CONSERVAS LA GUÍA: UN GRAN IMPULSO LABORAL PARA AS MULLERES DO LATÓN
Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.” Fotografías recollidas no libro “Moaña Historia Fotográfica – Tomo II” e cedidas pola A.C. Nós.
A factoría principal de Ascon (O Latón, parroquia de Meira), como comentamos na primera parte deste artigo, deu lugar ao desenvolvemento acelerado a partir dun pequeno núcleo de vivendas, dun barrio de casarío unifamiliar, principalmente obreiro, dinámica na que tamén tivo que ver a época dourada da factoría de Conservas La Guía, que contribuíu á consolidación dun emprego feminino -continuo e descontinuo- que repercutiu no medre residencial, sobre todo, da parroquia de Meira.
A parroquia máis afectada polo cesamento da actividade no estaleiro foi a de Meira, e a continuación a de Domaio.
A actividade de Conservas La Guía tivo gran influencia no humilde barrio do Latón
O Latón, un barrio humilde de traballadores, formado desde primeira hora sobre todo por emigrantes portugueses que traballaban nas canteiras de granito, segundo María Santomé Gestido (1933), dona dunha casa de comidas próxima o estaleiro, eran “catro ou cinco casiñas pequenas e un sendeiro de cabras para subir á estrada [Cangas-Vilaboa].
Foi un barrio que tivo que adaptarse ás medras e transformacións do estaleiro, porque Ascon propiciou tamén o transvase laboral Ferrol-Vigo a través de persoal cualificado que abandonaba a factoría de Bazán ante a mellor oportunidade económica do naval moañés, así como outras persoas que montaron a súa propia empresa auxiliar.
Segundo Miguel Costa Fernández (1937), traballador en Massó e mecánico en Ascon, “a ‘remesa’ de persoal chegado de Ferrol a Ascon, ‘estruturou’ a empresa”. Este transvase de “saber facer” e coñecemento foi decisivo para incrementar o cadro de persoal con soldadores a partir da chegada “dos irmáns Amado, de Ferrol, un para xefe de Aceiros e outro para xefe de Armamento”, asegura José Díaz Calvar (1940-2019).
Ao comezo da época de despegue do estaleiro, nos anos 60, houbo no barrio casas de pupilaxe que “alugaban cuartos aos obreiros chegados de Ferrol, Cariño, A Coruña” e posteriormente vai aparecendo unha rede de tendas, bares e comercio totalmente dependente da actividade fabril como “o bar de María das Cabañas, bar de María de Meira, bar de Marina, bar de Genucho Chivilí, bar de Pepe Chiné…”, que desaparecen despois do peche de Ascon en 1984.
Conservas La Guía, pertencente ao grupo industrial de Enrique Lorenzo Docampo, terá actividade económica desde 1958 ata 1981, cando entra en crise ata a súa liquidación definitiva en 1984, é dicir, corre paralelo o seu desenvolvemento ao da empresa Ascon.
A análise e a percepción da importancia desta factoría pasa por entender a posibilidade que aportou, sobre todo ás familias de Meira, ao pasaren a dispoñer dun emprego asalariado feminino con estabilidade, mellor remunerado –sempre en comparación coa situación anterior: cordoerías, marisqueo, atadeiras, etc., segundo a percepción das protagonistas- e de calidade que propiciou un modelo familiar de rápida emancipación, traballo asalariado do marido e da muller e, polo tanto, a cada vez máis pronta edificación da nova residencia para dar cabida ao soño de cada nova familia.
Como no caso de Ascon, tamén esta factoría conserveira proporciona a oportunidade de axudar a erguer un novo barrio formado principalmente por obreiros e obreiras, que collerá a denominación popular de A Guía nun ámbito litoral chamado O Arroaz.
A fábrica tiña, de menor a maior, as categorías laborais de pinche, auxiliar, fixa descontinua, fixa e mestra
Manuel Chapela Pena (1933), comezou a traballar na Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, en 1958 pasa a Conservas La Guía como oficinista ata a liquidación da marca. Opina que “Enrique Lorenzo sacou a 200 mulleres da miseria, todas se formaron alí”.
Manuel Currás Piñeiro (1926-2016), con 10 anos comezou na pesca de baixura, pasou pola canteira do Latón en 1942, no varadoiro anterior a Ascon; estivo 9 anos no varadoiro do Regueiriño (Domaio), cando traballaban alí sobre 100 obreiros; en 1962 entra en Conservas La Guía como mecánico.
Recorda que puideron traballar 400 mulleres e 12 homes. A primeira produción da factoría foi a de xoubiña enlatada. Prioritariamente procesaban peixe. Se non había, enlatábase mexillón pola proximidade das bateas á factoría. No 1963-4 “chegaban os barcos, de Leixoes, coa sardiña, a calquera hora do día, ao peirao da Guía”.
Cando se abría a veda do berberecho, 1 de outubro, enlatábase durante unha semana. O pelo do mexillón había que quitalo con pinzas, antes de enlatar; foi moi importante para a exportación a existencia da Zona Franca de Vigo, onde Conservas La Guía posuía unha nave de almacenaxe; a produción da fábrica podía ser dunhas 400 caixas diarias.
Conservas La Guía deu traballo a mulleres mozas pero tamén de idades medianas e de difícil integración laboral
As persoas que participaron da aventura laboral desta factoría destacan que –a diferenza da maior parte das factorías conserveiras- non só recrutou persoal mozo senón que tamén deu entrada a mulleres de idades medianas e de difícil integración laboral. Resaltan tamén a alta produtividade da factoría, así como a integración de parte do persoal da factoría, despois da súa liquidación, noutras fábricas de conserva de Vigo.
