SAÍR DE CANGAS PARA COÑECER MUNDO, FORMARSE E VIVIR NOVAS EXPERIENCIAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa e que foi galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

Tras o primeiro artigo sobre Suso “Caramuxo”, historia viva de Cangas, no que falabamos dos primeiros anos de vida do noso protagonista e das súas lembranzas do enterro de D. Félix Ozámiz Rodríguez-Sesmeros, nesta segunda entrega faremos un repaso a súa infancia e adolescencia pero tamén as súas vivencias cando fixo o servizo militar en Cartaxena e cursou os seus estudos en Barcelona.

“Caramuxo” recibiu a súa primeira comuñón do Cardeal Quiroga Palacios que visitaba Cangas con motivo do 50 aniversario da Agrupación da Adoración Nocturna de Cangas

Corría o ano 1955 e o Cardeal Quiroga Palacios visitaba a vila para participar na misa que se celebraba as 4:00 da mañá con motivo das vodas de ouro da Agrupación da Adoración Nocturna de Cangas.

“Caramuxo” recorda con cariño aquel día de xuño porque foi cando recibiu a súa primeira comuñón e foi precisamente de mans do Cardeal. Lembra que era o único neno vestido de “marinerito” a aquelas horas intempestivas e que despois da procesión tomou o tradicional chocolate co que se agasallaba aos asistentes, acompañado polo seu pai.

Para aquela ocasión tan especial instalárase un gran altar na Alameda Vella e viñeran a Cangas máis de 50 grupos de adoración nocturna de toda España que participaron da “Procesión das bandeiras”, así coñecida porque cada unha delas portaba o seu estandarte. A celebración foi un éxito e non se repetiría unha concentración tan concorrida ata o centenario que se celebrou no ano 2005.

SUSO CARAMUXO
O gran altar que se instalou na Alameda Vella de Cangas, os representantes das diferentes agrupacións coas súas bandeiras e o campanario da Ex-colexiata.

Antes de cumprir o servizo militar en Cartaxena, “Caramuxo” pasou polo seminario en Santiago e pola escola de orientación marítima en Cangas 

Na década dos 60´s, antes de pasar 3 anos no seminario en Santiago, “Caramuxo” asistiu á escola de orientación marítima do mestre D. Vicente Valdó ata que cumpriu os 12 anos. A aula atopábase enriba da tenda de ultramarinos do seu pai, que estaba situada no local que posteriormente ocuparía o mítico Bar Octubre, na rúa San Xosé.

Con 15 anos, o noso protagonista cumpriu cunha  costume moi arraigada en Cangas: inscribirse na Mariña facendo a “libreta do mar“. Dende o punto de vista social, o servizo militar por terra asociábase con ter que limpar cabalos e convivir cos piollos, mentres que o mar era un entorno máis limpo. Pero o principal motivo para que os mozos preferisen o mar era que na Mariña non se sorteaban os destinos, e polo tanto era menos probable acabar en lugares como Ceuta.

Normalmente os mozos eran chamados a cumprir co servizo militar aos 18-19 anos pero “Caramuxo” presentouse voluntario con 17 anos porque tiña claro que quería ir a estudar a Barcelona e precisaba cumprir coa súa obriga canto antes.

A súa intención era quedar en Vigo e traballar como telegrafista na ETEA, pero cando lle fixeron as probas de audición detectáronlle unha gran sensibilidade auditiva e foi seleccionado por imperativo legal para facer o curso de especialista en sonar.

Acabou destinado en Cartaxena, embarcado no “Jorge Juan“, que formaba parte da 21 escuadrilla de destrutores coñecida popularmente en toda España con “Los Cinco Latinos“, formada por modernos barcos americanos que participaran na II Guerra Mundial e na recentemente finalizada Guerra de Corea, cos cales a Armada facía manobras militares cos propios americanos ou cos franceses.

