NO VERBO XIDO: “A VUXA ARGHINA E LABRANTE DE RIELA DE MAINAS, MARCOS ESCUDERO” (AO MESTRE CANTEIRO E ESCULTOR DE MOS, MARCOS ESCUDERO)

Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.

NAMELAKA. Xeados de autor que combinan doce e salgado, elaborados coas técnicas máis innovadoras. Praza do Arco, 2 – Cangas

A igrexa parroquial do Hío é románica, data do s.XII e co paso do tempo e o aumento da poboación, como moitos outros templos, viuse na obriga de ser ampliada e reformada

Somos coñecedores de varias ampliacións nesta igrexa que debullan en ocasións os nomes dos mestres canteiros que traballaron arreo nas obras. Segundo as anotacións feitas nos libros do A.P do Hío no ano 1622 recollemos textualmente unha obra nesta igrexa que confirma o seguinte: “…se devían doscientos Rs a Miguel Riveiro oficial de cantería vezino de la villa de Redondela de la obra que avía echo en La sacristía desta Yglesia…”.

Outras obras do templo foron feitas por Esteban González, que obrou no ano 1721, Esteban Sobreira que asinou unha ampliación no  en 1787 e outra obra asinada en 1852 e executada polo mestre de cantería Antonio Cerviño Couceiro, pai de Ignacio Cerviño Quinteiro, o escultor que labrou o Cruceiro do Hío

Esteban Sobreira García, natural do Hío e mestre de cantería no s. XVIII foi quen dirixiu maxistralmente a obra de 1788

ESTEBAN SOBREIRA GARCÍA
Extracto do contrato da ampliación da igrexa do Hío. ( Galiciana)

En canto á parte contratada da ampliación en 1787 do templo do Hío, recompilamos datos da vida do mestre canteiro natural do Hío Esteban Sobreira, artífice de varias obras. Son datos atopados en diversos arquivos públicos aínda que tamén consultamos e nos apoiamos en información publicada polo Doutor en arqueoloxía e investigador E. Alfonso Fernández Sotelo.

Foron seus pais Domingo Sobreira, quen aparece no Catastro de Ensenada de 1752 como “texedor”, profesión coñecida como tecelán, e María Josefa Lorenzo García, que así está inscrita na partida de matrimonio aínda que posteriormente Josefa aparecerá co primeiro apelido de “García”.

Eran veciños do Igrexario, na parroquia do Hío, en Cangas do Morrazo e vivían no lugar coñecido como O Gheu. Deducímolo despois de atopar unha declaración de Domingo Sobreira que fala da situación da súa vivenda nestes termos: “…La Cassa del que declara que tanvien es terrena de quatro banes de largo, limítase de una parte con cassa de Alverto Carvallo y de otra con cassa de Domingo Gallego- La Cassa de dho Domingo Gallego, y antes fue de Amaro de Menduíña, que es terreña de dos banes de largo, Limítase de una parte con camino que ba a las cassas de arriva y de otra con cassa del que declara.- La cassa de la fábrica de dha fra. (fegresía) terreña de tres Banes de largo que adquirió Dn. Juan de nores Abad que fue della, y dejó a dha fábrica , según limita por una parte con agua del citado lugar del Jeo…” (L. P-0005495 Documentos da Colexiata de Cangas 1742-1746. A.H.D.S.)

Os pais de Esteban casaron na igrexa parroquial do Hío o 1/12/1719. Damos conta dos fillos do matrimonio: Dominga (1720), María Josefa (1723), Isabel(1725), Esteban que está bautizado o 2/05/1728, Francisca Isabel (1731), Sebastiana Catalina (1735), Mateo (1738) e Gabriela (1741), (A. P. do Hío).

Esteban Sobreira casou no Hío con Josefa Antonia Suárez o 26/12/1757

ESTEBAN SOBREIRA GARCIA
Partida de matrimonio de Esteban Sobreira (A.P.do Hío).

Josefa Antonia era filla de Dn Isidoro Suárez Parcero e de Da Margarita Ordóñez. Seu pai foi un fidalgo que chegou a acadar o cargo de xuíz do Coto de Bon e Vilar.

O matrimonio de Esteban procreou varios fillos, dos que temos coñecemento: Manuela Margarita (1759-?), María Gabriela (1761-1763), Josepha Antonia Margarita (1764-1765), Vicente Antonio Gregorio Joseph (1769-?), María Josepha (1/10/1776-?), Rosa Francisca (1773-?).

Súa filla Manuela casou con Antonio Pastoriza en 1777 que foi “depositario” dalgunha confraría desta parroquia do Hío, sendo este natural de santa María de Cela, (A.P. do Hío).

