A TODA MÁQUINA , RUMBO AO MUSEO DO MAR DE MOAÑA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos a partir da información e fotografías facilitadas por Cristóbal Cordeiro Tobío e Francisco J. Ríos Lemat, presidente e vicepresidente da Asociación Devanceiros do Mar.

Como contamos na nosa ruta “A Moaña mariñeira“, a vila de Moaña, ao igual que todas as vilas costeiras de Galicia, garda unha estreita relación histórica co mar.

Cando tratamos de explicar a súa importancia nas nosas vidas, sempre nos acordamos da pesca de baixura, do marisqueo, do cultivo do mexillón ou dos traballos auxiliares que levaban a cabo en terra as redeiras, as peixeiras ou as empregadas das conserveiras, pero sería imposible entender o crecemento económico e social da nosa contorna sen recordar o traballo e sacrificio de todos os nosos mariñeiros que pasaron gran parte da súa vida embarcados na pesca de altura ou na mercante para darlle unha vida mellor as súas familias.

A Asociación Devanceiros do Mar nace para manter viva esa memoria, poñer en valor a nosa cultura marítima e evitar que todas as historias e vivencias desas persoas caian no esquecemento, e o fan cun claro obxectivo: crear un Museo do Mar en Moaña que sirva as xeracións futuras para achegarse as súas orixes, porque non se pode entender quen somos hoxe en día sen coñecer o noso pasado.

A Asociación Devanceiros do Mar nace oficialmente o 27 de Febreiro de 2020 co obxectivo de poñer en valor a cultura marítima galega

A orixe do proxecto da Asociación Devanceiros do Mar está na colección privada de elementos relacionados co mar que o capitán Cristóbal Cordeiro Tobío foi acumulando na súa casa ao longo da súa vida.

Tras a súa xubilación comezou a pensar en compartila co mundo e aproveitando que no 2019 tamén se xubilou o capitán Francisco J. Rios Lemat “Paco”, compañeiro de traballo durante anos, deciden emprender un proxecto moito máis amplo encamiñado a que a cultura marítima do pobo non quede no esquecemento.

Convencidos de que Moaña debería ter un Museo do Mar, comezaron a buscar máis persoas que compartiran as súas inquietudes e tras varios meses de contactos e reunións, foi finalmente o 27 de Febreiro de 2020 cando se celebrou a asemblea constitutiva de Devanceiros do Mar.

Nacía así unha asociación sen ánimo de lucro, que se marcaba como obxectivo principal poñer en valor o rico patrimonio cultural e etnográfico relacionado co mar que temos na nosa terra, Galicia, e de feito nos seus estatutos estableceron que o seu ámbito de actuación sería o autonómico, buscando converterse nun punto de encontro para todos aqueles galegos que quixesen compartir as súas vivencias relacionadas co mar e que profesasen o mesmo amor e paixón que eles pola cultura mariñeira.

Entre os nove socios fundadores había capitáns, mariñeiros e xefes de máquinas, xente do mar de vilas como Moaña, Cangas e Vigo. Posteriormente se sumarían persoas procedentes de outros ámbitos moi diversos como unha mestra redeira, unha bióloga, unha cociñeira ou un funcionario xudicial, chegando na actualidade a contar coa participación e apoio de máis de 200 particulares e empresas.

ASOCIACIÓN DEVANCEIROS DO MAR
Colaboradores na exposición realizada dentro do programa Días de Mar do Concello de Moaña.

O principal obxectivo da Asociación Devanceiros do Mar é facer realidade un Museo do Mar en Moaña

Desde a súa creación, a Asociación Devanceiros do Mar leva traballando con decisión para que Moaña conte canto antes cun lugar onde conservar e difundir a historia do pobo, caracterizado pola súa estreita vinculación ao mar.

Nese museo se depositarían a gran cantidade de obxectos e aparellos cos que xa contaban nun principio os promotores da idea, pero tamén os que moitas persoas relacionadas co mar están interesadas en doar como embarcacións, aparellos, temóns, campás, boias, áncoras, telégrafos, sextantes, anteollos, cartas náuticas, fotos e infinidade de obxectos e ferramentas utilizados no seu traballo, ademais de cunchas, e diversos obxectos que devolve o mar…

Con todas estas pezas instaladas no museo, de seguro que haberá elementos suficientes para manter viva esta parte tan importante da memoria colectiva do pobo, pero polo momento, na maioría dos casos ao máximo que poden aspirar os membros da asociación cando alguén se dirixe a eles coa intención de doar obxectos ou aparellos, é reparalos no seu taller, e logo de expoñelos, devolverllos aos seus donos porque xa non dispoñen de espazo para gardalas nas súas casas.

ASOCIACIÓN DEVANCEIROS DO MAR

O Museo do Mar sería un lugar para ensinarlle aos mozos e mozas como traballaban os seus antepasados, para que valoren o seu esforzo e sacrificio e non se esquezan de onde veñen. Os nenos e as nenas realizarían obradoiros de nós ou modelismo e mesmo os nosos maiores, incluso con problemas de alzhéimer, poderían emocionarse compartindo os seus recordos. Pero sobre todo, “o museo sería un lugar para homenaxear aos homes e mulleres, os que con case nada, a base de traballar moi duro, foron capaces de facelo todo”.

