O TRANSPORTE NA RÍA DE VIGO DENDE OS SEUS INICIOS ATA O PRINCIPIO DO SÉCULO XX

Texto elaborado por Nuria Otero Desojo, Guía oficial de Galicia. 

Segundo a tradición xacobea, o apóstolo Santiago xunto con Epitafio, primeiro bispo de Tui, predicaron o evanxeo por estas terras do Morrazo e, logo da súa morte, moitos foron os peregrinos que por aquí viñeron para revivir a súa viaxe.

O que poucos saben, é que Cangas, Montecastelo, Santiago de Ermelo e San Xulián forman parte do trazado do antigo camiño portugués pola costa que chegaba por diferentes ramais ata Vigo e que cruzaba unhas 4 millas por mar para chegar a Cangas.

Un concello totalmente vinculado co seu patrón Santiago, cuxo sepulcro, espada, cuncha e bastón de peregrino aparecen no seu escudo de armas, ademais do sol dourado. Preside o altar maior da Ex-colexiata a imaxe de Santiago peregrino e, o que aínda menos saben, é que aquí se concedía o perdón dos pecados ao igual que na Catedral de Santiago, pero esta xa é outra historia.

A Ría de Vigo como vía de comunicación entre a cidade olívica e o Morrazo

Desde tempos incertos, para os veciños do Morrazo, cruzar esta pequeno charco era a mellor vía de comunicación coa cidade de Vigo, especialmente, co porto e as actividades que alí tiñan lugar.

Os vapores, eses elementos familiares que parecían estar aí dende sempre, forman parte da cultura da ría e neles xurdiron amores e tiveron lugar conversas sobre política, traballo, estudos, ocio, ou mesmo sobre o ritmo de vida, á vez que a pasaxe converteuse nun gran negocio que marcou a evolución económica e social da comarca.

Un século despois dos primeiros buques de vapor, aínda millares de persoas continúan a usar o barco para cruzar a ría, sobrevivindo á construción da ponte de Rande en 1978 e mesmo, ao corredor do Morrazo ou a cancelación da peaxe.

Sirva este artigo de resumo iniciático porque o enlace entre Vigo e O Morrazo é unha historia longa e complexa, ás veces agochada, que cumpre entender en diferentes etapas, comezando cos galeóns que saían cara a Vigo dende O Con, Meira e Domaio en Moaña e dende Cangas.

A incursión de Drake en 1589, a ruta de Baiona cando o desembarco musulmán de 1611 ou mesmo o ataque turco de Cangas en 1617, mostran a existencia de comunicacións marítimas discrecionais relacionadas con diferentes feitos históricos

O Vigo do XVII aínda non tiña peiraos, pero despegaba como capital, sendo a Ribeira do Areal co porto das Barcas e a Mercadería, zona navieira e punto de todo comercio de moi antiga tradición, e o lugar onde a primeira muller industrial da cidade, tempo atrás, María Alfonso de Pazos Figueroa, comerciaba con Francia, Flandes e Inglaterra.

No século XVIII, a ría era un mar de galegos piratas, “con permiso do seu rei”, deixándonos episodios de afouteza dignos de película cando “as máis valiosas mercadorías chegaron ao fondeadoiro do Areal entre 1740 e 1808 e, algúns corsarios fixéronse lendarios, como os do barco ‘O Atrevido’ vinculado co armador do corso Buenaventura Marcó del Pont, primeiro industrial catalán que chegou a ser alcalde vitalicio de Vigo.

O ilustre “visitante”, Frei Martín Sarmiento constatou que o porto das salinas de Ulló era o embarcadoiro para Vigo, Redondela e Baiona e a Punta do Con era o embarcadoiro do Morrazo para Vigo, e así consta no catastro do Marqués da Enseada, onde tamén figuraba o embarcadoiro en Cangas xunto coas embarcacións da comarca.

Os estudos para a construción dun peirao en Vigo en 1792 revelan o seu crecemento demográfico debido á potente industria da salga, aparecendo as primeiras alusións aos barcos de pasaxe que, principalmente, cara a Vigo, viñan. A afluencia de barcos que navegan dun extremo ao outro da ría era tal que se estableceu un “control non marítimo sobre o mar de barcos con xente por se estaban armados”, establecendo rexistro de todas as mercadorías e individuos no porto de Vigo. Ademais constan durante a Reconquista, as incursións en embarcacións francesas por parte de mariñeiros de Cangas.

No século XIX coa chegada da salgadura produciuse un importante desenvolvemento industrial que se viu reflexado no tráfico marítimo

No século XIX, xa viñan de vello as viaxes de pasaxe, que se facían, moitas delas en galeóns moi febles, arredor de dúas horas de navegación a vela ou remos, provocando naufraxios, como recorda o cruceiro aínda en pé no Con, onde os últimos galeóns en funcionamento foron o “Rosal” e o “Muiñeiro”.

A exportación de sardiña salgada a Portugal e Levante e, de bois a Inglaterra provocou un gran desenvolvemento fabril, pesqueiro, portuario e comercial da Ría de Vigo, especialmente potenciado co establecemento do Lazareto de San Simón na Enseada, xa que moitas das embarcacións viguesas andaban na condución dos viaxeiros dos buques de gran porte, fondeados por mor de gardar a corentena.

Na década dos 80’ o porto de Vigo é declarado de Primeira Categoría polo que os barcos da Liña Liverpool – A Habana comezan a facer aquí escala para embarcar a miles de emigrantes cara a América.

