UNHA CADEIRA CHEA DE SOÑOS E UNHA VIDA DE SUPERACIÓN

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos.

AS CASAS DE A URICEIRA. Rúa Eira vella, 1 Vilanova (Cangas)

Ubaldo foi un home que naceu e viviu en Vilanova, unha pequena aldea da parroquia do Hío (Cangas). O seu pai traballaba na pesca de altura, mentres que a súa nai se encargaba do fogar e do campo, onde Ubaldo axudaba dende pequeno co gando e coas tarefas agrícolas. O seu irmán máis vello, Redosindo, montou a primeira escola da aldea, onde Ubaldo aprendeu a ler e escribir, e posteriormente tivo unha tenda-taberna. Cando Redosindo morreu polas “cólforas” (unha infección), Ubaldo pasou a encargarse do seu negocio.

Sendo moi novo, Ubaldo sufriu un accidente e quedou nunha cadeira de rodas

Desgraciadamente aos catorce anos Ubaldo sofre un accidente cando estaba a coidar do rabaño de ovellas. Saltou dunha rocha a outra e a caída provocoulle unha lesión medular que o incapacitou para o resto da súa vida.

Posteriormente, mandou traer a pedra da que caera e ordenou colocala no adro da capela de Vilanova. Sobre ela esculpiu o inicio dun poema referente ao seu accidente, que mostra a xenerosidade que sempre o caracterizou: “Cautivo fui de ti/ Sin rencor, sin odio”. Ademais, esculpiu outra pedra que decidiu colocar diante da súa tenda e dicía: “Que me miras?/ Son unha pedra./ Vivo e non como./ Nin teño pena”.

UBALDO LEMOS

Ao longo da súa vida, Ubaldo tivo tres cadeiras de rodas para moverse por fóra e unha para dentro da casa

Ao principio tivo unha cadeira artesanal, semellante a unha bicicleta, que aínda hoxe se conserva. Malia a dificultade para moverse polos deficientes camiños de entón, movíase polas diferentes parroquias de Cangas con bastante maña. Posteriormente, conseguiu mercar unha nova cadeira de rodas, neste caso motorizada, que consistía nunha motocicleta de tres rodas adaptada a el.

UBALDO LEMOS

Ubaldo sempre foi unha persoa con moito ánimo e valor e, en consecuencia, chegou a estar en lugares tan afastados como Marín, a Festa do Marisco do Grove ou mesmo a cidade de Pontevedra. Cando o destino estaba moi lonxe ou as estradas non eran moi boas, montaba co seu vehículo nun furgón que o transportaba ata o dito lugar.

A súa taberna era o centro da vida social de Vilanova: alí non só se ía mercar ou tomar algo, senón que tamén xurdían iniciativas e poñíanse de manifesto as reivindicacións dos veciños

Ubaldo foi un personaxe con moitas amizades e influencias, e grazas a isto puido traer o teléfono e o alumeado público a Vilanova, incluso conseguiu o asfaltado dalgúns camiños. Unha das súas reivindicacións que realizou tan só dous anos antes de falecer foi a construción dun parque infantil para o desfrute dos rapaces da aldea. Desafortunadamente, morreu sen conseguilo e aínda hoxe Vilanova non conta co desexado parque.

Tras o seu accidente, unha das actividades que realizou foi a elaboración de bandexas, cestos ou bolsos de vimbios ou de palla de centeo do país, que logo agasallaba aos seus clientes e aos amigos, o cal era outra proba da súa xenerosidade.

A pesar de estar prohibidas polo réxime franquista, as celebracións como o Entroido tiñan lugar na taberna

Ubaldo era o principal promotor do Entroido e corría cos gastos da festa (gaiteiros, fotógrafos, etc.). A cambio, os veciños pagaban cando regresaban da pesca.

UBALDO LEMOS
Ubaldo cos gaiteiros Os Morenos, no Entroido de Vilanova.

Tamén organizaba viaxes para a xente nova de Vilanova, converténdose así no primeiro animador sociocultural de Cangas. Outra das súas iniciativas foi a creación da capela de Vilanova, moi demandada polos seus veciños. Foi durante moito tempo o administrador da capela e, co diñeiro recadado nos actos relixiosos, pagábaselle ao cura e os gastos do edificio, así como tamén as festas de San Lourenzo.

Ubaldo era amante dos cruceiros (cruces de pedra relixiosas moi características de Galicia). En Vilanova existen tres, e todos eles foron mandados construír por el.

Consérvanse poucos dos seus poemas porque a maioría dos que escribía os regalaba 

Canto á súa obra poética, hai que dicir que non se conservan moitos poemas porque el escribíaos para logo regalar aos seus amigos, clientes ou personalidades, tanto a nivel local como nacional. Son un total de 17 poemas de temática diversa, sobre todo, o eloxio a Vilanova e Galicia. As virtudes da terra e da paisaxe, a exaltación e a defensa dos paxaros ou a denuncia de determinadas cuestións completan o seu poemario.

En definitiva, Ubaldo foi unha persoa moi activa e traballadora, con iniciativa e, sobre todo, xenerosidade.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

3 comentarios

  1. Lembranzas de Massó (IV): Carmiña Saa, empregada 729 » A Illa dos Ratos

    […] D. Juan Jose Pino que ademais vivía no hotel e que anos despois sería coautor da biografía de Ubaldo Lemos publicado pola A.C A CEPA baixo o título “Cadeira de […]

  2. Luis Miguel

    Interesante artículo

    Grazas a persoas como Ubaldo, xenerosas que fixeron e fan moito por este pobo.

  3. Asociación Cultural A Cepa » A Illa dos Ratos

    […] de Soños publicamos libros dedicados a: Pepe Poeta, Serafín, Cecilio Rial, Bernardino Graña, Ubaldo Lemos, Sarah Lorenzana  e Amable […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.