A CAZA DE BALEAS EN GALICIA NO SÉCULO XX.

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

A túa librería en Pontevedra onde os libros teñen unha segunda oportunidade.

Cando nos asomamos ao antigo complexo industrial de Massó de Cangas podemos contemplar o último vestixio que queda da desaparecida Factoría de Balea C.B, sociedade formada inicialmente en 1954 por Massó e Barreras para instrumentalizar a súa actividade baleeira. É cascallo que garda na memoria unha actividade moi importante da que apenas queda nada salvo unha nave en estado ruinoso, a rampla pola que se subían as baleas para o seu despece e parte do varadoiro no que se reparaban os baleeiros cando era preciso.

O que moita xente non sabe é que para a súa posta en marcha aproveitáronse materiais procedentes dunha desmantelada factoría de Benzú (Ceuta) que, xunto a outra de Alxeciras, centralizaron a actividade baleeira a nivel nacional ata que practicamente chegaron a extinguir a totalidade dos cetáceos da zona do estreito de Xibraltar.

De alí tamén se trouxo man de obra especializada, a maioría de orixe marroquí, porque en Cangas non había xente cualificada para traballar coa balea. Pasado un tempo de aprendizaxe, foi xente de Nerga a que se fixo cargo do despece da carne da balea, e incluso chegaron a traballar man a man na década dos 70 cos xaponeses que viñeron a supervisar o proceso.

Nos comezos da actividade baleeira en Galicia non había factorías en terra senon barcos-factoría onde o despece se facía a bordo

Contrariamente ao que se poida pensar, a Factoría de Balea C.B. non foi a primeira empresa que se dedicou á caza e despece de baleas en Cangas. O inicio da actividade baleeira en Galicia data do ano 1924 coa chegada da empresa “Sociedad Ballenera Española” (La Corona) co buque-factoría Rey Alfonso que adoitaba fondear na enseada de Barra e logo na ría de Aldán.

Neste buque-factoría, as baleas proporcionadas polos vapores baleeiros eran izadas polo costado para a súa transformación e despece a bordo sen necesidade de ir á terra.

Pouco despois unha segunda empresa, a “Compañía Ballenera Española”, emprazouse na enseada de Caneliñas (Cee) con outro buque factoría de orixe noruegués, o “Bus”, que operou exitosamente ata que no ano 1925 un forte temporal o lanzou contra as rochas e afundiu. Este tráxico feito foi o motivo polo que “Compañía Ballenera Española” decidiu instalar a primeira factoría baleeira de Galicia en terra firme. Foi en Caneliñas (Cee), con capital español e noruegués, e era atendida por máis de 100 operarios.

Houbo un parón na actividade baleeira en Galicia motivada pola crise económica e a Segunda Guerra Mundial

Por circunstancias socioeconómicas diversas, sobre todo a gran crise económica mundial tras o crack do ano 1929 e os conflitos bélicos ocorridos na primeira metade do século XX, entre 1927 e 1952 houbo un parón na actividade baleeira en Galicia.

A reapertura de Caneliñas (Cee) xestionada pola IBSA (Industrias Balleneras S.A) daría impulso ao sector e dous anos despois xurdiría a actividade na baleeira de Cangas. Pouco despois instalaríase unha terceira factoría en Cabo Morás (Xove) tamén propiedade da familia Massó que completaría o mapa das factorías galegas.

Pasaron os anos e, chegado o 1971, como IBSA tiña a factoría de Caneliñas (Cee) e Massó as de Cangas e Cabo Morás (Xove), decidiron fusionarse para obter sinerxías baixo a denominación de IBSA. A frota da nova empresa resultante quedaba formada por dous barcos de Massó (Carrumeiro e Cabo Morás) e tres de IBSA (Lobeiro, Caneliñas e Temerario).

Foron anos de esplendor para a industria baleeira que era a que máis exportaba de toda España, con Xapón como principal cliente. Daquela o país nipón estableceu que soamente lle mercaría derivados da balea a aqueles países que firmasen un tratado promovido pola Comisión Baleeira Internacional no 1979.

Así foi como a partir dese intre España quedou obrigada a cumprir as condicións reguladoras do tratado para a caza de balea. Este tratado establecía que quedaba prohibida a pesca do cachalote e da balea azul, xa que as súas poboacións estaban moi esquilmadas, e recortaba o número de capturas establecendo unha cota de 860 para período 1980-1985 e un tamaño mínimo de 16,8 m.

Ademais, establecíase a obrigatoriedade de contar cun observador científico a bordo dos barcos para supervisar que esas medidas se cumprisen. Pero a medida que causou máis controversia foi a obrigación de utilizar o chamado “arpón quente”, que levaba unha granada na punta para que a balea morrese instantaneamente evitándolle o sufrimento.  Esta medida deixou de empregarse pouco tempo despois pero, non por considerarse un método cruel de acabar coa vida do animal senón porque a carne perdía valor.

Nos anos seguintes á firma do tratado foi crecendo a conciencia social na defensa das baleas, abandeirada por diversos grupos ecoloxistas. O 27 de Abril de 1980 dous buques que formaban parte da frota da empresa, o IBSA I e o IBSA II, sufrían ataques con bombas por parte dun grupo ecoloxista denominado “Sea Shepherd” no porto de Marín, en represalia porque, segundo eles, IBSA estaba a incumprir de forma sistemática coa cota de baleas asignada.

Dos dous buques só o IBSA I, menos afectado polas bombas, foi reflotado e posto en marcha e, dende ese momento, os barcos da empresa comezaron a cazar de forma indiscriminada.

Debido a eses incumprimentos continuos das condicións que establecía o tratado e, sobre todo polas presións ecoloxistas, no ano 1986 a Comisión Baleeira Internacional acabaría decretando o amarre da frota e o peche das factorías durante un período de 5 anos, no que se coñeceu coloquialmente como “a moratoria” que finalmente se convertería en indefinida no 1992 ata os nosos días.

O balance que podemos facer da actividade da factoría de punta Balea nos seus 32 anos de existencia permítenos facer unha dobre lectura. Por unha banda, dende o punto de vista económico, foi bastante importante para a economía local pero, se atendemos a criterios ecolóxicos, influíu moi negativamente no medio ambiente e no estado das praias como a de Rodeira (sempre sucia con cantidade de graxa).

Ademais, as capturas que se ían producindo contribuíron de forma importante a esquilmar as poboacións de grandes cetáceos en augas do Atlántico Norte. Durante os anos de actividade baleeira en augas galegas, entre as 3 factorías despezaron 6.337 cachalotes, 4.686 rorcuais comúns, 291 rorcuais boreais, 17 baleas azuis e 2 xibardos.

A día de hoxe, daquela historia baleeira só queda o buque IBSA I, aquel baleeiro que fora atacado en Marín nos anos 80. Cando estaba á espera de ser despezado en Cee, foi adquirido polo Museo de Sandefjord de Noruega, foi rehabilitado tal e como fora construído nos anos 50 en Gran Bretaña e, tras ser rebautizado como Southern Actor, volveu ao mar como barco museo.

 

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. A pedra de ámbar gris » A Illa dos Ratos

    […] son viguesa e como tal, oínlle comentar ao meu pai moitas veces da existencia dunha baleeira na vila de Cangas e do paso dos cadáveres dos grandes cetáceos, que eran arrastrados polos […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.