O DEFENSOR DO MAR, FONTE DE SUSTENTO DA XENTE DE CANGAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de información facilitada por Fernando Cuñarro Pintos, secretario da A.C A Cepa. e de Suso Caramuxo.

“La materia se extingue con el tiempo, mientras que el alma perdura en la Eternidad”

“Las cosas grandes, vestidas de humildad, tienen una belleza que no envidia la de la luz y los colores”

D. Félix de Ozámiz Rodríguez-Sesmeros

Don Félix de Ozámiz y Rodríguez-Sesmeros (1904 – 1958) foi un oficial da Mariña de orixe vasca que tras 30 anos en Cangas gañouse a estima e o recoñecemento do pobo polo seu esforzo na defensa do mar, fonte de sustento da xente máis humilde da vila.

No seu desempeño deixou sona de home estrito e moi rigoroso coas infraccións que se facían no mar, pero tamén dunha gran calidade humana. Esa marcada personalidade facía que por unha parte afirmase que “yo no hice las leyes ni los reglamentos, pero me han puesto aquí para hacerlos cumplir” e por outra, unha vez aplicada a sanción, se interesase pola situación na que quedaba a familia do infractor e non dubidara en axudalos se facía falta, xa fose empregando os seus contactos ou poñendo cartos do seu peto.

Sendo Tenente de Navío, D. Félix de Ozámiz Rodríguez-Sesmeros casou aos 24 anos con Dª María Guzmán Rodal, unha moza que pertencía a unha familia relevante de Cangas

Tras contraer matrimonio o 5 de decembro de 1928, trasladouse coa súa dona ao pazo familiar de Leirachán, situado no Espírito Santo. Ao non ter descendencia sempre foron moi xenerosos tanto coas súas sobriñas como cos fillos das persoas que traballaban na súa casa.

Unha destas persoas era “A Pechencha”, da familia dos Torrosos, unha muller que tiña moitos fillos, dos cales algúns deles eran afillados de D. Félix. “A Pechencha” era unha das moitas “choronas” que houbo en Cangas e cando recibiu a nova da morte de D. Félix chorou de corazón polo triste final daquel gran home, pero tamén pola gran perda que supoñía para a súa familia ao quedarse sen a súa protección e axuda.

D. FÉLIX OZÁMIZ RODRÍGUEZ-SESMEROS
Dª María Guzmán Rodal e D. Félix de Ozámiz Rodríguez-Sesmeros o día da súa voda.

Durante o seu paso pola Comandancia de Mariña de Vigo destacou o seu traballo na vixilancia da ría en todos os aspectos. José María Castroviejo deixou escrito del que era de admirar “polo labor realizado exemplar e incansablemente a favor do mar e dos homes do mar que nel buscan o seu sustento. A ría, antes esquilmada, viuse, coma nun milagre, poboada de novo. Fanecas, polbos, robalizas, … e ata a fuxidía xouba volveu alegrar ría e os fogares coa súa presenza. Como obras son amores, o milagre fíxose pola inexorable vixilancia dun home que impediu o emprego dos destrutores aparellos de arrastre, da dinamita e das bacas dentro de augas prohibidas, facendo que as vedas fosen tamén unha realidade sobre a auga. Ozámiz foi rigoroso consigo mesmo e rigoroso con todo infractor”.

Don Félix de Ozámiz era o comandante da flota de submarinos onde fixeron prácticas na ría de Vigo os alumnos da Escola  Elemental de Pesca de Cangas en 1933

A Escola Elemental de Pesca de Cangas foi a primeira Escola Náutico Pesqueira que funcionou en todo o Estado Español, un proxecto pioneiro impulsado polo mestre do pósito D. Felipe Carnicer.

Os seus alumnos recibían ensinanzas de patrón, fogueiro habilitado e motorista, sendo a primeira vez que se incluían prácticas en pesqueiros a vapor e con motor de explosión. Ademais disto, grazas a participación de D. Félix de Ozámiz tamén puideron facer prácticas a bordo de submarinos da mariña.

Tras varios anos realizando un encomiable labor en Vigo, D. Félix de Ozámiz foi destinado a Ferrol

Durante os anos que estivo á fronte da Comandancia de Mariña de Vigo conseguiu a rexeneración da ría de Vigo. Non foi sinxelo xa que tivo que perseguir o emprego de dinamita e as artes de pesca prohibidas. Incansable, non dubidaba en embarcarse a calquera hora do día ou da noite para supervisar os labores das lanchas de vixilancia ou aparecer de súpeto polos mercados para medir o peixe que se vendía e ordenar que se tirase ao mar todo o xénero que non daba a talla mínima.