En definitiva un Museo do Mar vivo, integrador e participativo, onde mostrarlle aos visitantes a nosa historia e a maneira tan especial de entender a vida que ten a xente do mar.

Mentres non se materializa o Museo do Mar de Moaña, a actividade de Devanceiros do Mar céntrase na divulgación

Para levar a cabo este proxecto, a asociación solicitou ao Concello de Moaña a súa colaboración mediante a cesión temporal dun local axeitado e o seu apoio institucional para xestionar, nun futuro, que a antiga Casa do Mar poida ser a localización definitiva do Museo do Mar.

A día de hoxe os impulsores de Devanceiros do Mar xa conseguiron que o Concello lles ceda, entre agosto e decembro, as instalacións do alto da Praza de Abastos para realizar exposicións itinerantes, e tamén o compromiso de buscar un lugar axeitado para ubicalo de forma permanente en caso de que a dispoñibilidade da Casa do Mar se retrase ou finalmente non sexa viable.

ASOCIACIÓN DEVANCEIROS DO MAR
A concelleira de turismo Coral Ríos, a alcaldesa Leticia Santos, Paco e Cristóbal na inauguración dunha das exposición organizadas en Moaña.

Mentres se achega ese día, a Asociación esta centrada sobre todo en realizar labores de divulgación. Nos anos que levan con esta singradura podemos afirmar que tiveron unha actividade frenética organizando diferentes charlas sobre o “V Centenario da primeira volta ao mundo” en diversos colexios como Doroteas en Pontevedra, Reibón e Seara en Moaña, Compañía de María en Cangas ou sobre “A historia das traíñas” nas instalacións da S.D Tirán.

Tamén fixeron varias exposicións sobre a  navegación, unha delas en colaboración con Cáritas de Vilagarcía e outra dentro da programación de Días de Mar de Moaña e outra especificamente sobre Naufraxios en Moaña.

ASOCIACIÓN DEVANCEIROS DO MAR
Presentación da exposición sobre naufraxios organizada no alto da praza de Moaña, ambientada para a ocasión con motivos náuticos.
ASOCIACION DEVANCEIROS DO MAR
Maqueta do pecio do “Flower”.

Por estas dúas últimas exposicións pasaron 19.521 visitantes de toda a xeografía europea, visitantes que deixaron no seu libro de visita a súa gran admiración e apoio ao traballo dos membros do colectivo.

Durante o tempo que tiveron abertas as exposicións, recibiron visitas da maioría dos colexios da comarca e doutros centros como a escola Juan XXIII, así como de varios centros de día nos que os nosos maiores conviven con enfermidades como o alzhéimer. 

Ademais das exposicións, aproveitando que dispoñían dun espazo onde compartir a súa paixón polo mar, nesas datas tamén promoveron a presentación de libros, exposicións de cadros e fotos, a actuación de grupos corais e folclóricos e organizaron un simulacro de rescate en colaboración con Gardacostas de Galicia que rematou cunha misa de campaña na honra a todos os desaparecidos e desaparecidas no mar.

ASOCIACIÓN DEVANCEIROS DO MAR
Momento do simulacro de rescate organizado por Devanceiros do Mar en colaboración con Gardacostas de Galicia. Foto: Villa.

Para levar a cabo a súa labor, a Asociación Devanceiros do Mar conta co apoio de máis de 200 particulares e empresas, cun amplo respaldo social e de diversos colectivos culturais

Nesta fermosa viaxe, a Asociación Devanceiros do Mar conta co apoio de moitos particulares e empresas que colaboran desinteresadamente con eles para que este proxecto chegue a bo porto.

Tamén varias asociacións vencelladas o eido cultural quixeron aportar o seu gran de area colaborando con eles nas súas iniciativas: Agrupación Cultural Nós,  Asociación de Alfombristas de San Martiño, Asociación de Mulleres de Moaña, Coral Chorima, Os Muiñeiros e os Cantadores Tradicionais ou Cantadores de Taberna.

Dende aquí queren aproveitar para darlles as grazas a tod@s el@s e dicirlles que cando se logre que o Museo do Mar de Moaña sexa unha realidade, se sintan orgullosos por ser participes e axudar a dar impulso a este fermoso proxecto.

Dende A Illa dos Ratos queremos agradecer a Cristóbal e Paco as facilidades que nos deron para a elaboración deste artigo e unirnos ao apoio que está recibindo esta iniciativa tan necesaria para a posta en valor do noso patrimonio e cultura marítima.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. "Borna", o barco prehistórico moañés » A Illa dos Ratos

    […] ou incluso europea. Agardamos que cando o Museo do Mar de Moaña que promove precisamente a Asociación Devanceiros do Mar se converta en realidade, a “Borna” regrese ao lugar que lle corresponde, que non é […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.