UN BARRIO AO ABEIRO DUNHA CANTEIRA

Texto elaborado por Óscar Rodríguez Martínez, socio de A Illa dos Ratos. Fotografías cedidas pola A.C NOS de Moaña.

Na nosa ruta “Canteiras do litoral de Moaña” falamos da relación directa que o barrio do Latón garda coas canteiras que existiron na zona de Meira durante a primeira metade do século XX e das que saíu a pedra para os recheos de Vigo.

Coa actividade nas canteiras do Latón e A Borna naceu o “barrio de Portugal” de Moaña

A canteira de O Latón foi xunto a canteira de A Borna a primeira gran canteira na que se comezou a traballar no litoral de Moaña alá por 1908 con motivo do inicio das obras do “Muelle transversal de Vigo”.

Debido a necesidade de man de obra foron moitos os portugueses que chegaron e acabaron asentándose na zona para traballar na extracción da pedra. Foron tantos que aínda a día de hoxe moitos moañeses seguen referíndose ao barrio do Latón como “Portugal”.

A orixe do termo Latón podería ter relación cos portugueses pero a falta de estudos máis rigorosos a día de hoxe teriamos varias teorías

Respecto a orixe do nome do barrio, hai que mantén que estaría relacionado de maneira indirecta coa esa chegada masiva de traballadores portugueses e o seu establecemento na zona para buscarse a vida traballando nas canteiras.

Cando os portugueses chegaban aquí non tiñan gran cousa e o que facían era alugar algunha habitación nas casas dos veciños ou nos primeiros albergues da zona.

Pero chegou un momento no que non había sitio para todos e algúns acabaron construíndo as súas propias chabolas co que podían,  usando pedras e restos das chapas de latón dos barcos que se reparaban no varadoiro.

Estaleiro de Davila no Latón. Anos 1939 a 1945. Foto J. Pacheco. Cedida por José Luis Vázquez González a A.C Nós.

Esta sería a versión máis bohemia da orixe do nome deste barrio moañés, pero hai outras.

Soledad Ríos Santomé, unha asistente ás nosas rutas que ven estudando a toponimia de Moaña dende fai varios anos, contounos outras dúas posibles explicacións que a falta dun estudo máis rigoroso poderían tomarse como válidas.

A primeira explicación estaría relacionada cun dos significados do termo “latón” no latín, “parcelas longas e estreitas”, características dos terreos do barrio.

A segunda explicación gardaría relación con voces que aínda se manteñen nalgunhas zonas de Moaña. Neste caso, un “latón” sería unha pequena viña o que nos faría pensar que o terreo onde actualmente esta este barrio podería estar no pasado ocupado por pequenas viñas.

A chegada masiva de portugueses para traballar nas canteiras, unha vía para non ter que cruzar o charco cara a Brasil

O motivo da chegada de homes procedentes do pais veciño explicase basicamente pola proximidade xeográfica de Portugal pero sobre todo polo feito de que o porto de Vigo era onde embarcaban moitos portugueses con destino á emigración, preferentemente cara o Brasil.

Ademais existía una emigración clandestina tanto dos mozos que trataban de eludir o servizo militar como por persoas que abandonaban Portugal por motivos políticos buscando refuxio en Galicia.

Os portugueses tamén viñan a traballar aquí porque os galegos emigraban masivamente

Dun xeito ou outro os portugueses se enteraban de que facía falla man de obra nas canteiras de Moaña porque, como sucedeu en moitos outros lugares de Galicia, os galegos se viron obrigados a emigrar en busca dun traballo digno, unha vida mellor ou os máis ambiciosos marcharon para facer fortuna en lugares como Cuba e Arxentina.

Moitos galegos incluso fixeron a súa vida alí e xa non volveron. Aproveitando isto, co auxe das canteiras do litoral moañés, foron moitos os portugueses que chegaban de lugares como Esposende, Guimaráes ou Viana do Castelo, agradecidos de poder desempeñar estes duros traballos nos que en moitos casos eran especialistas porque aquí non había homes que os fixeran.

Traballadores na canteira. Foto de Sarabia (1938-39).

Segundo contan as persoas que tiveron a oportunidade de convivir con eles, era xente humilde e moi traballadora. A maioría deles tiñan  máis de 30 anos e moitos se  arrexuntaron coas mulleres da zona, “salvándoas”, sobre todo con aquelas que xa tiñan unha idade ou cargas familiares.

O feito de que se establecesen aquí de maneira definitiva e formasen novas familias serviría de explicación á gran abundancia de apelidos como Alves, Leites, Ferreira ou Barbosa que aínda atopamos entre os habitantes do barrio.

Existen múltiples anécdotas relacionadas cos portugueses do Latón

De varias fontes orais coñecemos multitude de anécdotas relacionadas coa existencia desa gran comunidade portuguesa no barrio moañés do Latón.

O día que a bandeira portuguesa ondeou no barrio. Segundo contan, nunha ocasión unha das vivendas do barrio amenceu cunha bandeira portuguesa. Os veciños a modo de broma falaban de que era tal a cantidade de portugueses no barrio que calquera día ían declarar o Latón como terreo soberano de Portugal, aproveitando que os galegos que naceran en Moaña emigraran todos a Bos Aires a traballar.

Quizais sería por isto que ocorreu o que nos contaron nunha ruta das Canteiras do litoral de Moaña na que nos aseguraron que algún antepasado dos asistentes se liara a golpes cos portugueses empregando cañotos das coles.

A Virxe de Fátima na Capela do barrio. A capela do barrio tamén ten unha bonita historia relacionada co fenómeno da inmigración portuguesa. É moita a xente que sabe que dentro do templo hai unha imaxe da Virxe de Luján (Arxentina) doada no seu día polo dono e señor do pazo e a finca de “Aserval”, que era unha única finca con casa e capela que ocupaba todo o barrio e que tiña por imaxe do escudo un cervo.

Pero ademais desta imaxe hai outra da Virxe de Fátima (Portugal) que se mercou con aportacións dos propios veciños para honrar a esta santa tan vinculada ao país veciño, e por iso ademais da Peregrina tamén se festexa o 13 de Maio o día de Fátima no Latón.

Óscar Rodríguez Martínez
Presidente A Illa dos Ratos en | + artigos

Socio fundador de A Illa dos Ratos.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.