Por cousas como estas, os mariñeiros de toda a ría, que estaban moi agradecidos do seu labor, recolleron sinaturas para que continuara sendo o responsable da vixilancia pesqueira e así conseguiron que o Concello o nomease fillo adoptivo de Cangas.

Tiña aos mariñeiros e ás pescantinas do seu lado e en contra a algúns armadores que querían enriquecerse axiña sen importarlle esquilmar a ría e a súa riqueza, pero tras el deixaba para ambos bandos unha imaxe de home recto e implacable no seu labor e un ronsel de anécdotas.

Moitas xurdían cando lle pedían favores para que os fillos puidesen cumprir o Servizo Militar obrigatorio, a chamada mili, nun destino preto como a Escola Naval de Marín. D. Félix axudaba a todos os que podía pero se algún mariñeiro agradecido intentaba agasallalo cunhas ducias de nécoras ou algún peixe de mérito, obrigaba aos empregados da casa a devolver os presentes, nalgún caso incluso cociñados.

D. Félix de Ozámiz continuou coa súa carreira na Mariña tras a Guerra Civil

Nos inicios da Guerra Civil no outono de 1936, como Tenente de navío da Mariña de Guerra e comandante do “Tritonia”, estivo ao mando dunha flota de 19 bous (barcos de altura requisados e dotados de artillería) do bando nacional no Cantábrico. Vinte anos máis tarde, xunto cos seus compañeiros, recibiría unha homenaxe por parte das autoridades franquistas pola súa valentía na localidade de Ribadeo. 

Non sería a única ocasión na que recibiría o recoñecemento polo seu labor xa que hai constancia de 17 condecoracións oficiais ao longo da súa carreira na Armada. Por esa experiencia foi nomeado Comandante do buque escola da Armada Galatea en 1941.

D. FÉLIX OZÁMIZ RODRÍGUEZ-SESMEROS
O Galatea, unha vez estivo fóra de servizo da Armada, foi adquirido mediante subscrición popular en 1992 polo concello escocés de Glasgow, onde fora construído como mercante en 1896. Alí foi restaurado e aberto ao público como museo. FONTE: https://vadebarcos.net/2015/08/29/buque-escuela-galatea-gleenlee/

Nos anos cincuenta D. Félix de Ozámiz opúxose a instalación da fábrica de Celulosas en Lourizán. A súa postura inflexible non lles debeu gustar moito ás autoridades franquistas, pero era un home de ideas fixas e cunha forte personalidade e a pesar das presións mantívose contrario a esa instalación na ría de Pontevedra polo que supoñía para o medio ambiente.

A súa participación nun Consello de Guerra puido ser a causa do seu misterioso e inesperado falecemento

Por ser unha persoa íntegra e con moitos valores foi designado polos seus superiores para participar nun consello de guerra. Outros compañeiros de armas alegaron razóns diversas para non aceptar esta difícil encomenda, sobre todo porque o acusado afirmaba ser primo carnal de Carmen Polo. Era un capitán da mercante que en estado de embriaguez realizara unha manobra temeraria desobedecendo as indicacións que recibía dende terra, e isto provocara a morte dun mozo que facía labores de vixilancia en Ferrol.

Como era de esperar, D. Félix de Ozámiz realizou a súa función de xeito impecable e o acusado foi condenado en base as probas e as testemuñas que se presentaron. Poderíamos pensar que esa conduta merecería un novo recoñecemento pero o que ocorreu pouco despois de celebrarse o xuízo foi totalmente o contrario e xurdiron presións para que aceptase o cargo de Director da Escola de Mecánicos da Mariña en Ferrol. Acabou aceptando e pouco tempo despois apareceu morto na cidade departamental cun tiro na cabeza. Era o 17 de marzo de 1958 e D. Félix contaba con 54 anos.

Os informes oficiais falaban dun suicidio pero as persoas que o coñecían nunca creron esa versión dos feitos porque eran coñecedores do seu carácter e porque un católico convencido como el nunca se quitaría a vida dese xeito.

Tres días despois, o ABC daba conta de que o seu enterro se celebrara “en un pueblecito de la ría de Vigo”  e que constituíra unha sentida manifestación de dor, á que se sumaran numerosas persoas de todas as clases sociais.

O escritor e veciño de Tirán, José M. Castroviejo elaborou unha sentida necrolóxica de despedida: “la noticia corrió como un reguero de pólvora por toda esta península de Morrazo, por Vigo y por otros puntos donde la labor de este querido jefe era apreciada en grado sumo, por convencerse todos de la eficacia de sus medidas“.

