MÁIS DE 40 ANOS DE INTENSA ACTIVIDADE CULTURAL 

Texto elaborado por Manuel Anxo Méndez Fraguas, membro da Agrupación Cultural Nós de Moaña.

Corría o ano 1979 cando varios mozos procedentes do incipiente asociacionismo moañés decidiron cubrir o baleiro cultural deixado polo Ateneo (1966-1977) e asinaron a Acta Fundacional da A.C. Nós.

Entre eles acordaron redactar os Estatutos e convocar eleccións para a primeira Xunta Directiva e presentala publicamente. Alí estaban, entre outros, Xesús Cancelas Franco, Xosé Carlos Villaverde Román, Manuel Pérez Rúa -primeiro Presidente-, Xan Cancelas -Secretario-, Serafín Parcero -vicepresidente-, Carlos Alberto Sequeiros -Tesoureiro-, Eugenio Costa Diz -Vicetesoureiro-, Celso Parada, Luís Pérez Rivas, Gonzalo Docampo, Jesús Trigo, Javier Costas e Celso Paredes.

A presentación pública da Agrupación Cultural Nós reuniu no cine Prado a 40 persoas

No acto de presentación, Xan Cancelas definía a Agrupación como “unha asociación independente de partidos e organismos, aberta, integradora, democrática, ao servizo do pobo de Moaña e que intentará a revitalización, potenciación e difusión da cultura galega”.

A finais dese ano 1979 intégrase na A.C.Nós o Grupo Arqueolóxico do Morrazo, nacido no 1972, e estiveron presentes o secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén, e Antonio de la Peña Santos.

As primeiras actividades van ser xa en 1980. Audicións musicais, a recuperación do entroido celebrando un Cros popular de Curruvellos, exposicións de fotografías de varios autores nos bares 7 Mares, Maruxía e Bar Chiquito, cine-forum e unha reunión do Instituto Padre Sarmiento en Moaña.

No ámbito arqueolóxico destacaron as excavacións do Rigueiriño e do Casal levadas a cabo por Antonio Costa, fundador do Grupo Arqueolóxico do Morrazo. Organizáronse tamén unhas conferencias sobre “O Neolítico no Morrazo”, e presentouse unha denuncia polo vertedoiro que sobre os xacementos do Rigueiriño e Fontenla en Domaio realizou Autopistas del Atlántico, soterrando un petróglifo.

No mes de xullo colabórase coas Festas do Carme organizando diversas probas deportivas de ciclismo e natación entre outras. No resto do ano organízase unha exposición de cerámica, concursos de fotografía e de debuxo, unha regata de botes, volta ciclista, campionatos de xadrez, de damas e de ping-pong, de atletismo, de motos e coches e remata o ano cunha reivindicación conxunta coa comisión de Cultura da AA.VV. Breogán solicitando do concello unha Biblioteca Municipal e Pública. Celébrase tamén un Festival de Nadal que reúne a 250 persoas no cine Prado.

A publicación de diferentes cadernos e libros sobre a historia e a cultura da vila de Moaña alternáronse ao longo destes anos con presentacións, a organización de xornadas arqueolóxicas, audiovisuais ou micolóxicas e a participación en diversas reivindicacións culturais e sociais

A comezos de 1981 publícase o caderno “Arqueoloxía de Moaña” e realízanse varias conferencias na I Semana da Arqueoloxía.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

Continúase coa recuperación do entroido cun concurso infantil de disfraces e unha actuación nun palco diante da praza de Abastos da comparsa A Santa Sede e membros da Casa da Mocidade. É o ano do primeiro enterro da Sardiña.

Organízase conxuntamente con outras asociacións o I Festival das Letras Galegas no adro de San Bieito en Domaio. A celebración das Letras Galegas faise con dúas conferencias de Fernando Ramos sobre “O Idioma nos Medios de Comunicación” no cine Veiga e no cine Montefaro de Domaio, cun Festival folclórico, un concerto de guitarra e a representación da obra de teatro “As Nubes” polo Grupo Artello de Vigo organizada conxuntamente con outras asociacións do concello no cine Prado á que asistiron 300 persoas.

Colabórase novamente coas Festas do Carme organizando probas de natación e remo de bateis e participamos na II Semana da Xuventude organizando probas de atletismo e unha conferencia sobre “A Problemática de Xuventude”.

