UNHA ESCOLA DE PESCA PIONEIRA A NIVEL ESTATAL
Texto elaborado por Xerardo Dasairas Balsa, mestre xubilado cunha dilatada traxectoria como investigador en diversos ámbitos.
Aínda que este tema xa foi abondo tratado en libros, traballos e publicacións anteriores de diversa índole pedagóxica, sociolaboral e política, neste artigo imos lembrar o momento no que o nome de Cangas apareceu na España da época como principal referente dun novo proxecto educativo e social para as xentes do mar: a Escola Elemental de Pesca.
Antes de que a Escola Elemental de Pesca de Cangas fose unha realidade, houbo un intento para crear unha escola especializada en Vigo
A referencia máis próxima a unha escola especializada en temas do mar témola na creación da “Escuela de Náutica de Vigo” por un Real Decreto de 1915. Porén, coa chegada da ditadura do xeneral Primo de Rivera, esta escola sería clausurada ao remate do curso no ano 1924.
Desde numerosas instancias particulares, desde o Concello e mesmo coa oferta de dar as clases gratuitamente, Vigo tentou que non se consumase o peche dunha escola da que fora alumno o mesmo poeta vangardista Manuel Antonio, o autor do coñecido libro “De catro a catro”.
Debido ás presións procedentes de Vigo, o ministro prometeulles a creación na cidade dunha Escola de Pesca que sería a primeira de España pero como bo político que era, resultou que o devandito centro de ensino pesqueiro non so non se crearía no seu mandado senón que, anos despois, xa baixo o réxime republicano, había ser Cangas quen o acollese, e Vigo, o gran porto pesqueiro de Galicia, tería que agardar ata o 15 de novembro de 1942 para contar cunha “Escuela Media de Pesca” que apenas cubría a gran demanda formativa neste eido do mar.
Non sería logo ata 1970 cando en tempos do alcalde Antonio Ramilo e da man do ditador Franco, se inaugurase a Escola Naútico-Pesquera de estudos superiores situada na Avenida de Beiramar.
A Escola Elemental de Pesca de Cangas foi ideada polo mestre do pósito D. Felipe Carnicer e inaugurada en 1933 polo Director Xeral de Navegación e Pesca, D. Alfredo Saralegui Casellas
O gran impulsor dos pósitos, D. Alfredo Saralegui, incrementaría desde 1927 a acción destes, mediante a creación de Escolas de Orientación Marítima e Pesca coa súa correspondente dotación e incorporando ao seu profesorado ao funcionariado do Maxisterio.
O primeiro paso para creación da Escola Elemental de Pesca de Cangas xa se dera o 29 de decembro de 1930 cando o Pósito propuxo poñela en marcha contando co apoio decidido do concelleiro socialista Lorenzo Corbacho e demandando a solicitude de subvencións da Deputación, Ministerio de Instrucción Pública, Instituto Social da Mariña e o Concello.
Mais, había ser a chegada a Cangas do mestre D. Felipe Carnicer López en 1930, que xa exercera nos pósitos de Mañón e Viveiro, a súa designación por Saralegui, o seu persoal interese e currículo docente e o axeitado do lugar (es el pueblo que tiene más marineros de España) o que faría posible que esta escola con este nome e ensino, se abrise na nosa vila.
Foi o domingo 19 de marzo de 1933 cando se inaugurou en Cangas esta escola profesional de pesca que segundo fixeron constar na inauguración, tanto o gobernador civil como D. Alfredo Saralegui, era a primeira de España deste tipo.
Aquel día, domingo, o acto tiña convocado un numeroso xentío chegado de todas partes da contorna e tamén ao gobernador civil da provincia, ao inspector de primeiro ensino, ás autoridades locais e ao coñecido D. José Costa Alonso, inspector do ISM e presidente do Pósito de Moaña e da Federación de Pósitos de Galicia.
A banda de música municipal amenizou o acto de presentación das autoridades e deseguida marcharon ao local da patronal pesqueira onde realizaron un almorzo no que non faltaron os discursos na sobremesa, momento no que chegou o mariño e sociólogo D. Alfredo Saralegui que viña desde Madrid.
Procederon a trasladarse á Escola de Orientación Marítima para inaugurar a Escola Elemental de Pesca, ubicada nas súas instalacións e alí houbo tempo para novos discursos de louvanza aos mestres (inicialmente tres) e arengas aos nenos do Pósito infantil que asistían coa súa bandeira.
Tras rematar os actos de inauguración da Escola Elemental de Pesca, as autoridades trasladáronse á rúa do Muelle que desde ese momento se convertería na Rúa D. Alfredo Saralegui
Tras rematar cos actos, as autoridades trasladáronse á rúa do Muelle que desde ese momento pasaría a designarse como Rúa Alfredo Saralegui, cuxo nome figuraba nunha placa de mármore da que se prometeu que pronto sería de bronce.
