A REVOLUCION LABORAL QUE EXPLICA A TRANSFORMACIÓN DE MOAÑA DE ALDEA MARIÑEIRA A CIDADE LITORAL
Texto elaborado por D. Manuel Pérez Rúa, sociólogo e autor da tese doutoral “Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade.” Fotografías cedidas pola A.C Nós.
No interior de Galicia houbo un proceso coñecido como desagrarización, que abriu a porta ao transvase social campo-cidade, o que supuxo unha mellora substancial da calidade de vida dos labregos a partir da metade da década dos 50 do século XX a través -sobre todo- da emigración ás grandes cidades españolas e europeas.
Na costa galega, en paralelo, existiu outra diáspora laboral masiva, menos coñecida, onde Moaña ten un lugar principal por representar un modelo completo de desmariñeirización, cando a xente da patela vai mudar o seu modo de vida económico maioritario, a pesca de baixura, pola mellora laboral coa que acadarían un progreso económico, persoal e familiar esencial para entender a evolución económica, urbanística, social e residencial moañesa naquela altura.
Eran os primeiros pasos na transformación dunha aldea mariñeira con case dous milleiros de mariñeiros censados, nunha cidade litoral.
José Pazó Rodríguez, o artífice da aventura oceánica moañesa
A importancia de José Pazó Rodríguez (Moaña, 1897-1960) non ten aínda nesta segunda década do século XXI recoñecemento oficial, nin suficiente coñecemento social ou mediático na propia localidade, agás na memoria silandeira de centos de mariñeiros moañeses aos que el abriu a porta para iniciaren o seu proceso de internacionalización laboral en tempos de carencias económicas e ditadura política.

Cando a Compañía Transatlántica Española (en diante, CTE) que dispón das motonaves “Guadalupe” e “Covadonga” con paradas nos peiraos do norte de España, Nova York, Cuba e México, o buque “Marqués de Comillas” entre o norte de España e Centroamérica, e as embarcacións “Virginia de Churruca”, “Satrústegui” e “Habana” entre o Mediterráneo e Centroamérica), decide facer unha ampliación de capital de 200.000.000 ptas., o Banco Exterior de España -un dos subscritores da débeda- designa a José Pazó no Consello de Administración da “Transatlántica” como Conselleiro Delegado.
O Pazó que embarca na ponte de mando da compañía navieira en 1955 fora, era, ou chegaría a ser inspector de Facenda, docente e financeiro, membro do Consello de Administración do Banco Exterior de España (1953), Motor Ibérica S.A.-Ford Motor (1954), Manufacturas Metálicas Madrileñas S.A. (1959), Dugopa S.L. ou Banco Mercantil e Industrial (1960).
Baixo a súa dirección, en 1957 a CTE adquire as turbonaves Castel Bianco –construído en 1945 en Baltimore (USA)- e Castel Verde –construído en 1945 en Los Ángeles (USA)-, buques á súa vez adquiridos de segunda man por Italia aos EE. UU. no lote do esforzo bélico norteamericano para a loxística da II Guerra Mundial. Rebautizados como Begoña (940 pasaxeiros) e Montserrat (822 pasaxeiros), ambos son transformados para tratar de ser “a vangarda do tráfico de emigración”, sobre todo a Venezuela.

