UN NAUFRAXIO QUE CAUSOU GRAN CONSTERNACIÓN NO HÍO
Texto elaborado por Anxo Coya Otero, veciño do Hío e Premio Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio 2019.
No longo transcorrer do século XX son numerosos os naufraxios acontecidos nas costas galegas que sementaron de loito e bágoas a familias enteiras. Podemos citar algúns como o do buque Santa Isabel ocorrido en 1921 en Sálvora, o do vapor noruegués Aslaug no 1929 nas proximidades da costa de Baiona, o do Azaña en 1932, o do Ave del Mar en 1956 preto de Bouzas ou o do Centoleira nas Illas Cíes en 1964. Son claros exemplos de desastres marítimos con moitas vítimas, aínda que se poderían citar bastantes máis.
O afundimento da traiñeira Leonor o 14 de outubro de 1907 tivo unhas consecuencias catastróficas
Neste mes de outubro cumpriranse cento catorce anos dun accidente marítimo que aconteceu na parroquia do Hío. Era a Leonor unha embarcación da propiedade de Serafín Martínez Franco, casado con María Luisa García Hermelo, veciños da aldea de Vilariño, O Hío (Cangas do Morrazo), inscrita coa matricula Folio N.º 1864 neste concello.
Compoñían a súa tripulación 20 homes que cada día largaban as redes ao mar para ganar o pan. Entre eles varios mozos menores de 18 anos. O patrón, Serafín Prieto Novas (a) “Camarada”, era natural do Igrexario (O Hío), de 23 anos, e estaba recentemente casado en Liméns por aquel entón. A hora acordada polo patrón e a tripulación para saír pescar nese fatídico día, demorouse por faltar catro tripulantes. Xa deran as doce. O patrón deu orde de saír a pescar sen eles, aínda que finalmente os catro que se atrasaron conseguiron navegar noutra embarcación.
A prensa desa época notifícanos que a Leonor partiu da praia de Temperán, en Liméns (sic). Podemos deducir que estiveron pescando na Ría de Aldán e que o vento reinante sopraba do suroeste. Primeiro porque naufragou nas Illas Osas cando as crónicas aseguran que dobraban a Punta de Couso para dirixirse a vender a sardiña sobre ás seis da tarde. E segundo porque probablemente buscaron traballar ao socairo deste vento, xa que se fose do noroeste non sería esta ría a máis apropiada para facelo. A información oral recollida a varios dos familiares descendentes dalgúns dos mariñeiros, acreditan que ían moi cargados co aparello e que a pesca era moi abundante ese día.
Tras un gran día de capturas a Leonor poñía rumbo á Ría de Vigo pero o destino tan só lles deixou avanzar uns centos de metros
O mar chegaba aos toxos, o vendaval e a chuvascada medraban en intensidade. Navegando a Leonor á altura das Illas Osas, coa embarcación submisa aos embates do mar e ao temporal, un forte refacho fixo que a traíña envorcara guindando aos 16 homes á auga. Presaxiábase o peor xa que eran poucos os mariñeiros que sabían nadar.
Algúns permaneceron un tempo agarrados á quilla e ao costado de estribor ata que se lles esgotaron as forzas. Sobre unha hora permaneceron na auga. Uns loitando por manterse a flote outros xa foran engulidos pola bravura do mar que medraba coa galerna. Dende a parroquia de Aldán saíron tres botes ata o lugar do suceso para proceder ao rescate. A embarcación Electra, patroneada por Antonio Sotelo Pardavila, salvou a tres náufragos da morte; a Nueva España, mandada por Ángel Otero Lemos, rescatou a Celestino Baqueiro Malvido. Outra embarcación de nome Visita non conseguiu avistar a ningún mariñeiro.
Os patróns que participaron no salvamento foron recompensados posteriormente pola súa intervención. Os tripulantes recollidos foron Celestino Baqueiro Malvido, Serafín Prieto Novas, Francisco Rodal Menduíña e Manuel Rodríguez Lemos, cuñado do patrón e veciño de Liméns. Esta información recollida oralmente non se corresponde exactamente coa publicada nalgúns xornais daquel tempo, xa que, entre outras cousas, informan de que o propietario da embarcación era un dos falecidos. Podemos acreditar que non foi así porque Serafín Martínez Franco non aparece na lista dos que perderon a vida.
