UNHA EMBARCACIÓN CONSTRUÍDA A PARTIR DUN PETRÓGLIFO

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio da Asociación A Illa dos Ratos, a partir da información subministrada pola Asociación Devanceiros do Mar, e as indicacións de Antonio Costa Iglesias, fundador do Grupo Arqueolóxico do Morrazo en 1975 e autor do estudo sobre embarcacións prehistóricas nos petróglifos de Moaña titulado “A Borna, unha revisión fotogramétrica”.

Poucas persoas de Moaña saben que a mediados dos anos 70 do século pasado chegou a navegar pola Ría de Vigo a réplica dun barco prehistórico que foi bautizado como “Borna” debido a que estaba inspirado nunha das imaxes do petróglifo existente na zona do mesmo nome.

Tratábase dunha embarcación única en Europa de 5,5 metros de eslora e 2 de manga, e a súa viaxe de Vigo ata as Cíes constituíu un fito no estudo da náutica prehistórica.

O barco prehistórico “Borna” foi construído dous anos despois do descubrimento do petróglifo de A Borna en Meira

Dende que se descubriu o petróglifo de A Borna en Meira (Moaña) no ano 1973, existiu certa controversia sobre a súa orixe e significado.

Algúns historiadores relevantes, como Antonio de la Peña, defenderon durante todo este tempo que os gravados sobre a rocha do petróglifo de A Borna databan da época medieval. Esta teoría daba credibilidade a algunha testemuña da zona que afirmaba que esa pedra se empregaba desde tempos antigos como división parroquial entre Santa Eulalia de Meira e San Pedro de Domaio e que as cruces que aparecen esculpidas na pedra serían simplemente probas de conformidade que os párrocos deixaban gravadas unha vez quedaban resoltos os conflitos relacionados cos lindes que xurdían entre ferigreses de ambas parroquias.

Pero esta última afirmación sobre as cruces foi feita sen percatarse de que claramente hai dous tipos distintos de cruces, 28 que semellan medievais e unhas 50 prehistóricas.

De feito, a recente publicación sobre embarcacións prehistóricas nos petróglifos de Moaña titulada “A Borna, unha revisión fotogramétrica” realizada polo investigador Antonio Costa Iglesias, parece confirmar o que moitos outros historiadores mantiveron durante décadas: que realmente a orixe deste xacemento dataría dunha época anterior a Idade de Bronce e que o que nel se representaba serían un conxunto de embarcacións prehistóricas.

O estudo no que se basa a publicación de Antonio Costa Iglesias foi realizado empregando modernas ferramentas que permiten realizar un levantamento fotogramétrico da superficie do xacemento para determinar con maior exactitude aspectos como a antigüidade de cada inscrición ou as técnicas empregadas polos autores dos gravados.

Por isto as conclusións obtidas desta análise contan con total fiabilidade e serven para afirmar que o petróglifo de A Borna é un dos máis antigos de Galicia e tamén o que ten maior número de embarcacións representadas (unhas 70) de entre todos os descubertos ata o de agora na península ibérica.

O investigador Antonio Costa Iglesias na presentación do seu estudo sobre o petróglifo A Escada 2.

O certo e que esta outra liña de investigación xa tiña os seus defensores nos anos 70 do século pasado, momento no que a Universidade de Santiago de Compostela se propuxo recrear unha daquelas embarcacións dentro do primeiro proxecto de arqueoloxía experimental que se facía en Galicia, capitaneado polo profesor da USC, Fernando Alonso Romero. Foi no curso 1974-75 e nel participaron alumnos, voluntarios e algúns veciños do Morrazo como Antonio Nores Soliño, que co paso dos anos se convertería nunha persoa relevante no eido cultural e social de Cangas, e que naquel momento era un mozo afeccionado a arqueoloxía que formaba parte do Grupo Arqueolóxico do Morrazo.

A iniciativa xurdía co obxectivo claro de lograr un fito no estudo da náutica prehistórica: construír unha embarcación empregando técnicas e materiais propios daqueles tempos, e facela navegar para demostrar que os celtas e outros pobos prerromanos poderían ter chegado a Galicia dende Irlanda e outras latitudes atlánticas neste tipo de embarcacións.