D. FÉLIX OZÁMIZ RODRÍGUEZ-SESMEROS
Fotograma dunha noticia de TVE onde se ve a D. Félix Ozámiz, Comandante Militar de Vigo, na Homenaxe ás Mariñas de Guerra, Mercante e Pesqueira (1956).

O enterro de D. Félix de Ozámiz foi un dos máis concorridos e importantes da historia de Cangas

O traslado do seu cadáver desde O Ferrol, que foi acompañado por unha comisión militar encabezada polo Ministro de Defensa, constituíu unha impoñente manifestación de dolo, congregando en torno ao modesto ataúde unha inmensa multitude como non se lembraba en Cangas.

No día do seu soterramento todo Cangas estaba na rúa agardando a comitiva que chegou detrás dunhas motos de uniformados que pararon á altura da Casa das Luces, onde agardaban as autoridades da Mariña que viñeran dende O Ferrol e da Escola Naval de Marín coas primeiras autoridades locais e provinciais.

Homes, mulleres, nenos e nenas expresaban a voz en grito a dor que lles causaba a desaparición deste home que tanto fixera pola defensa dos mariñeiros e da ría, a principal fonte de sustento da xente de Cangas.

Ao pouco chegou un furgón da Mariña co cadaleito. Suso Caramuxo, que naquel momento era monaguillo e contaba con dez anos, recorda que estaba en primeira liña dos acontecementos mantendo erguida a cruz procesional, impactado polo son dos taconazos dos saúdos militares que resoaban naquel silencio infinito.

O crego de Cangas recibiu o féretro e cando a comitiva fúnebre botaba a andar, dende o silencio emerxeu unha potente voz de muller que berrou: “O PAI DOS POBRES !!!”. Isto provocou unha gran ovación mentres os numerosos barcos que estaban presentes na ría facían sonar con forza as súas buguinas.

O cortexo fúnebre encarou a ribeira, subiu pola rúa San Xosé e no cruceiro que está pasando o cemiterio tomou o relevo o cura de Coiro para conducilo ao cemiterio parroquial, cumprindo cos desexos do defunto.

Unha lápida asinada pola Mariña lembra a “EL EXCMO. SEÑOR DON FÉLIX DE OZÁMIZ Y RODRÍGUEZ-SESMEROS CONTRAALMIRANTE DE LA ARMADA. JEFE QUE FUE DE LA FLOTILLA DE BOUS DEL CANTÁBRICO EN LA GUERRA DE LIBERACIÓN NACIONAL 1936-1939.  FALLECIÓ EL 17 DE MARZO DE 1958. D.E.P. LA MARINA”.  E debaixo do nicho, a súa viúva ordenou colocar outra pequena de mármore que engade: “Félix de Ozámiz y Rodríguez-Sesmeros. marinero de la Virgen del Carmen”. María.

D. FÉLIX OZÁMIZ RODRÍGUEZ-SESMEROS

O Concello puxo o seu nome á rúa central do barrio mariñeiro do Forte e como contamos no artigo que adicamos a Casa da Bola, a súa viúva, Dª María Guzmán Rodal de Ozámiz, cambiou a súa residencia a rúa que levaba o nome do seu marido, nunha vivenda situada onde hoxe están a cafetería “El Bribón de la Habana” e a “Clínica Dental Forte“.

D. FÉLIX OZÁMIZ RODRÍGUEZ-SESMEROS
A viúva de Ozámiz o día da inauguración da rúa adicada ao seu marido, coa mirada na placa que leva o seu nome.
Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

4 comentarios

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] de vida de nuestro protagonista y de sus recuerdos del funeral de D. Félix Ozámiz Rodríguez – Sesmeros, en esta segunda entrega repasaremos su infancia y adolescencia pero también sus […]

  2. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] que falabamos dos primeiros anos de vida do noso protagonista e das súas lembranzas do enterro de D. Félix Ozámiz Rodríguez-Sesmeros, nesta segunda entrega faremos un repaso a súa infancia e adolescencia pero […]

  3. Suso "Caramuxo", historia viva de Cangas (I) » A Illa dos Ratos

    […] de la infancia de Suso «Caramuxo» fue el día que participó en la comitiva fúnebre de D. Félix de Ozámiz Rodríguez-Sesmeros, que tal y como contamos en la ruta «Calles con historia«, fue un […]

  4. Suso "Caramuxo", historia viva de Cangas (I) » A Illa dos Ratos

    […] D. Félix Ozámiz Rodríguez-Sesmeros, “o pai dos pobres” […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.