BAIXO A LUZ DA BORNEIRA, O NAUFRAXIO DO HERMINE

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo. Guía oficial de Galicia.

Rúa Ramón Cabanillas, 16 en Moaña. Telf 606 984 485.

A case ninguén sorprenden a estas alturas os segredos que esconde o mar no entorno do Faro da Borneira, situado fronte a Punta Balea no Concello de Cangas de Morrazo. Baixo a súa luz ben podemos revisar feitos do pasado de índole incluso internacional, como son os restos aos que nesta ocasión referímonos e que servirán para ilustrarnos sobre o conflito entre Francia e Gran Bretaña polas colonias en América e India, alá polos anos 50 do século XVIII, a chamada “Guerra dos sete anos”, no que España xogou tamén o seu papel de aliada e de cando Mª Teresa de Habsburgo decide recuperar un rico territorio chamado Silesia.

O Hermine é un dos moitos naufraxios sucedidos na Borneira

Non foron poucas as embarcacións que encallarían na Punta da Borneira e que converterían esta costa da Ría como nunha zona de naufraxios ao longo da historia, con restos de embarcacións de todo tipo e tamaño, que pola dimensión, grado de conservación ou antigüidade (mesmo pías romanas e ánforas, entre outros), ben poderían considerarse ao mesmo nivel que os restos dos galeóns da mítica Batalla de Rande na Enseada de San Simón.

HERMINE

Debido a cantidade de accidentes na zona, a principios do século XX, o estado instala unha baliza no lugar onde as rochas somerxidas estaban a menor profundidade e, vendo que non era suficiente, en 1908 instalouse nela unha luz permanente. Mais estas medidas non serían suficientes xa que a zona continuou sendo escenario de gran cantidade de encallamentos e naufraxios, como cando afundiu o Southern Cross ou encallou o Siboney, cos custosos traballos conseguintes para recuperalo.

A localización dos restos do Hermine foi descuberta nos anos 80 pero non tivo repercusión mediática ata 2009 

Corría o ano 2009 cando, tal e como recolleu a prensa da época, a tripulación da embarcación canguesa “Tres hermanos”, propiedade de Joaquín Molanes, presidente do Club Galerna de Cangas, que estaban a procura e extracción de ourizo, localizaron cravos e canóns de barcos de vellos naufraxios, que tal e como lles indicara o historiador Yago Abilleira podería tratarse da fragata francesaHermine” arrasada polos fortes temporais invernais.

Unha fragata de tipo licorne, (35 por 9 metros) construída en 1756 en Bayonne, a mesma que nos anos 80 xa fora descuberta polo club García Alén e que mantiveran en segredo a súa localización para a súa custodia, porén non puideron evitar a explotación ilegal do pecio, nin que causaran graves danos nas pezas, quedando por alí tan só unhas balas de canón.

Sen embargo nesta segunda ocasión a prensa fíxose eco polo que a Xunta de Galicia veuse obrigada a encargar prospeccións subacuáticas neste perigoso enclave da ría de Vigo, sendo a empresa Argos a responsable destes traballos, contando coa información privilexiada dos “mergulladores custodios” de García Alén sobre dito pecio.

Froito de todo este labor de arqueoloxía subacuática xurdiron novos datos e restos doutros naufraxios que deron luz sobre feitos históricos concretos e, tamén de paso, a razón de ser desta serie de artigos que vimos relatando sobre este baixo da Borneira.

A rocha traizoeira é un auténtico perigo para navegantes e forma parte dunha punta de pedra que sobresae no mar con mareas moi baixas. A día de hoxe, como xa dixeramos, conta cun faro que avisa de obstáculos e marca a canle de entrada á ría e, ata tempos moi recentes, foron documentados diversos naufraxios no devandito baixo.

O naufraxio do Hermine gardaría relación coa “Guerra dos sete anos” que enfrentaba a Francia e España contra Inglaterra no século XVIII

Con este afundimento trasladámonos ao reinado de Carlos III e a “Guerra dos sete anos”, con España e Francia loitando contra Inglaterra, máis concretamente a agosto de 1761, cando un convoi militar francés, formado polas fragatas “Hermine”, “Malicieuse” e o buque “Courageoux”, ían xa de volta para a súa terra natal, logo de transportar tropas ás Antillas, a súa misión.

Xusto neste retorno é que avistan unha patrulla inglesa, formada pola fragata “HMS Brilliant” e o buque “HMS Bellona” polo que ambos bandos deciden lanzarse á batalla. Foron 14 horas de intenso combate e, contra todo prognóstico, o impoñente “Courageoux” resulta capturado polo británico “HMS Bellona” e réndese a pesar da superioridade dos galos. As dúas fragatas francesas restantes, retroceden a toda vela perseguidas polos ingleses, por se houbera sorte e algunha quedaba atrás.

Os barcos galos, buscando axuda dos aliados, deciden entrar na Ría de Vigo, daquela con abundantes canóns costeiros para defenderse. Xusto cando pensaron que xa estaban a salvo, ¡ vai o “Hermine” e choca contra o saínte da Borneira !. Pola súa banda, o poderoso “Courageoux” tivo peor sorte xa que logo de ser reparado, unha nova vida lle esperaba na mariña inglesa como “HMS Courageous”, ata que naufragou en Xibraltar en 1796 por mor dunha tormenta cuns 375 homes que aínda permanecían a bordo.

Como a profundidade neste baixo non chega os dez metros, comezaríanse case inmediatamente os labores de recuperación pertinentes para extraer todos aqueles materiais que fosen aproveitables tralo afundimento da fragata.