Rafael Queimaño Barreiro (1927-2016) comezou a traballar na construción da factoría, na que despois foi encargado. Recorda que o persoal masculino (electricista, xefe almacén, caldeiras, persoal administrativo, encargados de fábrica, etc.) podían ser 15 persoas, así como que exportaban conservas a Alemaña, Francia, Italia, Bélxica e “outros países, a través do peirao de El Pireo [Grecia]”.
Vida Gayo Veiga (1935), empregada da factoría, lembra que en 1971 a fábrica contaba con 110-120 mulleres fixas. Segundo distintas fontes orais, a factoría puido empregar entre 200 e 400 persoas –hai que ter en conta que o cadro de persoal feminino fixo eran sobre 100 persoas pero o traballo temporal (traballadoras fixas descontinuas) podía representar de 100 a 300 persoas máis– o que significa unha rotación xeracional e biográfica que permitiu a un bo número de mulleres –sobre todo de Meira- ir adaptando a súa biografía laboral ás circunstancias cambiantes do seu ciclo xeracional ou existencial.
A percepción social e familiar de ser o salario feminino primeiro unha aportación á familia –mentres non se acada a maioría de idade e, sobre todo, a saída da casa matriz por motivo de matrimonio- e despois un complemento salarial dun matrimonio en que a aportación principal é a masculina, fai que a muller, na maioría dos casos, moldee o seu interese propio ou se adapte á preeminencia da posición masculina: “No tempo en que traballaron Conservas La Guía e Ascon, as parellas vivían co que gañaba a muller, aforraban o salario do home e facían casa co aforrado”, conta María Santomé Gestido (1933), filla de patrón-armador de Moaña, que tivo 12 irmáns e 4 fillas e aos 11 anos aprendeu o oficio de atadeira.
As mulleres que traballaron en Conservas La Guía disfrutaron de mellores condicións laborais que as das xeracións anteriores
Para valorar a percepción positiva que en xeral teñen as mulleres que traballaron nestas factorías a partir da década dos 60 é mester poñela en comparación coa situación anterior da muller –cordoeira, marisqueira, “asistenta”, peona de canteira ou construción civil, etc.- sen dereitos laborais, estabilidade, convenio colectivo, primas de produción, etc., melloras todas existentes no período de maior produción da fábrica.
Un último razoamento pediría comprender que durante diferentes etapas como a crianza dos fillos ou o coidado das persoas maiores, moitas mulleres nesta época optan por abandonar a fábrica ou aproveitar os contratos “descontinuos” ou temporais.
Rosario Rúa Rúa (1943), asegura que había tanta demanda de forza de traballo, nos anos 60, que as mulleres ían á oficina a apuntarse, e aos tres días, chamárona. Comezou a traballar en Conservas La Guía con 22 anos, na quenda de noite, de 18h. ás 2h. –“ás 2, ás 5, ás 6…”– da mañá, facendo a limpeza. Despois traballou como operaria da conserva.
Abandonou La Guía cando a nai enfermou de Alzheimer e compatibilizou traballo na casa, na fábrica e na leira. Insiste na transmisión da cultura doméstica e laboral ás fillas porque cando se pechou a fábrica “a maior parte das mulleres que saíron da Guía foron traballar a Vigo, sobre todo coa axuda das fillas que ían sendo grandiñas e asumían labores de casa”; recoñece como básico a existencia do transporte marítimo de ría e despois da Ponte de Rande para o traballo da muller en Vigo.
N.I.S.M (1937), traballou durante dúas xeiras distintas na Guía; entre unha e outra “foi á ribeira” [marisqueo], despois á descarga do bacallau a Pesaiba (Domaio). A súa nai e a súa irmá axudáronlle coa filla máis vella, mentres ela traballaba. O marisqueo foille importante como economía de complemento, para gastos correntes e para o retiro.
María del Carmen Ríos Prado (1941) entra con 11-12 anos a traballar na cordoería de Isabel de Castilla, en Meira, ata 1956; vai dous anos “a asistir”; traballa despois en Vigo, na conserveira de Justo López Valcárcel, na descarga e no secadoiro de bacallau da Copiva (Chapela, Redondela), na cordoería de José de Maya e de novo na descarga do bacallau en Redondela. Entra en Conservas La Guía con 17 anos, onde traballou como empacadora e revisora. Recorda que traballaron na fábrica moitas mulleres maiores que xa tiñan experiencia de traballar noutras conserveiras. Comenta o sabor das conservas de bacallau á vizcaína e zamburiña en prebe de vieira que foran innovacións da fábrica no seu día.
Eugenia Santomé Nogueira (1920) andou “a asistir” en Vigo. Na cordoería de Isabel de Castilla (Meira) traballou 14 anos sen cotización á Seguridade Social, e axudaba á súa nai na canteira do Cocho a facer “morrullo”. Entende que “cando viu o nylon, terminou a cordoería”. Foi ao estraperlo e ao marisqueo furtivo. Despois de casar a súa filla e ir o seu fillo ao Servizo Militar, entra a traballar na Guía con 46 anos e gañou para a súa xubilación despois de cotizar 4 anos: “cantas vellas se xubilaron aí…”
Vida Gayo Veiga (1935) foi emigrante en Chile, o seu marido traballou en “Holanda” e ela en Conservas La Guía dende 1971 ata o peche en 1981. Recorda que as obreiras despedidas traballaron despois nunha fábrica de Vilaboa e en Vigo. O salario dela e da súa nai eran para “ir vivindo” e o do seu marido para pagar o préstamo de construción da casa nova.
Manuel Pérez Rúa
Sociólogo.
Autor da tese doutoral "Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade."
-
Manuel Pérez Rúa#molongui-disabled-link
Deixa a túa resposta