UN CANGUÉS NAMORADO DA SÚA VILA, ESCRITOR E LIBREIRO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez a partir de información e fotografías facilitadas por Guillermo Moldes Rodal.

Neste artigo imos a coñecer de preto ao escritor cangués Guillermo Moldes Rodal que tras o rotundo éxito da súa primeira novela titulada “El enigma del platero”, publicou a segunda baixo o título “La sal de las lágrimas” no 2020.

Guillermo é unha persoa moi cercana e un gran amigo da nosa asociación ao que queremos agradecerlle a súa boa predisposición para que elaborásemos esta publicación.

Guillermo Moldes Rodal chegou a este mundo a comezos da década dos 70 do século pasado

Cando este escritor cangués naceu no verán do ano 1970, no cine Calvar aínda non se estreara “Hello Dolly”, o musical de moda en todas as salas do mundo e nas radios de toda España soaba “The long and winding road” (un longo e sinuoso camiño) dos Beatles, o último sinxelo que alcanzou o número un da lista de éxitos do álbum Let it be.

O título pode augurar unha vida similar, longa e sinuosa, pero o que polo momento podemos afirmar sen equivocarnos e que aquel  22 de xuño de 1970, viu a luz un cativo que cedo destacaría polo amor profundo a súa terra, ao seu pobo e as súas xentes.

Era un verán, como todos os veráns da súa infancia, no que a tecnoloxía aínda gateaba en pañais e a televisión víase en branco e negro. Un verán caloroso nos meses de xullo e agosto, que se vivía coa esperanza do fin da ditadura infame do ditador Francisco Franco. Era un bo momento para nacer, para loitar polos dereitos humanos, para arrebatar do esquecemento aos derrotados e por esforzarse na recuperación da dignidade perdida.

Cando descubriu a súa paixón pola escritura, comezou redactando poemas e relatos curtos

Durante anos, nos que foi crecendo nas distintas etapas da vida, foi descubrindo unha das súas grandes paixóns, a escritura, ata o punto de flirtear con poemas e relatos curtos que amarelaron no fondo dun caixón durante lustros.

Chegaron os primeiros amores, os primeiros bicos, as páxinas cheas de garabatos con sentimentos propios e alleos e as innumerables lecturas. Así fórxase un escritor modesto. Observando. Lendo. Salpicando coa pluma na folla en branco. Marteleando unha vella Olivetti, con cinta vermella e negra, con letras de imprenta e moito tippex.

Despois o talento adéstrase. Moita lectura histórica. Ampliando vocabulario. Preguntando aos máis vellos do lugar. Descubrindo cada día un recuncho desa Cangas tan especial que o enche todo de emoción.

Cangas é a súa burbulla. O seu leitmotiv principal. A súa musa inspiradora. O recuncho ideal para nacer e o escenario no que descansar para a eternidade.

A trama da súa primeira novela titulada “El enigma del platero” transcorre de forma alterna entre a Cangas do presente e a de 1617 no contexto do ataque turco berberisco á Vila de Cangas

Non era difícil intuír que aquela paixón ía, de algunha maneira, a tomar forma e menos sorprendente foi que o fixese en forma de libro. A súa primeira novela, “El enigma del platero”, xestouse dende o ano 2011 ata a súa publicación definitiva no ano 2014.

Moitos foron os acontecementos da historia da Vila de Cangas, pero sobre todos eles, destaca o acontecido no decembro do ano 1617 cando a ría de Vigo sufriu un ataque por parte dun grupo de piratas turco berberiscos que, polas consecuencias posteriores para a economía e por como influenciou o carácter dos superviventes, marcou claramente a Cangas como explicamos nas nosas rutas “Cangas 1617, A Defensa da Vila” e “Cangas 1617, Outro punto de vista“.

A nivel narrativo e tras unha concienciuda investigación en libros, arquivos, libros de fábrica e entrevistas, saíu a luz esta novela histórica que, ambientada en dous tempos (1617 e 2014) relata, a través dos ollos de personaxes ficticios, os acontecementos desde a súa orixe en Istambul, a travesía das naves pertencentes ás razzias invasoras e a súa chegada e posterior ataque á Ría de Vigo.

Simultaneamente, unha historia de amor, a loita pola supervivencia no medio dun ambiente hostil, a vinganza e a morte e resurrección dunhas personaxes que ben poderían ter a súa correspondencia con calquera lector actual.

A novela tivo una excelente acollida a nivel local e o efecto boca orella levouna a alcanzar ventas de máis de 1.500 exemplares.

“La sal de las lágrimas”, unha novela negra ambientada en Cangas e co inspector Juanjo Estrada e a súa axudante a axente Mónica Rodal como protagonistas

Quizais movido por este discreto éxito, Guillermo Moldes lanzouse novamente, seis anos despois,  á publicación da súa segunda novela, esta vez a través dun selo editorial propio,. Nesta ocasión “La sal de las lágrimas” supón un cambio radical de estilo narrativo. Trátase dun libro que relata unha investigación policial que levan a cabo o inspector da policía nacional Juanjo Estrada e a súa axudante, a axente Mónica Rodas.

A trama comeza cando aparece flotando no agua do porto de pasaxe de Vigo o cadáver dun mozo cangués do que non se tiñan pistas desde facía un ano.

Axiña outros asasinatos van enredando un caso xa complicado que ademais parece ter conexión cunha desaparición acontecida dez años atrás nos cantís de Cabo Home.

Cunha investigación policial da que xorden unha chea de falsos culpables, pistas sobre ambos casos e incluso unha investigación paralela levada a cabo por unha ambiciosa periodista e dous familiares das vítimas, a novela vai enganchando ao lector dende o principio.

Cangas sempre ten un papel protagonista nas obras de Guillermo Moldes Rodal e na “La sal de las lágrimas” fanse continuas referencias a diversas localizacións da vila

Cangas é un escenario, pero tamén unha personaxe dentro da novela. Ao inicio de cada capítulo detállanse lugares, anécdotas ou personaxes que aquela persoa que sexa da vila identificará sen dúbida e para o lector foráneo, servirá como guía turística e de coñecemento do pobo máis fermoso das Rías Baixas.

Para rematar este artigo e como exclusiva podemos dicir que actualmente Guillermo Moldes, ademáis de continuar coa súa actividade vocacional como libreiro na Librería Cinania de Pontevedra, está nunha avanzada fase de redacción do segundo caso dos policías Estrada e Rodas, nesta ocasión un complicado suceso no que se misturan elementos de trata de brancas, prostitución e o mundo da moda.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Cangas en la literatura » A Illa dos Ratos

    […] El poema anónimo titulado «Polo camino» hallado en el monasterio de Celanova habla del dramático hecho del saqueo de Cangas por los turcos en 1617 que provocó la muerte de varios vecinos. Pero también existen otros textos de los historiadores José Moreira, Manuel Rodal, Carlos Vázquez Marinelli y Ramón Villares, así como la novela “El Enigma del Platero” de Guillermo Moldes. […]

  2. Cangas na literatura » A Illa dos Ratos

    […] Sobre o feito dramático do saqueo de Cangas polos turcos en 1617 que motivou a morte de varios veciños,  fala o poema anónimo titulado “Polo camiño” atopado no mosteiro de Celanova. E outros textos dos historiadores José Moreira, Manuel Rodal, Carlos Vázquez Marinelli e Ramón Villares, así como da novela “El Enigma del Platero” de Guillermo Moldes. […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.