INVESTIGANDO PARA RECUPERAR E MANTER VIVA A NOSA PROPIA IDENTIDADE E GRAN RIQUEZA CULTURAL

Texto elaborado por Manolo Cobas, director artístico e do grupo de baile da A.C Lembranzas da Ría.

Como diciamos no artigo no que falabamos da historia da Asociación Cultural Lembranzas da Ría, este colectivo fai un importante labor de recuperación de bailes e músicas tradicionais grazas ao traballo de campo realizado polos seus compoñentes.

Neste segundo artigo imos a centrarnos no seu traballo etnográfico e de recuperación facendo especial mención a dous casos relacionados directamente con Cangas como son a Danza e Contradanza de Darbo e o Entroido Tradicional de Damas e Galáns de Darbo.

A A.C Lembranzas da Ría comezou a traballar na recuperación da Danza e Contradanza de Darbo fai máis de 30 anos

Concretamente entre o ano 1985 e o 1986, a A.C Lembranzas da Ría dirixida por aquel entón por Xosé Menduíña Bastón e Margarita Turnes, iniciaron xunto con outros compoñentes os traballos de recuperación da Danza e Contradanza de Darbo preguntando aos veciños do lugar se lembraban dita Danza.

Grazas á axuda destes veciños, deron cunha muller da Coruña, Antonia Martínez Seijas, máis coñecida como Choncha, que foi quen lles indicou un pouco como era a estrutura da Danza, xa que ela viñera varios anos a Darbo e lembraba como era. Ademais consultáronse distintos Cancioneiros, como o de Castro San Pedro, no que tamén está recollida a melodía da Danza e Contradanza de Darbo.

A.C LEMBRANZAS DA RÍA

A Danza e Contradanza de Darbo, está dentro das denominadas Danzas Gremiais, datada de mediados do século XVI e que se baila o 8 de Setembro en honor a Santa María 

Esta Danza consta de dúas partes, unha primeira máis lenta onde se van facendo unha serie de movementos coreográficos desprazando e cambiando as filas de lugar, e unha segunda parte chamada Contradanza a ritmo de muiñeira.

Báilase en tres filas: dúas filas laterais nos que bailan cinco  homes en cada fila, chamados estes Galáns, e unha central formada por mulleres, chamadas Damas, máis o Guía. Os primeiros de cada fila son os contraguías.

Cando se recuperou esta Danza, nos primeiros anos bailábase coa vestimenta que tiña a A.C Lembranzas da Ría, eran eles os que prestaban os traxes á xente que a bailaba,  case sempre membros da propia asociación.

Este traxe era o típico traxe galego dos homes, (pantalón, polainas, chaleco, faixa, camisa e cirolas, ademais de pendentes nas orellas). E as mulleres ían con enaguas brancas, camisa branca, mantón de cachemir, mandil, e un sombreiro adornado con flores. O Guía para diferencialo, levaba un mantón de cachemir cruzado, e plumas no sombreiro. Os Galáns tocan as castañolas a medida que bailan.

Co paso dos anos e tras investigar un pouco máis, sobre todo vendo a similitude coas as outras danzas da comarca do Morrazo como son a de San Roque do Hío e a de San Sebastián de Aldán, cambiouse a vestimenta dos homes, vestíndose de traxe pantalón e chaleco de época e sombreiro.

Foi entón cando se formou a Asociación Cultural Da Danza e Contradanza de Darbo, sendo esta quen pasou a xestionar a Danza, xa que ata entón era a A.C Lembranzas da Ría quen levaba a cabo os ensaios e os préstamos de vestiario.

A.C LEMBRANZAS DA RÍA

A A.C Lembranzas da Ría tamén ven de recuperar  parte do Entroido Tradicional  de Darbo, en concreto, os bailes que se facían o domingo de Entroido, coñecidos como os bailes de Damas e Galáns de Darbo

No 2017 conseguiron xuntar a varias persoas que bailaron ata finais dos 60 e principios dos 70, anos que se lembra que inda se bailaban estas danzas.