No naufraxio da Leonor foi protagonista un heroe de quince anos: Francisco Rodal Menduíña, veciño de Vilariño
Fíxose eterna esa hora na que os superviventes loitaron por non afogar. O verdadeiro heroe deste terrible naufraxio foi un rapaz de quince anos chamado Francisco Rodal Menduíña. Era irmán da avoa do estimado presidente do R.C. Celta de Vigo, o señor Carlos Mouriño. Este mozo foi o primeiro en ser avistado por unha das embarcacións que acudiron ao rescate.
Cara a Francisco dirixíronse para socorrelo, pero o rapaz renunciou a subir á bordo xa que nadaba coma un peixe. Preferiu que os tripulantes dos botes de rescate acudisen a salvar aos náufragos que non sabían nadar. O mozo escoitaba aos compañeiros como gritaban e dicían: “Salvarme que vos hei de pagar”,“ Dille a miña muller que xa morrín!” ou “Adiós a todos!”. Francisco alentaba aos compañeiros con palabras de ánimo. O rapaz foi o último en ser rescatado. Os xornais destacan o heroico comportamento de Francisco.
Tras o naufraxio da Leonor o mar devolveu varios cadáveres das vítimas ás praias e penedos
Os doce mariñeiros falecidos foron:
– Francisco Soliño Martínez, 15/16 anos veciño de Vilariño.
– José Benito Lorenzo García (a) Rabelo, 30/34 anos, natural de Pinténs e casado en Vilariño e xenro do propietario da embarcación. Atopado na praia de Bon.
– Ceferino Piñeiro Otero, 17 anos, de Vilariño. Apareceu na praia de Bon.
– Ángel Martínez Otero, solteiro, 45 anos de Vilariño.
– Manuel Antonio Cadabón Coya, casado, 40 anos e veciño de Pinténs.
– José Otero Lemos, casado, 32/33 anos, veciño de Vilanova. Apareceu despois de once días e recibiu sepultura.
– Adolfo Baqueiro Malvido, 27 (21) anos veciño do Igrexario. Apareceu o seu corpo nos penedos de Bon.
– Laureano Otero Otero, 20 (17) anos de Liméns. Atopado na praia de Bon.
– Domingo Otero Lorenzo, casado, 32 (31) anos e natural de Vilanova.
– Manuel Gutiérrez Prieto, 19 anos, do Igrexario. Apareceu o cadáver en Bon.
– Manuel García Pardavila, 16 (12) anos do Igrexario.
– José Piñeiro Lluque, 19 (20) anos do Igrexario.
Os corpos foron soterrados no adro que facía de camposanto na igrexa parroquial do Hío, xa que o cemiterio municipal aínda non existía, inaugurándose no 1908.
A Unión de Fabricantes de Fábricas de Conservas da Ría de Vigo abriu unha subscrición ingresando 1000 pesetas de apertura
Moitas foron as poboacións costeiras que se sentiron solidarias coas familias dos finados aportando cartos para axudalas. Incluso dende Lisboa e A Habana enviaron cantidades importantes.
No Teatro Rosalía de Castro celebrouse unha función benéfica cunha recadación considerable para as familias damnificadas. Tamén colaboraron autoridades importantes como o deputado á Cortes por Pontevedra Eduardo Vicenti, párrocos de varias freguesías, industriais de fábricas de salgadura e de conservas, médicos, mestres, armadores, etc.
A cantidade final para as familias das vítimas nas localidades de Cangas, Moaña e Vigo acadou a cifra de 16.788 pesetas, das que 500 pts. foron para a familia do soldador de latas falecido na fábrica do Sr. Curbera. Tamén se doaron 105 pts. ao cabo Juan Portas de Aldán pola súa eficaz labor desenvolvida o día do naufraxio.
Nos cantís de Couso, na Costa da Vela, unha cruz de pedra lembra aos falecidos no naufraxio da Leonor
Foron moitas a dor e as bágoas causadas polo suceso naquel momento, mais pode o lector imaxinar, ollando as novas dos xornais da época, canto perdurou no tempo esta traxedia nunha sociedade que vivía do e para o mar.