Estes dous buques precisaban un cadro de persoal de 351 persoas. Durante a súa andadura baixo a CTE necesitaron continuas reformas, tiveron avarías cada vez máis serias, sendo tamén afectados pola competencia doutras navieiras no mercado da pasaxe mundial ou a progresiva implantación da navegación aérea pero seguiron dando acubillo laboral a unha parte importante dos exmariñeiros de baixura moañeses ata ficar fóra de servizo, o “Montserrat” en 1970 e o “Begoña” en 1973.
Grazas a intervención de José Pazó moitos moañeses que se adicaban a precaria pesca de baixura enroláronse nos buques da CTE como camareiros ou incluso axudantes de cociña
A través da intervención de José Pazó, Moaña tivo a oportunidade de ir enrolando, sobre todo nos transatlánticos Montserrat e Begoña así como tamén noutros buques da CTE ou –en menor medida- da Campsa, a unha importante cantidade de traballadores, na súa maior parte procedentes do mundo mariñeiro da baixura, recolocados como mariñeiros, camareiros, axudantes de cociña, etc., que formaron parte do cadro de persoal durante o período 1957-1975.
Na viaxe inicial do Montserrat en 1957, sobre un total de 115 empregados subalternos (mariñeiros, camareiros, etc.), entre medio cento e sesenta persoas, son procedentes do concello de Moaña. Estímase que entre 1957 e 1975 chegaron a ser entre cen e duascentas as persoas de Moaña embarcadas na Transatlántica. Foi un cambio radical na cultura histórica de contratación laboral da empresa porque a maioría das tripulacións da CTE procedían de Cantabria e de Euskadi dende o século XIX.
A partir dos cambios introducidos por José Pazó en 1957, o persoal subalterno dos transatlánticos citados van ser tripulantes galegos, na súa maior parte pertencentes ao concello de Moaña. Na voz dun dos mariñeiros protagonistas do cambio “en Moaña había unha revolución, todo o mundo embarcaba”.
Como todas as migracións, esta primeira vía produce un efecto chamada. A rede de colocación moañesa de mariñeiros vaise estendendo xeográficamente desde un primeiro círculo de familiares e veciños de José Pazó procedentes sobre todo dos barrios de Quintela e A Canexa, ao resto de parroquias de Moaña, Meira e Tirán.
A medida que o tempo vai pasando e o nivel educativo o permite, o enrolamento inclúe persoas con mellor educación regrada, cadros cualificados na ponte de mando, administrativos, electricistas, mecánicos, etc.
Comparando a inestabilidade salarial que representaba a pesca de baixura, dependente de condicións meteorolóxicas e flutuacións no prezo de venda do peixe, a entrada na Transatlántica significou un gran cambio en forma de salarización, modesta pero estable como para permitir pensar un proxecto de vida.
Con menos dun lustro de actividade profesional na dirección da CTE, Pazó foi a persoa que abriu a primeira porta de saída ao importante excedente profesional mariñeiro de baixura que se estaba a producir en Moaña na década de 1950 durante as crises cíclicas da pesca do día.
Esta remuda laboral é paralela no tempo coa morte de vinte e seis mariñeiros de Moaña no naufraxio da embarcación de pesca de baixura Ave del Mar en 1956. A partir de 1957 varios familiares ou achegados das familias damnificadas foron tamén enrolados na CTE.
Despois da morte de José Pazó en 1960, a rede de colocación laboral moañesa na CTE seguiu activa a través da súa viúva ou da “carta de recomendación” da súa medio irmá Isabel Parada Rodríguez.
Esta primeira vía de saída permitiu aos nosos mariñeiros información internacional para comparar as condicións laborais, económicas, políticas e vitais de moitos peiraos e países do mundo
En suma, incrementa substancialmente o nivel de renda, a mobilidade social, profesional e internacional da poboación activa moañesa, facilitando unha importante liña de chegada de novos capitais á localidade durante as dúas décadas que viron nacer o barrio do Real, a urbanización das dúas grandes estradas da Moaña litoral, a Igrexa do Carme, o cine Prado, a traída municipal de augas ou o colexio de Reibón, entre outras obras que asentaron os alicerces dunha nova centralización e cultura social cada vez máis urbanas.