O rótulo foi descuberto polo gobernador civil ao que seguiron os discursos do mestre Modesto Novelle que xustificaría este acordo municipal e de Costas no nome do Instituto Social da Mariña.
A seguir houbo festa no recheo amenizada pola banda tras a que as autoridades retiráronse e Saralegui marchou con D. José Costa Alonso para Moaña, de onde regresaría para Madrid.
No primeiro curso da Escola Elemental de Pesca de Cangas impartíronse ensinanzas de patrón, fogoneiro habilitado e motorista sendo a primeira vez que se realizaban prácticas en pesqueiros de vapor e motor de explosión
O remate do primeiro curso da Escola Elemental de Pesca de Cangas en abril de 1934, tivo repercusión en distintos medios de prensa estatais pois o balance non podía ser máis positivo xa que lle deu formación a corenta e cinco alumnos entre dezaseis e trinta e cinco anos que recibiran ensinanzas de patrón, fogoneiro habilitado e motorista sendo a primeira vez que se facía este tipo de ensinanza con prácticas en senllos pesqueiros a vapor e motor de explosión.
Como colofón deste curso, D. Felipe Carnicer convidaría a profesores, alumnos e achegados, a unha merenda en San Simón pois partiría de Cangas cara un novo destino na Coruña a onde levaría tamén a redacción da revista España Marítima y Pesquera. Mais o proxecto continuaría atendido polo equipo docente integrado tamén por Gerardo Amado, José Azpeitia, Víctor Sánchez, o médico Jorge Etcheverri… ata o dramático final da xeira republicana.
Co levantamento militar do 1936, moitos mestres foron asasinados ou depurados nun proceso levado a cabo por tribunais específicos para os corpos de ensino
No momento do levantamento militar contra a República, D. Felipe Carnicer exercía nestas datas na escola de Silva de Abaixo na Coruña e para tentar contrarrestar ou desmontar as acusacións contra el declararía que a súa principal teima era loitar contra o marxismo e o anarquismo que se estaban a promocionar nas vilas mariñeiras e obreiras. Fronte ao tribunal, Carnicer faría as seguintes declaracións:
“He de hacer constar que, -sin duda por omisión involuntaria de esa Comisión Depuradora- que soy Maestro de Orientación Marítima y Pesquera… Los Pósitos Marítimos,entidades estatales, creadas por la Dictadura para contrarrestar el avance social-marxista del proletariado por una parte, y la explotación del capitalismo por otra, han tenido siempre como enemigos a éstos,por considerar a dichas instituciones eminentemente comunistas, y, contrariamente a aquellos, porque veían en esta santa obra un refugio de “esquiroles” y de contrarrevolucionarios según se recoge en el documento nº 66 que aporto.
En 1934 se nos llamaba ya fascistas, según puede verse en el documento 66 citado… El Sr. Saralegui, en vista de mis ejercicios en dichos cursillos de intenso trabajo,me aconsejó solicitase Cangas, por cuanto precisaba de un hombre como yo para poder redimir al puerto con mas pescadores de España de la explotación e ignorancia en que estaba sumido.
Del mismo modo que Mussolini comprendió claramente que el éxito del Fascismo estriba en redimir a aquellas masas y volverlas al cauce religioso y patriótico… mi ideal era ese; acompañando de palabras y obras, procurando imitar y secundar a tan gran “conductor”, orientando y guiando a las gentes de Cangas por la senda de la razón, de la justicia social, que hoy, lo mismo que entonces, nos está encomendada, no en vano era mi amigo en Cangas el Cónsul italiano en Vigo (o conserveiro Guido Paganini), con cuyas propagandas fascistas coincidía mi labor de Maestro de Orientación Marítima y Asesor General del Pósito”.
Non chegamos a coñecer cal foi a resolución do Comité de Depuración pero con estas declaracións, de seguro que Carnicer non sería dos que sairon peor parados desta sistemática criba ideolóxica. Boa proba disto é que en febreiro de 1954 Carnicer é ascendido á terceira categoría no escalafón cun importante aumento de soldo.
Xerardo Dasairas Balsa
Diplomado en Filoloxía por Maxisterio, exerceu como mestre en Cangas do Morrazo. Dende 1978 ven colaborando en prensa e revistas de Galicia con artigos referentes a etnografía, historia, arqueoloxía, patrimonio, pedagoxía e socioloxía.
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link20/05/2024
-
Xerardo Dasairas Balsa#molongui-disabled-link
3 comentarios
Pepe Santos Rodríguez, "O poeta" » A Illa dos Ratos
[…] Galo ou o mestre do Pósito de mariñeiros Felipe Carnicer. Este último, impulsou a creación da escola elemental de pesca en Cangas, sendo o primeiro centro educativo de pesca de Galicia e de […]
X23Liema
Hey people!!!!!
Good mood and good luck to everyone!!!!!
A escola elemental de pesca » A Illa dos Ratos
[…] RUTA "CANGAS E O MAR" A ESCOLA ELEMENTAL DE PESCA , POR XERARDO DASAIRAS BALSA […]