Pódese deducir que agás dos saqueos constantes, ata a aparición dos modernos equipos de mergullo é moi posible que os restos da fragata permanecesen inalterados, que é como os encontrarían o club García Alén nos 80′.

Segundo os mergulladores, a Borneira é unha zona cun fondo mariño rochoso, algunhas zonas areosas e con importantes correntes superficiais que complican as inmersións

Apareceron algunhas balas, pezas de cerámica, unha peza moi deformada do revestimento de chumbo do casco, ademais da máis grande concentración de artillería mergullada en Galicia, nada menos que 21 canóns de ferro de gran calibre.

HERMINE
Fotografía incluída na noticia do Faro de Vigo do 23/09/09 no que se publicaban as novidades dos traballos arqueolóxicos levados a cabo pola empresa Argos.

O problema maior para non profundar no estudio deste pecio non foron as condicións de traballo complicadas nunha gran superficie, que o eran, impedindo un análise máis detallado, se non o que se coñece en dereito internacional como “buques do Estado”.

A todos os efectos, e mentres non decreten abandono ou renuncia por parte do seu país, a fragata “Hermine” pertence a Francia, polo que as intervencións sobre o naufraxio foron moi limitadas, cunha clara posición do Goberno.

Neste caso tratábase dun buque militar cunha misión encomendada polo país da súa bandeira, sendo o devandito barco territorio do seu país, e todo o que aconteza no interior dun buque estatal ten que ser xulgado segundo as leis da nación da súa bandeira, de xeito que, estea nun porto estranxeiro ou mesmo se afunde, segue tendo a mesma categoría legal.

Non se sabe cantas vidas se perderon na traxedia, pero se chegara a ser considerado “Túmulo de Guerra”, isto é, que houbera constancia de soldados mortos mentres se realizaba algunha misión de combate, os seus restos terían aínda máis protección. É por iso que sabemos o xusto, a saber, a popa descansa sobre un promontorio rochoso e o resto do casco nun claro areoso.

O libro “Naufraxios no mar de Vigo” publicado polo Instituto de Chapela fala dun intento de rescatar os 36 canóns do Hermine

Relacionado con este pecio, existe un documento moi interesante de 1762, autorizando a un tal Francisco Silvy, armador, corsario e exportador de madeira de orixe francesa e afincado en Vigo, a rescatar 36 canóns que estaban no fondo do mar. Trátase dun “asento” (contrato) asinado co subdelegado da Administración da provincia de Tui para o rescate e depósito dos mesmos nas praias de Vigo, “correndo a súa conta o material de rescate e os buzos e recibindo, en troques, da Real Facenda 300 reais por cada canón e 120 rs. por cada cureña (cureña/quereña: anaco de madeira que sostén o canón) que puxese na praia da vila de Vigo”, así cita textualmente o libro publicado en 1999, “Naufraxios no mar de Vigo” do Instituto de Chapela, en Redondela.

O certo é que a día de hoxe, nada se sabe dos canóns, nin se foron recuperados nin onde se encontran. Os que si que están documentados, e que non ofrecen lugar a dúbidas, son os do monte Castro de Vigo, procedentes dos galeóns afundidos na batalla de Rande.

Tamén saíron á luz uns datos moi interesantes co estudo do armamento que levaba instalado o Hermine cando afundiu

Parece ser que cambiaron a batería principal da fragata “Hermine”, para igualar á das embarcacións inglesas da época con canóns de 12 libras de calibre en lugar de a 8, moito máis pesados, e foi por este motivo que esta fragata acabou por soportar 17 toneladas máis do previsto no seu deseño orixinal. Como dato curioso a ter en conta é que a súa compañeira “Maliceuse”, tamén fora outra fragata que probablemente cambiou as súas armas.

Os barcos ingleses sempre tiveron fama de ser áxiles e rápidos, mentres que o “Hermine” teríase tornado máis lento e pesado, o que suporía un empeoramento das súas condicións de navegación, como maiores ondulacións ou aumento do calado.

Cabe a pregunta de se isto tería influído na batalla do 14 de agosto de 1761 en Fisterra, xa que o aumento do calado é un tema importante, por exemplo para disparar, sendo necesario abrir as portas dos laterais, e se a liña de flotación baixa e hai ondas, o cal é fácil en combate, o uso dos canóns pode ser moi perigoso, debido ao risco de que o mar entre neles.

A historia fala dunha gran vitoria inglesa contra unhas forzas francesas moi superiores, sen embargo, e de maneira concluínte, poderíase afirmar que agora que temos máis datos do pecio do “Hermine”, as fragatas francesas posiblemente só puideron empregar 6 dos seus 32 canóns, o que podería cambiar a perspectiva das conclusións deste combate e considerarse todo un logro o periplo das fragatas galas.

Grazas a Arqueoloxía Subacuática xurdiron novos datos que permitiron arroxar luz sobre feitos históricos concretos

Nos arredores deste Faro da Borneira están localizados restos de antigos naufraxios, como os xa mencionados canóns da fragata francesa Hermine; ou o Valparaíso, un buque mixto de vapor e velas do século XIX; ou a chatarra do transatlántico Southern Cross, afundido en 1909. Xunto con eles hai varias embarcacións máis pequenas que converten esta zona nun punto de especial interese para arqueólogos e mergulladores e configura a posibilidade dun museo arqueolóxico subacuático.

Incluso houbo un tempo no que parecía que podería facerse realidade a idea de usar o Hermine como barco de probas para o primeiro museo submarino en España, con carteis nos restos, explicacións da vida de a bordo, ilustracións de buques da época, artillería naval, etc. A zona e os pecios préstanse a este tipo de proxecto pero o primeiro paso da administración e o museo ideado acabaron desaparecendo coa escuma. 

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.