AQUEL CARNAVAL DE ANTES EN DARBO E ALDÁN
Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación / Promoción do Patrimonio en 2019. A fotografía do encabezamento corresponde á Comparsa de Donón en Vilanova cos gaiteiros “Os Campaneiros” no ano 1969.
A Lucho Solla, aos que foron membros do grupo de gaiteiros “Sachadiço”, a Pepe Bermúdez e Belén Guimeráns, e a todos devotos do carnaval.
É tempo de comer filloas, orellas, roscas, bicas ou un bo cocido porque é do máis típico do xantar do carnaval.
Os entroidos tradicionais de Cangas mantéñense con vida grazas o labor de recuperación realizadas por diversas persoas e colectivos como a A.C Lembranzas da Ría
Nas terras do Morrazo contamos con concorridas romarías como a de San Amaro, a de Santiago de Ermelo, a de San Amedio (San Mamede), a de Darbo ou a de San Martiño e con danzas ancestrais formadas por damas e galáns que dende tempos inmemoriais se celebran tradicionalmente nas parroquias de Aldán, do Hío e na de Darbo, e que foron creadas para facer fronte ás pestes ou enfermidades pandémicas como a lepra.
Pero o certo e que madamas e galáns tamén bailan no carnaval, sobre todo grazas aos traballos de recuperación realizados por numerosas persoas, algunhas xa ausentes, que puxeron todo o seu empeño para que poidamos facernos unha idea de como era esta festa antigamente.
Claros exemplos témolos en Cobres, no concello de Vilaboa, ou nas parroquias de Meira (Moaña) e de Darbo (Cangas), coa recuperación da vestimenta e o baile dos danzantes, iniciativas que merecen o noso recoñecemento por manter viva a tradicional festa do carnaval.
Con esta curta crónica nos gustaría arrincar un pequeno sorriso e espertar un recordo nas mentes máis lonxevas da veciñanza e para logralo debuxaremos pequenos esbozos de como eran estas festas no Hío, en Aldán e Darbo.
Para este artigo recompilamos información entre veciños/as pero este traballo non sería posible sen outros traballos previos, a transmisión oral e a achega de imaxes fotográficas de distintos informantes, moitos/as xa finados e outros entre nós: José Luis Rial Hermelo, Lois Guimeráns, José Nogueira Novas, Mucha Nogueira, Andrés Coya Otero, Marcelino Carabelos, José Antonio Sotelo ou mesmamente o magnífico gaiteiro Lucho Solla, e un longo etc.
Tampouco debemos esquecer os traballos elaborados por Guillerme I. Costa, especialmente o libro “Damas e galáns do Entruido de Nerga. Unha danza de entroido no Morrazo”, por asociacións como Peis d’os, que traballa na recompilacion de cantigas tradicionais ou por A.C. A Cepa ou Lembranzas da Ría que recompilaron imaxes que nos permitirán trasladarnos no tempo e observar o ben que o pasaban os nosos devanceiros nunhas datas nas que, tendo pouco, a diversión era moito maior ca actual grazas as melodías dos gaiteiros, e o balbordo e cantar dos veciñ@s.
O carnaval tradicional de Aldán, de aldea en aldea
Na década dos anos 50 do pasado século, as aldeas de Gandón e Menduíña ían xuntas nesta celebración, e o baile celebrábase no lugar denominado de “A Eira”, en Gandón. Na aldea do Piñeiro celebraban o baile nun local coñecido popularmente como “A do lechero”, pero temos constancia de que entre as tres aldeas fixeron unha unión conxunta que se representaba nun único estandarte.
Durante moitos anos, o luns de carnaval, os veciños/as de Aldán baixaban ata un pequeno acuartelamento nesta parroquia que se atopaba nas proximidades da fronteira coa parroquia do Hío, e alí daban con altas voces unhas reverencias verbais ao corpo da Garda Civil.
Despois desprazábanse ata a parroquia veciña de Beluso, para comer, bailar e cantar para despois do xantar regresar a Aldán. “Os Terribles de Tomiño”, “Os Leóns” ou “Os Alvariños”, amenizaban durante anos ás comparsas aldanesas.
Nalgunhas ocasións téñense achegado tamén ata Darbo, onde repoñían forzas en locais como “A de Graciana”, “Casa Fanchuquí” ou na de “Milhomes”. Entre os participantes estaba o incansable músico José Fernández Canosa, popularmente coñecido como “O gaiteiriño do Piñeiro”, quen chegando estas datas alegrou durante moitos anos á veciñanza ao son da súa gaita.
Nas conversas establecidas co veciño de Vilanova (O Hío) Benito Piñeiro González (1928-2011), acreditábanos que sendo el un mozo lembraba saír andando coa comparsa dende Vilanova ata Gandón e rematar o día en Darbo. Pensamos que isto debeu de acontecer antes do 1950.
O carnaval de Darbo, unha recuperación necesaria
Varias testemuñas recollidas entre os veciños/as de Darbo nos contaron que en numerosas ocasións e sempre na xornada do martes, ían en comparsa cos gaiteiros “Os Airiños do Monte Castelo” a tocar e bailar na aldea de Nerga, no lugar coñecido como “O Xogo da Bola”.
Alí os de Nerga construían de maneira artesanal un palco para que actuasen os gaiteiros, e logo, durante a xolda, bebíase un saboroso viño tinto dos areeiros que se atopan entre Nerga e Donón. O padal daquel viño que se servía en baldes aínda perdura na memoria dos veciños nacidos hai máis de cinco décadas.
Vestidos de damas e galáns danzaban ao compás das muiñeiras, valses, pasodobres, alboradas e outras melodías que os incansables gaiteiros interpretaban con alegría.
Para facernos unha idea de como se vivían estas celebracións, contamos cun documento audiovisual moi importante: un vídeo filmado no 1951 onde se ven as damas e galáns de Nerga e de Darbo bailando en “O Xogo da Bola” (Nerga), do que vos deixamos o enlace a continuación.
Esa danza tradicional de damas e ghaláns do “Entruido de Nerga”, que deixara de bailarse fai 71 anos, volve á vida neste 2023 grazas aos traballos de recuperación que levaron a cabo os organizadores do carnaval de Nerga, asesorados polos músicos e investigadores Guillerme I. Costa e Manolo Cobas, e volverá a bailarse en “O Xogo da Bola” para dar a benvida ao “Entruido de Nerga” e aos gaiteiros da aldea que se encargarán de amenizar os tres días de festa.
Se queredes saber máis sobre estes entroidos tradicionais de Cangas, temos un segundo artigo no que falamos de “Aquel carnaval de antes no Hío“.
Anxo Coya Otero
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
Deixa a túa resposta