ASCON, PESCANOVA: BARCOS, COMIDA, CIDADES E CONTOS

Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.” 

Para Alfonso Paz-Andrade, in memoriam

“El 2 de septiembre de 1961 sale del puerto de Vigo hacia el Mar del Plata un barco que lleva el nombre de un castillo gallego, el Lemos. No va cargado de emigrantes. Construido en un astillero vigués, se trata del primer barco congelador europeo. Días después saldrá hacia las costas africanas del hemisferio sur outro buque con túnel de congelación a bordo y con las bodegas convertidas en cámaras de conservación, el Andrade.

Desde una revista fundada en 1927, Industrias Pesqueras, un veterano galleguista, vinculado a la FAO, Valentín Paz Andrade, venía insistiendo con tenacidad en una idea para superar las limitaciones a las que se enfrentaba la flota pesquera gallega: “si se puede congelar carne, ¿por qué no el pescado?”. Aquel proyecto que ahora es un sistema extendido en todas las pesquerías del mundo, aparecía entonces como una aventura incierta.

Cuando el Lemos y el Andrade regresan con las bodegas repletas, la pesca es llevada a la subasta del Berbés, utilizando los mismos canales de comercialización que el pescado fresco. “Las mujeres del Berbés”, recuerda ahora Alfonso Paz-Andrade, hijo de Valentín, “cogían aquellas grandes merluzas congeladas y las tiraban al suelo para ver como rebotaban”.

Isto non é peixe, isto son paus.

(…) Hoy, aquella empresa pionera, Pescanova, es el líder del frío en España, y Vigo el puerto frigorífico con más capacidad de Europa

(Manuel Rivas, Galicia, el bonsai atlántico, ed. El País/Aguilar, 1989)

ASCON e PESCANOVA foron os artífices da construción dos primeiros buques conxeladores da flota pesqueira española

Ante unha explicación histórica e unha mítica, o lector queda coa segunda. Pero os buques Lemos e Andrade non foron construídos nun estaleiro vigués, senón moañés, nin foron os primeiros barcos conxeladores construídos en Europa, unha lenda amplamente difundida en España.

O uso industrial de conxelación continua da carga completa de pesca no interior dun buque, así como a modificación do seu radio de acción a milleiros de millas de distancia, a América do sur ou a Sudáfrica, si foi unha revolución e reconversión tecnolóxica e económica na flota pesqueira de gran altura galega, o que significaría, entre outras cousas, situar Vigo como porto pesqueiro de referencia mundial e cambiar a cultura alimentar dun país onde dicir conservación de peixe era pensar en técnicas como a salga, o afumado, o secado ao aire dos sequeiros, a conserva hermética ou o xeo picado.

O Andrade, segundo buque conxelador da flota pesqueira española, feito en Ascon para Pescanova, 1961

Sen embargo, a historia do xeo continuo, industrial, como invento, ten orixe, segundo Xesús Giráldez Rivero, en que a “profunda crise dos [anos] trinta e a Segunda Guerra Mundial daría lugar a una reorganización do réxime agro alimentario, que se consolidaría nos anos 1950-1970, durante os anos dourados do sistema capitalista e o asentamento da hexemonía de Estados Unidos e o seu modelo agro industrial”.

En Europa o buque pioneiro foi o Fairtry escocés que combinaba o arrastre por popa con plantas de fileteado a bordo, conxelación rápida e produción de aceite e fariña de peixe

En canto á evolución da construción naval que ten que ver con Moaña, posto que O Latón foi o barrio do milagre tecnolóxico que viu nacer, ao mesmo tempo, os dous fenómenos industriais que revolucionaron a pesca e a alimentación en España (ASCON e PESCANOVA), a orixe próxima do cambio estaría en 1954, cando tivo lugar “a botadura do buque Fairtry, en Aberdeen, Escocia. Este barco (…), combinaba o arrastre por popa con plantas de fileteado a bordo, conxelación rápida e produción de aceite e fariña de peixe.

Ademais das súas maiores dimensións, as súas formas eran moi distintas ás dos arrastreiros tradicionais, tiña un elevado francobordo e dispoñía dunha rampla a popa, para facilitar o lanzamento  e a recollida mecánica da rede.

O peixe, unha vez descargado en cuberta, pasaba a través de escotillas hidráulicas ao parque de pesca, unha estancia totalmente pechada destinada ao seu procesado: lavado, fileteado, despelexado e troceado (…), fase previa á súa rápida conxelación en bandexas.