No resto do ano houbo cine infantil e de adultos, outra representación da obra “A cantante Calva” polo Grupo Artello de Vigo no cine Prado coa asistencia da TVG e de 300 persoas, Teatro de monicreques do grupo Santa Cecilia de Marín, Maratón popular “Andar e correr”, xornadas de teatro en colaboración con outras asociacións coas representacións de “A Voda de Esganarello” pola Escola Dramática de A Coruña no cine Prado e “Ensaio para unha marcha fúnebre” por Mari Gaila de Santiago no cine Montefaro de Domaio.

A A.C Nós participou o 11 de xaneiro de 1982 da constitución da Coordinadora de Asociacións Culturais de Moaña que quedaría integrada ademais pola AA.VV. Breogán, A.C. Canle de Meira, A.C. Sementeira de Domaio, Cine Club e Casa da Mocidade 

O 7 de marzo inaugúrase a aula de cultura Ramón Cabanillas no Real cunha exposición de fotos antigas e unha mesa redonda sobre “A Cultura en Galicia hoxe” coa participación de Víctor Freixanes, xornalista, Francisco Carballo, historiador e Xesús Alonso Montero, profesor.

Con motivo do día das Letras Galegas actúa no cine Prado o teatro de monicreques Antroido de Santiago coa obra “Touporroutou da lúa e do sol”, conferencia de Alfonso Pexegueiro sobre Literatura galega contemporánea, proxeccións de cine, audiovisuais, etc.

A.C NÓS

En xuño celébrase a II Semana de Arqueoloxía con varias conferencias de Antonio de la Peña Santos, Carlos Sierra Rodríguez e Fernando Acuña Castroviejo e publícanse os cadernos sobre “Inventario de gravados rupestres en Moaña” e un estudo sobor da “Mámoa de Chan da Arquiña e o Castro de Montealegre” elaborados pola sección do Grupo Arqueolóxico da Nós.

O ano 1983 comeza cun concurso de disfraces infantil no que participan 250 nenas e nenos no cine Prado cheo.

Entrégase ás candidaturas que se presentan ás eleccións municipais un informe cultural no que se lle suxiren diversas iniciativas: contratación dun animador cultural, formación do Consello da Cultura, financiamento dunha revista local, normalización do galego no Concello, acondicionamento do 1º andar da praza para museo, convenios culturais, sinalización dos xacementos arqueolóxicos e institucionalizar actividades.

Con motivo das Letras Galegas actúa o grupo Artello de Vigo coa obra “Manda Truco”, publícase un caderno sobre a “Fogueira de San Xoán”, e nas xornadas de teatro actúan no cine Prado o grupo Artello coa obra “Celtas sen filtro”, o grupo danés Prebélico Hamlet coa “Ópera de dous centavos” e o grupo Antroido de Santiago coa obra “Percibal”, realízanse concertos, proxéctanse audiovisuais e realízase unha Mostra artesán e artística de Moaña con varios/as autores.

Comeza o ano 1984 cun recital do colectivo galego de música popular “Pau de Arara” no cine Prado. Celébrase un concurso infantil de disfraces e o grupo de teatro AURÍN representou no cine Prado varias montaxes curtas do espectáculo entroido.

No Día das Letras Galegas organízase de forma conxunta con outros colectivos unha representación a cargo do grupo de teatro AURÍN coa obra “Os anxos e o sangue” no cine Prado. En decembro insístese por escrito ao concello para que se cree a Biblioteca Pública Municipal.

No ano 1985 destacan as proxeccións audiovisuais por todos os centros escolares do concello coas montaxes sobre a “Historia do entroido en Moaña” e “Ramón Cabanillas”

Ese mesmo ano publícanse 4.000 exemplares dun caderno sobre a “Evolución Histórica da Administración Local” da autoría de Xosé Carlos Villaverde e o rematamos cunha representación teatral da Escola Dramática Galega de Cangas coa obra “¿E vostede como se chama?” no cine Prado.

