UN LUGAR DE ENCONTRO PARA AS MULLERES DE MOAÑA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos coa información e fotos facilitadas pola xunta directiva da Asociación de Mulleres de Moaña.

A Asociación de Mulleres de Moaña é unha entidade que vén realizando unha gran labor promovendo o empoderamento e a mellora da vida das mulleres a través da cultura e o activismo social, e que conta cun gran respaldo social entre as habitantes da vila moañesa. 

A Asociación de Mulleres de Moaña traballa pola defensa dos dereitos das mulleres e a posta en valor da lingua e a cultura galega

O proxecto de crear unha asociación de mulleres xurdiu no ano 1992 e tivo a súa orixe na celebración dun curso de alfabetización na Escola de Adultos de Moaña.  A este curso acudiron moitas mulleres que ademáis de sacar o graduado escolar continuaron posteriormente coa súa formación académica.

Parte delas decatáronse da importancia de seguir unidas e decidiron constituír legalmente unha asociación para organizar diferentes actividades.

Marcáronse como obxectivos principais a defensa dos dereitos das mulleres e a posta en valor da lingua e a cultura galega, e con estes piares de fondo comezaron a compartir o seu tempo de lecer, falando das súas experiencias e traballando en grupo a súa autoestima.

Comezaron a funcionar os diferentes obradoiros e accións formativas enfocadas a que as mulleres puidesen incorporarse a mellores postos de traballo. 

A asociación tivo un crecemento expoñencial respecto ao seu número de socias.

Nun comezo eran 60 socias, pero enseguida pasaron a ser 180, despois  500, ata que na actualidade son xa máis de 2.000 asociadas. Grazas a esta iniciativa todas as mulleres teñen un lugar de reunión donde relacionarse.

Para que a Asociación de Mulleres de Moaña funcione correctamente e sexa o máis participativa posible existe unha xunta directiva que a día de hoxe está formada por 18 mulleres. Aínda que o traballo o fan entre todas, teñen repartidas as funcións en 14 vogalías organizadas baixo a presidencia de Mª de los Ángeles Pena Bouzada. A vicepresidencia corresponde a Rosa Mª Piñeiro Rodríguez,  a secretaría a ocupa Martina Portela Currás e a tesourería corre a cargo de Mª Carmen Moreira Montes.

As reunións da xunta directiva teñen normalmente unha periodicidade mensual, variando en función dos temas a tratar e todas as asociadas reciben unha carta trimestral onde se lles indican as actividades e horarios que se deciden.

A Asociación de Mulleres de Moaña busca mellorar a vida das mulleres a través da interacción e apoio social, a cultura e a formación

Aínda que a asociación está pensada para Moaña, tamén  acuden mulleres doutros lugares así como os fillos e fillas das asociadas que asisten ás diversas actividades que se ofertan. Poden asistir de pleno dereito a partir dos 18 anos ou antes coa autorización dos titores e sempre e cando a nai sexa socia.

A maioría das actividades ofértanse no local social situado no número 170 da rúa Concepción Arenal e que posúe un amplo horario de atención ao público. 

Algunhas das actividades organizadas son:

  • Encaixe de bolillos.
  • Ganchillo e calceta.
  • Patchwork.
  • Corte e confección.
  • Confección de roupa para nenos/as e bebés.
  • Reciclaxe.
  • Inglés e francés.
  • Obradoiro de arte contemporáneo.
  • Pandeireta.
  • Guitarra.
  • Pilates.
  • Hipopresivos.
  • G.A.P.
  • Zumba.
  • Venres culturais enmarcados dentro das actividades que a asociación canaliza a través da”Universidade da vida Elisa de la Peña”.
  • Curso dentro do programa “Conectadas” que organiza cada ano a Deputación de Pontevedra.

Tamén teñen organizado moitas viaxes, tanto dentro como fóra do país. Estas viaxes leváronas a lugares como Asturias, Santander, Cuenca, Sevilla, Granada, Toledo, Córdoba ou Cádiz pero tamén en Marrocos, Estambul, Munich, Praga, Budapest, París ou  Italia, tanto en Roma como na Toscana.

Cruceiro polas illas gregas con parada en Atenas.

Como actividades culturais propiamente ditas contan cun grupo de teatro que pertence a FEGATEA e un coro chamado “Chorima”.

Actuación do grupo de teatro da Asociación de Mulleres de Moaña. (2019)

Existe ademáis unha aula de cultura xeral e autoestima á que asisten mulleres de todas as idades. É un espazo no que se pode aprender moito con varias mestras que colaboran impartindo diferentes cursos de carácter gratuíto.