É difícil de entender o esquecemento da figura de José Pazó Rodríguez, a pesar do seu papel relevante para mellorar a vida dos seus veciños e como mediador ante a Administración Central polos intereses de Moaña
O silencio oficial da Administración Pública Local durante os sesenta e un anos que van dende o pasamento de José Pazó Rodríguez ata hoxe foi dificilmente entendible para moreas de mariñeiros relacionados coa Transatlántica posto que é estraño encontrar algunha familia que non teña relación directa, indirecta, de veciñanza ou de coñecemento do proceso de embarque de centos de moañeses na compañía citada.
Se baixamos na escada do tempo ata os anos 50 do pasado século, cando a Administración Local moañesa era (case) unha Unidade de Carencias Intensivas, o esquecemento oficial posterior foi de tal escala que pasou por alto a importancia de José Pazó Rodríguez na creación e desenvolvemento de novas infraestruturas, servizos ou dotacións públicas a través da súa mediación ante a Administración Central favorecida pola súa importante rede social de contactos.
A súa función como embaixador e negociador dos intereses do concello de Moaña en Madrid, recoñecida reiteradamente na documentación pública, nunca foi cumprimentada en acto formal polas institucións máis importantes da época: a Confraría de Pescadores e o Concello.
A primeira referencia do longo e reiterado esquecemento aparece cando a Confraría de Pescadores de Moaña nomea a José Pazó como socio de honra da Confraría de Pescadores en 1953 por “acertadas xestións a prol dos intereses de Moaña”.
En 1954, o Concello de Moaña concedeulle honores en forma de nomeamento como alcalde honorario e membro honorario da Corporación, polo seu papel ante a Administración Central.
Por terceira vez, ante a noticia do seu pasamento en 1960, o Concello declara a súa condolencia, expresando o agradecemento dunha institución local que “a el se recorría sempre en demanda de apoio para as distintas esferas da Administración no que afectaba ao ben xeral e que el atendía co máximo interese.”
Aínda en 1961 a Confraría solicita por escrito ao Concello “dedicar a rúa Canexa, dende a Caixa de Aforros Municipal de Vigo ata a capela que el fixo construír en Quintela”, a José Pazó, xestión que nunca tivo lugar.
A quinta e última badalada das honras en papel oficial prodúcese en 1970 cando se crea, ex novo, a medalla de ouro de Moaña, acordando concederlla a José Pazó Rodríguez, acto que tamén se foi no bambán do tempo.
Quintela: berce, cadaleito, memoria, recoñecemento
Despois dunha breve estancia no Cemiterio Municipal de Moaña, no panteón de mármore preta onde repousa a súa medio irmá Isabel Parada Rodríguez, os restos de José Pazó Rodríguez foron trasladados en 1960 para a capela que el mandara erguer, preto da súa casa de Quintela. Nesa ermida de vidreiras policromadas, punto referencial da historia laboral moañesa, hai unha porta aberta a través da que se podían ver, ata hai ben pouco, dúas candeas prendidas na súa memoria.

Como a historia avanza e enreda, tecendo biografías feitas de anacos, paradoxos, pantasmas, lendas e contradicións, as reviravoltas do moito tempo pasado fixeron que tanto a casa de José Pazó Rodríguez –hoxe remocicada Galiña Azul dos meniños de Moaña- como a capela onde repousa o seu sartego, sexan propiedade do Concello de Moaña, institución que vai proceder a corrixir as cinco veces que se lle negou o recoñecemento formal a unha persoa que forma parte da historia, a identidade e o patrimonio das clases máis humildes de Moaña.

Manuel Pérez Rúa
Sociólogo.
Autor da tese doutoral "Creación e transformacións da cidade litoral: Moaña, 1950-1987. Política, urbanismo, vivenda e sociedade."
2 comentarios
Las voces de Ascon y Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos
[…] especie de Eldorado, a partir de 1961 cuando la percepción social era que no era necesario ir a la CTE, a «Holanda» o a «Pescanova» porque «en Ascón, ‘se ganaba bien la peseta’, y […]
As voces de Ascon e Conservas La Guía (I) » A Illa dos Ratos
[…] especie de Eldorado, a partir de 1961 cando a percepción social era que non facía falta ir á CTE, a “Holanda” ou “á Pescanova” porque “en Ascon, ‘gañábase ben a peseta’, e […]