Comeza o ano 1986 coa publicación de 3.000 exemplares da revista “O Antroido en Moaña” con textos de Manuel A. Méndez e Xosé Carlos Villaverde e fotos de Manuel P: Rúa.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

Difúndense polos centros escolares fichas para recoller lendas e contos populares e publícase en colaboración con Xiria de Cangas un traballo de Xosé Carlos Villaverde sobre “As guerras irmandiñas e a súa influencia nos concellos de Cangas e Moaña”. Proxéctase un audiovisual baseado na historia de Moaña titulado “Moaña e Nós” e realízanse outras actividades como o festival de Nadal, exposicións de fotos antigas e a II Mostra artesán e artística de Moaña.

A partir de 1987 comeza a celebrarse unha cea anual de irmandade cultural na que se procede a recoñecer a labor cultural dalgún colectivo e a diferentes figuras da cultura galega por “Facer país”

Na celebración desa I Cea de Irmandade Cultural no restaurante Prado Viejo fanse recoñecementos a Semente Nova polo seu labor, a Gonzalo Riobó como destacado membro fundador do desaparecido Ateneo e a Mini membro do grupo A Quenlla por “Facer país” cunha asistencia de cen persoas.

Publícase o caderno “As parroquias de Moaña, segundo o catastro do Marqués da Ensenada”, edítase o álbum “Moaña onte” e preséntase cunha montaxe audiovisual no centro Daniel Castelao cun cheo de público.

Remata o ano cun escrito de suxestións para o Concello, entre as que destacan as solicitudes de adquisición do cine Prado (para auditorio municipal), negociar a compra do castro de Montealegre e acondicionar o primeiro andar da Praza de Abastos como museo local.

No 1988, celébrase a II Cea de Irmandade Cultural en Casa Mariano coa asistencia de 197 persoas e prémiase á Masa Coral Moañesa como asociación máis antiga, a Semente Nova polo éxito acadado no festival de Lorient e ao xornalista Xosé María Palmeiro por “Facer País” entregándolle as figuras de cerámica orixinais para o premio realizadas polo escultor Toño Salgueiro.

Presentouse un mes despois o libro “Lendas de Moaña” de Xosé Carlos Villaverde editado pola A.C. Nós coa asistencia de cen persoas en Casa Mariano.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

No 1989 a A.C Nós celebra o seu X Aniversario incorporando ás súas actividades unha semana do audiovisual

Na III Cea de Irmandade Cultural ante 149 persoas recoñeceuse o labor da Asociación Folclórica Breogán como máis antiga e ao Mago Antón por “Facer País”. Publicouse por parte da Xunta de Montes de Moaña o libriño “Monte comunal de Moaña”, redactado por Xosé Carlos Villaverde, Manuel P. Rúa e Manuel Anxo Méndez. 

Celebrouse a I Semana do audiovisual con varias proxeccións da autoría do Obradoiro de Creación Audiovisual e de membros da A.C. Nós no centro Daniel Castelao como “Das Cousas de Ramón Lamote”, “O Entroido de Laza”, “A Casa Abandonada”, etc. e un concerto do grupo musical A Quenlla no cine Veiga para pechar os actos do X aniversario da A.C. Nós.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

En febreiro de 1990 preséntase a revista-caderno sobre a biografía de Ramón Cabanillas escrita por Xosé Carlos Villaverde. Na IV Cea de Irmandade Cultural prémiase a Milladoiro que levaba dez anos en escea. Celébrase a II Semana do audiovisual con diaporamas  da propia A.C. Nós, do Obradoiro de Creación audiovisual de Vigo e de José Luis González  sobre “Maldivas” e “O mundo submariño da ría de Vigo”. Na xornada dedicada ao vídeo proxéctanse curtametraxes de Xavier Villaverde e de Antón Reixa.

No mes de maio de 1991 publícanse 1.500 exemplares do caderno “A parroquia de Domaio, entre a tradición e a historia na batalla de Rande” da autoría de Xosé Carlos Villaverde e na V Cea de Irmandade Cultural prémiase a Manuel P. Rúa pola publicación do libro de fotografía “Moaña”, ao grupo Meiramar como organización máis antiga e a Manolo Rivas por “Facer País”. Animaron o acto Os Lóstregos de Marín no restaurante Estrella del Mar coa asistencia de 170 persoas.

Celébrase a I Semana da micoloxía con conferencias de Alfonso Rey e Antón Patiño na Casa do Mar, realízase unha saída ao monte dirixida polo grupo Pan de Lobo de Marín, móntase unha exposición e degústanse cogomelos con arroz e macarróns na cafetería da Casa do Mar cunha grande asistencia.