A.C LEMBRANZAS DA RÍA

Estas persoas contaron como era o Entroido por aquela época, como ían vestidos, que tocaban, cal era o percorrido…. e ensinaron as danzas en diversas xuntanzas que se fixeron con eles.

A A.C Lembranzas da Ría xa fixera unha recompilación destas danzas no ano 1984-1985, cando se fundou baixo a dirección de Xosé Menduíña Bastón. Sería Menduíña xunto con outros bailadores e bailadoras do grupo da asociación os que aprenderon estes bailes da man da informante Albertína Rial Fernández. Estes bailes pasarían a formar parte do repertorio do grupo durante moitos anos, non como bailes de Entroido, senón como bailes de solto.

Grazas ós datos recompilados durante estes anos con fotos e testemuñas de veciños de Darbo, conseguiron recuperar unha pequena parte do Entroido tradicional de Darbo esquecido durante case 50 anos e que o 11 de febreiro do 2018 volveron a bailar.

A.C LEMBRANZAS DA RÍA

Antigamente a parroquia de Darbo formaba parte do Carnaval de O Hío segundo nos contaron algúns informantes deste lugar, polo que, tanto o luns como o martes, facían o percorrido polas distintas parroquias de O Hío

O Entroido de Darbo, Carnaval como lle chamaban eles, iniciábase o domingo cun pasarrúas  polos barrios de Darbo ata parar no lugar do Seixo (na antiga escola infantil), que era onde se facía o baile de Damas e Galáns, bailando unha jota e unha muiñeira como inicio do Carnaval.

Pola noite trasladábase o baile ó baixo dunha casa ou á adega dalgún veciño onde tamén había palco para os músicos. Este palco facíase de madeira adornado con mimosas e xestas igual que o que estaba ó aire libre para cantar os Vivas e facer a festa.

A.C LEMBRANZAS DA RÍA

As vestimentas eran fundamentalmente brancas: as Damas ían con refaixos e camisas de cor branca, un mandil de veludo negro adornado con pedrería se podía ser, un mantón de seda sobre os ombreiros e un sombreiro de palla adornado con flores e fitas de cores.

Os Galáns ían vestidos cun pantalón e unha camisa de cor branca, un mantón de cachemir cruzado, unha faixa e un sombreiro negro adornado con plumas e fitas de cores, aínda que os máis vellos do lugar lembran como eses sombreiros eran de palla. 

O martes as Damas cambiaban o refaixo por unha saia estampada, e os Galáns cambiaban o pantalón branco por un negro, e ás veces cruzaban outro mantón a maiores do cachemir que adoitaba ser unha touca de neno.

Os Grupos de Gaiteiros que tocaron no Entroido de Darbo dos que temos datos foron, os Peruchos de Castrelos, Os tranquilos de San Juan do Monte de Lavadores e os Parrulos de Cabral, todos eles de Vigo. Aínda que tamén tocaban polo Entroido de Darbo os Airiños do Castelo de San Pedro.

Para rematar este artigo queremos agradecer publicamente e ter un agarimoso recordo para os bailadores e bailadoras de Damas e Galáns que bailaron nos anos 60 e 70 e que volvemos a xuntar para a recuperación deste Entroido tan especial

Moitisimas grazas a Pablo Sueira Mariño, Alfonso Fontán Piñeiro, Angel Piñeiro González “Tinito”, Camilo, Pilar Pérez, Josefa Rial Rial, Lina Gallego Villar, Maricarme González Santos, Ruca Rial Fernández e Albertina Rial Fernández.

A.C LEMBRANZAS DA RÍA

Manolo Cobas Paredes
+ artigos

Mestre de baile tradicional galego e director artístico da A.C Lembranzas da Ría.

Un comentario

  1. Os entroidos tradicionais de Cangas (I) » A Illa dos Ratos

    […] como Peis d’os, que traballa na recompilacion de cantigas tradicionais ou por A.C. A Cepa ou Lembranzas da Ría que recompilaron imaxes que nos permitirán trasladarnos no tempo e observar o ben que o pasaban os […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.