OS RECORDOS DE CARMIÑA SAA, EMPREGADA 729

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, en base a información facilitada en primeira persoa por Carmiña Saa Fernández, ex-traballadora da factoría de Massó en Cangas. Fotografías cedidas pola A.C A CEPA.

SIPINOPI. A tenda de roupa infantil e para bebés na rúa do Sol, 23 Baixo en Cangas.

Para a cuarta entrega da serie “Lembranzas de Massó” entrevistamos a María del Carmen Saa Fernández, que foi a empregada número 729 da fábrica de Massó en Cangas.

Carmiña estivo traballando alí dende 1959 ata o peche da fábrica, momento no que ela e o seu marido se viron dun día para outro os dous sen traballo e con catro fillos que sacar adiante.

Esta muller loitadora non dubidou en pedirlle axuda ao alcalde da época, D. Euloxio López, que lle indicou os trámites que debía facer para que o seu marido e un fillo puideran entrar a traballar no Concello.

Por sorte para a familia ambos o conseguiron e pouco despois ela entrou a traballar na conserveira de Lago Paganini, onde estaría ata a súa xubilación da que disfruta agora, recordando con moito cariño e emoción o seu paso polo “Gran casino da sardiña”.

Daquela as rapazas comezabamos a traballar en Massó sendo moi noviñas

Entrei a traballar en Massó no ano 1959 cando tiña só 14 anos. Foi a miña nai a que, estando xa traballando na fábrica, falou co Sr. Paco Graña “Paíño”, xerente da fábrica, para que me dese traballo.

Cando comecei estaba para todo. Traballaba a reo e cobraba un humilde soldo de 14 pesetas á semana. Pola tempada do marisco, que chegaba ata o mes de Outubro, cando chegaban os homes con ameixa, croque ou berberecho, as traballadoras máis novas podíamos completar o noso salario axudando nas descargas, cobrando unha pesetiña por día.

O traballo na fábrica era moito e pasabamos moitas horas alí. Recordo que cando empecei o horario ía das 8:30 ás 12:30 e das 14:30 ás 18:30, aínda que logo se estableceu a xornada intensiva e había dous turnos que se anunciaban coa mítica sirena.

Dito isto, as veces había que velar ou estar fóra de horario para esperar polos barcos que chegaban de madrugada. Temos estado agardando toda a noite ata as 6:00 e para non coller frío, as rapaciñas xogabamos á corda na porta da fábrica.

Massó contaba cunhas instalacións moi completas e modernas

Cando chegabas a fábrica para traballar o primeiro que atopabas era a portería onde estaba o Sr. Manuel.

Había uns vestiarios moi modernos e tiñamos taquillas para deixar as nosas cousas. Tamén había un cuarto no que contábamos cunha modista chamada Guillerma que, axudada pola súa filla, elaboraba e reparaba os mandilóns, batas e pañoletas para as empregadas.

Enriba dos vestiarios estaba o comedor social. Recordo que había dúas cociñeiras, Sra. Pilar de San Pedro e Sra. Albertina do barrio da Caína, que quentaban a comida que traían as empregadas e tamén preparaban a comida para algún dos encargados.

No mes de Outubro a empresa sempre organizaba unha regata pola ría de Vigo, e algunhas empregadas traballabamos alí como camareiras servindo a comida aos participantes.

As oficinas estaban dentro da fábrica, na parte superior da torre. Había un departamento administrativo con persoas como o Sr. Antonio Gallego que se encargaba das nóminas ou o Sr. Eugenio, marido da mestra Dna. Sagrario Corral, que contaba co seu propio despacho onde facía xestións relacionadas coa compra do peixe.

Preto desas oficinas estaba a enfermería que contaba coa atención dun practicante chamado D. Juan e onde tamén tiña o seu pequeño despacho o veterinario da empresa, D. Juan Jose Pino que ademais vivía no hotel e que anos despois sería coautor da biografía de Ubaldo Lemos publicado pola A.C A CEPA baixo o título “Cadeira de Soños”.

Existía un economato da empresa onde podíamos mercar produtos de alimentación. Durante moitos anos nos atendía unha muller chamada Filo e posteriormente outra muller que coñeciamos por Toñita “Rama”.

Documento orixinal que empregaban os traballadores cando ían ao economato.

