OS LIBROS DA A.C. A CEPA, MEMORIA DA VILA DE CANGAS

Texto elaborado por Fernando Cuñarro Pintos, secretario da A.C. A Cepa.

O cultivo da cultura da memoria sempre foi un activo da A.C. A Cepa dende a súa fundación en 1995. Con catro pilares básicos: falar, escoitar, ler e lembrar fomos quen de recoller anécdotas e vivencias.

A partir da recolleita de fotos antigas e de exposicións na Casa da Cultura fomos recadando materiais e informacións. Deste xeito preparamos o primeiro libro en gran formato que recollía a “Historia Fotográfica de Cangas do século XX”.

Veu despois a edición de libros sobre os poetas populares máis sobranceiros da vila: Xosé Santos (Pepe Poeta), Serafín Graña e Cecilio Rial.

Con “As Mulleres da Conserva” inauguramos a serie Monografías

Á escola de adultos asistían moitas mulleres que traballaran nas fábricas conserveiras. Elas contaban e lembraban experiencias e anécdotas vividas ao longo de moitos anos. Froito desas conversas foi a realización do libroAs Mulleres da Conserva” co que inauguramos a serie Monografías. Aquí quedan arquivadas e dixitalizadas as fotografías e os documentos gráficos relacionados co seu traballo.

OS LIBROS DA A.C. A CEPA

Froito dun taller realizado co alumnado da escola de Adultos publicamos “Cangas na Literatura“. Un libro que recolle textos literarios que teñen a Cangas como protagonista.

Os talleres da asociación e os seus monitores atoparon na publicación “Obradoiros de soños” un vehículo para mostrar a súa  gran actividade.

Grazas a que o arquivo fotográfico da A.C A Cepa está en continua evolución puideron editarse novos libros

A Cepa continuou ampliando o Arquivo Fotográfico e coas achegas recibidas organizamos novas exposicións fotográficas e novos proxectos que culminaron na edición de novos libros: as “Escolas de Cangas”, as agrupacións corais e folclóricas, e os músicos no libro titulado “Ven Cantar a Cangas”.

OS LIBROS DA A.C A CEPA

E nun porto mariñeiro importante non podía faltar unha publicación dedicado ao Mar e aos “Mariñeiros de Cangas”.

Os libros da A.C A Cepa sobre diversas personaxes de Cangas tamén veñen cargados de historias, anécdotas e fotografías 

Para manter viva a historia local e darlle luz aos personaxes que animaron as nosas vidas nun pasado recente organizamos un obradoiro da memoria. Adicamnos tempo a revisar e documentar fotos, ao tempo que paseabamos polo casco antigo da vila na procura dos espazos que deran vida ás nosas pescudas para recuperar a historia dos personaxes máis sobranceiros de Cangas e, con toda a información que obtivemos, publicamos a serie “Ronsel de Lembranzas“.

OS LIBROS DA A.C. A CEPA

Procurando fotos coas que ilustrar as biografías tivemos sorpresas varias. Por exemplo as fotos do mariño da Armada Félix de Ozámiz fomos atopalas na casa dunha sobriña da súa muller  e veciña do barrio do Calvario en Vigo.

Nese mesmo lugar coñecemos a un sobriño neto da escritora Sarah Lorenzana, nacida en Cangas e da que adquirimos para o arquivo da asociación unha serie de libros da súa extensa obra literaria. Foi o párroco Xesús Barreiro quen nos facilitou o acceso ao Libro de Bautizados onde se atopaba inscrita  a escritora e descubrindo, con sorpresa, que nacera tres anos antes dos que se dicía na súa biografía.

Preparando a vida de Andreíta atopámonos que non tiñamos nin dábamos conseguido fotografías dela. Pasou tempo e unha mañá no taller de pintura, falando con Amable Santos saíu na conversa. Foi comentarllo e xusto coñecía unha parente de Andrea Fresquet que nos achegou as fotos nesa mesma tarde.

Importante foi coñecer a vida no barrio de San Pedro do gaiteiro Xosé Manuel Pazó, coñecido como “O Choqueiro” e dos esforzados traballos dos piñeiros e dos carreteiros.

E conseguir fotos do fotógrafo José Martínez, coñecido como O Moreno (Grimar) onde aparece facendo tertulia no bar Celta. Tiñan o estudio na rúa Benigno Soaxe. E tivemos novas das artistas Pepita de Oro (Xosefa Rodríguez) e de Virxinia Bamio a través das súas sobriñas.

E coñecemos tamén a presenza en Cangas da fotógrafa norteamericana Sarah Leen que pasou varios días na casa de Carmiña Perez Alonso e fotografou no 1987 a Moncha a monitora de punto de cruz traballando na fábrica de Massó para o libro da editorial Planeta, “Un día na vida de España”.

E grazas ao ben que se levaba Paco Mallo con Xosé da Illa, conseguimos unhas fotos do percebeiro no bar do Pavito. Non era doado que José se deixase fotografar.

Unha das mellores anécdotas divertidas que nos ten pasado aos da Cepa en Cangas foi cando tivemos a idea de instalar unha pancarta na fronte da casa onde viviu Serafín Graña. Preguntamos quen era a actual propietaria, déronnos un nome e alá fomos. Co seu permiso colocamos a pancarta homenaxe cuns versos de Serafín pero mal informados foramos pedirlle permiso a unha propietaria que non era a dona real do inmoble pero que tiña o seu mesmo nome. Desculpámonos coa dona da casa o que fora un malentendido e a pancarta aínda resiste alí o paso do tempo.

A última publicación que fixemos foi un libro sobre Ramón Ocaña, membro dunha familia de fotógrafos que inmortalizaron a vila de Cangas nos seus traballos

Visto desde os 28 anos da existencia da asociación, o papel da Cepa penso que foi e vai ser a Memoria de Cangas. E así penso que será lembrada. Como o labor continuado dun grupo de persoas unidas polo amor á nosa vila que deixou tantas lembranzas e tantos recordos gardados nestas pequenas obras que irán medrando, levedando a lume manso co paso dos anos. Nin máis non menos.

Fernando Cuñarro Pintos
+ artigos

Secretario da Asociación Cultural A Cepa de Cangas.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.