DOMAIO, INDUSTRIAL, DESCOÑECIDO
Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.”
Como un fado repetido durante décadas, o imaxinario moañés reflicte a imaxe dunha parroquia de Domaio como lugar de entrada e saída do Morrazo a través da ponte de Rande, Fandicosta, a poza da Moura, o campo de golf, o monte Faro, a mámoa e o parque de Chan da Arquiña, a igrexa de San Pedro, a capela de San Bieito e hoxe -pese a estar inventariado hai case un século- o castro de Montealegre. Pouco máis podería situar alguén no mapa de Domaio.
Domaio, unha parroquia con identidade propia, xerou riqueza co naval, o secado do bacallau e as bateas
En 1987 inaugúranse os centros socioculturais Daniel Castelao en Quintela (Moaña) e o Rosalía de Castro en Domaio, ambos froito da transformación de antigos grupos escolares en novas dotacións culturais, as primeiras da historia en Moaña.
Inauguran unha actividade cultural, social e veciñal en condicións para reunión, lectura, música, teatro, etc., estando no citado edificio de Domaio o primeiro centro público para as persoas xubiladas.
Estas persoas xubiladas son ou foron durante a súa vida laboral activa parte da elite dos carpinteiros de ribeira da ría de Vigo, soldadores ou tubeiros das mellores empresas de construción naval, traballadoras no secado de bacallau, pioneiros na construción das primeiras bateas ou nos cocedoiros de mexillón.
Como puido ser que en máis de catro décadas de democracia non se encontre case referencia escrita da importancia de Domaio na industria e no traballo que deu de comer, puxo en pé e permitiu avanzar o que hoxe a parroquia? Que foi da tan repetida memoria histórica?
Domaio, con difíciles comunicacións rodadas con Moaña ou Pontevedra, conta con peirao dende 1932, o que lle permitiu a apertura a lugares como Vigo ou Redondela
Se percorremos o litoral comezando a andaina en Rande encontrariamos o que foi a factoría do Regueiriño, explotada primeiro como canteira de granito, inicialmente propiedade de Víctor Montenegro Feijoo, con relación do grupo empresarial Freire (Vigo), transformada primeiro en varadoiro, despois estaleiro de ribeira para construción e reparación, xestionando tamén negocios de alxibes, aqueles barcos que cargaban auga nos mananciais de Domaio trasladándoa aos buques nacionais e internacionais con escala no peirao de Vigo en camiño a calquera peirao do mundo.
A continuación, no lugar de Baliela, comezou a explotarse outra canteira de granito que remuda sucesivamente en empresas relacionadas coa pesca e comercialización do bacallau, da man da familia de José Molares Alonso, propietaria dun grupo empresarial que evoluciona dende Ibamol (Industrias del bacalao Molares) a Pesaiba (Pesquerías del Atlántico e Industrias del Bacalao S.A.) nos anos 60, pasando a ser o Grupo Navimol (Naviera Molares S.A.) nos 80.
Domaio, referente en España na pesca e secado do bacallau
Cando chegaban os barcos eran precisas 80 ou 90 persoas para a descarga. Nos mellores tempos chegaron a traballar 150 mulleres en carga/descarga, á parte das fixas da empresa, unhas 100/150 persoas a diario. O bacallau -o máis caro do mercado- era vendido sobre todo, a empresas de Burgos e Valencia.
En 1992, Molares suspende pagamentos e a crise encontra alternativa na empresa Fandicosta, que continúa existindo hoxe en Domaio no sector de conxelación e elaboración de produtos do mar.
A terceira empresa no sector da transformación da pesca e conserva en Domaio foi a factoría Corona, primeiro para conservas de peixe e marisco (elaboración de sardiña salgada e saín, conserva de filete de bacallau, ameixa, berberecho, mexillón…), e finalmente almacén e industria de elaboración de peixe conxelado, onde houbo un cadro de persoal formado por 40 mulleres, fábrica importante nas décadas de 1960 e 1970, situada no mesmo lugar onde antes existira a empresa de salga de José Reboreda Rodríguez.