Podiamos pagar en efectivo ou nos tomaban nota do número de empregada e descontaban o que correspondese da paga semanal de cada sábado. En ambos casos tiñamos que dar o número de empregado para levar a productos a prezos especiais. Levabamos arroz, pasta, patacas, aceite e sobre todo conservas e tiñamos acceso a outros produtos que non se conseguían fácilmente naquela época como o Colacao. 

Diferentes cuadrillas encargábanse de todo o mantemento das instalacións

As instalacións da empresa eran impresionantes e había diferentes cuadrillas de empregados que se encargaban do mantemento de todas as instancias e departamentos,  dando servizo a todo o complexo da empresa.

Había albaneis, electricistas, mecánicos, operarios para a fabricación de latas (que estaban a cargo do Sr. Prieto), pintores (como Antonio Mariño), xardineiros (como Jose e as súas tres axudantes) e incluso carpinteiros (como Evaristo Moreno ou Fortunato, que chegaría a ser alcalde de Cangas de forma accidental por un periodo breve de tempo).

As empregadas valoraban moito os servizos sociais da empresa

Do que máis me acordo de todos os servizos sociais que tiña Massó é da gardería. Era moi agradable o son dos meniños e meniñas xogando diante daquela fonte preciosa onde había uns peixes vermellos moi bonitos.

Estaban a cargo de catro coidadoras da empresa que se chamaban Mari, Josefa “A Chiquitana”, Maruja e unha rapaza que chamaban “Evangelio” polo seu pai”.

Eran moitas as empregadas que lle pedían a empresa unha praza na gardería para os seus fillos e fillas, pero as prazas eran limitadas e non había sitio para todos.

Tamén había unha escola , que estaba dentro do antigo hotel,  á que unicamente podían acudir fillos/as dos empregados/as. A miña irmá foi alumna de Dna. Sagrario, pero había outros profesores que vivían nas vivendas sociais.

D. Paco era o profesor dos nenos e Dna. Sagrario era a das nenas, e logo estaba Montse, unha rapaza que logo foi mestra en San Roque e que se encargaba dos máis pequenos/as.

Nos últimos anos a empresa tiña outra rapaza que tamén lles daba clases aos nenos de Massó pero nunha aula que tiña en Síngulis; chamábase tamén Montse e era filla dun dos encargados da fábrica chamado Rogelio.

Curiosamente, o meu fillo recibíu clases particulares para prepararse de cara a comunión por parte de Dna. Sagrario na propia casa da mestra. Naquela época a relixión xogaba un papel moi importante na educación e de feito, era habitual que a empresa enviase unha semana a A Coruña aos nenos/as para uns cursillos relixiosos.

Quen puidera dispoñer dunha das vivendas sociais de Massó

Dentro do complexo da empresa había varias vivendas sociais. A empresa dicía que as asignaba aplicando criterios sociais aínda que nalgúns casos … había quen tiña casa en Cangas e vivía en Massó !!! Eu non fun das que tivo a sorte de que me asignasen unha desas casas.

Vista panorámica de parte das vivendas sociais de Massó.

A xente sabía que algunhas as construíra Massó, pero noutras únicamente poñía os terreos e era o estado quen as facía.

Os veciños que vivían nelas recordan unhas placas que facían referencia a unha fundación franquista que era a que promovía a construción de vivendas “de protección oficial” por todo o estado español.

As últimas casas que se construíron en Massó son do ano 1965. Foron catro casiñas independentes que compartían un patio interior, o que se coñece popularmente “de tipo andaluz”. Nunha delas viviu a miña amiga Carmiña Perez Alonso xunto co seu marido Pepe Cordeiro, que traballaba como almaceneiro na fábrica.

Preto destas casas estaba o maxestuoso xardín botánico que contaba cunha amplia variedade de flora. Ademais había un cruceiro que aínda resiste tras a vexetación, unha fonte moi bonita e un canastro que levaron cando pechou Massó.

Estaba sempre moi coidadiño e era impresionante ver todo en flor. Era tan vistoso que Santoro, o coñecido fotógrafo cangués, sempre facía as súas reportaxes de boda nos xardíns de Massó.

Co peche da fábrica houbo un “follón” coa asignación e subasta das casas. A maioria foron a parar a mans das familias que xa estaban vivindo nelas a cambio de diferentes cantidades de cartos que logo foron usados para abonar as débedas que a empresa mantiña coas traballadoras.

