INVESTIGANDO SOBRE A AUTORÍA DO CRUCEIRO DO HÍO

Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019, na honra de Ignacio Cerviño como escultor do Cruceiro do Hío. Fotografías aportadas polo propio autor.

Na primeira parte deste artigo falabamos das dúas correntes de investigación existentes sobre a autoría do Cruceiro do Hío: os Pepistas, que defenden que a autoría corresponde a Pepe da Pena e os Ignacistas que opinan que o autor desta obra sería Ignacio Cerviño. Nesta segunda parte continuaremos cos argumentos a favor desta segunda corrente coñecendo o resto da traxectoria vital de Ignacio Cerviño e as súas obras máis destacadas.

Ademais do maxestuoso Cruceiro, hai outras tres esculturas do Hío como son o Reloxo de sol, a Fe e a Crucifixión, que poderían atribuírse tamén a Ignacio Cerviño

Debo referirme aínda a tres esculturas graníticas no Hío, que coa debida cautela deben ser atribuídas a Ignacio Cerviño, porque se labraron no tempo das súas estadías aquí, mentres acompañaba a seu pai, que tiña o contrato de acondicionar o interior da ampliación da igrexa, co retablo da capela maior e, posteriormente, a construción da bóveda da nave.

Estas tres obras son o Reloxo de sol, a Fe e a Crucifixión. A máis importante é a última. A Fe e a Crucifixión contémplanse hoxe fóra da súa posición orixinal, e o Reloxo de Sol volveu recentemente a situarse no lugar onde permaneceu durante un século, no lateral dereito da igrexa e á caída do campanario, para así recibir de cheo o sol do mediodía. Segundo a fotografía que expón R. Otero Pedrayo na súa Historia de Galiza, 1979, tomo I, páx.727, esta figura é do 1854, pouco despois de que o pai de Ignacio asinara o contrato das bóvedas da igrexa do Hío en 1852.

Un reloxo semellante existiu en Cotobade, atendendo a testemuñas orais, e que pertenceu e coroou un dos cumios da Casa do Casal onde naceu e viviu Ignacio Cerviño.

A Crucifixión é un conxunto escultórico con tres figuras de vulto redondo, aínda que as tres emerxen do mesmo bloque de pedra: o Crucificado, a Virxe María e San Xoán. Escribiu Alfonso Fernández Sotelo en “Más presencia de Ignacio Cerviño”(2012) que “este grupo constituye la expresión de un ejercicio de paciencia casi sobre humana, que nos conduce al autor del Cruceiro, donde este ejercicio es casi imposible de calcular y valorar”.

A Fe é unha figura sedente, que pode considerarse ben executada, pero sen maior interese artístico, na opinión do mesmo autor. Alfonso Fernández Sotelo sospeitaba que estas dúas esculturas puideron pertencer ao mausoleo que D. Juan Manuel Míguez mandou levantar para el e a súa familia. É anterior a 1875, porque neste ano utilizouse por primeira vez cos restos mortais do seu cuñado Manuel Míguez y Pazos. Pero despois dun coidadoso rastrexo por revistas e xornais en busca de documentación gráfica referente a esta parroquia, atopei a situación orixinal deste mausoleo e do Esmoleiro, ratificando así aquelas acertadas sospeitas.

O DILEMA DA AUTORIA DO CRUCEIRO DO HIO
Cruceiro e antigo panteón dos Míguez no ano 1935. (R.A.I.G.).

Da permanencia de Ignacio Cerviño e dos seus traballos en Cangas xa deu conta Eugenio Eiroa, Estanislao Fernández de la Cigoña en Cerviño contra Cerviño (2013), Emilio Alfonso Fernández Sotelo, e eu mesmo recordeino no meu traballo das Actas do V e VIII Congreso Galego de Cruceiros (2013 e 2016). Por iso, só debo recordar a testemuña do seu empadroamento, onde se recolle a súa orixe, oficio e residencia: “Ygnacio Cerviño y Quinteiro, natural de Sta. María de Aguasantas, de oficio escultor, residente en esta villa hace dos años, solicitando se le empadrone como vecino”. A filla que nacera no Hío tamén foi sepultada en Cangas con menos de catro meses.