Domaio tamén contaba con varias carpinterías de ribeira
En 1943, segundo Santiago Barreiro, Domaio xa ten censados catro estaleiros de ribeira (das familias Ferradás, Verdeal, etc.), funcionando dende comezos do século vinte, sendo dos máis competitivos da ría de Vigo, ademais dunha fábrica de conservas/salgadura, nove empresas de transporte marítimo, unha cordoería e un varadoiro.
A importante flota de barcos cargueiros de Domaio (galeóns ou balandros -“da pedra” ou “da area- que labran a ría de Vigo entre Samil, Barra e as illas Cíes) subministran tamén materiais das canteiras de Domaio e Meira a empresas de construción da ría de Vigo, así como portan subministros comerciais de Vigo a Moaña (patacas, azucre, sal, xabón, arroz, viño, aceite…) ou levan madeira cortada e piñas para as calefaccións de Vigo, produtos agrícolas, gando, etc.
Entre esta conserveira e o peirao estaban os mellores estaleiros de ribeira. O de de Francisco Pastoriza (Canal) foi reconvertido primeiro como secadoiro de bacallau e finalmente como factoría de conxelado de peixe (Bacaladera Viguesa S.A.) a nome de Manuel Pastoriza Paz, o resto foron esmorecendo, fábricas que no momento principal contaron con máis de setenta traballadores, lugares de construción dos maiores barcos de pesca para armadores de Moaña e toda a costa galega.
Moitas das embarcacións de pesca da ría foran realizados nos estaleiros citados. A sona do gremio foi tal como para escoitar no segundo cuarto do século vinte que “en Domaio non hai un home que non sexa carpinteiro de ribeira…, e ademais bos carpinteiros”.
Gremios enteiros como os traballadores dos barcos de carga de transporte foron entrando na década de 1960 no estaleiro Ascon, sendo Domaio a parroquia con máis obreiros nesta importante factoría, a mellor de España na súa escala.
Para salvar os condicionantes comunicacionais terrestres, Domaio creou unha notable cultura marítima (comercio, mercadorías, subministros básicos, viaxeiros…), existindo dende comezos do século gran relación por mar con Moaña, Vigo, Meira, San Adrián e Santa Cristina (Vilaboa), Chapela (Redondela), etc. Aínda en 1973 entre 200 e 300 persoas usaban a diario o transporte de pasaxeiros Moaña-Meira-Domaio.
Os principais labores femininos por conta allea foron nas cordoerías de cánabo, nas canteiras da pedra, na descarga do bacallau, no servizo doméstico (“ir a asistir” en Vigo), como temporeiras na apertura de vías públicas -”traballar por metro”- desfacendo pedra, carrexando, limpando, ou tamén de mariscadoras en Domaio, Meira, Moaña, Toralla (Vigo), Aldán (Cangas), Bueu ou Santa Cristina (Vilaboa).
Importante para o emprego local feminino foi o sector mexilloeiro, que nace oficialmente en Domaio en 1953 coas primeiras concesións de viveiros flotantes (bateas) e cocedoiros.
Este foi o Domaio que en 1926 fotografou Ruth M. Anderson para a Hispanic Society of America de Nova York, unha historia industrial tan desaparecida como socialmente desagradecida, unha falta de transmisión xeracional e identitaria difícil de acreditar entrando na terceira década do século XXI.
Manuel Pérez Rúa
Sociólogo.
Autor da tese doutoral "Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade."
-
Manuel Pérez Rúa#molongui-disabled-link
Un comentario
Visitantes ilustres de Cangas (I) » A Illa dos Ratos
[…] Cosmopolita xunto a Capela do Hospital, das mulleres cosendo as redes na ribeira de Cangas, ou dun estaleiro de Domaio en Moaña. Logo pasarían a Marín e seguirían o seu percorrido para continuar o seu labor […]