No 1992 publícase un caderno sobre “A Casa Fidalga do Rosal” de Xosé C. Villaverde e Juan Miguel González, na VI Cea de Irmandade Cultural prémiase a Isaac Díaz Pardo por Facer País, a José Sequeiros pola organización da festa de Bronlle, a Celso Parada polos premios acadados, ao gaiteiro Iván Costa polo premio Mac Callan de Lorient e a A.F.C. Charaviscas.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS
VI Cea de Irmandade Cultural (1992). Isaac Díaz Pardo dando un pequeno discurso tras recoller o premio por Facer País.

Ten lugar a II Semana de micoloxía con saída ao monte, exposición e degustación de cogumelos precedidas das conferencias de Luis Freire e Marisa Castro na Casa do Mar.

Na VII Cea de Irmandade Cultural de 1993 o premio por “Facer País” foi para Pepe Neira Vilas e houbo recoñecementos a Axóuxeres de Meira, Asociación de Mulleres de Moaña e Fumarada de Domaio.

No 1994 a VIII Cea de Irmandade Cultural recoñece o labor de Miguel Cortegoso como adestrador de atletismo, a ACIMO, a Xil Ríos cantautor comprometido co noso idioma e a Xosé Luis Méndez Ferrín por “Facer País”.

Publícase un novo caderno sobre “A guerra da independencia no couto de Meira” de Xosé C. Villaverde.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

No 1995 preséntase o libro “Galicia sociedade limitada” de David Romero e Manuel Pérez Rúa no Café teatro do Real.

No 1996 publícase o libro “Mar do Morrazo” en colaboración con varias asociacións da comarca

Tamén realízase a exposición “A parroquia de Tirán na memoria” en colaboración co fotógrafo Xoán Carlos Gil e a AA.VV. Tirán. Preséntanse os libros “Xente de Fusil, xente de libros” e “Os vellos oficios” de Nacho Pérez e Vázquez Pintor, respectivamente. Na IX Cea de Irmandade Cultural recoñécese a Os da Taza como asociación máis antiga, a Asociación de Mariscadoras e a Laxeiro por “Facer País”.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS
IX Cea de Irmandade Cultural (1996). Laxeiro e Elorrieta recollendo o premio “Facer país”.

 No 1999 preséntase o libro “Moaña nos anos vermellos” de Xosé C. Villaverde e Miguel González e publícase unha carpeta de fotos antigas que leva por título “A Imaxe recuperada”.

No 2003 publícase en colaboración cos centros de ensino o caderno “Toponimia na Escola” de Soledad Ríos e preséntanse os libros “Crónicas históricas da Illas Cíes” de Juan Miguel González e “A rebelión municipal” de Xaquín Álvarez Corbacho.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

No 2004 a AA.VV. de Berducedo-Piñeiro outorga á A.C. Nós o seu premio anual polo labor social e cultural que recolle o presidente Xosé C. Villaverde. Preséntase o libro “A Xurisdición do Morrazo nos séculos XVII e XVIII” de Hilario Rodríguez.

No 2005 presentáronse os libros “A terra quere pobo” de Xosé L. Barreiro e “Historia de Galicia” de Ramón Villares e celebráronse 8 charlas con diferentes poñentes sobre as excavacións feitas no corredor do Morrazo e unha exposición presentadas por Xosé C. Villaverde no local de Caixanova.

Conmemórase no 2006 o XXV aniversario da A.C. Nós cunha publicación que resumía as actividades realizadas

Ese mesmo ano organízase un debate sobre unha posible reforma do Estatuto Galego e realízanse varias exposicións de fotografías.

No 2007 preséntase un DVD “Moaña no século XX” con máis de 400 imaxes, e entrevistas, como parte dunha campaña de recollida de fotos antigas para publicar uns libros da “Historia Fotográfica de Moaña”.  Realízase co mesmo obxectivo unha exposición de fotos titulada “Domaio no século XX”.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

No 2008 o concello estima unha importante alegación da A.C.Nós para actualizar o Catálogo Patrimonial e reflectilo no PXOM. Reedítase o DVD “Moaña no século XX”. Preséntase o libro “Historia da vida cotiá en Galicia” de Xavier Castro.

