O TRANSPORTE DE PASAXEIROS NA RÍA DE VIGO A PARTIR DOS ANOS 30 DO SÉCULO XX ATA OS NOSOS DÍAS

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía oficial de Galicia.

Na primeira parte deste artigo que publicamos anteriormente baixo o título “A pasaxe na Ría de Vigo (I)” falabamos dos inicios históricos da pasaxe na Ría de Vigo. Chegabamos ata os inicios do século XX, e diciamos que en 1922, a empresa Vapores de Pasaje conseguira a publicación dun regulamento á súa medida, e que se irian sucedendo ordenanzas aínda mais restritivas nas seguintes décadas, con clara tendencia monopolista e trato de favor.

Crece a demanda do servizo polo incremento dos asalariados que empregaban o barco para ir a traballar a Vigo 

Na década dos 30 créanse billetes especiais de ida e volta para obreiros, pescantinas e estudantes. O primeiro barco do día, destinado sobre todo aos traballadores, debía atracar no peirao do Berbés e os seguintes vapores, onde viaxaban sobre todo particulares, o facía no peirao xunto ao Náutico. A viaxe nestes “luxosos e confortables transatlánticos en miniatura” duraba unha media hora a 70/60 cts o billete.

Durante o verán, un barco “coa cantina ben provista” facía dúas viaxes diarias a tres pesetas ida e volta as Cíes. Moitos prexuízos causoulle Vapores de Pasaje aos que querían ir aos espectáculos a Vigo, ao adiantar o último barco os domingos para as sete da tarde.

O gran pulo demográfico e económico produciu desprazamentos de todo tipo cara a Vigo: man de obra para a pesca, construción naval, conservas, comercio, servizo doméstico, …etc e, cara ao Morrazo: veraneantes residenciais ou xentes que as veces ían “a Cangas para ver Vigo”, se cadra “Nueva York”.

O servizo ás Cíes popularízase, con barcos de ferro, moi recordados como o “Catamarán” ou o “Illas Ficas”, un erro no rexistro; un f no canto dun s, e así quedou.

O mítico “Illas Ficas”.

Nos anos seguintes xurdiron moitas iniciativas empresariais con múltiples rutas e traxectos por toda a Ría de Vigo

A partir deste crecemento da demanda do servizo foron moitos os empresarios que iniciaron actividades de transporte na Ría de Vigo. Un exemplo foi a iniciativa do Sr. Cortegoso “Cepillos” que creou unha ruta circular Meira-O Con-Cangas-Vigo.Sr. Cancelas Rioboo, veciño do Con, logo de chegar a acordos con armadores de Santo Adrián, Meira e Domaio crea La Comercial Marítima de Transportes para a explotación complementaria das Rutas Regulares, nos anos 50’ armando o “Buenos Días”, “Competidor”, “Villa de Moaña” e “Gladiador”, barcos modernos dedicados ao transbordo Moaña-Vigo.

Tamén comezan con traxectos entre Santo Adrián-Domaio-Moaña-Vigo os vapores “Berta Cortegoso” e “Elisa Cortegoso”, froito dos pactos de Vapores de Pasaje co Sr. Cortegoso “Cepillos” e, en vista de tanta competencia Os Santomé, saen con “O Isla de San Bartolomé” e “Villa de Meira” aguantando ata 1962, momento en que Vapores de Pasaje compra o primeiro e o segundo marcha para a liña Bueu – Ons, de man do Sr. Cancelas Rioboo. 

En 1953 Ricardo Baltar Cardona, conserveiro na Arousa, aparece cos barcos  “Villa de Rianxo” e “Villa de Bueu” e logo co “Dulce María”, “José Guillermo” e “Ría de Arousa”, creando a “Marítima Viguesa”, a gran competidora de “Vapores de Pasaje” ata 1965, cando queda a disposición de Vapores.

E nisto que chegou, o que faltaba, Xesús Pérez, coñecido como Suso de Leta, cun servizo de taxis marítimos que facía o percorrido O Berbés-Moaña-Cangas tardando un cuarto de hora en cruzar a ría nas lanchas “María Jesús” e o “Ángel de la Ría”.