Posteriormente o peixe era empaquetado e, a través de cintas transportadoras e ramplas (…), conducido ás adegas para o seu almacenamento a moi baixa temperatura. Ao mesmo tempo, as especies incidentais xunto aos restos do peixe eran trasladadas ás  plantas de produción de fariña de peixe. (…)

A capacidade de pesca do Fairtry era moi superior á de calquera outro barco; as súas dimensións, potencia e fiabilidade de motor, permitían singraduras de varias semanas no mar, pudendo faenar con ventos moi fortes ou no medio de densas néboas, ao ir dotado dos equipos de navegación e pesca máis modernos (radar, ecosondas, etc.). Destinado á pesca do bacallau en Terranova produciu, no  seu primeiro ano de funcionamento, 650 toneladas de filetes de 2.000 toneladas de bacallau, en tan só 37 días.”

Este foi, mutatis mutandis, o modelo de buque que determinou os cambios para a nova construción naval e o novo modelo de alimentación pesqueira en España.

PESCANOVA elixiu ASCON para a construción dos seus buques conxeladores nun momento de intensas transformacións laborais, sociais e urbanísticas como foi a década do 1960

Non desmerece o que ten de ousadía, soño ou aventura, a creación de PESCANOVA e a elección dun estaleiro tan descoñecido como ASCON (en comparación con Barreras, Vulcano, Santodomingo ou Freire, con moito máis percorrido histórico e curricular), situado nun lugar que na entrada a década de 1960 semellaba unha mina de granito a ceo aberto, de onde se extraían os grandes bloques que formarían parte dos sucesivos recheos litorais de Vigo, un peirao e unha cidade en plena febre transformadora que Pedro de Llano ilustrou como “un campamento ao redor das fábricas”.

ASCON chegaría a ser o estaleiro de tamaño medio máis importante a nivel nacional.

No hemisferio norte da ría, mar por medio, Moaña estaba apurando tamén as súas grandes transformacións laborais, sociais e urbanísticas da década de 1960, un cambio acelerado, paralelo en intensidade e mobilidade que, se no caso de Galicia se chamou desagrarización, en Moaña foi desmariñeirización, xa que a pesca era, con moito, o maior sector económico e de emprego da localidade.

A transformación moañesa e a inserción da súa economía local-galega (ASCON) no marco da economía mundial (PESCANOVA) nas décadas centrais do século XX estivo propiciada, cando menos, polos seguintes marcos históricos, sociais, laborais e urbanísticos: 

– O gran desenvolvemento económico propiciado polo Plan de Estabilización de 1959.

– A diminución progresiva no número de unidades da flota local de baixura ou do día (1955-1971), sobre todo as embarcacións máis grandes, ata a súa práctica desaparición.

– A gran mobilidade laboral e territorial, remuda e reconversión dos profesionais do mar de baixura que pasarán a traballar, a partir de 1955, nas flotas internacionais de transporte migratorio, mercadorías, flota conxeladora de Gran Altura, etc.

– A aparición en 1953 en Domaio do novísimo cultivo do mexillón en viveiros flotantes.

– O nacemento (1961, barrio do Latón) de ASCON e Conservas La Guía, referencias en canto a ocupación laboral masculina e feminina.

A crise e declive do centro histórico de San Martiño (cultura relixiosa, social, agrícola e comercial tradicional) e o transvase social cara o novo centro urbano administrativo, relixioso, cultural, residencial e urbanístico da Moaña: a nova cidade litoral dos barrios de A Praia, A Seara e O Real.

Esta enxurrada de cambios, a aceleración histórica en tempo de paz, a modernización, o cambio social, tecnolóxico e alimentario, ten que ver coa entrada nunha fase dun capitalismo español protexido e apoiado dende o Estado, nunha estratexia de fornecemento de proteína barata e de calidade como era o peixe naquela época: as facilidades obtidas polos armadores para acadar o Crédito Naval preciso para a modernización da flota, que en determinadas condicións “de honorabilidade e confianza” podía chegar ao 80% e aportando garantías adicionais ao 100% do buque”, os prazos de amortización flutuaban entre “vinte anos como máximo para os mercantes e pesqueiros de altura de nova construción; dez anos para os novos pesqueiros de casco metálico”, a un tipo de interese mínimo, segundo Xesús Giráldez.

O Lemos, primeiro buque conxelador da flota pesqueira española, feito en Ascon para Pescanova, 1961

Tanto ASCON como PESCANOVA estaban ben conectados co establishment da ditadura a través dos seus respectivos consellos de administración onde se poden ver as conexións da elite económica, financeira e política da época

Segundo Xoán Carmona Badía, o almirante Nieto Antúnez ten unha posición de privilexio nas botaduras dos primeiros barcos de ASCON, porque era o mediador e o valedor de PESCANOVA ante o Estado, e na primeira época de PESCANOVA entran na ponte de mando das embarcacións moitas persoas tituladas, formadas e pertencentes á Mariña de guerra española.