Despois de casado, en 1758 o mestre canteiro adquiriu varios bens en Aldán por compra a dona Bernarda de Aldao, veciña de San Martiño de Salcedo

Neses anos declara posuír no seu patrimonio uns 2000 ducados de vellón (consulta en liña, www.familysearch.org). Segundo o interrogatorio do expediente de comprobación de bens, rendas e cargas da freguesía de Santo André do Hío realizado o 22/06/1761 no Pazo do Outeiro, casa de morada de Dn Isidoro Suárez Parcero (sogro de Esteban), podemos observar como se volve a citar a Domingo Sobreira, de profesión tecelán, de estado viúvo e tendo na súa compaña a unha filla, da que puidemos indagar que se trata de Sebastiana, casada cun canteiro chamado Lorenzo de Lemos (A. G. Simancas).

ESTEBAN SOBREIRA GARCIA
Vista dende o Pazo do Outeiro (Anónimo).
ESTEBAN SOBREIRA GARCIA
Panorámica do Pazo do Outeiro (Foto de Paulo Villar).

Domingo Sobreira actúa como “mayordomo “ou “fabriquero” dende 1756 ata 1759 nas contas da fábrica da igrexa do Hío. Neste labor sucédeo o seu fillo Esteban, persoa nomeada pola veciñanza para expor, reclamar, tratar ou denunciar problemas parroquiais. Exerce como mordomo uns anos máis tarde de que o fixese seu pai, xusto despois de levar á cabo a ampliación da igrexa parroquial de San Martiño de Moaña en 1763 e faino de xeito consecutivo dende 1764 ata 1773 onde aparece documentado como “maestro de cantería”.

Foi esta unha época onde os mordomos das fábricas das igrexas tiveron que dar conta en varias ocasións de cantidades económicas ante a xustiza

En 1765 faleceu nunha situación económica moi comprometida Dn Tomás Suárez Parcero, irmán de Isidoro, quen outorgara testamento en 1750 deixando como maior herdeiro a un sobriño seu chamado tamén Dn Tomás Suárez, presbítero e irmán de dona Josefa Antonia, esposa de Esteban.

Este relixioso, cuñado do mestre canteiro, finou na cidade de Roma. As débedas e sufraxios que entón deixa D. Tomás Suárez (maior) abranguía gastos e sufraxios do enterro, gastos da xustiza territorial, soldos das criadas deste, xornais de traballar as viñas e outras varias.

Ademais sufriu e perdeu un ruidoso preito que durou tres anos con Don Ignacio Zabala y Durán, como sucesor deste na capelanía da Capela do Hospital de Cangas. O débito total ascendía aos 27090 reais con 6 marabedís. Cantidade á que tivo que facer fronte Isidoro Suárez e o propio Esteban, que lle axudou aportando unha cantidade en metálico de 2000 reais.

Atopamos documentación notarial asinada polos veciños do Hío o 26 de outubro de 1788, onde se lle dá poder a Esteban Sobreira e a Francisco Baqueiro para que tomen cartas no asunto sobre a venta de froitos e viño por parte de Manuel Antonio Graña, veciño de Cangas e arrendador “de los frutos decimales de este Curato Vacante…” porque “pretende venderlos, y especialmte el vino en sitios no acostumbrados, perjudicando al Pueblo en los intereses que le corresponde y acostumbra percivir de las Tavernas foraneas, y lo que es mas resistiendo el pagar los dros. (derechos) de la rigurosa Administraon …”.

Sobre este asunto e coa finalidade de evitar máis gastos e costas, o 4 de xaneiro de 1789 e ante o notario José Benito Bermúdez de Castro, chégase a un acordo entre Manuel Graña e Francisco Baqueiro polo que Graña acepta pagar 400 reais polo viño que se venda na taberna de Vilariño e 327 reais á veciñanza do Hío polos gastos formalizados polo preito (consulta en liña, www.familysearch.org).

Por se fose pouco, en febreiro de 1790, Esteban faise cargo dos sufraxios polo pasamento de don Antonio Jacinto Vilela, persoa emparentada na herdanza dos bens vinculares do Casal do Outeiro. E faino ante petición notarial da esposa e da filla do finado Vilela, dona Rosa María Martínez de Ceballos e dona Antonia Vilela.

En 1791, xa na súa decadencia, Esteban aparecerá como un “labrador acomodado” e nomeado como “depositario” en vez de mordomo. Este cargo exerceuno posteriormente o seu xenro Antonio Pastoriza que o fará de xeito ininterrumpido dende 1803 ata 1811.

Anxo Coya Otero
+ artigos
Veciño do Hío.
Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.

3 comentarios

  1. A historia da Ermida de Vilariño (IV) » A Illa dos Ratos

    […] Coya Otero #molongui-disabled-link 05/08/2021 Esteban Sobreira, mestre de cantería e veciño do Hío […]

  2. As reformas barrocas na igrexa de San Martiño de Moaña » A Illa dos Ratos

    […] Moaña e Señor de Paxarín D. Pedro Benito Avalle Mariño e o arquitecto e mestre de obras do Hío Esteban de Sobreira. Nel indícase textualmente que se debía acometer canto antes a reforma […]

  3. Esteban Sobreira, mestre de cantería e veciño do Hío (II) » A Illa dos Ratos

    […] o primeiro artigo no que o investigador Anxo Coya se centraba máis na traxectoria vital e persoal deste veciño e […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.