SUSO CARAMUXO
O destrutor “Jorge Juan” no que estivo destinado “Caramuxo”. Fonte: La Razón.

Aqueles barcos foran transferidos pola mariña de guerra dos EEUU a Armada española como parte da axuda militar incluída nos convenios de defensa de 1953 firmados entre Franco y Eisenhower, que permitiron, entre outras cousas, a instalación de bases militares en España.

Grazas a este traballo, “Caramuxo” tivo a oportunidade de coñecer todo o Mediterráneo: Barcelona, Mallorca, Ceuta, Melilla, Cádiz, Málaga ou Alacante.

SUSO CARAMUXO
Suso “Caramuxo” en Mallorca, nunha das súas visitas a terra.

Como cabo especialista cobraba 5.000 pts. ao mes, un bo soldo para alguén que estaba facendo a “mili“, pero por aquela época tamén tivo outras fontes de ingresos: pintaba e vendía cadros, facía algúns traballos para unha axencia de publicidade chamada “Martínez” e deseñaba etiquetas para botellas de viño común para unha imprenta de Cartaxena.

Tamén aceptaba encargos para pintar unhas cintas de tela típicas da zona do Levante que os compañeiros lle regalaban as súas mozas por San Valentín e as súas nais con motivo do Día da nai que se celebraba o 8 de decembro.

Logo de 3 anos “Caramuxo” saíu licenciado como cabo especialista e con 20 volveu a Cangas para pasar un par de meses antes de comezar os seus estudos en Barcelona

Logo de pasar un par de meses en Cangas, “Caramuxo” puxo rumbo a Barcelona para cumprir o seu soño de formarse na Lonça, unha escola de artes aplicadas e oficios artísticos de carácter público que contaba con varios centros e na que estudaran pintores de renome como Miró ou Picasso.

Nun primeiro momento foi acollido por un amigo que fixera a mili con el, pero rapidamente buscou formas de gañar cartos para poder instalarse canto antes pola súa conta.

Traballou para o afamado debuxante de cómic Juan Boix, corrixindo e enchendo os fondos dos seus debuxos para a editorial Galaor e tamén vendeu libros do Circulo de Lectores. Cos cartos que obtivo puido alugar unha habitación nun piso que compartía con xente de Ourense na zona de Pedralbes.

Debido a isto, “Caramuxo” asistía as clases no centro da Lonça que lle quedaba máis preto e que estaba situado na Calle Mayor de Gracia. Alí se impartían clases de restauración, decoración, deseño de moda, animación, modelado ou anatomía humana.

A partir dos 21 anos, cando os alumnos cumprían a maioría de idade, tamén podían asistir a sinatura de “debuxo ao natural” na que posaban espidas unhas modelos que eran funcionarias do estado e que tamén traballaban para afamados pintores e escultores.

“Caramuxo” intentou aproveitar esas interesantes clases pero tamén adicou o seu tempo a descubrir outras cousas e vivir moitas experiencias novas. Era un mozo de pobo que non estaba acostumado ás discotecas con luz e son, a correr diante dos policías nas manifestacións, a escoitar aquelas fantásticas bandas de música (incluso de Francia), ver desfilar as Majorettes ou a asistir a gran festa de San Xoán de Barcelona, que naquel tempo tiña un ambiente máis impresionante que o fin de ano da Porta do Sol en Madrid.

Todas elas foron experiencias moi enriquecedores que lle permitiron evolucionar a nivel persoal e tras catro anos decidiu regresar a Cangas sen rematar a súa formación, pero con moitas ideas e iniciativas baixo o brazo que non tardaría en poñer en práctica na súa vila natal.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Luis Pérez

    Boto de menos mención aos seus principios como promotor de actividades populares. Lembro, porque o vivín nos primeiros anos 60, a Festa Popular do Cristo dos Barreiros. Non debera quedar no esquecemento. Que vos conte!

  2. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (III) » A Illa dos Ratos

    […] Protexido: Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.