Suso de Leta era natural da Xunqueira en Moaña, membro dunha familia vinculada tamén cos cines de Cangas, onde vivían na galería sita enriba da carnicería Porto. Conseguiu apoio económico do párroco de Darbo e un médico pontevedrés, para crear Cruceiros Ría de Vigo que, coas rápidas “Vexo Vigo”, “Vexo Cangas” e “Tamén vexo Redondela” facían viaxes, non exentos de riscos, cada 10’.

O conto da pasaxe na ría cambiou coa aparición de Cruceiros Ría de Vigo, obrigando a Vapores de Pasaje, que tiña un servizo moi deficiente, a pór máis barcos na ruta Cangas-Vigo e, a La Comercial Marítima de Transportes a reducir os prezos na liña Moaña-Vigo

As tres compañías competían nese intre para satisfacer as esixencias duns usuarios en aumento constante. Cruceiros Ría de Vigo puxo no mar o “Vexo a Ponte de Sampaio” e o “Camiño da Miña Terra” e pouco a pouco os usuarios confiaron no servizo das lanchas rápidas, ás que disque “algúns subían en marcha pola proa” para non quedar en terra.

Vapores de Pasaje, que reaccionou ante esta competencia cos habituais chantaxes nos amarres, desapareceu por un tempo da liña regular de Moaña xa que “O Montealegre” serviríalle indistintamente para a pasaxe Moaña-Vigo-Cangas, e contaba coas viaxes ás Cíes para compensar.

Cando todo indicaba que Cruceiros Ría de Vigo estaba a controlar toda a pasaxe entre o Morrazo e Vigo, a morte dunha nena na lancha que viña de Moaña “Tamén vexo Redondela”, debido á abordaxe cun pesqueiro en 1978, fixo que os viaxeiros perderan a confianza nas lanchas rápidas de Leta.

En Moaña moitos retornaron aos barcos de la S.L. Marítima de transportes Freire, que así chamábase nese intre a xa mencionada La Comercial Marítima de Transporte do Sr.Cancelas Rioboo, que logo do incendio do “Villa de Moaña” no Con, ampliaron a súa flota, cuns famosos cruceiros, encargados a Ascón Jesús Pérez Rodríguez S.L.,curiosamente filial de Suso de Leta: “O Cruceiro de Síngulis” que iría para a ruta de Moaña e “O Cruceiro de Hío” para a de Cangas.

Vapores de Pasaje foi, sen dúbida, a empresa que logrou sobrevivir máis tempo no transporte da ría, grazas á concesión que tivo do Peirao de Rodas dende 1958

Esta concesión obrigou a Cruceiros Ría de Vigo a chegar acordos con Vapores de Pasaje, subsidiándose as dúas empresas mediante a constitución das sociedades mixtas Transbordadores de Vigo e Navitur.

A empresa Cruceros Ría de Vigo e Navitur terminan desaparecendo e Vapores de Pasaje exercería un monopolio na Ría que provocou que moitos acusasen ao entón presidente, Rodrigo Freire, de “ladrón”, por “pactar” coa Mariña Mercante a elaboración dun regulamento “a medida” exclusiva da empresa con vixencia de dez anos.  O Sr. Freire do Con vendeu “o Gladiador” e,  dende Moaña, conseguiu resistir co “Buenos Aires” e “Competidor” ata a data límite que lle concedían os recursos legais que presentara, unha loita en absoluta soidade.

Vapores de Pasaje foi a única empresa de pasaxe que navegou pola ría de Vigo durante os nove anos comprendidos entre 1986 e 1995, con manobras especulativas e con grave deterioro do servizo a prezos elevados, o que producía combates cos moi xustamente alporizados usuarios, agora organizados na asociación de usuarios Maruxía dende 1982.

Imaxe que serve para ilustrar o monopolio que exercía Vapores de Pasaje no transporte entre as dúas beiras da Ría de Vigo. Fonte www.todocolección.net.

Aínda lembramos o casco urbano de Cangas tomado literalmente polos antidisturbios entre os setenta e oitenta.

En canto a accidentes, poucos, por exemplo cando o “María Luisa” tocou cos baixos, despois de recoller pasaxeiros no vello peirao de Rodeira, que ata os oitenta se utilizaba no verán para deixar bañistas de Vigo, tendo que varar na praia.

