi novos e aínda que case ninguén apostaba por eles, o tempo demostrou que a súa era unha gran historia de amor que saíu adiante superando todos os obstáculos.
Os pais de Margot, que desde o principio da relación querían que fosen máis a modo e que fixeran as cousas doutra maneira, seguían vendo a José María como unha persoa emprendedora, con demasiada iniciativa e ideas moi novidosas e quizais por iso, incluso despois da voda, non llo puxeron nada fácil para que se integrase na familia.
Tampouco resultou sinxelo para Margot adaptarse a vivir en Cangas. Nese aspecto, tivo un papel fundamental a tía Berta, unha tía de José María que traballaba como encargada na gardería de Massó e que sempre lle botaba unha man para que se sentise integrada entre a xente do pobo.
Sabía que a moza era moi noviña, inexperta e que non coñecía a ninguén, así que ofreceuse a ir con ela as primeiras veces que foi á praza para mercar o peixe, e pediulle ás peixeiras que non a enganaran cando fose soa. Tamén a levou ás tendas da vila para mostrarlle onde mercar os produtos día a día e aproveitaba para que soubesen que era a muller de Santoro. Grazas a isto Margot foise convertendo pouco a pouco nunha persoa coñecida e querida pola xente de Cangas, e aínda hoxe recorda con moito cariño a aquela boa muller que tanto a axudou.
Cando José María Pérez Santoro regresou a Cangas, emprendeu varios proxectos empresariais
Santoro montou o seu propio estudo fotográfico nunha parte do baixo da casa da súa avoa. Nun principio facía sobre todo fotografía de rúa en días sinalados como o Día de Ramos, nos que a xente aproveitaba para “vestirse de domingo” e como non tiñan cámara recorrían aos seus servizos para inmortalizar o momento.
Nese mesmo baixo sería onde desenvolvería a súa actividade profesional durante toda a súa vida, centrándose no que el chamaba a BBC (“bodas, banquetes y comuniones”), pero facendo tamén moitas fotografías que hoxe serven para coñecer a historia e a evolución social e urbanística de Cangas.
Pero como xa dixemos cando falabamos da súa infancia, Santoro sempre fixo gala dun grande espírito emprendedor e ao longo dos anos tamén participou na apertura de diferentes negocios e na organización de moitas actividades para dinamizar o pobo.
No ámbito empresarial, un dos seus negocios máis recordados foi a Cafetería Greyka, que abriu xunto ao seu socio Jaime Torres e que estaba no local que posteriormente ocuparía durante moitos anos a Hamburguesería Vizzio.
Naquela época, en Cangas había unha gran cantidade de tascas, eses lugares enxebres onde a xente acostumaba estar de pe mentres tomaba un viño. Pensaron en abrir un local diferente e apostaron por unha decoración novidosa (moqueta, papel pintado, cadeiras de deseño,..) que crease un clima de comodidade e ofrecese un espazo onde conversar tranquilamente cos amigos, sentarse e tomar unhas tapas.
A iniciativa foi un éxito total. Era habitual que viñesen persoas doutras vilas e as veces había tantos clientes que estaban desbordados e Santoro tiña que poñerse a axudar na barra cando regresaba de facer as reportaxes de voda os sábados e os domingos.
Moita xente recordará esta mítica cafetería pero seguramente non saberá unha gran curiosidade dela: unha vez ao mes o negocio pechaba e se transformaba nunha imprenta na que se imprimía a revista ARCA BRAVOS, unha publicación que editaba unha asociación de radioafeccionados de Cangas da que Santoro era presidente.
Outro negocio que montou Santoro xunto a súa muller foi a Floristería Margaret, un comercio de decoración, onde tamén se vendían novidades como flores de tela ou animais e peixes exóticos. Estivo aberta ata mediados dos anos 90 do século pasado no local onde hoxe esta Duende e alí traballou Lina, unha irmán do seu gran amigo Caramuxo.
Como as cousas ían ben, durante varios anos abriron en Moaña un segundo estudo fotográfico denominado Santoro Moaña e replicaron o concepto de Floristería Margaret nun local na estrada xeral da vila moañesa.
José María Pérez Santoro tamén colaborou activamente no desenvolvemento social e cultural de Cangas, promovendo iniciativas moi innovadoras
Ao tempo que traballaba, creaba e emprendía, Santoro tamén adicaba parte do seu tempo en colaborar activamente no desenvolvemento social e cultural de Cangas a través de iniciativas moi innovadoras.
Durante moitos anos, sempre acompañado do seu gran amigo Suso “Caramuxo” e de Avelino Avilés, foi un dos impulsores, entre outras, das celebracións de Nadal, cun papel importante na organización da Cabalgata de Reis.
Tamén chegou a fundar unha revista local chamada “Jóvenes” (1973), que marcou unha época na vila entre a mocidade de Cangas e durante moitos anos estivo detrás dos certames de debuxo infantil que se celebraban na Alameda Vella – Xardíns de D. Félix Soaxe, unha actividade ao aire libre na que participaba cada verán xente moza da vila, do Morrazo e mesmo forasteira.
Por todas esas aportacións á vida cultural e por ser o responsable da memoria fotográfica da vila, Santoro tivo a honra de ser o pregoeiro das Festas do Cristo no ano 2000 e no seu discurso pronunciou unhas palabras que serven para ilustrar o grande amor que sentía por Cangas, a súa vila e o seu lugar no mundo.
«Cangas es un pueblo encantador. Damos o prestamos la mitad de lo que tenemos. Prestamos las islas Cíes y nos quedamos con la Illa dos Ratos. Prestamos la capilla del Hospital, pero nos queda, y esperemos que nos siga quedando, la de San Roque. Teníamos dos ríos y canalizamos uno, con lo que nos queda ahora el del Aldán».
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/02/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
Un comentario
Santoro, o fotógrafo da luz (I) » A Illa dos Ratos
[…] sentado na terraza dunha cafetería en París. SEGUINTE CAPÍTULO RUTA "PERSONAXES DE CANGAS […]