Pero houbo outras casas que saíron a subasta a sobre pechado…. Montouse unha boa porque houbo xente que foi moi pilla. Houbo alguén, do que non imos decir o nome, que según contan tiña información privilexiada e por moi poucos cartos quedou coas tres casiñas que están fronte a entrada de Frigoríficos.

Moitas veces algunhas tiñamos traballo na baleeira de Massó

Cando había traballo na baleeira, algunhas das empregadas da conserveira iamos a traballar a carne. Recordo que cando o barco chegaba, tocaba a sirena e dirixíase a unha boia que había diante do varadoiro da baleeira.

Alí deixaba a balea para que os operarios a alcanzasen cun bote de remos e a transportasen á cama de despece usando un “maquinillo”.

O responsable da factoría era D. Juan José Massó Bolivar, pero quen realmente estaba como encargado no día a día foi primeiro Sr. José “O Carballeira” e anos despois quedou no sitio o Sr. Jesús Cancelas “Cantinflas”, ao que todos apreciaban moito polo seu carácter amable e sobre todo por ter un gran sentido do humor. 

O despece comezaba cuns cortes na pel do animal para alcanzar a graxa, a carne e as vísceras, nas cales sempre atopabamos un montón de camaróns. Esas vísceras e as peles da balea levábanse para un muíño que había no medio da conserveira onde eran trituradas para obter fariña de peixe que logo se vendía para alimentar o gando.

Operarios manipulando as vísceras despois do despece do cetáceo.

Os operarios ían separando as diferentes partes do animal e cando remataban de despezar, collían a graxa e a metían nuns fosos para tratala e obter aceites de diferentes calidades.

A mellor carne era a que traballabamos as mulleres. Carmen “A Roxa” era a encargada de distribuirnos as tarefas e nos dicía cada día quen cortaba, quen metía xeo na neveira, etc. Manexábamos pezas de entre 2-3 kg que logo metiamos nunha neveira con xeos e cando había pedidos a empaquetabamos nuns panos.

Mulleres manipulando a carne de balea.

O peche da fábrica de Massó foi un golpe moi duro para o pobo

Os últimos anos en Massó non foron sinxelos para ninguén. Recordo que D. Gaspar Massó era unha moi boa persoa, moi recto nas súas conviccións. D. Juan José Massó Bolivar tamén levaba con man firme a actividade na baleeira, pero desde que foron collendo o mando os da cuarta xeración familiar a cousa empezou a ir a peor. Cando meteron o sistema de traballar arreo (sistema “bedaux”), había demasiado control sobre as tarefas que tiñamos que facer as traballadoras.

Como  había que facer un mínimo cada día, andabamos máis apuradas. Ademais como “canto máis se fasía, máis se cobraba” a xente metía para adiante, o peixe non se limpaba igual de ben e a calidade do producto final non era a mesma.

Ademais disto, cando a empresa xa estaba nunha mala situación, estabamos sen cobrar e había quen viña a “traballar” co periódico baixo o brazo e adicábase toda a mañá a velas vir.

Nesta situación tan mala os sindicatos non quixeron renunciar a ningún dos dereitos e servizos sociais que tiñamos. Convocáronse moitas folgas e fixemos varios encerros na propia fábrica e no edificio do Concello na rúa Real que ao final non valeron para nada….

Peche das traballadoras no antigo concello da rúa Real. Foto de Cameselle (1993)

Queremos agradecer moito a Carmiña Saa que se animase a concedernos esta entrevista e nos dese a oportunidade de coñecer de primeira man a súa visión da historia da fábrica de Massó en Cangas.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

2 comentarios

  1. Luis Miguel

    Que grande sorpresa e satisfacción ler a istoria de Dona Carmiña.
    Miña nai tamén traballou en Masso, y era grandes amigas.
    E como ela, empezou a edade de 14 anos.

    Gran relato.

    Dona Carmiña, unha muller comprometida cos demais, traballadora e xenerosa.
    Sempre con un sorriso e de carácter amabel.

    Grazas por ser como eres,
    Unha persoa admirabel

  2. Nuria Vieitez

    Es un placer el que nos deis la oportunidad de leer la entrevista a Doña. Carmina y nos cuente su vida en la fábrica, que distinta la vida con solo 14 años tener que ser adult@, gracias a los dos por compartirlo.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.