Inaugúrase unha grande exposición fotográfica “Moaña, onte e hoxe” con 64 paneis e máis de 500 fotografías ao aire libre que ten un considerábel éxito. A familia de Federico Cantero Villamil -o seu neto Federico J. Cantero- fai unha importante cesión de negativos (algúns deles estereoscópicos) orixinais de fotografías do Con a comezos do s. XX.

Celébranse no 2009 homenaxes a José Fandiño Pidre, alcalde republicano fusilado no 1936, a Ramón Cabanillas coa presentación da biografía feita por Luis Rei e á Muller traballadora en colaboración coa Asociación de Mulleres de Moaña con fotos comentadas na Casa do Mar por Manuel Méndez e Amada Traba.

No 2010 trabállase no Arquivo Pacheco do Concello de Vigo buscando orixinais de fotos de Moaña e catalogándoas, Xosé C. Villaverde publica un interesante traballo sobre Os monumentos de Moaña e Manuel Anxo Méndez  imparte unha charla-coloquio sobre os cogumelos no salón de plenos organizado polas concellarías de Cultura e Servizos do propio concello de Moaña.

Na última década a A.C Nós fixo un importante traballo na localización e catalogación de fotografías de Moaña que grazas a sinatura de diversos convenios puideron ser publicadas en 4 tomos baixo o título “Moaña, historia fotográfica”

O ano 2011 é moi importante porque se asinan varios convenios con arquivos fotográficos (Pacheco de Vigo, Autoridade Portuaria de Vigo, Museo do Pobo Galego, Museo Massó de Bueu e CGAI de a Coruña) que nos permitirán publicar moitas imaxes nos futuros libros da historia fotográfica de Moaña.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

Preséntanse o libro “Domingo de calcetíns brancos” de Manuel P. Rúa, os tomos I e II de “Moaña Historia fotográfica” (en xuño e decembro respectivamente) do que son autores Xesús Cancelas Franco, Xosé Carlos Villaverde e Manuel Anxo Méndez.

No verán inaugúrase unha grande exposición fotográfica no 1º andar da praza de abastos coas colaboracións artísticas de Diego Seixo, David Middleton, Pepe O Caramuxo, a familia Pazos (propietaria do antigo cine Maravillas) e outras.

Colaborouse co CEIP de Quintela no ano 2012 para conmemorar o centenario do Grupo Escolar e publicouse o libro “A Escola Pública de Moaña 1786-1970” cunha tirada de mil exemplares e do que son autores Xesús Cancelas, Xesús Rodríguez Parada -bibliotecario de Moaña- e Manuel Anxo Méndez.

No acto de presentación participou Antón Costa Rico catedrático da USC, asesor dos autores e director dalgunha maneira da publicación. Xesús Cancelas e Xosé Carlos Villaverde participaron nunha comisión que promoveu o nomeamento de Manuel Anxo Méndez como Fillo Adoptivo de Moaña e que culminou con ese nomeamento por parte da corporación e cunha cea á que asistiron 321 persoas. Presentouse o libro “Freguesía de Moaña. Apuntes históricos e etnográficos” do que son autores Manuel Uxío García Barreiro, Luis Chapela e Xosé Carlos Villaverde.

No 2013 presentouse o III tomo de “Moaña, Historia fotográfica” dos mesmos autores  e editado pola A.C. Nós e tamén “A Casa e granxa do Foxón” de Manuel Uxío García Barreiro e Gerardo Gayo Rodríguez.

No Día Internacional da Muller Traballadora de 2014 realízase na Asociación de Mulleres unha exposición de fotos antigas de mulleres con outra parte actual de Mariscadoras do fotógrafo Xoán Carlos Gil.

Tamén se presenta o IV tomo de “Moaña, Historia fotográfica” dos mesmos autores cos apartados de A Paisaxe, As Xentes, As Manifestacións e O Entroido.

Durante o ano 2015 colaborouse coa delegación local de Vigo de La Voz de Galicia  publicando cada domingo media páxina cunha fotografía histórica comentada por Xosé Carlos Villaverde, Xesús Cancelas e Manuel Anxo Méndez baixo o título xenérico de “Memoria de Moaña”.

