A EXPERIENCIA DE FACER UN PASEO LITERARIO POR CANGAS

Texto elaborado por Fernando Cuñarro Pintos, secretario da Asociación Cultural A Cepa.

Cangas na Literatura é unha recompilación parcial de textos literarios, históricos e xornalísticos editado pola A.C A Cepa para conmemorar o Día do Libro de 2016 onde atoparedes poesías, cantigas, documentos, contos, coplas, lendas,… relacionados coa vila de Cangas. Un caderno, de 88 páxinas, con textos literarios nos que aparece o nome da vila ao longo da historia, dende o rei Fernando II ao grupo musical Siniestro Total.

A referencia máis antiga a Cangas na literatura data de 1160

O Rei Fernando II, casado con dona Urraca, e que reinaba sobre Galiza e León, doou no ano 1160 a un nobre do seu séquito, o herdo de Cangas, situada no Morrazo, en pago aos servizos prestados: 

CANGAS NA LITERATURA

“Dono itaque tibi Varele illa jam dicta hereditate videlicet Cangas totam (…), concedo pro bono servicio quod mihi fecisti et facis (…)”. Con estas verbas que na linguaxe de hoxe veñen dicir: Así pois dóoche a ti, Varela, a xa mencionada herdade, coñecida como Cangas, na súa totalidade; concédocha polos bos servizos que me prestaches e me segues a prestar.

O nome de Cangas aparece por vez primeira neste documento asinado polo rei en Zamora que abre a publicación de A Cepa.

As cantigas medievais de Johán de Cangas, Mendinho e Martín Códax tamén teñen o seu espazo en Cangas na Literatura

CANGAS NA LITERATURA

Nas primeiras páxinas faise referencia ás cantigas de romaría de Johán de Cangas que aparecen recollidas nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Lisboa e no da Vaticana, que falan da ermida de San Mamede do Mar e nas que a amada expresa os seus sentimentos amorosos.

Lémbrase tamén aos xograres da ría de Vigo, Martín Códax  coas súas “Ondas do mar de Vigo” e a Mendinho con “Sedíame eu na ermida de San Simón“.

Curiosamente nesa illa con tanta historia existe unha escultura na honra destes tres xograres que foron homenaxeados no Día das letras galegas de 1998.

A defensa da vila de Cangas ante o ataque turco de 1617 tamén se recolle en Cangas na Literatura

Sobre o feito dramático do saqueo de Cangas polos turcos en 1617 que motivou a morte de varios veciños,  fala o poema anónimo titulado “Polo camiño” atopado no mosteiro de Celanova. E outros textos dos historiadores José Moreira, Manuel Rodal, Carlos Vázquez Marinelli e Ramón Villares, así como da novela “El Enigma del Platero” de Guillermo Moldes.

No libro tamén se recupera unha escolma de coplas do “Coloquio de 24 gallegos rústicos” do Frei Martín Sarmiento, unha colección de voces e frases galegas onde reproduce a fala popular da península do Morrazo.

Fragmentos da obra “A tecedeira de Bonaval”, do canónico da catedral de Santiago, Antonio López Ferreiro, onde aparece un personaxe nomeado Xan López de Cangas como Alcalde de Santiago.

Son moitos e diversos os contidos literarios con referencias a Cangas

CANGAS NA LITERATURA
Placa co texto do poema “A lúa de Cangas” que se atopa no paseo marítimo de Cangas á altura da Casa da Cultura.

Reprodúcese íntegro o longo poema “A lúa de Cangas” de Manuel Martínez González de 1882 con tres copias depositadas na Biblioteca de Moaña, musicado polo compositor Xosé Gómez (Pepe Curros) e estreada por Xosé Castro (Chané) no Teatro Nacional da Habana.

CANGAS NA LITERATURA
Valentín Lamas Carvajal

Un conto do autor do “Catecismo do Labrego”, Valentín Lamas Carvajal que fala do zapateiro de Cangas e que deu orixe a unha serie de lendas de tradición oral co mesmo tema.

CANGAS NA LITERATURA
Curros Enríquez

Tamén aparecen outros autores clásicos como Manuel Lugrís Freire co texto “¡Protestante! ” e o poema de Manuel Curros Enríquez titulado “As dúas pragas” onde culpa a notarios e capeláns de acabar coa ledicia san que había nas aldeas e que nos achegan ao tempo da Inquisición.

E diante nosa aparece a figura emerxente de María de Cangas, a María Soliño nos poemas de Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoan Cabana, na peza teatral da autoría de Etelvino Vázquez e Xosé Manuel Pazos, no estudo biográfico histórico de Encarna Otero ou na novela “A voz do vento” de Pemón Bouzas. E na copla popular recollida polo escritor Xosé María Castroviejo “Adiós meigas de Cangas,/ netas de María Soliño/que me levasteis arrastras/polo largo do camiño“.