O BARCO PREHISTÓRICO BORNA
Embarcación principal do petróglifo de A Borna marcada con xiz de cor amarela para que se aprecien mellor os seus sucos, unha práctica hoxe non recomendada polos expertos.

A embarcación prehistórica “Borna” foi construída no baixo dunha casa de Domaio empregando vimbio, coiro e graxa natural

Para construír a embarcación, o profesor Alonso Romero e o resto de promotores do proxecto tiveron que interpretar os trazos do petróglifo de A Borna tomando como referencia os escasos estudos que existían deste tipo de embarcacións aquí en Galicia e sobre todo recorrendo a outras fontes clásicas que falaban da existencia de embarcacións construídas con vimbio e coiro nas illas británicas (Irlanda e Gales).

O campamento base para os traballos de construción do barco situouse no baixo dunha casa de Domaio. As técnicas que se ían a empregar eran propias da época prerromana e servían para traballar con materiais como vimbio, coiro e graxa. O feito de non usar madeira nin puntas de aceiro alimentaba as dúbidas sobre si aquel aparello podería flotar e si, de ser así, estaría preparado para poder pescar sobre el e chegar ás illas.

O grupo de traballo comezou por elaborar a base da embarcación empregando vimbio entrelazado. Unha vez rematada a estrutura que daría soporte a todo o barco, chegou o momento de recubrila con coiro e para facelo contaron coa participación de xente procedente de Noia que estaba especializada en curtir ese material e que ademais se encargaron de coselo a man e aplicarlle logo graxa natural.

Rematada a montaxe da embarcación viñeron as primeiras probas de flotabilidade que se fixeron nas costas de Domaio. Os intrépidos promotores do proxecto puideron comprobar que a embarcación presentaba unhas prestacións moito mellores do que semellaba a priori e iso animounos a dar o seguinte paso: navegar desde a costa de Vigo ata as Cíes conseguindo que o barco non envorcase e sen que se vise afectado por vías de auga.

O BARCO PREHISTÓRICO DE A BORNA
A “Borna” navegando fronte as Illas Cíes (1975). Fonte: www.elespañol.com

Tras a travesía, Alonso Romero decidiu doar a embarcación ao Museo Histórico e Arqueolóxico da Coruña, onde foi sometida a diversos traballos de restauración

A día de hoxe a embarcación se atopa no Castelo de San Antón, sede do Museo Histórico e Arqueolóxico da Coruña onde é visitado cada ano por miles de persoas.

Leva alí dende 1977 e nestes anos foi obxecto de diversos traballos de restauración. Os últimos foron realizados no ano 2019 por un equipo especializado capitaneado pola restauradora Victoria Folgueira e con eles intentouse recuperar a forma orixinal da embarcación que se vira afectada polo paso do tempo e unhas actuacións anteriores realizadas nos anos 80 e 90.

Actuaron sobre a estrutura de vimbios da “Borna” empregando unhas correas e logo traballaron sobre os mascaróns empregando varas de fibra de vidro e resina. Tamén substituíron todas as peles dos laterais empregando coiro marrón de vaca e se incorporaron peles de ovella branca nos mascaróns traseiro e dianteiro, emulando aos materiais orixinais que aparecen nas fotografías da viaxe realizado as Cíes en 1975.

Queremos dar as grazas a Cristóbal e Paco, membros da Asociación Devanceiros do Mar e ao investigador Antonio Costa Iglesias pola súa colaboración na elaboración deste artigo. Tras a súa redacción cremos que no caso desta reprodución dunha embarcación prehistórica estamos ante un exemplo máis de como unha parte importante do patrimonio histórico de O Morrazo se atopa diseminado por moitos lugares da xeografía galega, española ou incluso europea. Agardamos que cando o Museo do Mar de Moaña que promove precisamente a Asociación Devanceiros do Mar se converta en realidade, a “Borna” regrese ao lugar que lle corresponde, que non é outro que ao pobo de Moaña.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.