ASCON e PESCANOVA teñen que ver coa evolución tecnolóxica do modelo alimentario norteamericano que se expande por gran parte do mundo como estilo de vida. Esta revolución alimentaria, rebautizada comercialmente aínda hoxe como fast food, levou tamén a gran transformación do interior de Galicia, na Ourense de Coren, coa creación de cooperativas de crianza e comercialización de pitos, galiñas e ovos nun sistema de cadea de produción industrial e fordista.

A revolución que significou o cambio de paradigma, nun país como España, ou en Galicia, de gran cultura do peixe fresco, explica parte do éxito intramuros de ASCON e PESCANOVA.

O estaleiro modernízase e chega a realizar algúns modelos de buques pesqueiros máis sofisticados do mundo, ao tempo que PESCANOVA, paseniñamente, vai introducindo nas pequenas tendas de aldeas, camiños e rueiros que formaban a rede comercial principal da España dos anos 60, posteriormente nos novísimos supermercados, os conxeladores necesarios para a conservación e venda da nova pesca procedente do hemisferio sur, lugar máxico, orixe da maior parte das capturas, ámbito onde “todo o mar era peixe”, ascendendo a pescada -un desvalorizado “peixe do gato” en Sudáfrica, por exemplo- á categoría de alimento superior, recomendado pola medicina da época, exhibido en peixerías, restaurantes e lonxas como un dos símbolos da transformación alimentar dos anos 60-70 do século pasado.

ASCON e PESCANOVA significaron a fin da conservación tradicional do peixe, facendo entrar en decadencia, marxinalidade ou crise as empresas de salga, afumado ou secado de peixe

O vento da historia fixo que tanto unha como outra tiveran tamén os seus tempos de crise e remuda. No caso de ASCON foi en 1984 coa entrada de España na CEE; PESCANOVA tería varias décadas máis de percorrido e representatividade na escala mundial ata a gran crise de 2013, cando se declara en creba, provocada pola fraudulenta xestión financeira da dirección.

Na súa escala e no seu lugar, ASCON e PESCANOVA teñen moito que ver coa transformación urbana e urbanística de Moaña e Vigo posto que milleiros de traballadores puideron realizar o soño e os imaxinarios simbólicos da época: emancipar, casar, erguer unha casa unifamiliar, no caso de Moaña ou mercar un piso nas novas e precarias rúas que se ían abrindo en Vigo aceleradamente.

En ambas ribeiras da ría, sen posible comparación cuantitativa, experiméntase unha febre do naval e do conxelado que, xunto con outros sectores como o pesqueiro extractivo, fan posible unha burbulla demográfica que enche de cativos as novas rúas, os camiños do rural, as estreadas concentracións escolares e os primeiros parques infantís ad hoc nunha historia que parecía de estrea: os primeiros coches particulares, as primeiras neveiras, os primeiros frigoríficos, os primeiros televisores…

Moaña e Vigo, babor e estribor da ría, foron cidades prematuras, novas, imáns sociais, en boa medida, polo esforzo emulador dunha elite económica, mundialmente informada, que capitaliza para innovar e acumular beneficios empresariais. No outro costado da embarcación, os milleiros de persoas que naceran rente ao canabal, as xentes da patela, sen ou con moi baixa cualificación, foron a enerxía vital para erguer dúas empresas e dúas cidades con recendo a salitre, aceiro, soldadura e acetileno.

Foto Ascón soldadura

Bibliografía:

Carmona Badía, Xoán (coord.), (2006); Empresarios de Galicia, volume 1, Fundación Caixa Galicia.

Carmona Badía, Xoán (coord.), (2009), Empresarios de Galicia, volume 2, Fundación  Caixa Galicia.

Díaz Lorenzo, Juan Carlos (2021); ASCON, unha estrela na historia da construción naval de Galicia; Nova Ardentía, revista galega de cultura marítima e fluvial nº 13.

Giráldez Rivero, Jesús; Espido Bello, María do Carme (2021); PESCANOVA S.A. (1960-1973), entre la iniciativa privada y el empuje del Estado; Revista de historia industrial nº 83.

Giráldez Rivero, Jesús, (2019), Mr. Ford en el océano; Asociación Española de historia económica.

Manuel Pérez Rúa
+ artigos

Sociólogo.

Autor da tese doutoral "Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade." 

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.