Ao remate da ordenanza, Naviera Mar de Ons empeza a operar na Ría e, comeza a guerra, mais non só xurídica, pois non faltaron as liortas entre tripulacións de ambas compañías

No ano 1995, Vapores de Pasaje volve saír beneficiada pola Dirección Xeral da Mariña Mercante, pero a porfía nos recursos presentados polo armador de Mar de Ons, José Nacimiento , remata no seu compromiso a pór catro barcos en servizo con condicións e trato deferente aos usuarios polo que lle gañou a confianza de Maruxía e os Concellos do Morrazo, contrarios a Rodrigo Freire.

A finais dos 90’, Mar de Ons consigue operar con Cíes e Vigo, comezando o período de desaparición de Vapores de Pasaje, con episodios como o peche dos traballadores nun dos catamaráns para defender os seus empregos.

O Tribunal superior de Xustiza de Galicia declara ilegal o dito regulamento en 1997 polo que Rodrigo Freire ameaza con por “canóns na proa dos barcos” ademais de millonaria indemnización. Isto provoca unha mobilización da opinión pública con cruces de acusacións, enfrontamentos públicos, entran as organizacións sindicais na defensa dos traballadores de Vapores, quen finalmente presenta expediente de suspensión de pagos.

Pola súa banda, Mar de Ons absorbe traballadores de Vapores, mantendo o servizo do Morrazo e competindo en Cíes, onde os tribunais inda garantíalle ata ese momento a Rodrigo Freire a propiedade do peirao de Rodas.

O Parlamento galego aproba o servizo de interese público para as pasaxes da Ría de Vigo no ano 1999, motivo polo cal, Rodrigo Freire bloquea co seu catamarán o peirao de Rodas e remata detido pola Garda Civil. Faise convocatoria de concurso libre de prestación de servizos de navegación interior da ría, onde só poderá haber unha empresa, gañando Mar de Ons a explotación en solitario dos servizos de pasaxeiros da ría de Vigo durante 20 anos e, Maruxía, seguía vixiando.

Logo chegan momentos de negociación da Xunta con Bruselas para subvencionar as rutas Vigo-Moaña e Vigo-Cangas, por ser  deficitarias, obrigando a manter unha frecuencia e número de barcos determinados para cubrir así as demandas de algúns millares de persoas que aínda precisaban o servizo.

Actualmente tres navieiras están integradas no transporte marítimo metropolitano entre Vigo e o Morrazo. As compañías Mar de Ons e Naviera RG para a ruta entre Vigo e Cangas e Naviera Nabia con Moaña

Ven de séculos atrás, isto de cruzar por mar a outra beira da ría, o recordo dela repleta de barcos de pasaxe, aínda ondea na mente dos que foron os primeiros usuarios do transporte marítimo, “sen radar, ao compás e pitando, cos dous mariñeiros a cada lado da ponte, cando había néboa”.

Entón pagabas 2 pesetas, hoxe falamos de euros e tarxeta metropolitana. Sen a pasaxe na Ría non poderíamos entender as características do desenvolvemento cultural, económico e social desta bisbarra, a ambos lados da ría, unha cuestión de identidade que, compre defender e pór en valor, como parte do seu patrimonio mais prezado.

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

3 comentarios

  1. El grupo musical Nuevas Amistades » A Illa dos Ratos

    […] tren de Vigo con pancartas y gaitas y a su  llegada al muelle de Cangas, a bordo del barco de Vapores de Pasaje, hubo una tirada de bombas de […]

  2. O grupo musical Nuevas Amistades » A Illa dos Ratos

    […] de tren de Vigo con pancartas e gaitas e ao chegar ao peirao de Cangas, a bordo do barco de Vapores de Pasaxe, produciuse un lanzamento de bombas de […]

  3. Xose Saiz Penelas

    Me gusta moito o comentario. Moi veraz do que supuso un transporte para a comarca do Morrazo. Pero costou 25 anos,votar fora a Vapores de paixase e tivo que ser Unha Asociación quen denunciase as irregularidades de Vapores.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.