Novos contratos lévano a Ponteareas, e en Santa María de Pías, onde reside, ten outro fillo: Antonio Ángel José. Corre o ano 1875, data que coincide co panteón que se atopa no adro desta igrexa parroquial.

O DILEMA DO CRUCEIRO DO HÍO
Panteón en Pías, en Ponteareas. Fotografía de Anxo Coya.

En Ponteareas, “Barrio del Puente”, vivirá os seguintes 20 anos. Non sabemos se José Cerviño morou nesta vila. Enriba dun portalón no Barrio de As Cachadas, na vila de Ponteareas, aínda perdura un Descendemento moi parecido ao do Hío, obra posterior de Ignacio Cerviño e mostra da súa decadencia, ben sexa por idade ou por enfermidade.

O DILEMA DO CRUCEIRO DO HÍO
Desencravo das Cachadas en Ponteareas. Fotografía de Anxo Coya.

Alí sufrirá a perda de varios fillos, entre eles Casimiro, cando contaba con 19 anos. Pola testemuña dun vello canteiro portugués, que recolleu Emilio Alfonso Fernández Sotelo, este debeu ser o fillo que caeu, segundo afirmou este canteiro portugués, dende o máis alto da torre da igrexa de Leirado (Salvaterra), onde subira co propósito de colocar a cruz que a remataba, e que por esquecemento non se fixera antes. No alto, preguntou a seu pai en que burato a introducía; inmediatamente, Cerviño decatouse de que estaba mareado ou déralle vertixe e exclamou: “Xa perdín ó meu fillo”.

En 1887 finaliza a obra da bóveda da igrexa parroquial de san Salvador de Coiro. Ten moitas obras espalladas por concellos próximos a Ponteareas como: A Cañiza, Salvaterra do Miño, O Porriño, O Covelo,etc. Un documento de 1896, que amosei no meu traballo citado anteriormente, describe a Ignacio como veciño de Ponteareas e residente en O Carballiño. Alí labrou outro fermoso panteón que moi ben lle adxudicara Estanislao Fernández De la Cigoña en Cerviño contra Cerviño.

A pouca fortuna familiar e a avanzada idade levaron á decadencia ao vello escultor Ignacio Cerviño

Pero aínda así, conservaba tal prestixio que o arquitecto Antonio Palacios lle confiou ao Mestre a execución da Fonte do Cristo, no Porriño. Aquí viviu os seus derradeiros anos, só e pobre, na “Calle Elduayen”. O seu fin foi un enigma ata que Emilio Alfonso Fernández Sotelo, seguindo a información daquel canteiro portugués, publicou a súa partida de defunción no Libro das Festas do Hío do 2000, acontecida o 28/10/1905. Tiña 71 anos. A nota necrolóxica do xornal Faro de Vigo afirma que un nutrido número do gremio de canteiros o acompañou na súa derradeira viaxe, o que indica o gran respecto e admiración que lle profesaban ao escultor e Mestre, e que case era veneración, como advertira aquel vello canteiro portugués, que non chegara a coñecelo, pero transmitía os recordos do seu mestre directo (Gesteira), que a súa vez traballara con Ignacio Cerviño, e do que lembraba un bo números de obras en pedra e madeira. Esta crónica necrolóxica tamén informa ao lector de que ata chegou a ter oportunidade de ir traballar a Arxentina.

É pertinente aportar tamén algúns datos recollidos de persoas maiores, que gardan na súa memoria información moi interesante sobre a figura de Ignacio Cerviño

Así, Sra. Josefa Portela Franco, xa finada, veciña e natural do Hío, aseguroume cando contaba con 96 anos e conservando todas as súas facultades mentais, que D. Ricardo Touriño Gamallo, párroco de Hío (1914-1930), acostumaba a dicir que Ignacio Cerviño esculpira o Cruceiro no baixo da casa dos Míguez. Hoxe Avda da Unión nº 23, aínda que coa fachada moi reformada.