Colabórase coa concellaría de ensino dirixida por Aldán Santamaria no programa “Aprende Moaña” con varias actividades como a proxección e comentario de fotos históricas de Moaña nos IES, co traballo de Xosé Carlos Villaverde “Engalanar Moaña” sobre os monumentos existentes para facer visitas guiadas por artistas locais co alumnado de todos os centros e charlas e exposicións sobre “Os cogumelos de Moaña e de Galicia” impartidas por Manuel Anxo Méndez en cada un dos centros de Primaria.

A exposición fotográfica sobre “O Con e o Real” ten lugar no paseo da beiramar fronte á casa de Méndez Núñez e é inaugurada polo presidente da A.C. Nós, Xesús Cancelas, o notario Federico Cantero -bisneto de Concepción Arenal- e a alcaldesa de Moaña Leticia Santos.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

Publícase con motivo do día das Letras Galegas de 2016 un caderno e realízase un audiovisual da A.C. Nós sobre Manuel María da autoría de Manuel Anxo Méndez coa colaboración de Xesús Cancelas, Xosé Carlos Villaverde e outras persoas que se presenta no concello e en todos os centros de ensino do concello, en Pontevedra, Marín e Cangas e se reparte gratuitamente en todos os lugares.

Publícase un amplo traballo sobre a “Historia do Teatro en Moaña” por Xose Carlos Villaverde no Faro de Vigo para as “Crónicas do Teatro no Morrazo” que realiza ese xornal.

Particípase na creación dunha comisión para que se nomee fillo predilecto de Moaña a Xil Ríos e súmanse 40 asociacións, así como o promotor Xosé González de Redondela.

A partir de 2016 organízase o ciclo “A Nosa Cultura” con presentacións e conferencias sobre a cultura de Moaña

No ciclo sobre “A Nosa Cultura” preséntase no salón de plenos do concello a novela “Tierra de Conejos” de César Calvar, a páxina nomesevoces.net polos historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Gustavo Hervella, a curtametraxe “A guerra dos avós” de Óscar Galansky, a película “O lápis do carpinteiro” por Manuel Rivas e colaborouse co concello para realizar un acto de desagravio e retirarlle o título de fillo predilecto a Franco e nomear ao alcalde José Fandiño Pidre ,fusilado no 1936, como “Rexedor Honorario”.

No 2017 preséntase o libro “Casares, un contador de historias” polo seu autor Henrique Monteagudo con motivo das Letras Galegas, organízase unha representación teatral no centro Daniel Castelao da obra “O Velorio” polo grupo Mar Aberto de Cangas. Presentouse a novela “Insulae Deorum” do socio e directivo da A.C. Nós Serafín Parcero, e outra novela gráfica sobre Ricardo Mella dos irmáns Xosé e Ramón Trigo.

No 2018 colaborouse con Sara Viéitez Otero autora da exposición fotográfica “O Tempo da Memoria” na Casa da Mocidade e organízase outra no local da Asociación de Mulleres de Moaña co título de “A Presenza da Muller” na que se colgan 23 paneis con máis de 250 fotografías de mulleres de diferentes épocas e en todo tipo de traballos.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

No ciclo “A Nosa Cultura” preséntase varias curtametraxes do IES As Barxas, imparte Xesús A. Gulías unha conferencia sobre “Os Cruceiros de Moaña e o de Hío”, presentou Manuel Uxío García Barreiro o libro sobre “A Parroquia de Tirán”, e programouse unha actuación teatral en Quintela do grupo Mar aberto coa obra “Ollos sobre o Mar”.

Estefanía Paredes Rosendo pronuncia unha conferencia sobre “Criobioloxía e conservación da biodiversidade das rías” e presenta outra sobre a “Toponimia de Moaña” con Soledad Ríos Santomé.

Tamén se presenta o caderno sobre “Historia do Entroido en Moaña (1912-2018)” de Manuel Anxo Méndez e editado pola A.C. Nós e proxéctanse as curtametraxes “Eucalyptus” e “Bágoas Negras” das directoras de cine Elena Rodríguez e Uxía Diéguez respectivamente.

Solicítase ao Concello e a Deputación co ánimo de recuperar os espazos naturais e arqueolóxicos de Chan da Arquiña e Monte Faro o arranxo da estrada que está nunha situación lamentable.

