RESTAURAR, PINTAR E CREAR CULTURA FÓRA DE CANGAS

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos, a partir de varias conversas co propio Suso “Caramuxo”, pintor e restaurador de imaxinería relixiosa galardoado co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio 2022 que outorga anualmente o Concello de Cangas.

     CHANDARME TABERNA GALEGA, na Rúa do Hío, 16 (Cangas)

Logo de abandonar o sector da alimentación, Suso “Caramuxo” fixo un par de cursos de decoración acompañado do seu gran amigo José María Pérez Santoro e despois exerceu durante un tempo como decorador de interiores e escaparatista.

Conseguiu formar un bo equipo e tiñan bastante traballo, pero comezaron a ter problemas para cobrar as obras e optou por centrarse exclusivamente na súa parte máis creativa.

Tras deixar o seu traballo en Vegalsa, Suso “Caramuxo” centrouse na súa paixón pola arte, restaurando imaxinería relixiosa e pintando cadros 

Como vimos nos artigos anteriores, desde o seu regreso de Barcelona, Caramuxo adicou moito do seu tempo a dinamizar a vida cultural da vila de Cangas, pero sen deixar de lado a súa faceta artística. De feito, incluso cando estaba traballando no sector da alimentación, mantivo operativo o seu taller na rúa do Hospital no que restauraba as pezas que lle levaban e onde pintaba os cadros que logo expoñía no comercio que rexentaba a súa irmá na rúa da Estrela.

Caramuxo foi contratado polo Instituto de Desenvolvemento Comunitario (IDC) como formador e asesor en proxectos culturais

Grazas aos seus coñecementos e experiencia no mundo da arte, a Caramuxo xurdiulle a oportunidade de traballar como formador e asesor cultural no Instituto de Desenvolvemento Comunitario (IDC). Tratábase dunha entidade privada que funcionaba con fondos Leader da UE e que tiña como principal obxectivo facilitar a distintos sectores e núcleos de poboación o acceso a un mellor aproveitamento dos seus recursos naturais e humanos, a través de accións que fomentasen a participación social e a promoción do progreso educativo, cultural e económico. 

Daba cursos por toda a xeografía galega e precisamente cando estaba impartindo un sobre conservación e mantemento de arte sacro na Ribeira Sacra, recibiu o encargo do IDC para traballar sobre a un interesante proxecto: buscar un xeito de dinamizar e promocionar turisticamente as terras da Baixa Limia, e máis concretamente o concello ourensán de Entrimo.

Caramuxo se puxo mans a obra e documentándose atopou esta historia:

No ano 135 a.c, Décimo Junio Bruto (Decius Junius Brutus), ao mando das lexións romanas chegou ata o río Limia, que fóra chamado Lethes polos antigos romanos, ao confundilo co lendario río Lete (río do Esquecemento) do Hades, da mitoloxía romana, do cal se cría que tiña a propiedade de borrar a memoria de todo aquel que o cruzaba. En 138 a. C., o xeneral romano Décimo Junio Bruto para desfacer o mito, que dificultaba as campañas militares na zona, decidiu cruzar o río e chamou aos seus soldados desde a outra beira, un a un, polo seu nome, desde os xefes das lexións ata cada un de seus 150 lexionarios. Estes, asombrados de que o seu xeneral recordase os seus nomes, cruzaron tamén o río sen temor, acabando así coa súa fama de perigoso e alí construíron o campamento de Aquis Querquennis do que aínda se conservan restos na actualidade”.

Tendo en conta esta información, Caramuxo pensou que unha festa romana que tivese como protagonista o río Limia sería unha boa opción para dinamizar a zona e convencido do potencial da historia, fixo un estudo bastante profundo sobre o que suporía economicamente para Entrimo transformarse nun pobo romano.

Organizaron unha presentación do proxecto ante as autoridades locais e se lle informou ao alcalde de que soamente tiña que facer o trámite de pedir os 9 millóns de pesetas necesarios, que lle serían concedidos por Bruselas con total seguridade. Sorprendentemente, quizais por descoñecemento ou falta de visión, o alcalde mostrouse remiso a realizar a petición de cartos da UE, e o proxecto “Entrimorum”, como o bautizara Caramuxo, parecía que ía acabar esquecido nun caixón.

O proxecto do “Entrimorum” acabaría sendo a orixe da “Festa do Esquecemento” de Xinzo de Limia

Un ano despois, Caramuxo estaba destinado en Castro Caldelas, onde ía tres días á semana para montar un Museo de Arte Sacro. Un día apareceron por sorpresa uns representantes do Concello de Xinzo de Limia para propoñerlle que adaptase aquel proxecto que desbotaran en Entrimo e aproveitalo para a súa vila.

Así naceu a “Festa do Esquecemento que leva celebrándose dende o ano 2001 en Xinzo de Limia e que a día de hoxe é unha festa temática que conta cunha importante repercusión a nivel autonómico e incluso nacional.

SUSO CARAMUXO
Os romanos cruzando o río Limia ou Lethes, logo de asegurarse de que non era certa a lenda que dicía que as súas augas lles farían perder a memoria.

Caramuxo foi invitado na a segunda edición para recoñecerlle o seu papel na creación da festa, e levoulles como agasallo unha reprodución dunha ara do Monte Facho feita en metacrilato. O acompañaron Manolo Gíl e algúns membros da “Lexión de Berobreo”, que participaban na Semana Santa de Cangas ataviados cuns traxes de romanos que estaban tan logrados, que mesmo o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra daquel momento, Rafael Louzán, os empregara para facer un posado no Facho e promocionalo como destino turístico.

Un tempo despois os romanos de Xinzo de Limia devolveron a visita e desfilaron nas procesións da Semana Santa de Cangas; todo grazas a participación decisiva que tivera Caramuxo na creación da popular Festa do Esquecemento que, anos despois, continua celebrándose naquela vila.

O Concello de Cangas encargou a Caramuxo o deseño e montaxe dun stand para as feiras de turismo de Bilbao e Oporto no ano 2000

A Festa do Esquecemento non foi a única experiencia de Caramuxo relacionada co ámbito turístico. O Concello de Cangas, a través do Organismo Autónomo de Turismo, lle encargou que deseñase o stand de promoción turística da vila para as feiras de Bilbao e Oporto do ano 2000.

SUSO CARAMUXO
Caramuxo no stand que deseñou para promocionar Cangas na Feira de turismo “Expovacaciones” de Bilbao, que se celebrou entre o 24 e o 28 de maio do ano 2000.

De entrada, o encargo foi asumido por Caramuxo como un reto xa que nese tipo de feiras participaban outras vilas e cidades que contaban con moitos máis medios e presuposto.

Como o obxectivo era atraer o maior número de persoas, decantouse por facer un deseño no que xogaba un papel principal a idea de Cangas como vila mariñeira, dando protagonismo tamén a aspectos como as bandeiras azuis dos nosos areais pero tamén o arte. Para materializar esta idea, levou con el unha espectacular réplica a escala do Cruceiro do Hío que fixo persoalmente empregando gres refractario e tamén unha ducia de barcos feitos artesanalmente por Bernardo Malvido, un mariño xubilado que de forma autodidacta facía verdadeiras xoias artesanais.

Os barcos contaban con luces incorporadas que cando se encendían, facían que o stand de Cangas parecese que estaba cheo de árbores de Nadal, chamando tanto a atención que se converteu nun dos stands máis visitados da feira.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Un comentario

  1. Suso Caramuxo, historia viva de Cangas (VIII) » A Illa dos Ratos

    […] Suso “Caramuxo”, historia viva de Cangas (VI) […]

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.