Tamén houbo outros danos colaterais daquel temporal
Outra lancha tivo que ser auxiliada por envorcar preto da Borneira. Tamén perdeu a vida, nunha fábrica propiedade de Curbera, un soldador de latas chamado José Fernández. Pereceu ao instante cando unha das paredes da fábrica cedeu e deixou o corpo do operario baixo os escombros. Deixaba muller, dous fillos e agardaban un terceiro. Ademais hai que engadir numerosas caídas de árbores e postes do telégrafo.
Para rematar o artigo recollemos información diversa sobre o suceso que apareceu en diferentes medios
El temporal en Vigo por télégrafo.
Doce ahogados. Otra desgracia
Vigo 16 (8 n.)
El temporal ha causado en esta graves daños y una espantosa desgracia,
Al salir de la ría Aldán la lancha trainera Leonor, que venía á Vigo, zozobró, cayendo al mar todos los tripulantes.
Tres lanchas acudieron á socorrerla, logrando salvar á cuatro; pero ahogándose 12.
El suceso ha causado consternación.
La Directiva de la Unión de fabricantes do Vigo ha abierto una suscripción, encabezándola con 1.000 pesetas, coa objeto do socorrer a las familias de las víctimas.
Se proyecta también una cuestación pública, á la que contribuirán cuantos viven do la pesca.
Otros botes pesqueros que corrieron peligro fueron recogidos por los vapores que regresaban de la pesca.
Estos vapores sufrieron también pérdidas.
Los marineros no recuerdan otro temporal tan violento.
Los postes del teléfono y los hilos telefónicos han sido derribados, los árboles arrancados y muchos edificios han venido á tierra.
En la fábrica de conservas de Curbera se desplomó una pared, matando a un hombre.
El corresponsal.
El Heraldo de Madrid, 18/10/1907.
Tragedia en el mar.—Trece muertos
Inmensos estragos
‘ Vigo 17 (10,32 noche)
Aunque todos los años por esta época había que lamentar en el puerto de Vigo algunas funestas consecuencias de los temporales del equinocio de otoño, el desencadenado ahora ha tenido tan terribles proporciones que no se recuerda otro semejante.
Ha habido espantosas desgracias que llenan de luto á Vigo y se lamentan muchos daños materiales.
Al salir de la ría de Aldán la lancha trainera «Leonor», que traía pesca para venderla en este puerto, zozobró á causa de una tromba’ de viento y agua, cayendo al mar los dieciseís hombres que la tripulaban.
Tres barcas acudieron á socorrerlos luchando con la terrible furia de olas como montañas; solo salvaron á cuatro de los náufragos.
Los otros doce perecieron á la vista de los marineros que trabajaban con verdadero heroismo por salvarlos.
La impresión producida por la catástrofe es tremenda.
La junta directiva de la «Unión de fabricantes de Vigo» ha abierto una suscrición a favor de las familias de las víctimas, encabezándola con mil pesetas. Se hará una cuestación pública con idéntico fin caritativo y por el éxito de ella trabajarán cuantos elementos viven de la pesca y de las industrias derivadas.
El Imparcial, 18-10-1907.
Fontes consultadas:
-A.P. do Hío.
-Faro de Vigo.
–B.N.E. e varia información oral recollida.
Anxo Coya Otero
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
-
Anxo Coya Otero#molongui-disabled-link
6 comentarios
Jose Pere
Un articulo moi compmeto . Meus para ens a Anxo pola sua dedicacion s temas tan na raiz da veciñanza de pequenos pobos que fixeron actos de feroicidade . Mais dn este caso pra min e a miña muller, irmán de Carlos Mouriño..
MARIA ROSA RIVEIRO SANTAMARINA
Gracias por manternos informados de hechos tan importantes en nuestra historia
Marcelo.
Gracias por la aportación. Que la Virgen del Carmen los tenga en su gloria.
Lois
Boa pesca,
Unha grande traxedia para os homes e mulleres que traballan e viven do mar.
Nunca perdamos a memoria.
Interesante artigo.
Bó traballo.
Severino Balseiro Pardo
Estes relatos deixan o corpo dolorido, e moi triste sair da casa pra ganar o sostento da familia, e quedar no medio do mar. Pasan os anos, pero non a door que deixaron.
Deus os teña na gloria
Johnny
Grazas Anxo, moi interesante o artigo.