A figura de Elisa de la Peña González sempre presente no día a día da asociación e nos corazóns das socias

Nesta actividade tivo unha gran importancia a socia e mestra Dna Elisa de la Peña González, falecida en 2018 tras unha longa enfermidade. A Asociación de Mulleres de Moaña leva traballando dende entón para que se recoñeza a súa gran labor mellorando a vida das mulleres de Moaña a través da cultura e pola súa gran implicación social.

Por todo isto, no pleno municipal celebrado o pasado día 8 de marzo de 2020, xa conseguiron que se lle concedese o título de filla adoptiva a título póstumo e teñen o compromiso do Concello para adicarlle unha rúa na zona do Rosal. Ademais a asociación creou na súa horna a “Universidade da Vida Elisa de la Peña” a través da cal canalizarán as súas actividades culturais cada ano.

Compañeiras da xunta directiva da Asociación de Mulleres de Moaña cun retrato que o fotógrafo Diego Seixo fíxolle a Elisa de la Peña.

A Asociación sempre está presente nas datas importantes da vila

Dentro dos actos públicos que organiza a asociación, as que cobran maior importancia son as relacionadas coa muller:

O 25 de novembro, “Día contra a violencia de xéneroorganizan exposicións e presentacións de libros. Nesa mesma data, na Oliveira de Moaña, celébrase un acto simbólico para recordar ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Faise unha análise das estatísticas e inténtase realizar un labor de concienciación sobre este grave problema.

Neste mesmo sentido, a outra data relevante para elas, relacionada coa muller, é o 8 de marzoDía Internacional da muller traballadora” cando realizan diversos actos en colaboración co Concello.

As propias integrantes da asociación afirman que a idea que hai que reivindicar non é ser iguais aos homes, senón ter os mesmos dereitos e oportunidades. Este día a asociación celebra un acto reivindicativo que remata coa Festa das Mulleres, neste caso, exclusiva para as mulleres.

A Asociación de Mulleres de Moaña tamén esta presente no Entroido e organiza a Festa  do Mexillón

Ademais disto para as mulleres da asociación tamén hai tempo para participar doutras celebracións dunha índole máis cultural e festeira.

Como exemplo, no “Entroido de Moaña” é costume que as súas socias elaboren, en colaboración co Concello de Moaña, deliciosas filloas e orellas.

Tamén organizan a  Festa do Mexilón de Moaña, outra festa que xa ten unha gran tradición na vila e que mobiliza a moita xente. Para organizala contan coa colaboración de diversos productores que doan o mexillón mentres as mulleres o preparan para a súa degustación. Grazas ao recadado nesta festa obtense unha axuda económica importante para financiar as actividades de todo o ano.

Tamén fan gala dunha gran implicación coa cultura e a lingua galega e cada 17 de maio organizan o Festival polo Día das letras galegas.

Por último dicir que estas mulleres incombustibles e dinámicas teñen demostrado ao longo dos anos que sempre están dispostas a participar das reivindicacións sociais e a botar unha man cando fai falla. Así o fixeron na concentración contra a guerra de Iraq ou realizando labores de apoio na catástrofe do Prestige.

Se alguén está interesado en contactar con elas para informarse máis en profundidade das súas actividades pode enviarlles un email a mullermoa@gmail.com.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

5 comentarios

  1. Constantina Pérez Calvar, a parteira de Moaña » A Illa dos Ratos

    […] a varias xeracións de moañeses e moañesas. No ano 2009 a Asociación de Mulleres de Moaña (AMM) propuxo ao Concello que se lle adicase unha rúa o máis preto posible da súa casa e dende […]

  2. Asociación Devanceiros do Mar » A Illa dos Ratos

    […] nas súas iniciativas: Agrupación Cultural Nós,  Asociación de Alfombristas de San Martiño, Asociación de Mulleres de Moaña, Coral Chorima, Os Muiñeiros e os Cantadores Tradicionais ou Cantadores de […]

  3. Agrupación Cultural Nós » A Illa dos Ratos

    […] país» fue para Pepe Neira Vilas y hubo reconocimientos a Axóuxeres de Meira, Asociación de Mulleres de Moaña y Fumarada de […]

  4. Agrupación Cultural Nós » A Illa dos Ratos

    […] foi para Pepe Neira Vilas e houbo recoñecementos a Axóuxeres de Meira, Asociación de Mulleres de Moaña e Fumarada de […]

  5. Carmen

    Fenomenal Oscar, moitas grazas pola estupenda labor que estades a realizar

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.