Da mesma maneira, a veciña do Hío Sra. Carmen Pardavila Portas aseguroume no seu momento que un escultor chamado Cerviño chegou ata O Hío para esculpir o Cruceiro e que regresara dende Madrid por ter problemas no cobramento de obras.

A revista Vida Gallega, na edición de Agosto de 1909, reproduce fotograficamente o Cruceiro e afirma que o esculpiu Cerviño. Así, simplemente e sen máis contextualizacións. Pero o único escultor Cerviño, que viviu no Hío nas datas referentes, foi Ignacio Cerviño.

Tamén D. Diego Quiroga y Losada, Marqués de Santa María del Villar ( 1880-1976), escribiu no diario ABC do 22 do outubro de 1968, páx. 44, que Ignacio Cerviño, canteiro, tallou este Cruceiro, a finais do século XIX, e cualificouno como “una hermosura, una maravilla”.

As pescudas continúan, pero as que aquí expoño coinciden de cheo coa persoa do autodidacta Ignacio Cerviño Quinteiro como o escultor do Cruceiro do Hío

A importancia de aportar documentación é fundamental para chegar a unha contundente conclusión. Ata hoxe, ninguén acreditou a presenza de José Cerviño no Hío. Entón como dixo Eiroa nalgunha ocasión,”en historia hai que deixarse de historias” referíndose a hipóteses con moita dose de fabulación.

De seguro que estamos a falar do mellor escultor galego en pedra do século XIX que nos deixou un inmenso legado de panteóns, cruceiros e outras efixies, propias do Mestre Cerviño, Ignacio Cerviño Quinteiro.

Anxo Coya Otero
+ artigos
Veciño do Hío.
Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.

6 comentarios

  1. Luis Pérez

    Pues, María Jesús Fontán, nada más decirle que espero con interés a que exponga sus datos y que estos nos sirvan para ampliar el conocimiento sobre tan excelsa obra escultórica y, quien sabe si para sacarnos de un error.

  2. María Jesús Fontán.

    Lamento decirle a Luis Pérez que el auténtico crucero de Hio no se hizo en 1872.
    Esa fecha está mal . 1872 no es la fecha en la que se hizo el auténtico crucero de Hio.
    Esa fecha la dió mal alguien hace muchos años.

    Agradezco que esta publicación de Anxo Coya Otero permita comentarios y pueda yo también expresarme.
    Gracias a Anxo Coya Otero y a Luis Pérez porque aunque tengamos datos diferentes, yo también puedo exponer los que tengo.
    No es nuestra intención enfrentarme con nadie que además no conozco.
    Pero me parece injusto lo que tienen escrito, porque están convencidos de algo que no es cierto.
    Por lo menos algunos datos están mal y la fecha 1872 es uno de los datos que no es cierto

  3. Luis Pérez

    Absurda a polémica que plantea Maria Jesús Fontán reivindicando a autoría do Cruceiro do Hío para o seu antergo, sen aportar ningún dato nin argumento.
    Datos coñecidos e contrastados documentalmente:
    1.- O Cruceiro do Hío eríxese no ano 1872.
    2.- Manuel Fontán Armiñán nace no ano 1877.
    Nada máis que engadir.

  4. María Jesús Fontán.

    Todo lo que publica este tipo Anxo Coya Otero es falso.
    Está basado en mentiras y quien le haga caso es cómplice de su delito de falsedad.

  5. María Jesús Fontán.

    Mire Anxo Coya Otero tenga cuidado con lo que publica porque todo lo que escribe lo hizo Manuel Fontán Armiñan.
    No lo hizo ningún Cerviño.
    Manuel Fontán Armiñan era un gran escultor y Artista.

  6. O dilema da autoría do Cruceiro do Hío (I) » A Illa dos Ratos

    […] queredes saber máis sobre este tema tan interesante non tedes máis que acceder dende aquí á segunda parte do […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.