O NAUFRAXIO DO VALPARAÍSO
Texto elaborado por Nuria Otero Desojo. Guía oficial de Galicia.
Cando o vapor Valparaiso encallou nas rochas de punta A Borneira, non era a primeira nin sería a derradeira vez, que sucedían este tipo de incidentes nesta traizoeira peneda, que se albisca nas mareas moi baixas e que forma parte dun rochedo que penetra no mar, de gran perigo para a navegación.
O Valparaíso un moderno buque da súa época
O naufraxio que agora nos ocupa, o sinistro do Valparaiso ocorreu hai mais de 125 anos, antes da construción do actual faro. Tratábase dun paquebote, vapor mixto de pasaxe e carga inglés, un dos mellores transatlánticos da súa época, botado en 1873, cun rexistro bruto de máis de 5.000 toneladas e unha máquina que desenrolaba 700 cabalos.
O vapor era tamén un dos mellores buques da Pacific Steam Navigation, a primeira navieira en utilizar a navegación a vapor, quen en 1852 gañou o contrato para o correo do goberno británico na área e, en 1868 abriu unha ruta dende Liverpool até o Callao con escala en Vigo.
Eran as 22.30 dun 28 de febreiro de 1887, as detonacións de tres canonazos cara ás Illas Cíes, algúns foguetes e luces de bengala eran indicios dun sinistro marítimo. Houbo mobilización xeral de auxilio, en boa parte da escuadra inglesa situada no porto, que valéndose do telégrafo de luces, acadou que non se produciran vítimas entre os 118 pasaxeiros e os 96 tripulantes. A nova, ademais de dar a volta ao mundo a través de xornais e revistas internacionais, correu polos portos da ría.
O transatlántico estaba encallado nas rochas e tiña importantes vías de auga, enseguida partiron pesqueiros de Vigo e Cangas, que foron rescatando ás persoas atrapadas a bordo. De madrugada, sumouse ao dispositivo de emerxencia a fragata Iron Duke, que pertencía á escuadra inglesa que se achaba refuxiada en Vigo eses días.
O Valparaíso partira de Liverpool con destino Bos Aires
Segundo as declaracións dun pasaxeiro de primeira clase, ao parecer, o vapor Valparaiso, partiu de Liverpool o día 24 de Febreiro, con destino a Valparaiso e con escala en Burdeos, A Coruña, Vigo, Lisboa, Pernambuco, Baía, Río de Xaneiro, Montevideo e Bos Aires.
A travesía comezou cunha forte tempestade, chegaron a Burdeos o sábado 26 de febreiro, onde embarcaron un bo número de pasaxeiros e cargamento, para seguir a súa viaxe á Coruña. Atracaron no devandito porto o luns, onde recolleron uns 40 emigrantes e partiron ao mediodía para chegar a Vigo esa mesma noite, onde lle agardaban algúns pasaxeiros e un resto de carga.
Sobre as nove e media da noite albiscaron a luz do Faro das Illas Cíes e, seguindo as disposicións do práctico de Vigo, quen se encargaba de levar o buque neses intres, entraron na Ría polo Norte, pasaron as illas Cíes, arrimándose máis e máis a terra firme, tanto, que moitos dos pasaxeiros empezaban a temer algunha desgraza.
E, así foi, aos 10 minutos sentiron un forte choque, seguido doutro máis violento, provocando a caída de moitos dos pasaxeiros e mariñeiros que estaban a contemplar a pintoresca estampa de entrada a Ría de Vigo. De súpeto o capitán ditou ordes para facer recuar o vapor pero foi en balde.
Os pasaxeiros de cuberta entraron en pánico, ameazaban aos tripulantes con berros desoladores que querían os botes, nada que ver coa actitude da tripulación e resto de pasaxeiros que colaboraban con serenidade. A baixada dos botes resultou especialmente difícil debido á escora do bote sobor do seu costado, intre no que se achegaron unhas dez lanchas pescadoras, atracáronse ao vapor, a pesar do perigo que ofrecía o seu continuado vaivén, e comezaron a recibir aos pasaxeiros, embarcando primeiramente ás mulleres e seguidamente tódolos homes pertencentes á pasaxe. Chegaron a terra a medianoite eloxiando a amabilidade e boa vontade dos tripulantes destas lanchas.
O práctico do porto de Vigo, responsable do sinistro do Valparaíso
O incidente foi especialmente sentido. O práctico do porto de Vigo viña dirixindo os vapores dende A Coruña a cidade olívica dende facía anos, e polo visto, o incidente non fora orixinado por un golpe de mar, como se pensara nun primeiro momento, se non debido a un erro propio, ao confundir o Faro das Illas Cíes cunha fragata británica, navegando cara a terra no canto de navegar aforado dela, provocando o fatal sinistro, e así o declarou el mesmo na Comandancia de Mariña de Vigo.