No 2019 apóiase o nomeamento de Elisa de la Peña González como Filla Adoptiva de Moaña, a título póstumo.

Colabórase coa Plataforma Proauditorio como membro da mesma e na manifestación celebrada o 23 de marzo.

Colabórase coa Asociación de Mulleres de Moaña na exposición “Tempo de Muller” do fotógrafo Xoán Carlos Gil e publícase un fermoso catálogo da mesma de 44 páxinas financiado pola A.C. Nós e o propio fotógrafo.

AGRUPACIÓN CULTURAL NÓS

Programouse a representación teatral da obra “O Florido Pensil” no centro Daniel Castelao a cargo do grupo de teatro Charaviscas de Domaio.

No comezo de 2020 suspéndese a programación do ciclo sobre “A Nosa Cultura” e outras actividades a causa da pandemia do COVID-19.

Durante estes anos de actividades, os membros da A.C. Nós publican en varias revistas locais e xornais centos de colaboracións que sería imposíbel resumir nestas páxinas. Tamén se asinan convenios para a recuperación de fotografías de Moaña con moitas entidades, arquivos e museos. Colabórase cedendo fotografías a numerosas persoas e colectivos que as solicitan como a propia asociación A Illa dos Ratos para documentar os itinerarios e visitas guiadas por Moaña.

Queremos agradecer a Manolo Méndez e a A.C Nós a súa colaboración para facilitarnos toda a información e fotografías para este artigo e tamén felicitalos pola extensa labor cultural que levan facendo dende fai tantos anos e que particularmente facilita moito a nosa labor de dar a coñecer e poñer en valor os nosos recursos turísticos e a nosa historia e etnografía.

Manuel Anxo Méndez Fraguas
+ artigos

Membro fundador e ex-presidente da Agrupación Cultural Nós de Moaña

11 comentarios

  1. Las voces de Ascon y Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo y autor de la tesis doctoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade ”. Fotografías recogidas en el libro «Moaña Historia Fotográfica, Tomo III» cedidas por la A.C Nós. […]

  2. Con "C" de Canteira de O Cocho » A Illa dos Ratos

    […] elaborado por Ceferino Sánchez. Fillo do capataz da canteira do Cocho. Fotografías cedidas pola Agrupación Cultural Nós de […]

  3. As voces de Ascon e Conservas La Guía (II) » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.”  Fotografías recollidas no libro “Moaña Historia Fotográfica – Tomo II” e cedidas pola A.C. Nós. […]

  4. Ascon: Da madeira á soldadura (II) » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, e fotografías cedidas pola A.C Nós. […]

  5. Asociación Devanceiros do Mar » A Illa dos Ratos

    […] o eido cultural quixeron aportar o seu gran de area colaborando con eles nas súas iniciativas: Agrupación Cultural Nós,  Asociación de Alfombristas de San Martiño, Asociación de Mulleres de Moaña, Coral Chorima, […]

  6. Las voces de Ascon y Conservas La Guía (II) » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo y autor de la tesis doctoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade”. Fotografías recogidas en el libro «Moaña Historia Fotográfica – Tomo II» y cedidas por la  A.C. Nós. […]

  7. As voces de Ascon e Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.” Fotografías recollidas no libro “Moaña Historia Fotográfica, Tomo III” cedidas pola A.C Nós. […]

  8. Las voces de Ascon y Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo y autor de la tesis doctoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade ”. Fotografías recogidas en el libro «Moaña Historia Fotográfica, Tomo III» cedidas por la AC Nós. […]

  9. José Pazó Rodríguez, artífice da aventura oceánica de moitos moañeses » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.” Fotografías cedidas pola A.C Nós. […]

  10. A expedición do Xurelo na defensa do medio ambiente » A Illa dos Ratos

    […] elaborado por Manuel Anxo Méndez Fraguas, Presidente da Agrupación Cultural Nós de Moaña e integrante da expedición que viaxou a bordo do Xurelo para denunciar os vertidos de […]

  11. José Pazó Rodríguez, artífice de la aventura oceánica de muchos moañeses » A Illa dos Ratos

    […] Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo y autor de la tesis doctoral “Creación y transformaciones de la ciudad litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivienda y sociedad ”. Fotografías cedidas por AC Nós . […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.