UNHA MELLORA SUSTANCIAL COA CHEGADA DA SOLDADURA
Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, e fotografías cedidas pola A.C Nós.
No anterior artigo que adicamos á evolución da construción naval en ASCON baixo o título de “Da madeira ao remachado“, falabamos duns inicios nos que os barcos eran de madeira e de como na década dos 50 comezaron a empregarse pranchas de ferro remachadas que permitían construír embarcacións de maior tamaño.
Na década dos 60 xeneralizouse o uso da soldadura na construción naval
Esta nova tecnoloxía, que revolucionou a construción naval, permitiu incrementar aínda máis a lonxitude dos barcos. As pranchas xa non ían superpostas, empregábanse novos materiais e ademais as unións entre as pranchas eran moito máis consistentes.
Foi nesa mesma década cando comezaron a sucederse importantes transformacións en todos os eidos da empresa coincidindo co cambio xeracional na dirección que pasou de D. Joaquín Davila ao seu sobriño Román.
No referente aos procesos produtivos, ademais da soldadura, introducíronse novos sistemas de corte que axilizaron e melloraron o proceso. Ademais, para o trazado das diferentes pezas recorreuse a unha empresa auxiliar chamada “Herreros de Ribera” que se encargaba de prefabricalas para que logo fosen montadas nas “gradas” do estaleiro.
Coa chegada de D. Alejandro Barreras a ASCON púxose o foco na prevención de riscos laborais, a formación e a retribución dos traballadores
No apartado dos recursos humanos hai que destacar a incorporación de D. Alejandro Barreras que asumiu a función de director xeral da empresa e que avogou por incorporar varias melloras que afectaron directamente aos traballadores.
Unha das primeiras medidas que se tomaron foi implementar medidas de prevención de riscos laborais (PRL). Ata ese momento os traballadores acusaban a falta de formación en riscos laborais e tampouco dispoñían de equipos de protección individual, o que provocaba pequenos accidentes case que a diario, e as veces incluso contratempos moito máis graves. Cousas tan sinxelas como levar un casco tardaron bastante en chegar a ASCON. Grazas a estas medidas adoptadas, co paso do tempo a empresa converteríase en “empresa modélica en seguridade social” durante varios anos.
Outra medida pola que a nova dirección apostou moi forte foi a formación integral dos traballadores. Ata entón o persoal da empresa estaba formado maioritariamente por persoas con baixa cualificación, sobre todo mariñeiros ou labregos que se preocupaban máis por ir aos croques ou traballar as veigas que pola súa labor no estaleiro e que non poñían moito interese en aprender.
Dende este intre, a empresa pasou a demandar traballadores con formación ou experiencia previa noutras empresas do sector como Vulcano, Barreras ou Freire. Tamén se incorporaron aprendices que serían instruídos nas habilidades fundamentais para desenvolver correctamente o seu traballo.
En canto a retribución implementouse o sistema Bedaux, un sistema de retribución variable
Por último, para atraer a eses traballadores cualificados, a empresa decidiu apostar firmemente por ofrecer aos seus empregados unha interesante retribución coa introdución do sistema BEDAUX.
Este sistema de retribución variable baseábase en establecer unha retribución estándar se se facía o traballo nun tempo determinado e un plus de produtividade se se tardaba menos. Para determinar eses tempos uns expertos cronometraban os traballadores para estimar os tempos eficientes de cada tarefa e logo establecíanse as condicións mínimas a completar en cada xornada.
A medida tivo moi boa acollida por parte dos empregados pero, ao principio, incrementouse a sinistralidade laboral como consecuencia do exceso de ambición e empeño derivados de que co novo sistema un traballador “máis que eficiente” podía gañar o dobre.
Houbo quen “tivo sorte” e unicamente perdeu unha perna ou un brazo por non prestar a debida atención á tarefa pero, tamén houbo quen perdeu a vida caendo dun andamio por andar con présa ou quen morreu afogado dentro dun tanque por estar demasiado tempo soldando dentro del.
Con todas estas medidas a empresa foi gañando prestixio e fóronse incorporando novas persoas con experiencia e cualificación
Nos cargos de responsabilidade tamén chegaron novas caras como os irmáns Amado que, dende Ferrol, se incorporaron para asumir a dirección do traballo nas gradas e do armamento dos barcos.
Grazas a todo isto, ASCON incrementou moito a súa carga de traballo con pedidos de empresas como Pescanova, Casa Mar ou Barreras nos que tiñan socios en común. Estas empresas demandaban barcos pesqueiros máis grandes para diferentes destinos como Chile, Exipto, etc.
Concretamente, da man de Pescanova, ASCON converteuse nunha empresa pioneira coa construción dos primeiros buques conxeladores para a pesca de altura. Isto supuxo un pulo definitivo para o despegue do estaleiro moañés e foi tal e entrada de cartos que a xunta directiva chegou a penar en crear un banco. Finalmente, a idea desbotouse e optaron por investir os cartos nun segundo estaleiro na zona de Teis, unhas novas instalacións que bautizarían como ASCON RÍOS.
Óscar Rodríguez Martínez
Socio fundador de A Illa dos Ratos.
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/15/06/2020
-
Óscar Rodríguez Martínezhttps://ailladosratos.org/author/oscar/09/07/2020
5 comentarios
As voces de Ascon e Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos
[…] A segunda fase (1976-1984) estaría marcada polo cambio de dirección, a ampliación do cadro de persoal, a crise económica e a liquidación da empresa. […]
Las voces de Ascon y Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos
[…] La segunda fase (1976-1984) estaría marcada por el cambio de rumbo, la ampliación del cuadro de personal, la crisis económica y la liquidación de la empresa. […]
O Domaio industrial » A Illa dos Ratos
[…] os traballadores dos barcos de carga de transporte foron entrando na década de 1960 no estaleiro Ascon, sendo Domaio a parroquia con máis obreiros nesta importante factoría, a mellor de España na […]
Lito, futbolista del Celta » A Illa dos Ratos
[…] gracias a su valía como futbolista Lito entró a traballar en las oficinas de ASCON, el gran astillero de Meira, que disputaba un campeonato de fútbol entre empresas a nivel […]
Lito, futbolista do Celta » A Illa dos Ratos
[…] grazas a súa valía como futbolista Lito entrou a traballar nas oficinas de ASCON, o gran estaleiro de Meira, que disputaba un campionato de fútbol entre empresas a nivel nacional. […]