Ademais empezaron a armar pesqueiros de vapor en Bouzas e Vigo, coa conseguinte demanda de man de obra para estaleiros e subsidiarias da pesca e de tripulantes para os barcos, pulando desde entón, traballadores e pasaxeiros entre ambos lados da Ría, na chea de embarcacións e vapores de pesca que facían a pasaxe, as veces, con tráxicas travesías.

Coa chegada do século XX e a consolidación dos vapores houbo un salto importante no transporte de persoas e mercadorías dentro da Ría de Vigo

O inicio do século pasado representou un salto de xigante no transporte pola Ría de Vigo. De súpeto, a xente podía chegar facilmente con animais e mercadorías ás feiras: os domingos e o día 3 de cada mes a de Moaña, os venres, domingos e 11 de cada mes a de Cangas ou, os xoves, domingos e días 6 e 21 de cada mes a de Redondela.

Entre os armadores-patróns máis profesionais, estaban os Srs. Iglesias e Lorenzo de Vigo, o Sr. Cortegoso “Cepillos” de Moaña ou os Srs. Santandrán e Conde de Santo Adrián e Sr. F. Gómez de Domaio.

Tampouco faltaron empresarios que viron rendibilidade no transporte de pasaxeiros como Vieira, E. Pérez, a familia Bárcenas ou Durán. Temos tamén referencias orais dun tal Xan de Rande, que facía a pasaxe da punta de Santo Adrián ou Palmás á Regasenda ou á punta de Rande, segundo viñera o vento e, o Sr. Pitorro e Alejandro Botina dende Cangas, os Matacristos dende Meira, o Sr. Pinocho dende o Con, o Nando de Domaio, O Lino de Santo Adrián; cadaquén no seu galeón de vela máis remos, dedicados á pasaxe, competindo incluso cun vapor da conserveira Massó.

É que os vapores xa chegaran antes do cambio de século, eses titáns de ferro que dominaron os mares da ría ata a época dourada dos anos 50. Consta que xa existían os vapores “Iris” e  “E.Vincenti” que transportaban viaxeiros e mercadorías, de xeito irregular entre Vigo-Cangas a 35 cts.

Mentres, en Moaña, inaugúrase unha liña de pasaxe con servizo diario de mercadorías e pasaxeiros no vaporciño “Eulalia” que saía do molle da Pedra de Vigo e, pouco despois o vapor “A. Urzáiz” de Benigno Barreras, dende a dársena do Berbés.

As primeiras lanchas dedicadas exclusivamente a pasaxe de viaxeiros saíron de Moaña, mais as primeiras pasaxes regulares sairán de Cangas, grazas á creación do peirao en 1913

O Sr. Legarda bota ao mar o “Delirio” e o “Senén” polo ano 1911, non sen a competencia do Sr. Gómez Román (Patán) curiosamente regalando chocolate. Case ao mesmo tempo, aparece Emilio Fábregas, o creador da empresa máis duradeira e poderosa do sector en Galicia, “Vapores de Pasaje”, cuns métodos e un proceso moi cuestionables polo trato preferente.

Barcos, coas típicas chemineas e ruidosas caldeiras de carbón, como “O Cantabria” en Cangas e “O Alegría” en Moaña, Meira, Vilaboa ou Domaio, recollían pasaxeiros, completando a flota para eses traxectos: “O María Luisa”, “Gamo”, “María del Carmen”, “Vigo”, “Nuevo Iberia” “Rebordiño”, “Ligera”, “Bahía de Vigo”, ademais de facer outros servizos na Arousa.

O “María Luisa” facendo unha das súas viaxes diarias entre Vigo e O Morrazo.

En 1922, Vapores conseguía a publicación dun regulamento a súa medida, o que permitiulle absorber varias concesións e compartir a explotación do “Cantabria” en Meira. Grazas á importancia de Bouzas-Vigo coas parellas para a pesca, creceu a demanda das pasaxes dos mariñeiros do Morrazo.

Ordenanzas aínda máis restritivas foron sucedéndose nas seguintes décadas, con clara tendencia monopolista e trato de favor a Vapores de Pasaje. A banda “Os chismosos” de Moaña recollía moi ben esta nova situación no Entroido do ano 1932:

Esa empresa de vapores, entre nuestro puerto y Vigo, es una empresa de abrigo, como se puede observar. Esta y la del muelle, van en compañía, podrían casarse, para dejar crías tiene su estupenda flota, el Cantabria y la Ligera, que son buques de primera, para aprender a nadar.”

Nuria Otero Desojo
+ artigos

Guía Oficial de Galicia

3 comentarios

  1. Visitantes ilustres de Cangas (II) » A Illa dos Ratos

    […] xunto a un magnífico cadro do Berbés mariñeiro de Ernesto Bao, onde noutrora partía a pasaxe as vilas do […]

  2. A pasaxe na Ría de Vigo (II) » A Illa dos Ratos

    […] primeira parte deste artigo que publicamos anteriormente baixo o título “A pasaxe na Ría de Vigo (I)” falabamos dos inicios históricos da pasaxe na Ría de Vigo. Chegabamos ata os inicios do […]

  3. JUAN JUAN NOBLE

    Me gusta el relato, bien estudiado y documentado.
    Este material, aqui comprimido, puede ser base para la historia de la comunicación marítima en/desde la ria de Vigo y ampliado a las rutas transoceánicas.
    – Gracias, Nuria Otero.

Deixa a túa resposta

O teu correo electrónico non será publicado. Os campos con * son obrigatorios

Podes usar estas etiquetas e atributos en HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable A Illa dos Ratos.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Dinahosting.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.