Sobrevoamos a ría de Vigo no  “Avión de Cangas” de Darío Xoán Cabana, cun texto de Otero Pedrayo. Voamos coas “Cantigas do Vento” de Mª do Carme Kruckenberg e achegámonos a Vigo, a porta dourada de Galicia cos textos de Catherine Gasquoine Hartley.

CANGAS NA LITERATURA
Castroviejo e B. Graña

Lembramos o pasado baleeiro de Cangas co texto “Caza maior no mar da pluma” de Xosé Mª Castroviejo a bordo do Lobeiro. E do libro de de Joaquín Dicenta titulado “Baixo os mirtos” recolle o fragmento de cara ás Cíes.

Entramos no interior da Ría lembrando a batalla de Rande co historiador Xoán Bernárdez Vilar.

Baixamos a tomar terra firme coas imaxes da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson e paseamos polos montes e corredoiras de Coiro cos escritores Álvaro Cunqueiro e Castroviejo da man de Xavier Castro testemuña de neno da súa presenza na botica na rúa Real do seu pai Ladislao Castro. 

CANGAS NA LITERATURA
Ruth Matilda Anderson

E xa que amence en Cangas saudamos a Pintor que vai con presa camiño de Quián, parámonos con Serafín Graña na capela do Hospital rodeados de chingolos e paseamos por Rodeira con Pepe Poeta aproveitando o bo tempo para tomar unhas sardiñas que xa pingan no pan. Un pan que é o cerne da nosa cultura tradicional que deixou dito Xosé Lois Ripalda.

CANGAS NA LITERATURA
Membros da A.C A CEPA na homenaxe a Pepe O Poeta no ano 2003.

O nome de Cangas aparece camiñando con Ana María mentres caen silandeiras as folerpas de neve polo bulevar Smolienski do xornalista Luís Menéndez ou se nos achegamos a ler a obra “Anaiansi” escrita pola escritora galega de orixe alemá Úrsula Heinze.

Outros moitos foron os autores que nomearon o nome de Cangas nas súas obras literarias: Eliseo Alonso, Xosé M. Martínez Oca, Rosa Vidal, Xosé Ramón Pena,  Pepe Carreiro, Fran Jaraba, entre outros.

E “Irei a Darbo” con Bernardino Graña e coa “Oda composta aos mariñeiros de Cangas, homes de vento e fume”. Achegámonos ao santuario da Nosa Señora da man de Montes e co himno composto polo mestre Carballo. E conversaremos de vagar até que quede a garrafa vacía co escritor Manuel María e Xosé M. del Caño ou co editor Manuel Bragado e Lito, o futbolista libreiro de Cangas.

E iremos deica Aldán saudar aos do colectivo Millo Verde recuperadores das cantigas da foliada do San Amaro e a Manuel Docampo letrista da popular canción do Gato. Alí atoparémonos co ghaiteiriño tocando sen parar e a xente cantando “A Siña Alisandra do Felecho” e a máis infantil “Gavota, gavota”.

No Hío convocamos aos espectros en Cabo Home para reclamar “A liberdade pró meu pobo” con Xosé Luis Méndez Ferrín.

CANGAS NA LITERATURA
Méndez Ferrín

Subimos ao Facho con Paz Antón do grupo “Na Lúa” e pasmamos coa “Marabilla da paisaxe”. Vemos pasar unha embarcación que vai a Terranova co biólogo Xabier Paz para traernos as “Follas de bacallau”.  

E miramos que entraba pola bocana da ría o Riosil capitaneado por Valentín Carrera de regreso do Gran Sol. Escoitando o mar xa sabiamos onde era que estabamos e apagabamos o motor…   E co sosego das ondas botaban aquela cantiga popular, Vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela. Vexo a Ponte de Sampaio, camiño de Pontevedra.

Yo fui a Cangas del Morrazo y menos mal que no llovía… dicían os de Siniestro Total naquela mítica canción.

CANGAS NA LITERATURA
Siniestro Total

E nós rematamos este paseo literario con palabras escritas e musicadas por Avelino Avilés: “si vienes a Cangas de paseo un día verás que es alegre de noche y de día, porque nuestro pueblo es encantador. De todos los pueblos, el nuestro el mejor”.

Cangas na literatura, unha publicación da Cepa que recolle textos literarios, poesías, cantigas, documentos, contos, coplas e lendas, un labor de recolleita que terá que seguir a enriquecerse no futuro con novas contribucións. Agradecemos aos autores e autoras que tiveran nomeado o nome da nosa vila, o nome de Cangas e doutros lugares do Morrazo nas súas obras.

Fernando Cuñarro Pintos
+ artigos

Secretario da Asociación Cultural A Cepa de Cangas.

2 comentarios

  1. Os libros da A.C. A CEPA » A Illa dos Ratos

    […] dun taller realizado co alumnado da escola de Adultos publicamos “Cangas na Literatura“. Un libro que recolle textos literarios que teñen a Cangas como […]

  2. Lucia García

    Parabens Fernando!! Espero leelo pronto…unha aperta enormeee

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.