Os comandantes dos buques de guerra ingleses enviaron, tan axiña como lles foi posible, lanchas de vapor e botes de todas clases para prestar auxilio, conducir gabarras, recoller aos tripulantes e oficiais do Valparaiso para hospedalos a bordo dos seus buques. Salvaron parte da vaixela e algunhas roupas e víveres, mesmo acadaron salvar a correspondencia. Das equipaxes dos pasaxeiros non se salvou nada posto que o buque crebou polo medio e a popa estaba xa debaixo da auga.
A fragata de guerra inglesa “Iron Duke”, que estaba de garda, acudiu ao lugar do sinistro á unha da madrugada, facendo uso dunha forte luz eléctrica, situándose a un cabo de distancia do buque sinistrado.
Houbo intención de intentar reflotar o Valparaíso
Mesmo se falou da posibilidade de reflotar o transatlántico, pero foi imposible abordalo, daquela perdeuse toda esperanza.
O axudante de mariña, Sr. Rubido, foi un dos primeiros en acudir ao costado do Valparaiso, acompañados dalgúns cabos de mar. A situación do buque era deplorable, escorado a estribor e quebrantado pola sección da casa de popa e do pau trinquete con tódolos os compartimentos alagados. A goleta de guerra Prosperidade saíu as nove e media da mañá co gallo de vixiar as operacións de salvamento.
A casa consignataria, desde que tivo novas do sinistro non cesou un intre de apelar a tódolos recursos para o salvamento da pasaxe, carga e buque. Cando chegaron ao Valparaiso xa non había ninguén a bordo: o comandante, os oficiais e a tripulación do buque achábanse ao costado custodiándolle. A tripulación e a pasaxe foron aloxados na cidade por conta da compañía do Valparaiso.
Ademais da pasaxe, o Valparaiso levaba a bordo diñeiro, azougue, e mercadorías en xeral como raís de ferro, ferros de estaño, barrís de viño e cervexa, algodón, ferramentas, conservas, cristalería e porcelana, ademais de caixas de xoias, de xoguetes e diversos baúis cos aveños dos pasaxeiros. O valor da mercadoría estimouse nuns 16 millóns de reais da época e a perda do buque e carga ascenderon a uns catro millóns de pesetas.
Desde o día seguinte ao naufraxio, mergulladores tentaron rescatar o cargamento, e tiveron éxito coas vaixelas que se conservaban nas cociñas, ademais de roupas e víveres. Moitas foron as persoas que, aproveitando as facilidades da comunicación que se estableceu entre o peirao e o buque náufrago, pasaron ao costado para examinarlle e comentan que o aspecto que presentaba era triste en estremo.
Os seus restos son un dos pecios estrela da Ría de Vigo
O pecio do Valparaiso está hoxe perfectamente localizado, grazas aos traballos realizados en 2009 polos arqueólogos submarinos da empresa Argos, a encargada pola Xunta do estudo dos restos dos naufraxios. Na zona atopáronse, ademais dos restos do “Valparaíso” a 15 metros de profundidade, fragmentos cerámicos cunha bandeira dividida en catro partes enriba dunha áncora e, a unha distancia duns cinco metros, o pecio do “Southern Cross”, coñecido como a montaña de cal, polo que se confirma que non estaban superpostos.
Neste temido baixo da Ría, escenario de afundimentos romanos e moitos naufraxios ao longo da historia, existen 3 pecios perfectamente localizados e catalogados, o Hermine, o Southern Cross e o propio Valparaíso, que configuran un valioso patrimonio histórico que, polo seu doado acceso para mergulladores, ben puidera terse creado unha ruta arqueolóxica subacuática, merecente de museo.
Nuria Otero Desojo
Guía Oficial de Galicia
4 comentarios
Naufraxios na Borneira (IV): O Hermine » A Illa dos Ratos
[…] restos de antigos naufraxios, como os xa mencionados canóns da fragata francesa Hermine; ou o Valparaíso, un buque mixto de vapor e velas do século XIX; ou a chatarra do transatlántico Southern Cross, […]
Naufraxios na Borneira (I): O Southern Cross » A Illa dos Ratos
[…] sendo testemuña de gran cantidade de naufraxios e afundimentos como os do Siboney ou o do Valparaíso entre […]
Naufragios en A Borneira (III): El Siboney » A Illa dos Ratos
[…] que venimos dedicando a los “Naufragios en A Borneira”, tras los casos del Southern Cross y el Valparaíso, hoy vamos a relatar en esta tercera entrega el naufragio del […]
Naufraxios na Borneira (III): O naufraxio do Siboney » A Illa dos Ratos
[…] que vimos adicando aos “Naufraxios na Borneira”, tras os casos do Southern Cross e o Valparaiso hoxe imos a relatar nesta terceira entrega o Naufraxio do […]