AS OBRAS DOCUMENTADAS DE ESTEBAN SOBREIRA
Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.
Tras o primeiro artigo no que o investigador Anxo Coya se centraba máis na traxectoria vital e persoal deste veciño e mestre canteiro do Hío, nesta segunda entrega será o momento de coñecer algunhas das súas obras que se atopan documentadas.
Naquela época acostumábase a exercer unha profesión a unha idade temperá e isto fainos pensar que Esteban Sobreira comezou de moi rapaz no gremio da cantería e que debeu traballar durante varios anos da súa xuventude en distintas obras espalladas pola xeografía do noso país
Sabemos por outro documento que traballou en Portugal, mais descoñecemos a existencia de obras da súa autoría nese país. Do seu testamento lemos: “…quando hemos contrahído nuestro dho (dicho) Matrimonio tenía yo el dho Estevan Sobreira partida considerable de dinero gañado por mi oficio de Maestro de Cantería y otras agencias e industrias que tube en estos parajes , y en Reynos de afuera de que entregué parte antes de celebrarlo a Dn Ysidoro Suárez mi suegro para sus urgencias…..” .
Sacamos en conclusión desta información que xa antes de casado exercía como mestre de cantería e que os problemas económicos xurdían na morada do seu sogro.
Está documentado rigorosamente polo historiador moañés Manuel Uxío García Barreiro que Esteban Sobreira aos 35 anos formaliza o contrato da ampliación da igrexa parroquial de san Martiño de Moaña o 24/02/1763 ante o notario Ignacio de Porto Mariño
En 1771 fixo varias obras na igrexa de Santa María de Darbo xunto con outro canteiro coñecido como Novas (Historia de Cangas , páxina 613, Carlos Vázquez Marinelli, José Moreira, Manuel Rodal). No Hío, ademais da ampliación do templo do Hío en 1788 (véxase: Anxo Coya, “Ampliación da igrexa parroquial do Hío,FdV, Edic. Morrazo 16/01/2020”), ten outras obras que debullamos de distintos protocolos notarias.
A el débese á ampliación da que foi súa casa de morada unha vez casado, é dicir, ao Casal do Outeiro, situado no mesmo Igrexario, que lle custaría arredor de 3000 reais. A eira deste pazo tamén foi feita e custeada por Esteban.
En canto á construción do hórreo, tamén da súa man, valeu cen ducados e unha ampliación posterior deste, 400 reais. Entrambos cónxuxes afirman no testamento: /…hemos comprado el terreno y Casa donde rehedificamos y tenemos la que se halla al frente del Portal que es de la de nuestra morada: en esta hemos hecho el Orrio; la Solaina que se halla a la parte del Norte con sus quartos; otra a la del Naciente: construímos de enlosado a Cimentis la Aira, y ensanchamos una parte considerable de esta con sus Cubiertos para fuera de lo que estaba antes circundado…/.
Tamén aseguran ter construído na Granxa do Casal na parroquia de Santa María de Darbo: /…los dos Portales , y la Cerca con otros reparos utiles para la defensa de sus Casas y hazienda…/.
Cítase na información notarial recollida que tamén son posuidores dunha extensión considerable de viña e casa con lagar no Río de Donón. O texto di: /…la viña grande que posehemos llamada de el río de Donon con todo quanto en si comprehende con la Casa y Lagar, sus serventías, y mas que les sea anexo …/(consulta en liña, www.familysearch.org).
Polo epígrafe que se atopa no cumio dunha casa en pardiñeiro en Donón, no que se le “ANO DE 1782”, deducimos que esta casa era da súa propiedade e foi construída polo mestre canteiro para elaborar o viño en Donón, aldea con tradición viñateira secular.
Esteban Sobreira finou á idade de 70 anos, pois a súa partida de defunción data do 28 de febreiro de 1799 (A.P. do Hío)
Aquí rematamos este artigo cremos que dun xeito construtivo, pois somos da opinión de que “sexas canteiro ou non, as pedras sempre de tizón” (pedra longa, ás veces mal traballada, que atravesa de fóra a dentro unha parede para afirmala).
Anxo Coya Otero
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
Deixa a túa resposta